Hipólito de Sa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de xaneiro de 1907 Pontevedra, España |
Morte | 16 de agosto de 2001 (94 anos) Vigo, España |
Lugar de sepultura | Bemil |
Alcalde de Caldas de Reis | |
1948 – ← Jacobo Rey Porto – Pablo Elorriaga Senlle → | |
Datos persoais | |
Formación profesional | Licenciado en Filosofía e Letras |
Actividade | |
Ocupación | escritor |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Marina Cascallar Vázquez |
Fillos | María Victoria e Marina |
Irmáns | Luís de Sá Bravo |
Premios | |
| |
Hipólito de Sá Bravo, nado en Pontevedra o 30 de xaneiro de 1907 e finado en Vigo o 16 de agosto de 2001, foi un escritor e historiador galego. É coñecido tamén polas súas actividades de profesor, investigador e músico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou a carreira sacerdotal dentro da Orde franciscana no convento de San Francisco de Herbón, e a de Filosofía e Letras na Universidade de Salamanca. Abandonou a orde por motivos de saúde. Dedicouse á docencia durante máis de trinta anos como profesor de letras en Caldas de Reis, Madrid e Vigo, ata a súa xubilación.
Dirixiu as agrupacións musicais Escolanía do mosteiro de Santa Cruz del Valle de los Caídos, Coral Polifónica e o Coro Encantiños do Umia, de Caldas de Reis, e Masa Coral Polifónica de E. D. de Pontevedra. Foi cronista oficial da vila de Caldas de Reis, da que foi nomeado alcalde, e membro correspondente da Real Academia da Historia e a Real Academia Galega.
Dedicou os seus esforzos á divulgación dos valores históricos e artísticos de Galicia por medio de conferencias, charlas, coloquios, excursións dirixidas, reportaxes xornalísticas e libros. Fundador e director do Grupo Cultural Amigos do Románico en Vigo, organizou exposicións fotográficas cos títulos de Monasterios de Galicia e Rutas do Románico ou O Románico do Baixo Miño, e os ciclos de conferencias desenvolvidos durante as exposicións.
Tomou parte como conferenciante nos Cursos de verán para estranxeiros, programados pola Universidade de Santiago de Compostela entre 1974 e 1976. Invitado polas Delegacións de Información e Turismo de Lugo e A Coruña, participou na campaña cultural Coñeza Vd. Galicia entre os anos 1974 e 1976, pronunciando, en ambas provincias, numerosas conferencias sobre Historia e Arte en terras de Galicia. Tamén colaborou coa Obra Cultural da Caixa de Aforros de Vigo e os programas da Rede provincial de Teleclubs, percorreu as distintas comarcas da provincia de Pontevedra dando conferencias sobre a música, a historia, o folclore e a arte de Galicia, en Centros Culturais, Institutos, Colexios, Teleclubs, Bibliotecas e Sociedades Recreativas. Colaborou na Gran Enciclopedia Gallega e publicou reportaxes e colaboracións na prensa.
Obras
[editar | editar a fonte]- Monasterios, 4 tomos, en "Cuadernos de Arte Gallego".
- El monacato en Galicia, 2 tomos , A Coruña, 1972.
- La cultura del románico en Galicia, Club de Dirigentes de Empresa, A Coruña, 1972.
- Monasterios cistercienses: Sobrado de los Monjes y Monfero, A Coruña, 1973.
- Influencias del Camino de Santiago en la cultura y el arte de Galicia, A Coruña, 1977.
- Estampas pontevedresas, Pontevedra, 1977.
- Celanova. El Monasterio de San Salvador, Bibliófilos Gallegos. Colección Obradoiro, 1978.
- Rutas del Románico en la provincia de Pontevedra, Pontevedra, 1978.
- Boticas monacales y medicina naturista en Galicia, Ed. Everest, 1983.
- El Monasterio de Celanova. Guía turística. Ed. Everest, 1982.
- El Monasterio de Poyo. Guía turística. Ed. Everest, 1985.
- El Monasterio de San Martín Pinario. Guía turística. Ed. Everest, 1988.
- Caldas de Reis. Páginas históricas de la villa y de linajes de la misma y su contorno, Pontevedra, 1986.
- Creencias del costumbrismo religioso en Galicia, Pontevedra, 1991
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O seu labor de investigación e divulgación cultural foi premiado con diversas distincións.
- Vigués distinguido, concedido polo concello de Vigo (1988).
- Medalla Castelao, concedida pola Xunta de Galicia (1994).
- Premio anual de Periodismo 1969, da Deputación de Pontevedra.
- Premio Daniel de la Sota nos anos 1972, 1973 e 1976, Deputación de Pontevedra.
- Premio Ciudad de Pontevedra 1976, concedido polo concello de Pontevedra.
- Insignias de ouro da Deputación Provincial e concello de Caldas de Reis, CIT de Ourense.
Predecesor: Jacobo Rey Porto |
Alcalde de Caldas de Reis 1948 |
Sucesor: Pablo Elorriaga Senlle |