Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas. Traballou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. Fiel á causa galeguista durante a Guerra civil española, foi expedientado. Foi membro da Real Academia Galega e presidiu a Editorial Galaxia. Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática.
A Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Penzol conservan a súa biblioteca e arquivo. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Traxectoria
editarMocidade
editarNaceu no número 25 da rúa da Paz (até 1839 chamada a dos Zapateiros), no mesmo edificio en que vivía Vicente Risco, e foi bautizado o 6 de marzo na igrexa de Santa María Nai cos nomes de Ramón Antonio Vicente. Foi membro dunha familia rica, fillo único do médico e deputado Enrique Otero Sotelo, e mais de Eladia Pedrayo Ansoar, filla do prestixioso avogado e político ourensán Ramón Pedrayo Silva, quen foi padriño do neno.
En setembro de 1898 ingresou no Centro Provincial de Instrución, hoxe coñecido coma Instituto Otero Pedrayo, inaugurado en 1896 nas inmediacións do xardín do Posío.[2] Estudou o bacharelato na súa cidade natal, onde recibiu clases de Marcelo Macías e Eduardo Moreno López entre outros. Grazas aos seus bos resultados académicos, en xuño de 1901 foi elixido canda a Florentino López Cuevillas para ter unha merenda con Emilia Pardo Bazán.
Trala morte do seu pai, pasou o curso 1904-05 preparando por libre o primeiro curso de Filosofía e Letras e mais o preparatorio de Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En maio de 1905 foi por vez primeira a Santiago de Compostela, onde recibiu clases de Armando Cotarelo Valledor, González Salgado e Modesto Fernández Ferreiro. En xuño aprobou os exames e no verán fixo unha viaxe co seu tío polo mar do Norte, recalando en Southampton, Brest e Rotterdam. En outubro de 1905 marchou a Madrid a estudar Dereito e retomar Filosofía e Letras. Alí frecuentou o Ateneo.
Tras rematar as dúas carreiras en 1912, regresou a Ourense, coa idea de preparar oposicións a catedrático. En 1917 publicou dous artigos en La Centuria: «La confesión del hombre culto» (no n.º 2) e «Cartas espontáneas» (no n.º 3). O 13 de xaneiro de 1918 publicou en La Región o artigo «Acción regionalista», en apoio á candidatura de Luís Porteiro Garea ás eleccións xerais. Xusto unha semana despois interviu nun mitin en Bentraces. Nese mesmo ano, 1918, ingresou nas Irmandades da Fala.[3] O 19 de febreiro de 1919, logo de tres intentos, aprobou por oposición a cátedra de Xeografía e Historia. Tomou posesión o 23 de marzo dese ano en Burgos, e en xullo permutou a praza por outra en Santander. En outono de 1921 acadou praza en Ourense.
En 1920 foi un dos fundadores da revista Nós, onde publicou o seu primeiro artigo en decembro de 1921, «Irlanda política no século XIX». Nesta época aumenta a súa militancia galeguista, e dá o seu primeiro discurso público en galego na presentación do álbum Nós de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Vilagarcía de Arousa.
Catedrático en Ourense
editarO 6 de agosto de 1923 casou en San Vicente de Toranzo, Corvera de Toranzo, con María Josefa Bustamante Muñoz (Fita), dez anos máis nova, nada o 27 de setembro de 1898, a quen coñecera en Santander.[1] Marchan de lúa de mel a París, Bélxica e as praias do mar do Norte,[4] e á volta residen entre Ourense e Trasalba, pasando os veráns en Cantabria. Nunca terían fillos.
A súa actividade cultural e política é cada vez maior. En abril de 1921 participou na III Asemblea Nacionalista de Vigo, e en febreiro de 1922 na IV Asemblea Nacionalista de Monforte de Lemos. Aínda que nesa época non tivo cargos de responsabilidade, durante a ditadura de Primo de Rivera consagrouse como líder ideolóxico e membro da Xeración Nós. En 1924 acadou o premio convocado polo Seminario de Estudos Galegos coa obra Pantelas, home libre, publicada por Lar en 1924. En xaneiro de 1924 publicou «O feitizo das roínas», o seu primeiro artigo no voceiro A Nosa Terra.
En agosto de 1926 publicou no número 32 da revista Nós un anaco da novela de James Joyce Ulises, a primeira tradución realizada nunha lingua da península Ibérica[5]. Tamén en 1926 publicou a Guía de Galicia, volume publicado por Espasa Calpe.
