Antón Villar Ponte
Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.[2]
Nome orixinal | Antón Villar Ponte [1][2][3][4][5][6][7][8][9] Antón Vilar Ponte [10][11][12] |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 2 de outubro de 1881 Viveiro, España |
Morte | 4 de marzo de 1936 (54 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Deputado nas Cortes republicanas | |
11 de marzo de 1936 – 15 de abril de 1936 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: A Coruña | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Federación Republicana Gallega 13 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933 Lexislatura: I lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: A Coruña | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Formación profesional | Licenciado en farmacia |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | Xornalismo |
Empregador | Irmandades da Fala |
Partido político | Partido Galeguista |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1934–1936) Real Academia Galega (membro correspondente) (1905–1934) Irmandades da Fala |
Xénero artístico | Ensaio, comedia, teatro |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Micaela Chao Maciñeira[13] † 27/11/1928 |
Fillos | Antonio Villar Chao futbolista María del Carmen Villar Chao |
Irmáns | Ramón Villar Ponte |
Premios | |
| |
Na súa traxectoria política foi un dos fundadores, en 1929, da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular. Con todo, non chegou a prometer o cargo nin a presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.
Traxectoria
editarPertencente a unha familia de clase media e ideoloxía monárquico-conservadora, o seu pai Ponciano Villar Bermúdez era o xefe do Partido Conservador de Viveiro,[14] estudou nos institutos de Lugo e Santiago[10] e fundou o semanario republicano Nueva Brisa en 1899.[9] Durante a súa carreira participou no movemento republicano e colaborou en El Combate. Licenciouse en farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1901 e dende ese ano rexentou unha botica en Foz. Alí dirixiu o periódico El Automóvil, fundou ¡Guau... Guau! e colaborou en La Idea Moderna. Actuou como secretario do comité republicano que presidía Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo e colaborou esporadicamente coa Revista Gallega de Galo Salinas.
En 1906 marchou a Madrid onde se adicou ao xornalismo, na redacción do republicano El País. En 1907 foi redactor da coruñesa Tierra Gallega. Emigrou á Habana en maio de 1908, onde tamén traballou en diarios e revistas como Follas Novas e dirixiu a revista Alma Gallega en 1910. Foi nomeado secretario da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. En Cuba contactou con Ramón Cabanillas.
En 1910, de volta en Galiza, estabeleceuse na Coruña. Abriu unha farmacia en Monelos e mesmo chegou a ser parte da directiva do Colexio oficial de Farmacéuticos da provincia da Coruña en 1926. Colaborou nas páxinas de varios xornais e revistas: Germinal, La Voz de Galicia (1911-1917) -que o envía a cubrir a información da revolución portuguesa-, Nós (dende 1920), El Pueblo Gallego, El Noroeste, Galicia. Diario de Vigo, Alborada de Pontevedra, Alborada de Monforte de Lemos, Claridad, O Irmandiño, Mi Tierra, El Agrario Barcalés, Faro Villalbés, Ser, El Momento, El Heraldo Gallego, Mariñana ou Céltiga, entre outros. Dirixiu o semanario El Ciudadano (1914). Os xornais foron a palestra dende a que espallou o seu ideario.
Relacionouse con Rodrigo Sanz e Aurelio Ribalta. Este último realizara en 1915 un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega. O 5 de xaneiro de 1916, Antón Villar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego. En marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional (de 36 páxinas nesa 1ª ed; 95 páxinas na 2ª),[15][16] no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.
O 18 de maio de 1916, Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de vinte persoas, entre elas, Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy e Ramón Villar Ponte, irmán de Antón, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade de Amigos da Fala, que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua galega, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro. Canda Lois Peña Novo e Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte dirixiu o voceiro escrito das Irmandades da Fala, A Nosa Terra, que apareceu en novembro de 1916.
Presidiu a Asociación da Prensa Coruñesa. En 1919 colaborou na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que traduciu autores estranxeiros ao galego.[2] Foi membro do Seminario de Estudos Galegos.
En xullo de 1934 ingresou como membro de número na Real Academia Galega, a proposta de Eladio Rodríguez González, Félix Estrada Catoyra e Francisco Ponte Blanco, co discurso de ingreso O sentimento liberal na Galiza,[18] respondido por Ramón Otero Pedrayo. O texto foi publicado por primeira vez en 1977 nos obradoiros tipográficos da editorial Moret, na Coruña, con limiar de Sebastián Martínez-Risco.[19] Moitas das súas propostas (inseridas no traballo das primeiras Irmandades da Fala), foron posteriormente asumidas por símbolos do galeguismo como Alfonso Rodríguez Castelao.
