[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Valfendido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imladris»)
Valfendido
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Localización de Valfendido na Terra Media
Primeira apariciónO hobbit
Información
TipoRefuxio dos elfos
Refuxio oculto
GobernanteElrond
LocalizaciónEriador oriental: un val ao oeste das Montañas Bretemosas
Outros nomesImladris
Karningul
Derradeiro lar ó leste do Mar
Interior de Valfendido

Valfendido (en Sindarin: Imladris, e en Oestron: Karningul) é un posto avanzado élfico da Terra Media creada por J. R. R. Tolkien. Foi fundado por Elrond durante a Segunda Idade da Terra Media (catro ou cinco mil anos antes dos acontecementos descritos n'O Señor dos Aneis), e foi el tamén o seu gobernante. Alén de Elrond e a súa familia, outros notábeis elfos viviron alí, entre eles Glorfindel e Erestor.

Valfendido é unha tradución directa ou calco do nome Sindarin Imladris, "val profundo da fenda". Tamén é coñecido como O Derradeiro Lar ao Oeste das montañas, en alusión ao territorio silvestre que se estende alén das Montañas Bretemosas.[T 1]

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Mapa esquemático do noroeste da Terra Media á fin da Terceira Idade. Valfendido (na parte superior central) está no leste de Eriador, preto das Montañas Bretemosas.

Valfendido está situado no bordo dunha estreita foz do río Bruinen ou Altauga (un dos accesos principais a Valfendido é a través do próximo vao de Bruinen), mais encóntrase ben agochado entre os páramos e as faldras das Hithaeglir ou Montañas Bretemosas. Contrariamente ao que amosa o mapa da Terra Media occidental publicado n'O Señor dos Aneis, segundo Tolkien, o Gran Camiño do Leste non atravesaba Valfendido, que se mantiña como val agochado e separado do camiño cara ao Paso Alto.[T 2][T 3][T 4] Ao igual que Hobbiton, está aproximadamente á mesma latitude que o lugar de traballo de Tolkien, Oxford.[T 5]

Valfendido foi fundado na Segunda Idade trala destrución da terra élfica de Eregion por parte de Sauron. Valfendido persistiu como o único asentamento élfico en Eriador oriental; Gil-galad deulle a Elrond o anel Vilya, outorgándolle o poder necesario para protexer Valfendido e frear o paso do tempo no seu val oculto: de feito, Valfendido seguía o seu propio calendario.[T 6][T 7][T 8] Na Terceira Idade, Valfendido sobreviviu repetidos ataques dos exércitos do Rei Bruxo de Angmar.[1][T 7] Valfendido albergaba as reliquias dos Montesíos do Norte do reino perdido de Arnor, incluídos os fragmentos de Narsil (a espada de Elendil), o cetro de Annúminas e a Estrela de Elendil. Elrond acolleu os fillos dos herdeiros ao trono de Arnor, o derradeiro dos cales era Aragorn. Durante a súa estada en Valfendido, Aragorn coñeceu e namorouse da filla de Elrond, Arwen, e casou con ela despois de ser coroado rei de Gondor e Arnor.[T 9] Os inimigos de Sauron, entre os que estaba Elrond, congregáronse no Consello Branco, que se reuniu en Valfendido, como cando o Consello decidira expulsar o Nigromante da súa fortaleza de Dol Guldur.[T 10] Os protagonistas d' O hobbit reciben os consellos de Elrond en Valfendido.[T 2] Os protagonistas d' O Señor dos Aneis encóntranse en Valfendido, asisten ao Consello de Elrond e deciden emprender unha misión para destruír o Anel Único. Os ferreiros de Valfendido reforxan a espada de Aragorn co nome de Andúril.[T 8][T 10][T 11] Cando o Anel Único é destruído, o anel de Elrond perde o seu poder, e este abandona Valfendido para partir cara a Valinor.[T 12][T 13]

Orixe no mundo real

[editar | editar a fonte]
Seica Tolkien tomou como base para Valfendido a súa visita a Lauterbrunnen en Suíza en 1911.[2]

O val de Valfendido podería estar inspirado no val de Lauterbrunnen en Suíza, onde Tolkien fixera sendeirismo. De feito, Tolkien afirmou que «Dende Valfendido até o outro lado das Montañas Bretemosas, a viaxe ... incluída a baixada a escorregóns de Bilbo e os ananos polo corremento de pedras até os piñeirais ... está baseada nas miñas aventuras en Suíza en 1911».[T 14][2]