Colaborou de forma activa co Seminario de Estudos Galegos e dirixiu a sección de Xeografía desde 1926. En xullo dese ano, Ano Santo Xacobeo, foi canda a Vicente Risco, Xavier Pardo, Lois Feixoo e Antón Sánchez desde Ourense até Santiago de Compostela camiñando. O itinerario, de catro días, deu pé ao texto de Lameiro No camiño de San-Yago. En 1927 percorreu as terras do Carballiño e O Ribeiro. En xullo dese mesmo ano foi con Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea camiñando desde Ourense até o Santuario de Santo André de Teixido, percorrido que deu pé ao libro de viaxes Pelerinaxes I, publicado en 1929.
O 9 de decembro de 1929 ingresou na Real Academia Galega co discurso Romanticismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal, contestado por Vicente Risco.[6][7] Inicialmente ía ler o seu discurso o 30 de novembro,[8] mais sufriu un accidente de tráfico ao envorcar o coche no que ía coa súa muller, a carón da Torre de Hércules.[9] O 10 de xullo de 1930 foi elixido primeiro presidente da Asociación de Escritores Gallegos.
En 1929 rexeitou unirse á Organización Republicana Gallega Autónoma creada por Santiago Casares Quiroga. O Día Nacional de Galicia de 1930 deu un mitin no Teatro García Barbón de Vigo, canda a Valentín Paz-Andrade e mais Castelao. En setembro dese mesmo ano participou no Pacto de Barrantes. O 1 de abril de 1931, pouco antes da proclamación da Segunda República Española, fundou o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Para as eleccións constituíntes celebradas o 28 de xuño de 1931, foi elixido deputado a Cortes pola provincia de Ourense, acadando máis votos ca Basilio Álvarez, José Calvo Sotelo e Manuel Martínez-Risco. Nas Cortes defendeu un modelo de estado federalista e confesional, maila cooficialidade de castelán e galego. En outubro de 1931 asinou, canda a outros nove galeguistas, o texto «Afirmación Católica d'un grupo de Nacionalistas», que apareceu publicado na revista Logos.
En decembro de 1931, o seu partido unificouse xunto con outras frontes nacionalistas no Partido Galeguista, de cuxo primeiro Consello Executivo pasou a formar parte. En xullo de 1932 visitou a Generalitat de Cataluña xunto con Castelao, convidados por Francesc Macià i Llussà, e en abril de 1933 participou no Aberri Eguna, organizado polo Partido Nacionalista Vasco. Nas eleccións de 1933 perdeu a acta de deputado. Comezou entón a afastarse da primeira liña política, se ben o 25 de xullo de 1934 participou no mitin das arengas. En abril de 1935, na IV Asemblea do Partido Galeguista, enfrontouse ás voces máis vinculadas á esquerda. Defendeu a aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936.
O 3 de maio substitúe na presidencia do Ateneo ourensán a Marcelo Macías. O 19 de maio de 1936 defendeu a súa tese de doutoramento, titulada Los orígenes de la Galicia moderna e cualificada con sobresaínte polo tribunal, presidido por Cotarelo Valledor. A finais de maio substituíu a Luis Iglesias —nomeado reitor da Universidade compostelá— como presidente do Seminario de Estudos Galegos.
Guerra e posguerra
editarNo verán de 1937, durante a guerra civil española, foi deposto da súa cátedra e salvou a vida grazas ás boas relacións que mantiña coa cúpula da igrexa ourensá. Nos anos seguintes viviu na súa casa de Trasalba, retirado da vida política. Xosé Filgueira Valverde animouno a que solicitase a súa reincorporación á vida docente, pero Otero Pedrayo negouse ao entender que xa que non pedira que lle quitasen o traballo, non ía pedir que llo devolvesen.[11] Nesa época escribiu colaboracións na prensa en castelán cos pseudónimos de Luís de Alba, Santiago Amaral, Luís Peñaforte, Roque de Agra[12], Juan Gallego, Tristán de Montenegro ou coas iniciais R.O.P. En 1946 comezou a colaborar no xornal compostelán La Noche coa sección Parladoiro, escrita en galego e asinada co seu nome.
En xuño de 1947, embarcando en Lisboa, viaxou á Arxentina coa súa dona, convidado polo centro galego da capital, chegando alí o 18 de xullo. Levou un exemplar da Carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán. Amais de Buenos Aires, visitaron Rosario e Mendoza. Á volta a Buenos Aires, tivo ocasión de se reencontrar con Castelao, a quen non vía desde 1936.[13] Xurdiu entón o proxecto para publicar Historia de Galicia, encargado por Manuel Puente.