Amosouse partidario de colaborar, como o resto da ING, coa ditadura de Primo de Rivera e aceptou entrar o 7 de febreiro de 1924 no consistorio da Coruña como concelleiro en calidade de directivo da Reunión de Artesáns. As Irmandades da Fala da Coruña criticaron con dureza esa súa decisión. Finalmente, a súa oposición a devolverlle a xestión das institucións de beneficencia á Igrexa católica precipitou a súa renuncia o 18 de marzo dese ano e a súa oposición á ditadura. Chegou a ser arrestado por artigos contrarios á ditadura en maio de 1926 e mais en xaneiro de 1927. Na súa traxectoria política foi un dos fundadores da ORGA (1929) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, mais non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.[10]
Ideario
editarO traballo e as reflexións de Villar Ponte contextualízanse nun momento de desenvolvemento intelectual e estético en toda Europa. En Galiza coincidiu co agromar de dúas posturas enfrontadas no seo do galeguismo. Dunha banda, a corrente culturalista (de dereitas, personificada por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas) e, da outra, a máis activista politicamente (de esquerdas, con Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao ou Víctor Casas).
Villar Ponte foi parte deste segundo grupo, xuntamente con Xoán Vicente Viqueira. A súa propia visión do nacionalismo galego inclúeo nesta corrente, pois defendeu a construción dos sistemas políticos desde a racionalidade e o servizo ao pobo, xa que consideraba as persoas de forma individual e non como ente abstracto (contrariamente do que defendían os culturalistas).
Igualmente, prescindiu das paixóns e apelaba á racionalidade. Estes razoamentos, en principio críticos co nacionalismo galego, utilizounos contra o nacionalismo español:
¿Incondicionaes d'Hespaña? A incondicionalidade é escravitú. A incondicionalidade inda non se da no senso natural para que poida dárese no senso político. Condicional é o mais respetabre da vida: a relación entre pais e fillos, dentro da familia. ¿Cómo poden existir parvos que falen da santa incondicionalidade a un Estado, sempre cousa artificiosa e mudabre.[20]
Segundo Villar Ponte, os sistemas sociais constrúense historicamente pola humanidade. Daquela, acontecería o mesmo cos conceptos nación e estado: se os constrúen os seres humanos, non son realidades eternas nin feitos que determinen ou deban determinar, en principio, unha imposición moral. Este punto de vista bate frontalmente co discurso historicista que predominaba nos nacionalismos do século XIX e de comezos do XX.
Recoñecementos
editarO Concello de Viveiro convoca o Premio de novela Vilar Ponte que rende homenaxe a Antón e a Ramón Vilar Ponte.[21]
Obra bibliográfica
editarEnsaio
editar- Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916), 36 pp. na 1ª ed; 95 pp. na 2ª.[15][16] Adicado a Aurelio Ribalta.
- Os nosos valores (1920). Conferencia lida na Sociedade Económica de Santiago, publicada en A Nosa Terra, nº 120.[22]
- Do cosmopolitismo, do universalismo e da mansedume galega (1921), traballo lido na "Oliva" de Vigo, A Nosa Terra nº 139.[23]
- "Preludio cordial" en Abellas de ouro de Xosé Lesta Meis, Nós, 1930.
- O sentimiento liberal na Galiza, discurso de ingreso na RAG en 1934.[18]
Teatro
editar- Do caciquismo: A patria do labrego (1905)[24]
- Da superstición. Entre dous abismos (1920)[25]
- Da emigración: Almas mortas: novela dialogada cómico tráxica en tres estancias (Céltiga, 1922), ilustrada por Camilo Díaz Baliño.[26]
- O Mariscal (1926). Canda Ramón Cabanillas, con debuxos de Álvaro Cebreiro. Ediciós Lar.[27]
- Teatro galego: tríptigo (Nós, 1928). Inclúe: Do caciquismo: a patria do labrego; Da emigración: almas mortas e Da superstición: entre dous abismos.[28]
- Os evanxeos da risa absoluta: anunciación do antiquixote. Folk-drama da sinxeleza campesina. Ilustracións de Castelao (Nós, 1934).