A medievalista Marjorie Burns escribe que a viaxe de Bilbo para Valfendido se asemella á do autor de fantasía e tradutor de mitoloxía nórdica William Morris a través das rexións agrestes de Islandia até un lugar que el chamaba «Water-dale» (Vatnsdale, «Val de Auga»); os dous pasan por elevacións salpicadas de zonas con vexetación e acaban derreados; logo ambos cruzan engrobas estreitas e brañas; e os dous chegan a un val agochado que ofrece acubillo e acomodo. Noutro lugar, Morris atravesa «un penedo estreito semellante a unha ponte», ao igual que Bilbo se topa cunha «estreita ponte de pedra sen varanda» ao entrar en Valfendido.[3]

Un lugar de asilo

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Lothlórien .
Valfendido ten sido comparado co Outro Mundo dos celtas,[4] aquí representado nunha ilustración de 1910 de Stephen Reid

Matthew T. Dickerson, en J. R. R. Tolkien Encyclopedia, escribe que Valfendido representa sistematicamente un santuario, un lugar que dá a sensación de fogar, en todo o legendarium.[1] A xornalista Jane Ciabattari sostén que un dos principais motivos da popularidade d’O Señor dos Aneis era o desexo escapista da xeración que viviu a Guerra de Vietnam, comparando o complexo militar-industrial con Mordor, e suxire que estes lectores degoxaban un lugar de paz, do mesmo xeito que a Frodo Bulseiro «invadiulle o corazón un irresistible desexo de descansar e quedar en paz a carón de Bilbo en Valfendido».[5] Burns sinala que Valfendido e o outro reino élfico de Lothlórien son comparábeis ao Outro Mundo celta (en irlandés, Tír na nÓg), porque é difícil de atopar, pero se se dá a benvida ao viaxeiro, este cruza un río, que simboliza a transición espiritual dende o mundo normal, e «o canso aventureriro é transportado a un refuxio de hospitalidade élfica e deleite».[4] Existen varios indicios da transición:

Entrar en Valfendido supón abandonar, durante un tempo, o lóbrego terreo montañoso do norte. Primeiro hai unha baixada empinada ...; as faias e os carballos substitúen os piñeiros; o aire vólvese máis cálido; o primeiro dos elfos saúdaos cunha risada e unha canción, e logo vén o inevitábel paso fluvial que separa o resto da Terra Media do núcleo interno de cada reino élfico.[6]

Burns salienta que as partículas «Val» e «fendido» («Riven» e «dell» no orixinal inglés) evocan un lugar de pouca altitude que require baixar para acceder a el, e que ese descenso é propio dos relatos celtas de entrada no reino subterráneo dos Tuatha Dé Danann, cada un de cuxos xefes goberna un túmulo.[7]

Punto de partida da misión heroica

[editar | editar a fonte]

O filólogo e académico especializado en Tolkien Tom Shippey sinala que Tolkien, de credo cristián, era sumamente meticuloso coas datas e cronoloxías, pero que son moi poucos os lectores que se decatan de que a Irmandade parte de Valfendido na súa misión o 25 de decembro, a data do Nadal, e consegue destruír o Anel e provocar a caída de Sauron o 25 de marzo, a data da Crucifixión segundo a tradición anglosaxoa.[8]

O especialista en Tolkien Verlyn Flieger escribe que tanto Frodo como Aragorn reciben a súas renovadas espadas máxicas en Valfendido, o cal os designa como heroes na tradición épica de Sigurd e Artur, ao comezo da súa misión.[9]

Alusións culturais

[editar | editar a fonte]