Entre 1947 e 1949 participou na creación do padroado Rosalía de Castro, encargado de adquirir a Casa da Matanza (musealizada en 1971). Amais, en 1951 rodouse o filme Peregrinaxe lírica aos lugares rosalianos. En 1949 participara na homenaxe en Ourense a Valentín Lamas Carvajal, posiblemente o primeiro discurso que deu en galego despois da guerra.[14]
Regreso a Santiago de Compostela
editarEn novembro de 1948, xa con sesenta anos, foi reposto na docencia no instituto de Ourense, e en abril de 1950 acadou a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago, e marchou vivir á capital galega. O seu maxisterio, ata que se xubilou en 1958, foi de grande importancia para atraer ao galeguismo a un feixe de estudantes que anos despois serían líderes do novo nacionalismo.[15] En xullo dese mesmo ano foi dos fundadores da Editorial Galaxia, sendo presidente do consello de administración.[16] En marzo de 1956 estivo un mes en Caracas, onde o acolleu Silvio Santiago. Dous anos despois editouse o libro Homaxe da Galicia Universal.
Nesta época seguiu a escribir decote, e participou en varios congresos, como o celebrado en Braga en 1950 na memoria de Martiño de Dumio ou no de etnografía e folclore celebrado na mesma cidade en 1956. En 1957 retomou a publicación en galego coa colección de relatos Entre a vendima e a castañeira, e en 1958 publicou o seu primeiro poemario, Bocarribeira.
O 4 de febreiro de 1957 finou a súa nai, coa que mantivo unha relación moi cariñosa e á que ía visitar cada semana. Otero Pedrayo xubilouse o día do seu septuaxésimo aniversario, cunha lección maxistral no paraninfo universitario co título de «Unha visión xeral de Galicia». Tras deixar a docencia, regresou vivir a Ourense e Trasalba.
Últimos anos
editarLogo de xubilarse, seguiu escribindo e participando en actos. En 1959 regresou a Buenos Aires. En 1962 acadou o Premio Galicia da Fundación Juan March, dotado con 300 000 pesetas. En 1964 foi premiado pola Deputación de Ourense con 150 000 pesetas polo traballo de investigación El padre Feijóo. Su vida, doctrina e influencias. Dado que lle quedara unha pensión de xubilación baixa, en 1973 a Fundación Pedro Barrié de la Maza concedeulle unha bolsa de axuda económica.[17]
Desde 1958 fixéronlle diversas homenaxes. En 1967 foi nomeado cronista da cidade de Ourense, de xeito que exerceu até 1970, aínda que seguiu a ser o cronista oficial até o seu pasamento.[18][19] O 3 de marzo de 1968, dous días antes do seu octoxésimo aniversario, celebrouse na Catedral de Santiago de Compostela unha misa en lingua galega da man do arcebispo Fernando Quiroga Palacios. O 4 de agosto de 1973 celebrouse un xantar en Ourense para celebrar as súas vodas de ouro. Pola súa banda, participou na homenaxe celebrada en Madrid en 1958 co gallo do centenario do matrimonio de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, e na homenaxe celebrada en Ourense en 1966 a Celso Emilio Ferreiro pola súa marcha a América.
Logo da morte da súa muller en febreiro de 1975, pasou o último ano de vida feble de saúde, e estivo ingresado no Policlínico da Rosaleda en Santiago de Compostela, ao cargo do doutor Agustín Sixto Seco. Finou na súa casa natal o 10 de abril de 1976.[20] Foi soterrado no Cemiterio de San Francisco de Ourense,[21] vestido co hábito da orde de San Francisco e envolto na bandeira de Galicia.
O seu patrimonio foi legado á Fundación Penzol, e en 1979 creouse a Fundación Otero Pedrayo, que garda a biblioteca así como os documentos e escritos do ilustre galego e continúa o seu labor na casa museo de Trasalba.
Obra
editarConsiderado o «patriarca das letras galegas», pertenceu á Xeración Nós e é un dos máis preclaros escritores galegos. Traballou diversos xéneros: ensaio, novela, poesía, ademais dos estudos científicos de xeografía da súa cátedra da Universidade de Santiago.
Entre as súas novelas destacan Os camiños da vida, publicada orixinalmente en tres partes,[22] e O mesón dos ermos,[23] descrición minuciosa dos costumes e da vida rural galega. Pero a máis coñecida é Arredor de si que pode considerarse como parcialmente autobiográfica e que nos permite albiscar os camiños que percorreron os integrantes da chamada Xeración Nós ata o galeguismo. Neste sentido «autobiográfico», Arredor de si complétase cos artigos «Dos nosos tempos», de Florentino López Cuevillas, e mais con Nós, os inadaptados, de Vicente Risco; estes dous últimos aparecidos na revista Nós.
