Ignacio Ribas Marqués
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de abril de 1901 Palma, España |
Morte | 1996 (94/95 anos) Santiago de Compostela, España |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Valencia Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | profesor universitario, químico |
Empregador | Universidade de Valencia |
Obra | |
Doutorando | María Rosario Aida Méndez Miaja |
Premios | |
Ignacio Ribas Marqués, nado en Palma de Mallorca o 12 de abril de 1901 e finado en Santiago de Compostela en 1996, foi un químico español, catedrático de Química Orgánica das universidades de Salamanca, Valencia e Santiago de Compostela, esta última desde 1942 até a súa xubilación en 1971.
É coñecido sobre todo polos seus traballos sobre as substancias naturais, especialmente polos alcaloides vexetais, dos que descubriu dous novos para a ciencia, e pola fundación da Escola Compostelá de Produtos Naturais, famosa a nivel internacional.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ignacio Ribas estudou o bacharelato no instituto Ramón Llull de Palma, trasladándose despois á Universidade de Valencia para estudar alí ciencias químicas, na que obtivo o título de licenciado en 1921, coa cualificación de sobresaínte e premio extraordinario.[1] Iniciouse na investigación na Universidade Complutense de Madrid baixo a dirección de Antonio Madinaveitia, conseguindo o grao de doutor o ano 1928 coa tese Estudio de los ácidos succínicos bisustituídos. Completou a súa formación, grazas a unha bolsa do Laboratorio de Química Biolóxica da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE),[1][2] no Instituto Pasteur de París, de 1925 a 1928, no Laboratorio de Química Terapéutica, baixo a dirección do profesor Ernest Fourneau,[3] co que traballa, entre outros temas, sobre a estereoquímica da amilocaína (ou estovaína), o primeiro anestésico local.[4] Con Fourneau, obtivo indirectamente os enantiómeros desta molécula desdobrando o aminoalcohol inicial polo ácido propanoico e benzoilando as dúas bases derivadas.[5][6]
Froito do seu labor no citado Instituto foron catro traballos publicados en 1926, 1927 e 1928, en colaboración con Ernest Fourneau, tres no Bulletin de la Société Chimique de France, e un nos Anales de la Sociedad Española de Física y Química: "Sur la preparation de l'amonochlorrydrine de la glycerine" (1926), "Action de l'eau et des alcools sur les oxydes d'ethylne en présence de catalyseur" (1926), "Condensation des oxydes d'éthyléne aves les alcools en présence d'acide sulfurique comme catalyseur" (1927),[1] e "Stéréoisomérie et action anesthésique locale: Séparation du diméthylaminodiméthyléthylcarbinol en ses isomères optiques et préparation des deux stovaïnes actives"[7], publicado no Bulletin des sciences pharmacologiques 30 (5): 273-278.
Moitos anos máis tarde, en 1972, participaría, representando á Universidade de Santiago, na homenaxe que a Société de Chimie Thérapeutique lle rendeu ao doutor Fourneau na Facultade de Farmacia de París.
En outubro de 1927 foi nomeado profesor auxiliar de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid, cargo que ocupou até decembro de 1928, en que ganou as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca, que exerceu desde xaneiro de 1929 a febreiro de 1941. No discurso que pronunciou na inauguración do curso 1930-31 na Universidade de Salamanca, o novo catedrático Ignacio Ribas defendía que a investigación era o mellor método de ensino da química, denunciaba o estado das universidades españolas, fábricas de títulos, «pobrísimas en produción científica», e pedía que se incrementase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadores.[1]
No verán de 1929 estivo en Viena, traballando no laboratorio do profesor Ernest Spëthy, e nos anos 1930 e 1931 realizou viaxes visitando os laboratorios máis importantes de Europa. En 1934 foi vogal da comisión organizadora do IX Congreso Internacional de Química Pura y Aplicada que tivo lugar en Madrid. Entre 1934 e 1936 dirixiu o Laboratorio de Investigación de Química Orgánica que a Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reformas fundou na Universidade de Salamanca. En 1936 foi vogal do Comité Científico do XVI Congreso da Société de Chimie Industrielle de París.[1]
En 1940 pasou á Universidade de Valencia. Foi vítima da represión franquista, polo cal non puido conseguir a cátedra de Química Orgánica da Universidade Complutense de Madrid cando daquela era o químico orgánico con máis méritos, e o continuador da moderna escola de química orgánica. Deste xeito, o profesor Ribas foi apartado da primeira liña da investigación e a docencia, así que tivo que ir á Universidade de Santiago de Compostela, onde conseguiu a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica en 1942.[1][8]
Desde esa data, e até a fin dos seus días, Ribas adoptou a Galicia como a súa segunda patria, traballando na universidade compostelá até a súa xubilación en 1971, e residindo en Santiago até o seu falecemento.[9]
Pasados os primeiros tempos da ditadura puido conseguir tamén unha praza de investigador no Laboratorio de Química Orgánica do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), onde traballou até o ano 1982, no edificio situado xusto entre a nova facultade de Química e a chamada Casa dos Catedráticos, onde residía, no Campus Sur.
