[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Dúnedain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dúnedain
Homes do Oeste, Homes de Westernesse
FundaciónSegunda Idade
FundadorElros
LíderAragorn
Mundo de orixeTerra Media
Base de operaciónsNúmenor e despois Gondor
LinguaAdûnaico, Oestron, Sindarin

No legendarium de J. R. R. Tolkien, os Dúnedain (singular: Dúnadan, "home do oeste") eran unha raza ficticia dos homes descendente dos Numenorianos que sobreviviran o afundimento da illa do seu reino e que emigraran a Eriador, na Terra Media liderados por Elendil e mais os seus fillos, Isildur e Anárion. Coñecíaselles tamén como os Homes do Oeste e Homes de Westernesse (traducións directas do vocábulo Sindarin). Asentáronse principalmente en Arnor e Gondor.

O nome Oestron para Dúnadan era sinxelamente Adûn, "habitante do oeste", mais este termo non adoitaba empregarse. Este nome reservábase para os Númenóreanos que mantiñan amizade cos elfos: os demais, sobreviventes hostís do cataclismo, recibían o nome de Numenorianos Negros.


Os Dúnedain descendían dos amigos dos elfos, o reducido grupo de homes da Primeira Idade que se puxeron do lado dos Elfos Noldorin en Beleriand. O seu primeiro líder foi Elros, un medio elfo. Os Valar outorgáronlles Númenor como a súa patria a comezos da Segunda Idade, e máis adiante ergueron cidades fortificadas ao longo das costas occidentais da Terra Media, exercendo un dominio sobre os homes que habitaban esas zonas. Finalmente Númenor afundiu no mar e uns poucos dos Fieis (liderados por Elendil) deron escapado da destrución.

O espírito de Sauron fuxiu de Númenor cara á Terra Media, onde volveu amasar poderosos exércitos para se enfrontar aos novos reinos Dúnedain, Gondor e Arnor. Coa axuda de Gil-galad e mais os elfos, Sauron foi derrotado, e esvaeceuse no leste durante moitos séculos. Durante ese tempo Gondor e Arnor viviron un período de prosperidade.

A medida que Sauron foi recobrando a súa forma e reunindo forzas, chegaron do leste unha serie de pragas letais que adoitaban azoutar con máis forza o norte có sur, decimando a poboación de Arnor. Amais, o xefe dos nove Espectros do Anel, coñecido como o Rei Bruxo de Angmar, iniciou un asalto aos divididos reinos Dúnedain do norte desde unha fortaleza situada nas montañas (Carn Dûm). Ao cabo, deu destruído Arthedain, o derradeiro dos reinos setentrionais.

Após a caída de Arthedain, unha parte dos Dúnedain do norte tornáronse nos Montesíos do Norte, facendo o posíbel por manter a paz nas terras case que desertas dos seus devanceiros. A poboación Dúnedain de Arnor que sobreviviu retirouse ao ángulo cara ao sur de Valfendido, e outros grupos máis reducidos estabeleceron asentamentos illados no extremo oeste de Eriador.

Ó longo dos séculos, os Dúnedain meridionais de Gondor mesturaron o seu sangue cada vez máis cos chamados Homes Medios, e a liñaxe só ficou pura nalgunhas rexións como Dol Amroth. A súa esperanza de vida acurtouse con cada xeración. Ao cabo, mesmo algúns reis de Gondor casaron con mulleres non pertencentes aos Dúnedain.

Na Cuarta Idade, os Dúnedain de Gondor e Arnor reuníronse baixo a goberno do rei Aragorn II Elessar (tamén coñecido como o Dúnadan). Este casou con Arwen, filla de Elrond (que resultaba ser un curmán moi afastado) e reintroduciu o sangue élfico na liñaxe da súa familia.

Alén dos Fieis, había Dúnedain no sur ao cargo de gornicións numenorianas en lugares como Umbar. Moitos deles foran corrompidos polas ensinanzas de Sauron e seguiron a serlle fiel após a caída da súa patria. Coñéceselles cono Numenorianos Negros.

Características

[editar | editar a fonte]

Os Dúnedain eran superiores aos demais homes no tocante á nobreza física e espiritual. Porén, tamén eran quen de cometer actos malvados se eran corrompidos, e nesas circunstancias a súa maldade era maior. Canto ao seu aspecto físico caracterizábanse por seren altos, de cabelo escuro, pel clara e ollos grises.

Amais, os Dúnedain, especialmente os de clase alta, posuían unha grande sabedoría e poder de percepción, chegando a proferir profecías nalgúns casos. Gozaban dunha esperanza de vida máis longa (o triplo da vida dun home normal) có resto dos homes e conservaban a súa mocidade até a fin dos seus días. Malia que non se explica completamente o motivo n' A Historia dos Anos, un dos factores que provocaron o esmorecemento dos Dúnedain foi a súa tendencia a ter poucos fillos, só un en moitos casos. Aragorn proviña dunha longa liñaxe de fillos únicos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]