Pantelas, home libre, 1925, e Escrito na néboa, 1927. |
Na súa obra destaca o influxo do antropónimo Adrián. O autor, que nacera o día 5 de marzo, día de Santo Hadriano de Cesarea, mártir, puxo este nome a tres personaxes dos seus libros: Adrián Solovio (Arredor de si e Escrito na néboa), Adrián Silva (La vocación de Adrián Silva) e Adrián Soutelo (o tío de Paio n'Os camiños da vida).[24]
Obra en galego
editarNarrativa
editar- Pantelas, home libre (relatos breves; Lar, 1925).[25]
- O purgatorio de don Ramiro (relatos breves, 1926).[26]
- Escrito na néboa (relatos breves, Lar, 1927).[27]
- Os camiños da vida (novela en tres libros; Nós, 1928). Inclúe:[22]
- I. Os señores da terra
- II. A maorazga
- III. O estudante
- Pelerinaxes I (libro de viaxes, Nós, 1929).[28]
Fra Vernero e A romeiría de Xelmírez, ámbolos dous |
- Arredor de si (novela, Nós, 1930).[31] Foi traducida ao inglés en dúas ocasións.[32][33]
- Vidas non paralelas (1930).[34]
- Contos do camiño e da rúa (relatos breves, Nós, 1932).[35]
- Fra Vernero (novela, Nós, 1934).[29]
- A romeiría de Xelmírez (novela histórica, Nós, 1934).[30]
- Devalar (novela, Nós, 1935).[36]
- O mesón dos ermos (novela, Editorial Alauda, 1936).[23]
- Entre a vendima e a castañeira (relatos breves; Galaxia, 1957).[37]
- O señorito da Reboraina (novela, Editorial Galaxia, 1960).[38] Foi traducida ao castelán no mesmo ano polo propio autor co título de El señorito de la Reboraina.[39]
- O espello na serán. Entre o Pedroso e o Viso (1966, Galaxia).[40]
- O Maroutallo (relatos breves, Edicións Castrelos, 1974).[41]
- O fidalgo e outras narracións (relatos; BBdCG, Galaxia, 1982).[42]
- Contos de santos e nadal (Editorial Galaxia, 1988).[43]
Teatro
editar
O mesón dos ermos, 1936, e Romanticismo, |
- A lagarada (Nós, 1929).[44]
- Teatro de máscaras (1934).[45]
- O desengano do prioiro (Editorial Monterrey, 1952).[44]
- O fidalgo e a noite (1970; publicado en 1979 nos Cadernos da Escola Dramática Galega).[46]
- Noite compostelá (1973).
- Rosalía (1959; publicado por Galaxia en 1985).[47]
Ensaio
editar- Síntese xeográfica de Galicia (Lar, Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos, 1926).[48]
- Romanticismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal (Nós, 1931).[6]
- Por os vieiros da saudade. Lembranzas e crónica de un viaxe a Buenos Aires (Galaxia, 1952).[49]
- O libro dos amigos (Centro Gallego de Buenos Aires, 1953).[50]
- Síntesis histórica do século XVIII na Galiza (Galaxia, 1969).
- Florentino L. Cuevillas (Galaxia, 1980).[51]
- A miña amizade con Castelao (Ediciós do Castro, 1986; conferencia ditada en 1971 no Museo Maside).
- Sereno e grave gozo. Ensaios sobre a paisaxe (Galaxia, 1999).[52]
- Lembranzas do meu vivir II. Os tempos da universidade. Madrid, 1904-1912 (2016).
- Lembranzas do meu vivir I. O meu século XIX. Os tempos do instituto. Ourense, 1898-1904 (2020). Galaxia. 368 páxs.[53]
Obra xornalística
editar
O fidalgo, 1982, e Ensaio histórico sobre a cultura |
- Parladoiro. Obra selecta I (1973).
- Prosa miúda. Artigos coleccionados (1927-1934) de Ramón Otero Pedrayo (1988).
- Otero Pedrayo na revista Nós 1920-1936 (1988).
- Lembranza de D. Ramon Otero Pedrayo 1888-1988. Galiza, dentro e lonxe (1988).
- Artigos de posguerra: Finisterre e Sonata Gallega (2002).
- Teoría de Galicia. Obra xornalística completa en Vida Gallega 1926-1963 (2007).
Epistolarios
editar- Xosé Filgueira Valverde / Ramón Otero Pedrayo. Epistolario. Museo de Pontevedra. 2009.[55]
- Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo (1951-1974). Fundación Manuel María. 2014.[56]
- Polos camiños das horas: Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo (2020). Henrique Monteagudo, coordinador. Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme Abollo, Adrián Estévez Iglesias, editores. RAG. 319 páxs. ISBN 978-84-17807-04-7.[57]
- Ao abeiro da amizade. Epistolario 1926-1976. Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco (2021). Vigo Galaxia. 438 páxs. ISBN 978-84-9151-639-2. Introdución, transición e notas de Xosé Ramón Freixeiro Mato.[58]
Poesía
editar- Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar (Brais Pinto, 1958).
