Teixugo
Teixugo europeo | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Meles meles Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||||||||||
Distribución Meles meles
|
O teixugo[1] euroasiático, porco teixo,[2] teixo,[3] melandro[4] ou tourón[5] (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda.
O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles. As súas principais subespecies son o Meles meles meles (na Europa occidental), o Meles meles marianensis (na Península Ibérica), o Meles meles leptorynchus (en Rusia), o Meles meles leucurus (na China e no Tíbet) e o Meles meles anaguma (no Xapón).
Trátase dun animal de hábitos nocturnos, sendo moi raro atopalo durante o día. O teixugo pode rubir polas árbores, aínda que non se atopa adaptado para facelo. Tamén pode correr con certa rapidez e nadar. En caso de perigo, ao verse ameazado emite fortes bruídos (Reinochholf, 1995). É moi rebuldeiro cos membros da súa especie, tanto de novo como de adulto e participa no aseo corporal dos compañeiros de especie.
Descrición
O teixugo mide entre 60 e 90 centímetros e ten un peso entre 7 e 13 quilogramos.
É doado de identificar: na cabeza ten bandas brancas e negras, únicas. As orellas teñen rebordes brancos; as patas e o abdome son negros e o lombo gris prateado. Semella un pequeno oso, ou ben un cocho peludo, pois fai uns ruídos característicos de seu. A súa pelaxe empregábase non hai moito para facer brochas de afeitar. As patas dianteiras teñen as poutas con uñas moi longas, poderosas, coas que escarva profundas covas.
Reprodución
O celo vai de febreiro a outubro, pero sobre todo marzo, abril e maio. O período de gravidez é un tanto variable, sobre 60 días. Trae ó mundo entre 1 e 5 crías, que nacen núas e cegas coa pelaxe abrancazada, e que abren os ollos aos 30 días. Son amamantadas ata os 3 meses.
Alimentación
É omnívoro, come animais como miñocas, caracois, vermes, ras, pequenos mamíferos, prea, raíces, bulbos, froita ou castañas.
Hábitat
Habita en bosques frondosos e mixtos, é solitario. Defeca sempre nos mesmos lugares e vai sempre polos mesmos sendeiros polo que é doado dar con el. Toma parella para toda a vida. Escava numerosos tobos na terra que son usados pola familia. As galerías das súas tobeiras son moi complexas, con catro a oito saídas. As cámaras de repouso están a metro e medio de profundidade. Xeralmente as covas do teixugo desembocan en auténticas covas naturais. Hiberna, e nos seus sonos invernais, que poden durar varias semanas, vive das reservas de graxa acumuladas durante o outono. O teixugo tratouse de domesticar sen éxito.
Galería de imaxes
-
Teixugo
-
Distribución mundial
-
Pegadas do teixugo
-
Teixugo facendo o seu tobo
-
Teixugo disecado
-
Autopsia practicada a un teixugo
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para teixugo.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco teixo.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para teixo.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para melandro.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tourón.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teixugo |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Teixugo |
Bibliografía
- Harris, Stephen; Yalden, Derek (2008). Mammals of the British Isles (4th Revised ed.). Mammal Society. ISBN 0-906282-65-9.
- Kurtén, Björn (1968). "Pleistocene mammals of Europe". Weidenfeld and Nicolson.
- Heptner, V. G.; Sludskii, A. A. (2002). Mammals of the Soviet Union. Vol. II, part 1b, Carnivores (Mustelidae and Procyonidae). Washington, D.C. : Smithsonian Institution Libraries and National Science Foundation. ISBN 90-04-08876-8.
- König, Claus (1973). Mammals. William Collins. ISBN 0-00-212080-1.
- Macdonald, David (2001). "The New Encyclopedia of Mammals". ISBN 0-19-850823-9.
- Neal, Ernest (1958). "The Badger". Penguin Books.
- Pease, Alfred Edward (1898). "The badger; a monograph". Londres : Lawrence and Bullen.