Obra
[editar | editar a fonte]Ribas, que asinou non menos de cento trinta e cinco publicacións científicas, levou a cabo a maior parte das súas investigacións no campo das substancias naturais e a súa síntese. O seu traballo centrouse, entre outros temas, nos compostos químicos próximos á hormona xuvenil dos insectos, na constitución química da cortiza e o estudo dos alcaloides das leguminosas (ou fabáceas), que o levaron cara ao descubrimento da adenocarpina, (C19H24N2O), presente no adenocarpo de España (Adenocarpus hispanicus), e do seu derivado, a santiaguina (C38H48N4O2).[10]
Por outra parte, a dirección de sesenta e oito teses de doutoramento e a fundación da Escola Compostelá de Produtos Naturais, famosa a nivel internacional, que leva a cabo estudos de illamento e elucidación estrutural de alcaloides, substancias nitroxenadas que sintetizan as plantas a partir de aminoácidos e que na súa maioría posúen unha acción fisiolóxica intensa nos animais, polo que son moi utilizados en medicina para tratar problemas da mente, calmar a dor e contra o cancro (exemplos serían a cocaína, a morfina, a quinina ou a nicotina), demostran suficientemente a extensión e a calidade das súas ensinanzas.
Algunhas publicacións
[editar | editar a fonte]Sobre a hormona xuvenil dos insectos
[editar | editar a fonte]- 1980-1982: "Aportación al conocimiento de los juvenoides", con J. Sueiras, J. M. Pazos, E. Primo, J. Ribo, J. Griño, P. Cuñat, F. J. Benavente e R. Martínez Pardo, en Revista de agroquímica y tecnología de alimentos 20 (3): 347-359, 1980 e
Anales de química, Serie C: Química orgánica y bioquímica 78 (1): 31-52, 1982:- I. "Síntesis de compuestos relacionados con la hormona juvenil de insectos-III, conteniendo el ciclo gem-dimetil-butano en la parte central de la molécula";
- II "Síntesis de 2,3-epoxipinanos y 2-pinenos sustituidos en 4";
- III. "Síntesis de 6,6-dimetilnorpinanos-2-sustituidos, análogos de la hormona juvenil-III";
- IV. "Síntesis de 2,3,3-trimetilciclopentanos, 1-sustituidos, análogos de la hormona juvenil-III".
Sobre a constitución química da cortiza
[editar | editar a fonte]- 1952: "Étude sur la constitution chimique du liège", en Chimie et industrie, 68: 333-350.
- 1953-1975: "Química del corcho", con E. Seoane, G. Gil-Curbera e J. Fernández-Salgado, en Anales de la Real Sociedad Española de Física y Química, Anales de Química e Nova Acta Científica Compostelana, 1953-1975.
Sobre os alcaloides das leguminosas
[editar | editar a fonte]- 1950: "Adenocarpina y santiaguina: Dos nuevos alcaloides aislados del codeso de Galicia", con Pastor Talamadrid, An. R. Soc. Esp. Física y Química, vol, 46 serie B, pp. 489–500.
- 1952: "Alcaloides de Leguminosas: Nota núm. XIV: Alcaloides del Ulex europaeus"; "Alcaloides de Leguminosas: Nota núm. XV: Alcaloides del Ulex nanus", Anales de Física y Química, serie B, pp. 161–168.
- 1960: "Alcaloides de las especies del género Adenocarpus", Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, vol. 54, n° 3.
- 1957: "Recientes progresos de la investigación en el campo de los alcaloides de las Papilionáceas", Universidade de Santiago de Compostela (lección inaugural do curso 1957-1958).
Sobre a industria
[editar | editar a fonte]- 1943: El pescado como primera materia para la industria. Santiago de Compostela: Librería y Editorial Sucesores de Galí.
No catálogo Iacubus da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, buscando por "Ribas Marqués, Ignacio", aparecen 216 referencias bibliográficas do traballo do autor e das teses por el dirixidas.[11]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio
- Medalla de Ouro da Universidade de Salamanca
- Premio de Ciencias do CSIC (1972)
- Doutor Honoris Causa pola Universidade das Illas Baleares (1980)
- Medalla Castelao (1991)
- Foi membro correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales
- O Colexio Oficial de Químicos de Galicia creou, en 2002, o "Premio Ignacio Ribas Marqués" para distinguir os traballos de innovación e divulgación científico-técnica no campo da química.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Ignacio Ribas Marqués no Álbum da Ciencia.