- Poesía (Galaxia, 2010; edición de Xesús Alonso Montero).
- Xeórxicas do pan (Galaxia, 2013).
Obras colectivas
editar
Paisajes y problemas geográficos de Galicia, 1928, |
- Ensaio sobor da paisaxe galega, en Paisaxe e cultura (ensaio, 1955, Galaxia).
- «A revolta de Casdenón», en Contos (Galaxia, 1965).[59]
- Historia de Galiza, como coordinador, (1973, Ediciones Galicia, Buenos Aires).
Zarzuela
editar- Miñatos de vran (2022). Vigo: Galaxia. Zarzuela con libreto de Ramón Otero Pedrayo e música de José Fernández Vide. ISBN 978-84-9151-932-4.[60]
Obra en castelán
editarNarrativa
editar- Las palmas del convento (Buenos Aires, Emecé, 1941)[61]
- La fiesta del Conde Benrstein (1943; editada en 1988)[62][63]
- Adolescencia (Buenos Aires, Editorial Nova, 1944)
- La vocación de Adrián Silva (A Coruña, Moret, 1949)
Ensaio
editar- Guía de Galicia (1926).[64]
- Paisajes y problemas geográficos de Galicia (Madrid, CIAP, 1928).
- Treinta y tres lecciones de Geografía General (1929).[3]
- Lecciones elementales de Historia Universal (1929).[3]
- Ensayo histórico sobre la cultura gallega (Madrid, 1933).[54]
- Lecciones elementales de Historia Universal (1931).
- Lecciones de geografía e historia (Ourense, 1936).
- Historia de la cultura gallega (Buenos Aires, Emecé Editores, 1939).
- Vida del Doctor Don Marcelo Macías y García (Moret, 1943).
- Guía de Santiago de Compostela (Editorial Compostela, 1943).
- Motivos sobre el paisaje de Galicia (1948).
- Juan Manuel Bedoya (1950).
- Las ciudades gallegas (Buenos Aires, Ediciones Galicia, 1951).
- El doctor Varela de Montes. Médico humanista compostelano del siglo XIX (Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, 1952).
- Geografía de España. Presencia y potencia del suelo y el pueblo español (1956).
- Orense (Caixa de Aforros Provincial de Ourense, 1966; con debuxos de Xaime Quessada).
- El padre Feijóo. Su vida, doctrina e influencias (Ourense, IEO, 1972).
- Galicia: una cultura de Occidente (Editorial Everest, 1975).
- Ciudades y paisajes de Galicia en la obra de Julio Prieto Nespereira (1977).
- Gelmírez o el genio afectuoso, creador y humorista del tiempo románico (1991).[65]
Guións
editar- Camino de Santiago (Editorial Galaxia, 2018) [1952].[66]
Epistolarios
editarGalería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Ramón Otero Pedrayo.
-
Con Fita na praia, contra 1923.
-
En 1928, Ruínas de S. Domingos.
-
Con Valle-Inclán na Praza Maior de Ourense, 1935.
-
Escultura de Buciños, Ourense.
-
Petición de certificado de penais.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Casares 2004, p. 260.
- ↑ "O neno. A familia". Fundación. Consultado o 20/11/2015.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Figuras homenaxeadas. Otero Pedrayo". RAG.
- ↑ Arias, P.; Pazos, M., eds. (2007). Ramón Otero Pedrayo. Cartas á nai 1905-1950. p. 23.
- ↑ McKevitt, K. A. (2003): "Introdución", en Joyce, J.: Fragmentos de Ulises, 1926. Vigo: Ed. Galaxia. Páx. 7-51. ISBN 978-84-8288-646-0.
- ↑ 6,0 6,1 Otero Pedrayo, R. (1931). Romantismo, saudade, sentimiento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal. Real Academia Galega.
- ↑ "Os homes, os feitos, as verbas", en Nós nº 73, 15/1/1930, px. 15.
- ↑ "Junta ordinaria de 30 de noviembre de 1929". Boletín da Real Academia Galega 19 (222): 154–155.
- ↑ "Discurso de ingreso de Otero Pedrayo". Real Academia Galega. 11 de abril de 2013.
- ↑ "Dúas entrevistas...". Factoría Ronsel. 27/3/2014.
