[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Clasificación científica

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Clasificación científica ou clasificación biolóxica é a maneira en que os biólogos agrupan e categorizan especies extinguidas ou actuais de organismos. A clasificación moderna ten as súas raíces no sistema de Carl von Linné, que agrupou as especies de acordo con características físicas compartidas. Estas agrupacións foron revisadas dende a época de Linneo para mellorar a consistencia co principio de descendencia común de Charles Darwin. A sistemática molecular, que utiliza a análise do ADN xenómico, levou a moitas revisións recentes e é probable que o continúe facendo. A clasificación científica pertence á ciencia da taxonomía ou bioloxía sistemática.

Sistemas antigos

[editar | editar a fonte]

O sistema de clasificación de formas de vida que se coñece vén do filósofo grego Aristóteles, que clasificaba os animais en función do seu xeito de moverse (aire, terra, ou auga). A el débese a división dos seres vivos en dous grupos: plantas e animais. En 1172 Ibn Rushd (Averroes), que era xuíz (Qaadi) en Sevilla, traduciu ao árabe e abreviou o libro de Aristóteles de Anima. Os seus comentarios orixinais perdéronse, pero a súa tradución ao latín por Michael Scot chegou ata os nosos días.

O seguinte avance importante no desenvolvemento da clasificación científica levouno a cabo o profesor suízo Conrad Gessner (1516–1565). O traballo de Gessner foi unha compilación fundamental da vida que daquela se coñecía.

A exploración de parte do Novo Mundo trouxo a continuación descricións e espécimes de moitas novas e descoñecidas formas de vida animal. A finais do século XVI e principios do XVII comezaron os estudos coidadosos dos animais, que, dirixidos en primeiro termo a castes familiares, foron gradualmente estendidos ata que formaron un corpo de coñecemento que serviu como unha base anatómica para a clasificación. Os avances no uso deste coñecemento para clasificar formas de vida débense á investigación de anatomistas médicos, como Fabricius (1537–1619), Petrus Severinus (1580–1656), William Harvey (1578–1657), e Edward Tyson (1649–1708). Os avances debidos ao traballo de entomólogos e os primeiro microscopistas foron posibles grazas á investigación de xente como Marcello Malpighi (1628–1694), Jan Swammerdam (1637–1680), e Robert Hooke (1635–1702).

John Ray (1627–1705) foi un naturalista inglés que publicou importantes traballos sobre plantas, animais, e teoloxía natural. A solución que adoptou para a clasificación de plantas no seu libro Historia Plantarum foi un paso importante cara a taxonomía moderna. Ray rexeitou o sistema de división vixente, e no seu lugar clasificou as plantas de acordo coas similitudes e diferenzas que se apreciaban na observación.

Taxonomía linneana

[editar | editar a fonte]

Dous anos despois da morte de John Ray naceu o sueco Carl von Linné. Durante a súa vida chegaron a publicarse doce edicións do seu magnífico traballo, o Systema Naturae (1735). Von Linné é coñecido pola súa introdución dun método para a clasificación moderna; creou a zooloxía e botánica sistemáticas na súa forma actual.

Von Linné adoptou a concepción das especies de Ray, pero fixo o concepto unha realidade práctica insistindo en que cada especie debería ter un binome único en latín, isto é, un dobre nome (a primeira metade sería o nome do xénero, común a varias especies, e a segunda metade sería unha palabra única, chamada o apelativo específico). Esta convención chámase nomenclatura binomial, e o nome formado polas dúas partes é coñecido como nome científico ou "nome sistemático" das especies. Cando unha especie subdivídese, utilízase a nomenclatura trinomial. Para escribir correctamente un nome científico, o xénero debe comezar con maiúscula, a especie debe estar en minúscula e debe engadirse unha etiqueta de autor e detalles de publicación.

Antes de Linné utilizábanse longos nomes de moitas palabras, ás veces cun adxectivo adicional, ás veces con outro, e, consecuentemente, en realidade non se fixaban e aceptaban nomes. O sistema de Carl von Linné fixo doado identificar sen ambigüidade calquera especie de planta ou animal. Foi máis alá, e introduciu no seu sistema unha serie de grupos: xénero, orde, clase.

O sistema de von Linné sitúa cada organismo nunha xerarquía de grupos dispostos en capas. Cada grupo nunha determinada capa componse dun conxunto de grupos da capa inmediatamente inferior. Co simple coñecemento do nome científico composto de dúas partes, é posible determinar as outras seis capas.

