[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Teixugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teixugo europeo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Omnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Mustelidae
Subfamilia: Melinae
Xénero: Meles
Especie: M. meles
Nome binomial
Meles meles
Linnaeus, 1758
Distribución Meles meles
Distribución Meles meles

Distribución Meles meles

O teixugo[1] euroasiático, porco teixo,[2] teixo,[3] melandro[4] ou tourón[5] (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda.

O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles. As súas principais subespecies son o Meles meles meles (na Europa occidental), o Meles meles marianensis (na Península Ibérica), o Meles meles leptorynchus (en Rusia), o Meles meles leucurus (na China e no Tíbet) e o Meles meles anaguma (no Xapón).

Trátase dun animal de hábitos nocturnos, sendo moi raro atopalo durante o día. O teixugo pode rubir polas árbores, aínda que non se atopa adaptado para facelo. Tamén pode correr con certa rapidez e nadar. En caso de perigo, ao verse ameazado emite fortes bruídos (Reinochholf, 1995). É moi rebuldeiro cos membros da súa especie, tanto de novo como de adulto e participa no aseo corporal dos compañeiros de especie.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O teixugo mide entre 60 e 90 centímetros e ten un peso entre 7 e 13 quilogramos.

É doado de identificar: na cabeza ten bandas brancas e negras, únicas. As orellas teñen rebordes brancos; as patas e o abdome son negros e o lombo gris prateado. Semella un pequeno oso, ou ben un cocho peludo, pois fai uns ruídos característicos de seu. A súa pelaxe empregábase non hai moito para facer brochas de afeitar. As patas dianteiras teñen as poutas con uñas moi longas, poderosas, coas que escarva profundas covas.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O celo vai de febreiro a outubro, pero sobre todo marzo, abril e maio. O período de gravidez é un tanto variable, sobre 60 días. Trae ó mundo entre 1 e 5 crías, que nacen núas e cegas coa pelaxe abrancazada, e que abren os ollos aos 30 días. Son amamantadas ata os 3 meses.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

É omnívoro, come animais como miñocas, caracois, vermes, ras, pequenos mamíferos, prea, raíces, bulbos, froita ou castañas.

Habita en bosques frondosos e mixtos, é solitario. Defeca sempre nos mesmos lugares e vai sempre polos mesmos sendeiros polo que é doado dar con el. Toma parella para toda a vida. Escava numerosos tobos na terra que son usados pola familia. As galerías das súas tobeiras son moi complexas, con catro a oito saídas. As cámaras de repouso están a metro e medio de profundidade. Xeralmente as covas do teixugo desembocan en auténticas covas naturais. Hiberna, e nos seus sonos invernais, que poden durar varias semanas, vive das reservas de graxa acumuladas durante o outono. O teixugo tratouse de domesticar sen éxito.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para teixugo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco teixo.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para teixo.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para melandro.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tourón.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]