- ↑ Arias Chachero & Vázquez-Monxardín 2014, p. 116.
- ↑ Otero Pedrayo, R. (2007). Arias Chachero, P. e Pazos Martínez, M., ed. Cartas á nai. 1905-1950. Editorial Galaxia. p. 22. ISBN 9788471541055.
- ↑ Arias, P.; Pazos, M., eds. (2007). Ramón Otero Pedrayo. Cartas á nai 1905-1950. p. 33.
- ↑ Arias Chachero & Vázquez-Monxardín 2014, p. 123.
- ↑ Beramendi, J. (2003). "XI. De la dictadura a la democracia (1936-2000)". Historia de la ciudad de Santiago de Compostela (en castelán). USC. p. 592. ISBN 84-9750-137-3.
- ↑ "A historia de Galaxia"
- ↑ Arias Chachero & Vázquez-Monxardín 2014, p. 144.
- ↑ "Ourense recupera a faceta de Otero Pedrayo como cronista oficial da cidade". La Voz de Galicia. 24 de abril de 2018.
- ↑ "Ourense permanece sin cronista oficial desde el año 2009, fecha de la muerte de López Morais". Faro de Vigo (en castelán). 2/5/2018.
- ↑ VV.AA. (11/4/1976). "Morreu Ramón Otero Pedrayo" (PDF). La Voz de Galicia: 10–16. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29-01-2018. Consultado o 28-01-2018.
- ↑ Find a Grave (en inglés).
- ↑ 22,0 22,1 I Os señores da terra; II A maorazga e III O estudante
- ↑ 23,0 23,1 O mesón dos ermos na BDH.
- ↑ Arias, P.; Pazos, M., eds. (2007). Ramón Otero Pedrayo. Cartas á nai 1905-1950. p. 16.
- ↑ Premio da Festa da Lingua Galega 1924, convocado polo SEG. Os libros de Ánxel Casal
- ↑ Publicado na revista Galaxia (La Región, 21/7/1926, p. 1; El Pueblo Gallego, 22/7/1926, p. 2).
- ↑ Iglesias, X.: "Escrito na néboa" OLdÁC.
- ↑ Iglesias, X.: "Pelerinaxes I" Os libros de Ánxel Casal.
- ↑ 29,0 29,1 Homenaxe a Zacharias Werner. Iglesias, X.: "Fra Vernero" Os libros de Ánxel Casal.
- ↑ 30,0 30,1 A romeiría de Xelmírez na Biblioteca Digital Hispánica e A romaría de Xelmírez na BVG.
- ↑ Incluído, co n.º 20, na Biblioteca Galega 120.
- ↑ "The World Around Us". Biblioteca da Tradución Galega. Arquivado dende o orixinal o 12/3/2018. Consultado o 8/7/2019.
- ↑ "Circling". Biblioteca da Tradución Galega. Consultado o 8/7/2019.
- ↑ Despois incluído en O fidalgo e outras narracións, BBdCG, 1982 (e O fidalgo e outros relatos).
- ↑ Iglesias, X.: "Contos do camiño e da rúa" OLdÁC.
- ↑ Sobre a edición orixinal en Os libros de Ánxel Casal e edición de 1992 en Galaxia en Google Books.
- ↑ Entre a vendima e a castañeira na BDH.
- ↑ O señorito da Reboraina na Biblioteca Digital Hispánica.
- ↑ "El señorito de la Reboraina". Biblioteca da Tradución Galega. Consultado o 20/6/2019.
- ↑ O espello na serán en Google Books.
- ↑ O Maroutallo imaxe da portada.
- ↑ 42,0 42,1 O fidalgo e outras narracións en WorldCat. Despois retitulado: O fidalgo e outros relatos [1]
- ↑ Despois incluído na Biblioteca de Autores Galegos co n.º 10 e na Biblioteca 114 co n.º 4.
- ↑ 44,0 44,1 A lagarada. O desengano do prioiro na BDH.
- ↑ Teatro de máscaras na Biblioteca Digital Hispánica.
- ↑ O fidalgo e a noite na Biblioteca Virtual Galega.
- ↑ Rosalía na BDH e Rosalía en Google Books.
- ↑ Iglesias, X.: Síntese xeográfica de Galicia OLdÁC.
- ↑ Ficha na Biblioteca Virtual Galega
- ↑ Reeditado en 1997 por Galaxia na colección Literaria.
- ↑ Florentino L. Cuevillas en Google Books.
- ↑ Sereno e grave gozo na BDH. Antes incluído en Paisaxe e cultura (1955).
- ↑ López Silva, Xosé Antonio (xaneiro, febreiro, marzo 2021). "Un fundamental Otero Pedrayo". Grial. Revista galega de cultura LIX (229): 86–87. ISSN 0017-4181.