- Nouturnio de medo e morte, bárbara anécdota realista en dous tempos (sin literatura) que puido andar nos romances dos cegos (Nós, 1935)[29]
- A festa da malla. Ed. de Dolores Vilavedra et al. Col. Os libros do Centro Dramático Galego (1997, Xerais). ISBN 978-84-8302-100-2.[30]
- Xuana de Vega ou "Os mártires": dúas versións dunha obra inconclusa de Antón Vilar Ponte. Ed. de Ernesto Vázquez Souza. Laiovento, 2001.
Amais, traduciu obras clásicas de William Shakespeare ou Molière.[11]
Escolmas e estudos
editar- Escolma de artigos nazonalistas (1936)
- Pensamento e sementeira. Leiciós de patriotismo galego (1971), con limiar de Salvador Lorenzana, Ed. Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires.[22][31]
- García, X. L. (escolma, limiar e notas, 1978). Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Villar Ponte. Discursos Parlamentarios (1931-1933). Do Castro.[32]
- Baramendi González, J. e Monterroso Devesa, X. M.ª (1991) Obra política de Ramón Villar Ponte. Ediciós do Castro.
- Vázquez Souza, E. (2001). Xuana de Vega ou «Os mártires»: dúas versións dunha obra inconclusa de Antón Vilar Ponte, Laiovento.[33]
- Ínsua López, E. X. e Nuevo Cal, C. (2003). O primeiro Antón Villar Ponte: achegamento ao período de formación do fundador das irmandades da fala (1881-1908). Caixa Galicia. ISBN 978-84-95491-85-5.
- Calvo, T. (editor), presentación (en galego) de Baramendi, J. (2003). 100 Artigos de Antón Villar Ponte (en castelán). La Voz de Galicia. ISBN 84-9757-107-X.[34]
- Ínsua López, E. X. (2006). Antón Villar Ponte e a Academia Galega: contributos para a historia crítica dunha institución centenaria. Do Cumio. ISBN 978-84-8289-361-7.
Galería de imaxes
editar- Véxase tamén: Galería de imaxes de grupo de personalidades de Galicia.
-
Antón Villar Ponte foi o animador de toda unha xeración.[35]
-
Carné das Irmandades da Fala asinado por A. Villar Ponte.
-
Carta de Villar Ponte a Bernardino Machado.
-
Nun acto de homenaxe a Pondal no centenario do seu nacemento.
-
Placa na casa natal de Antón e Ramón en Viveiro.
-
A. Villar Ponte na Coruña, en 1927, con Álvaro Cebreiro, Bernardino Machado e as fillas deste.
Notas
editar- ↑ Adoitaba asinar «A. Villar Ponte». Hemeroteca Virtual da RAG Arquivado 08 de decembro de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Figuras homenaxeadas. Antón Villar Ponte". Real Academia Galega.
- ↑ "Membros da Academia. Antón Villar Ponte". Real Academia Galega.
- ↑ "Villar Ponte, Antón". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e Ediciós do Castro. 2006. p. 2181.
- ↑ "Villar Ponte, Antón". Enciclopedia Galega Universal 16. Ir Indo. p. 390-391. ISBN 84-7680-288-9.
- ↑ "Villar Ponte, Antón". Diccionario enciclopédico galego universal 59. Ir Indo para La Voz de Galicia. p. 99. ISBN 84-7680-429-6.
- ↑ "Villar Ponte, Antón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo. pp. 314–315.
- ↑ Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo: Galaxia. pp. 174–176.
- ↑ 9,0 9,1 Vilavedra, D. (coord), Cochón, I. et al (1995). Diccionario da Literatura Galega, volume I (Autores), pp. 617-618. Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Monterroso Devesa, X. M.; Baramendi, X. et al.: "Vilar Ponte, Antón" na GEG.
- ↑ 11,0 11,1 Gómez Sánchez, A.; Queixas Zas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega (1ª ed.). A Nosa Terra. pp. 229, 232–233. ISBN 84-95350-79-3.
- ↑ Antón Vilar Ponte. Biblioteca Virtual Galega Universidade da Coruña.
- ↑ Ínsua López, E. X. (2004). Antón e Ramón Villar Ponte. Unha irmandade alén do sangue Cadernos Ramón Piñeiro, VII. CIRP.[1] Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ El Eco de Galicia, 8-7-1914, p. 1.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 "1ª Edición na páxina web da RAG" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de abril de 2016. Consultado o 21 de marzo de 2016.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 2ª Edición na páxina web do CCG
- ↑ "Dúas entrevistas...". Factoría Ronsel. 27 de marzo de 2014.