Shippey compara as versións da canción O camiño segue e segue interpretadas por Bilbo e Frodo. Bilbo segue o «camiño ... con pé lixero», esperando chegar á paz de Valfendido, retirarse e levar unha vida de repouso; por contra, Frodo di «con pé canso», esperando chegar dalgún xeito a Mordor co Anel, e tentar destruílo nas Fendas do Destino: destinos e tarefas diametralmente opostos.[10] Observa que Valfendido era o lar das cantigas élficas, e cita a afirmación de Tolkien de que a canción que os hobbits ouven en Valfendido, A Elbereth Gilthoniel na que se invoca á semidivina Varda, era un himno que aludía á súa propia devoción católica.[11] Shippey escribe, así mesmo, que Tolkien fixo a Bilbo o autor e intérprete da Canción de Eärendil en Valfendido, facendo uso de diversos recursos poéticos —rima, semirrima interna, aliteración, asonancia aliterativa e unha «variación sintáctica frecuente pero irregular»— para crear un misterioso efecto élfico de «incerteza intensa e continua, un patrón sempre albiscado pero nunca completamente captado»."[12] Rebecca Ankeny comenta que Tolkien tamén usa o verso para denotar o horror dos elfos cando Gandalf pronuncia en voz alta a inscrición do Anel, na lingua negra, ameazando coa destrución de Valfendido.[13]

O académico especializado en Tolkien Gergely Nagy sinala que Tolkien quería presentar o complexo conxunto de escritos d’O Silmarillion como unha compilación de aparencia real que recollese relatos e mitos no marco da súa Terra Media ficticia; modificou O Señor dos Aneis para atribuír os documentos a Bilbo, escritos supostamente durante os anos que pasou en Valfendido, e preservados no ficticio Libro Vermello da Fronteira do Oeste, cuxo nome alude ao Libro Vermello de Hergest.[14]

Burns escribe que Valfendido, «o derradeiro lar ó leste do Mar»,[T 8] representa un fogar acolledor, repetindo o patrón definido tanto n’O hobbit como n’O Señor dos Aneis de «compracencia de solteiro, relaxada pero pulcra» dende o burato-hobbit de Bilbo, Vila Bulsa, en adiante; malia a presenza de Arwen, non hai case nada «relativo á feminidade».[15]

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

No filme The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring de 2001 de Peter Jackson, Valfendido está ambientado no Kaitoke Regional Park de Nova Zelandia, coa adición das fervenzas mediante imaxes xeradas por ordenador.[16] Brian Rosebury comenta que Jackson presenta os elfos como un pobo sofisticado, mentres que Tolkien os describía como seres máis afíns á natureza. Con todo, escribe, no Valfendido cinematográfico «os motivos naturais dominan a arquitectura e a ornamentación», o cal suxire unha «integración coa natureza, cun distanciamento mínimo», algo que casa ben coa «contorna idílica similar a Portmeirion» do Valfendido da pantalla. Rosebury describe o deseño como "post-ruskiniano", ao xeito dos cadros prerrafaelistas, os deseños de estilo Arts and Crafts de William Morris e os detalles arquitectónicos do Art Nouveau. Estes aspectos difiren das ilustracións do propio Tolkien, pero Rosebury suxire que, en certo sentido, a Tolkien teríanlles gustado porque son acordes á súa aversión pola fabricación industrializada.[17]

Durante o período de contracultura no mundo occidental das décadas de 1960 e 1970, fundouse unha comuna chamada Maos Lyst (O Deleite de Mao) na illa de Zelandia, Dinamarca, en 1968, e os seus habitantes mudaron os seus apelidos por Kløvedal, o nome de Valfendido en dinamarqués. Máis adiante, varios deles convertéronse en personalidades culturais ben coñecidas no país.[18][5] A adega The Rivendell Winery operou dende 1987 até 2008 no Val do Hudson de Nova York.[19] The Tolkien Ensemble compuxo música para todas as cancións d’O Señor dos Aneis, publicada en catro CD entre 1997 e 2005, todos eles con «Rivendell» (Valfendido no orixinal inglés) no seu título.[20] A compositora de música clásica sueca Anna-Lena Laurin compuxo unha obra para dúas guitarras chamada «Rivendell».[21] A banda canadense de rock progresivo Rush conmemorou o santuario élfico na canción «Rivendell» pertencente ao seu álbum de estudio de 1975 Fly by Night. A canción céntrase na tranquilidade e aparente infinidade temporal que un viaxeiro podía atopar alí, con pasaxes como «Elfin songs and endless nights / Sweet wine and soft relaxing lights / Time will never touch you / Here in this enchanted place» (Cancións élficas e noites infinitas / Viño doce e tenues luces relaxantes / O tempo nunca te tocará / Aquí neste lugar encantado).[22][5]