- ↑ 54,0 54,1 54,2 Editado en 1933 en castelán por Nós;[2] en 1939 en Buenos Aires por Emecé Editores co título Historia de la cultura gallega, e en 1982 (xa en galego) por Galaxia na Biblioteca Básica da Cultura Galega. En 2004 foi incluído na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia.
- ↑ ISBN 978-84-95632-35-7.
- ↑ ISBN 978-84-942893-1-6. Edición de Xosé M. Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro: Correspondencia entre M. María e Otero Pedrayo
- ↑ "Polos camiños das horas: Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo". publicacions.academia.gal. Consultado o 29/4/2021.
- ↑ "Ao abeiro da amizade". editorialgalaxia.gal.
- ↑ Amais inclúe: "Todos cantos sabían algo da historia da vila" de Castelao; "Conto de Reis" de Dieste; "A arrasadeira" de Blanco Amor; "Os lobos" de Fole e "O reló de area" de Cunqueiro.
- ↑ "Miñatos de vran". Editorial Galaxia. Consultado o 2023-01-26.
- ↑ "La novela del ultimo Trovador. Biografía novelada de Rodríguez del Padrón" (Colección Hórreo).
- ↑ "Las palmas del convento; La fiesta del conde Bernstein. Novelas de Otero Pedrayo". Fundación Barrié.
- ↑ Vélez Latorre, J. M. (2018). "Alemaña en Otero Pedrayo. Para unha interpretración de "La fiesta del Conde Bernstein" (1943)". A Trabe de Ouro (109). pp. 71–81. ISSN 1130-2674.
- ↑ Otero Pedrayo (1954) [1926]. Guía de Galicia. Galaxia.
- ↑ Escrito en 1951 para un concurso da editorial Aedos de Barcelona. Publicado en castelán en 1991 pola Xunta de Galicia. Versión en galego da Editorial Galaxia: Xelmírez ou o xenio afectuoso, creador e humorista do tempo románico BDH.
- ↑ Escrito en 1952 por encarga de Suevia Films. Camino de Santiago. Guión para una película Galaxia.
- ↑ Arias, P. e Pazos, M. (eds.). ISBN 978-84-7154-105-5. Cartas á nai 1905-1950 en Google Books.
- ↑ Arias, P. e Pazos, M. (eds.). ISBN 978-84-7154-106-2 / Salgado, Daniel (26/7/2007). "La intrahistoria de Otero Pedrayo". El País (en castelán).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
- Arias Chachero; Vázquez-Monxardín (2014). Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976. Galaxia. ISBN 978-84-617-2617-2.
- Baliñas Fernández, C. (2005). "Otero Pedrayo, Ramón; Outros xéneros literarios". GEG (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 663–685. ISBN 84-7154-227-7.
- Casares, Carlos (1981). Otero Pedrayo. Conciencia de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-387-5.
- ——— (2004). Conciencia de Galicia: Risco, Otero, Curros, tres biografías. Galaxia. ISBN 84-8288-687-8.
- Castelao, M. (2022). Cabanillas / Otero Pedrayo. Na noite estrelecida / Arredor de si. Laiovento. p. 356. ISBN 978-84-8487-559-8.
- Fernández del Riego, F. (1988). O señor da casa grande de Cima de Vila. Fundación Otero Pedrayo. ISBN 978-84-404-2254-5.
- ——— (2005). "O galeguismo político-cultural do mestre". GEG (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- F. Freixanes, Víctor (1976). "Memoria de todas as cousas". Unha ducia de galegos. Galaxia. pp. 15–38. ISBN 84-7154-248-X.
- González-Alegre, R. (1954). "Ramón Otero Pedrayo y la poesía. La trayectoria de un poema épico innominado. La epopeya". Poesía Gallega Contemporánea. Colección Huguin. pp. 185–194.
- Patterson, Craig (2006). Galician Cultural Identity in the Works of Ramón Otero Pedrayo (en inglés). Edwin Mellen Press.
- ——— (2008). O devalar da idea: Otero Pedrayo e a identidade galega. Amoeiro: Fundación Otero Pedrayo. ISBN 978-84-612-4782-0.
- Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da literatura galega. III. De 1916 a 1936. Xerais. pp. 371–401. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Pérez Prieto, Victorino (1988). "Ramón Otero Pedrayo". A xeración Nós. Galeguismo e relixión. Galaxia. ISBN 84-7154-630-2.
- Piñeiro, R. (2005). "A personalidade de Otero Pedrayo; O escritor; O orador". GEG (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Quintana, X. R.; Valcárcel, M. (1988). Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento. Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-006-1.