Os agrupamentos (taxón) da taxonomía, de máis xeral a máis específico, son:

Poden crearse rangos intermedios engadindo prefixos, por exemplo:

  • Clase
  • Subclase
  • Superorde
  • Orde
  • Suborde
  • Infraorde
  • etc.

Adicionalmente, as especies subdivídense a miúdo en subespecies e outras categorías inferiores (ver subespecies, variedade, subvariedade e forma). En determinadas circunstancias, necesítanse prefixos alén de sub. Amais, algunhas veces engádense algúns outros rangos. Por exemplo, poden existir dominios ou imperios sobre o nivel de reino, tribos entre os niveis de familia e xénero, e seccións e series entre o xénero e a especie.

Desenvolvementos modernos

[editar | editar a fonte]

A solución xeral que Linneo adoptou para clasificar especies e moitos dos seus grupos taxonómicos permaneceron estándar en bioloxía por cando menos dous séculos. Hoxe en día acéptase amplamente que tal clasificación debería reflectir o principio darwiniano da descendencia común, de tal xeito que o taxon inclúa unha única sección da árbore evolutiva. Estes grupos chámanse grupos monofiléticos (ver tamén parafilético e polifilético).

Dende os anos 60 do século XX, unha tendencia chamada taxonomía cladística ou cladismo xurdiu como rival para a máis tradicional clasificación filoxenética. Neste esquema, os taxons identifícanse con clados, e só poden ser monofiléticos. Frecuentemente, os sistemas de rangos da taxonomía linneana non se utilizan. Está en desenvolvemento[cando?] un novo código formal de nomenclatura, pero moitas das súas regras entran en conflito cos códigos de nomenclatura establecidos (tanto para plantas como para animais), e non está claro como van coexistir os diferentes códigos.

Sistema moderno de clasificación

[editar | editar a fonte]

A clasificacióndas plantas e animais de Linneo especificaba un patrón de grupos aniñados dentro doutros, e estes patróns comezaron a seren representados como dendogramas dos reinos animal e vexetal cara finais do século XII, moito antes da publicación d'A orixe das especies de Darwin. O patrón do «sistema natural» non supuña un proceso xerativo, tal como podería ser a evolución, mais podería telo implicado, inspirando así os primeiros pensadores transmutacionistas. Entre as primeiras obras que exploraron a idea da transmutación das especies cabe mencionar Zoonomia (1796) de Erasmus Darwin (avó de Charles Darwin) e Filosofía zoolóxica (1809) de Jean-Baptiste Lamarck. A idea pouplarizouse no mundo anglo-saxón coa obra Vestixios da historia natural da creación, publicada anonimamente por Robert Chambers en 1844.

A continuación amósanse as clasificacións habituais de tres especies: a mosca da froita (Drosophila melanogaster), os humanos, e a Magnolia Sweetbay.

Dominio Eukarya
Reino Animalia
Filo Arthropoda
Clase Insecta
Orde Diptera
Familia Drosophilidae
Xénero Drosophila
Species D. melanogaster
Dominio Eukarya
Reino Animalia
Filo Chordata
Subfilo Vertebrata
Clase Mammalia
Subclase Theria
Infraclase Eutheria
Orde Primates
Suborde Haplorrhini
Familia Hominidae
Xénero Homo
Especie H. sapiens
Dominio Eukarya
Reino Plantae
División Pteridophyta (nome común: fentos ou fieitos)
Clase Pteridopsida
Orde Pteridales
Familia Dennstaedtiaceae
Xénero Pteridium
Especie P. aquilinum

Sufixos de grupo

[editar | editar a fonte]

Os taxons por riba do nivel de xénero son frecuentemente nomes derivados do tipo xénero. Os sufixos utilizados para formar estes nomes dependen do reino, e algunhas veces do filo e da clase, como se establece na táboa seguinte.

Taxon Plantas Algae Fungi Animais
División/Filo -phyta -phyta -mycota  
Subdivisión/Subfilo -phytina -phytina -mycotina -data
Clase -opsida -phyceae -mycetes -lia
Subclase -idae -phycidae -mycetidae -ia
Superorde -anae -orpha
Orde -ales -formes
Suborde -ineae -morpha
Infraorde -aria -formia
Superfamilia -acea -oidea
Familia -aceae -idae
Subfamilia -oideae -inae
Tribo -eae -ini
Subtribo -inae -ina

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]