Referencias

[editar | editar a fonte]

Primarias

[editar | editar a fonte]
Esta listaxe identifica a localización de cada elemento na obra escrita de Tolkien.
  1. Tolkien (1955), Apéndice F, «On Translation»
  2. 2,0 2,1 Tolkien (1937), cap. 3 «Un breve descanso»
  3. Tolkien (1937), cap. 18 «A viaxe de volta»
  4. Tolkien (1937), cap. 19 «A derradeira xornada»
  5. Carpenter (1981), #294 a Charlotte e Denis Plimmer de The Daily Telegraph, 8 de febreiro de 1967
  6. Tolkien (1955), Apéndice D, «The Calendars»
  7. 7,0 7,1 Tolkien (1980), parte 2, «The Second Age» cap. 4 «The History of Galadriel and Celeborn», «Concerning Galadriel and Celeborn»
  8. 8,0 8,1 8,2 Tolkien (1954), libro 2, cap. 1 «Moitos encontros»
  9. Tolkien (1955), Apéndice A: The Tale of Aragorn and Arwen
  10. 10,0 10,1 Tolkien (1954), libro 2, cap. 2 "O consello de Elrond"
  11. Tolkien (1954), libro 2, cap. 3 «O Anel vai cara ó sur»
  12. Tolkien (1955), Apéndice B, «The Great Years»
  13. Tolkien (1955), Apéndice A, «The Númenórean Kings», «The Tale of Aragorn and Arwen»
  14. Carpenter (1981), #306 to Michael Tolkien, 1967-8

Secundarias

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Dickerson 2013, pp. 573–574.
  2. 2,0 2,1 MacEacheran, Mike (24 de maio de 2014). BBC, ed. "In Alpine villages, Hobbits lurk". Consultado o 18 de agosto de 2020. 
  3. Burns 2005, pp. 81–84.
  4. 4,0 4,1 Burns 2005, p. 54.
  5. 5,0 5,1 5,2 Ciabattari, Jane (20 de novembro de 2014). "Hobbits and hippies: Tolkien and the counterculture". BBC Culture. 
  6. Burns 2005, p. 61.
  7. Burns 2005, p. 66.
  8. Shippey 2005, p. 227.
  9. Flieger 2004, pp. 122–145.
  10. Shippey 2005, p. 213.
  11. Shippey 2005, p. 230.
  12. Shippey 2005, pp. 218–219.
  13. Ankeny, Rebecca (2005). "Poem as Sign in 'The Lord of the Rings'". Journal of the Fantastic in the Arts 16 (2 (62)): 86–95. JSTOR 43308763. 
  14. Nagy 2020, pp. 107–118.
  15. Burns 2005, pp. 136–137.
  16. "Kaitoke Regional Park, Wellington, New Zealand". Newzealand.com. Consultado o 15 de xaneiro de 2020. 
  17. Rosebury 2003, pp. 212–213.
  18. DR (Danish Radio), ed. (26 de outubro de 2010). "1960'erne: Ungdomsliv: Eksperimenterne" (en dinamarqués). Consultado o 18 de agosto de 2020. Kollektivet bestod blandt andre af forfatteren Ebbe Reich og udmærkede sig ved, at medlemmerne tog det fælles efternavn Kløvedal fra bogen Ringenes Herre. [O colectivo incluía, entre outros, o autor Ebbe Reich e distinguíase pollo feito de que os seus integrantes adoptaron o apelido común de Kløvedal tirado do libro «O Señor dos Aneis». ] 
  19. Thompson, Lenn (26 de outubro de 2007). "Rivendell Winery Location for Sale in the Hudson Valley". New York Cork Report. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2020. Consultado o 29 de xuño de 2020. 
  20. Bratman, David (2010). Eden, Bradford Lee, ed. Liquid Tolkien: Music, Tolkien, Middle-earth, and More Music. Middle-earth Minstrel: Essays on Music in Tolkien (McFarland). pp. 158–159. ISBN 978-0786456604. 
  21. Laurin, Anna-Lena (2018). "Rivendell". Vanguard Music Boulevard. Consultado o 27 de marzo de 2021. [Ligazón morta]
  22. "Rivendell by Rush". Songfacts. Consultado o 27 de marzo de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

http://tolkiengateway.net/wiki/Rivendell (en inglés)