- ↑ 18,0 18,1 "O sentimento liberal na Galiza, discurso lido o día 24 de xullo de 1934 no acto da súa recepción..." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de abril de 2015. Consultado o 19 de setembro de 2015.
- ↑ "Dossier de prensa do ingreso de Antón Villar Ponte e Alfonso Rodríguez Castelao..." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de abril de 2015. Consultado o 17 de setembro de 2015.
- ↑ "Discursos a nazón galega", en A Nosa Terra, nº 75, 15 de decembro de 1918, p. 4.
- ↑ "Bases II Premio de Novela Vilar Ponte" (PDF). Concello de Viveiro. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ 22,0 22,1 Escolma de textos do libro Pensamento e sementeira Arquivado 07 de outubro de 2015 en Wayback Machine., Terra e Tempo, 18 pp
- ↑ Hemeroteca Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine. da Deputación de Pontevedra.
- ↑ Ficha dunha edición de A patria do labrego (Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, 2002) en Google Books.
- ↑ Entre dous abismos Biblioteca Virtual Galega.
- ↑ Bangueses Vázquez, Mercedes (2010). Ilustradores galegos de preguerra (1880-1936). IEV. ISBN 978-84-89599-44-4.
- ↑ Ínsua López, E. X. (2005). Sobre 'O Mariscal', de Cabanillas e Villar Ponte. UDC. ISBN 84-9749-144-0.
- ↑ Reeditado en Galaxia (2021), con limiar de Inma López Silva, ISBN 978-84-9151-742-9.
- ↑ Nouturnio de medo e morte, bárbara anécdota realista en dous tempos...
- ↑ A festa da malla Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. na Biblioteca Nacional de España.
- ↑ "Pensamento e sementeira. Leiciós de patriotismo galego. Imaxe da portada". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 22 de setembro de 2015.
- ↑ Imaxe da portada Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. de Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Villar Ponte. Discursos Parlamentarios (1931-1933).
- ↑ Imaxe da portada de Xuana de Vega ou «Os mártires».
- ↑ Imaxe da portada Arquivado 17/11/2015, en Wayback Machine. de 100 Artigos de Antón Villar Ponte
- ↑ Ledo Andión, Margarita: "1977" 1'32'', YouTube.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Villar Ponte |
Bibliografía
editarA Galicitas posúe citas sobre: Antón Villar Ponte |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Antón Villar Ponte |
- "Discursos a nazón galega", publicado en A Nosa Terra (nº 76, 25 de decembro de 1918).
- "Sobre la autonomía regional", publicado en El Pueblo Gallego e recollido en Pensamento e sementeira (Buenos Aires, Eds. Galicia - 1971)
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-391-5.
- Domingo Cuadriello, Jorge (1999). "Presencia de Antón Villar Ponte en Cuba". Grial (141): 91–110.
- Ínsua, E. (2006). Antón Vilar Ponte e a Academia Galega. Contributos para a historia crítica dunha institución centenaria. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 978-84-8289-361-7.
- ————; Martínez, X. Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9121-304-8.
- Lourenzo, Manuel; Pillado Maior, Francisco (1979). O Teatro Galego. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-013-2.
- Meirinho Guede, V.(2003). "Falsa essência e utilidade verdadeira (sobre a teoria e a praxe de Antão Vilar Ponte)", pp. 115–132, Agália 73-74.
- Monterroso Devesa, X. M. (1977). "Vida e obra" en Antón Vilar Ponte. Día das letras galegas. Agrupación Cultural O Facho.[2]
- Piñeiro López, Ramón (1974). "Antón Villar Ponte" en Olladas no futuro. Editorial Galaxia, Vigo.
- Sanmartín Rei, G. "A contribución do discurso xornalístico de Ramón Vilar Ponte ao proceso de emerxencia do segundo Renacemento"
- Soutelo Vázquez, Raúl (2001) "A Pegada dos irmáns Vilar Ponte no nacionalismo galego de antes da guerra". Anuario Brigantino 24.
Outros artigos
editar- Teatro das Irmandades da Fala
- I Asemblea Nacionalista
- Irmandade Nazonalista Galega
- Pacto de Barrantes
Ligazóns externas
editar- Antón Villar Ponte, biografía e escolma da súa obra, en Galicia espallada
- Ledo Andión, Margarita. "Día das Letras Galegas 1977, Antón Villar Ponte" La Voz de Galicia, 14/5/12 (en castelán).
- Ínsua López, Emilio Xosé: Álbum das Irmandades da Fala CCG