- Río Barja, Francisco Javier (2005). "Otero Pedrayo. O xeógrafo". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Salinas Portugal, F. (1992). Otero Pedrayo ou a paixón da terra. AS-PG.
- Tarrío Varela, Anxo (2005). "Otero Pedrayo. O narrador". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Tato, Laura (2014). Do teatro ao cinema. Obras dramáticas e guións de Ramón Otero Pedrayo. Sotelo Blanco. ISBN 978-84-7824-635-9. Arquivado dende o orixinal o 27/1/2018. Consultado o 27/1/2018.
- Vilavedra, D., ed. (1995). Diccionario da literatura galega. I. Autores. Galaxia. pp. 418–423. ISBN 84-8288-019-5.
- Villares, R. (2002). "Terra e memoria en Otero Pedrayo". A Trabe de Ouro (50): 181–202. ISSN 1130-2674.
- VV.AA. (1958). Homaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento. Vigo: Editorial Galaxia.
- VV.AA. (1958). Ramon Otero Pedrayo: A súa vida e a súa obra. Homaxe da Galicia Universal. Caracas: Centro Galego.
- VV.AA. (5/5/1987). "A sombra inmensa de Otero Pedrayo". A Nosa Terra (extra 8). ISSN 0213-3105.
- VV.AA. (1990). Actas do simposio internacional sobre Otero Pedrayo no panorama literario do século XX. CCG. ISBN 84-87172-61-X.
- VV.AA. (1999-2002). "Otero Pedrayo, Ramón". Enciclopedia Galega Universal 13. Ir Indo. pp. 112–113. ISBN 84-7680-288-9.
- VVAA (marzo de 2001). "Varios artigos". Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares (12). ISSN 1136-3207. Arquivado dende o orixinal o 4/7/2013. Consultado o 31/1/2018. Inclúe os seguintes:
- Agustín Sixto Seco: "Presentación"
- Francisco Fernández del Riego: "Lembranzas do mestre e amigo"
- Afonso Vázquez-Monxardín: "Achega biográfica a Ramón Otero Pedrayo"
- Miguel Anxo Araújo Iglesias: "Don Ramón, home cabal"
- Pura Vázquez: "Nos cento e tantos anos de Don Ramón Otero Pedrayo"
- Ramón Villares: "A historia de Galicia na obra de Otero Pedrayo…"
- Justo Beramendi: "A actividade política de Otero Pedrayo (1918-1936)"
- Augusto Pérez Alberti: "A paisaxe xeográfica en Otero Pedrayo"
- Carmen Blanco García: "O adeus a Calipso na Odisea Oteriana arredor de si"
- Manuel Rego Nieto: "O Don Ramón orador"
- Jorge Martínez Jiménez: "A solaina orcelada"
- Marcelino Agís Villaverde: "Otero Pedrayo, Pensador"
- Raúl Soutelo Vázquez: "A Fidalguía na Novela de Otero Pedrayo"
- Julio Francisco Ogando Vázquez: "O home aínda é millor"
- Marcos Valcárcel: "Diccionario Don Ramón, do A ó Z"
- Carlos Baliñas Fernández: "Demandando edicións xeitosas…"
- Camilo Valdehorras: "Da poesía dramática e da dramaturxia…"
- Camilo Valdehorras: "Pro opera omnia de Ramón Otero Pedrayo"
- VV.AA. (2003-2004). "Otero Pedrayo, Ramón". Diccionario enciclopédico galego universal 46. La Voz de Galicia. p. 93. ISBN 84-7680-429-6.
- "Otero Pedrayo, Ramón". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1532.
- VV.AA. (2010-2011). "Otero Pedrayo, Ramón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. pp. 46–50. ISBN 978-84-7680-686-9.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramón Otero Pedrayo |
A Galicitas posúe citas sobre: Ramón Otero Pedrayo |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editarGravacións de son | |
---|---|
Discurso de Otero Pedrayo en 1972 | |
Achegando a Literatura Galega R. Reimunde | |
Vídeos | |
Ramón Villares sobre Otero Pedrayo |
- Fundación Otero Pedrayo
- "Figuras homenaxeadas". RAG.
- Arquivo de Ramón Otero Pedrayo Fundación Penzol (Galiciana, Biblioteca de Galicia).
- Ficha do autor na Biblioteca Virtual Galega.
- "Otero Pedrayo, Ramón" HLG. Asociación Socio-Pedagóxica Galega
Predecesor: Vicente Risco |
Cronista de Ourense 1967 - 1970/1976 |
Sucesor: Alfredo Cid Rumbao |