- ↑ A Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas foi unha institución creada en 1907, no marco da Institución Libre de Enseñanza, para promover a investigación e a educación científica en España. Presidida por Santiago Ramón y Cajal desde a súa fundación até a súa morte en 1934, foi desmantelada en 1939 tras a derrota republicana na Guerra Civil e, a partir da súa estrutura, creouse o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
- ↑ «O noso colega Ignacio Ribas Marqués, antigo alumno e discípulo do profesor Fourneau», in J. Garcia Garrido e José Maria de Frutos na «Lettre à la Société française de chimie thérapeutique», do 29 de febreiro de 1972, citada en La Chimie thérapeutique, nº 2, marzo-abril de 1972.
- ↑ Fourneau, E. (1904): "Stovaïne, anesthésique local". Bulletin des sciences pharmacologiques. 10: 141-148.
- ↑ Marcel Delépine, Notice sur la vie et les travaux de Ernest Fourneau (1872-1949), Paris, Masson et Cie (extrait du Bull. Soc. chim. Fr.), s.d. (1950 ?), 90 p., p. 46-57.
- ↑ Enrique Raviña Rubira (2008): "Los padres de la quimioterapia: El legado del Dr. Ernest Fourneau", en Medicamentos. Un viaje a lo largo de la evolución histórica del descubrimiento de fármacos. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, vol. 1, pp. 114-115. ISBN 978-84-9887-002-2. Consultado o 2 de marzo de 2016.
- ↑ Stéréoisomérie et action anesthésique locale: Séparation du diméthylaminodiméthyléthylcarbinol en ses isomères optiques et préparation des deux stovaïnes actives
- ↑ Giral González, F. (1994): Ciencia española en el exilio, 1939-1989: El exilio de los científicos españoles. Barcelona: Anthropos Editorial.
- ↑ Dúas anécdotas ao respecto, relatadas por algúns dos seus alumnos: 1. Ciudadanos, siempre que tengan ocasión de comer marisco, no la desaprovechen: tienden a desaparecer. 2. Ante a petición dunha comisión de alumnos, en 1963, de que os dispensara de asistir á súa clase o martes de carnaval: desde luego, el que inventó el lacón con grelos, ese sí que era un buen químico.
- ↑ Francisco Giral, "Alcaloides de Papilionáceas españolas", en Ciencia: Revista hispano-americana de ciencias puras y aplicadas, vol. 13, nº 1-3, México, 20 de xuño de 1953, pp. 9-12.
- ↑ As 216 referencias de Ribas Marqués rexistradas no Iacubus
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anónimo: "Biografía de Ignacio Ribas Marqués. Catedrático de Química Orgánica y Bioquímica de la Facultad de Ciencias Químicas de la Universidad de Santiago de Compostela". Setembro de 1952, 2 páxinas e media mecanografadas.
- Giral, Francisco (1953): "Alcaloides de Papilonáceas españolas", Ciencia. Revista hispano-americana de ciencias puras y aplicadas, México XIII (1-3): 9-12.
- Giral, Francisco (1994): Ciencia española en el exilio (1939-1989): el exilio de los científicos españoles, Madrid: Centro de Investigaciones y Estudios Republicanos.
- Ribas Marqués, Ignacio (1930): Discurso leído en la solemne inauguración del curso académico de 1930 a 1931, Salamanca: Imp. y Lib. de Francisco Núñez Izquierdo.
- Ribas Marqués, Ignacio (1949): Sesión inaugural de la sección de Santiago de Compostela: discurso del Dr. Ribas, España: Real Sociedad Española de Física y Química. Separata de: Anales de la Real Sociedad Española de Física y Química, Serie B-Química, Tomo XLV.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Ignacio Ribas Marqués". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.
- "El exilio forzoso de la química" por Laura Jurado, en B@LEÓPOLIS, Diario El Mundo (España), 28/9/2010.
- O Día da Ciencia en Galicia homenaxea ao químico Ignacio Ribas, gran valedor dos produtos naturais autóctonos[Ligazón morta] Real Academia Galega de Ciencias, 17/2/2016.
- O Día da Ciencia en Galicia homenaxeará a Ignacio Ribas, o gran valedor dos produtos naturais galegos en galiciaconfidencial.com 16/2/2016.
- La RAGC dedica el Día de las Ciencias a Ribas Marqués Arquivado 15 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Diario El Correo Gallego (Santiago) 16/2/2016.
- Los químicos de Galicia aplauden el homenaje a Ignacio Ribas Marqués" Arquivado 15 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Diario El Correo Gallego (Santiago) 19/2/2016.
- O químico Ignacio Ribas, valedor dos produtos naturais autóctonos, será homenaxeado no Día da Ciencia Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Galiciahoxe.com 3/3/2016.
- Científicos de España
- Científicos de Galicia
- Químicos de España
- Alumnos da Universidade de Valencia
- Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela
- Profesores da Universidade de Salamanca
- Profesores da Universidade Complutense de Madrid
- Profesores da Universidade de Valencia
- Químicos de Galicia
- Nados en Palma
- Nados en 1901
- Finados en 1971
- Medallas Castelao
- Alumnos da Universidade Complutense de Madrid
- Día da Ciencia en Galicia