[go: up one dir, main page]

Nós (revista)

revista cultural galega

Nós foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.

Nós
PaísEspaña
LugarOurense, A Coruña e Santiago de Compostela
Lingualingua galega
Fundación30 de outubro de 1920
Na rede
Galiciana: 7275
editar datos en Wikidata ]
Publicidade da época.

Traxectoria

editar

Organigrama e primeiros pasos

editar
 
Nós 75, 1930, "A significación profunda do galeguismo", Antón Lousada Diéguez.

Nós foi impulsada e dirixida por Vicente Risco, quen procurou insistentemente colaboracións de fóra de Galiza co obxecto de lle dar unha dimensión europea. O primeiro número apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense e aquí se publicarían os primeiros 15, antes de pasar a ter a administración na Coruña e Santiago, na sede da editorial Nós. O enderezo mantívose sempre no domicilio de Vicente Risco.

A revista, vinculada ao pensamento nacionalista, pretendía normalizar o uso do idioma e elevalo dos usos orais á alta cultura. Mesmo a publicidade era maioritariamente en galego. Pretendeuse tamén que o seu deseño gráfico axudase a conseguir esa dignificación e a crear unha estética xenuinamente galega, para o que Risco designou a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como responsábel artístico.

Contidos

editar

Dous eran os ámbitos que trataba: por unha banda o descubrimento da identidade galega, introducindo liñas de investigación novas e contribuíndo á modernización metodolóxica, que afectou fundamentalmente á arqueoloxía, á etnografía, á historia e o pensamento; por outra a presentación das ideas novas que aparecían en Europa. Para tal fin, exploráronse as culturas europeas que se consideraban máis próximas da galega, como a irlandesa (Irlanda estaba constituíndose en estado independente naquela altura) e a portuguesa (en Portugal florecía a lingua galega).

Con todo, houbo unha enorme presenza doutras culturas, sobre todo centroeuropeas en consonancia cos gustos de Risco e cos epicentros culturais predominantes daquela.[1]

Entre as novidades que a revista Nós achegou á cultura galega están as traducións de autores contemporáneos, como a tradución de anacos do Ulysses de James Joyce que fixo Otero Pedrayo, clásicos como partes de De quod nihil scitur de Francisco Sánchez, medievais como De correctione rusticorum de Martiño de Braga ou antigos como o comezo da Oda marítima de Rufo Festo Avieno.

Historia

editar

En xuño de 1920 celebrouse unha xuntanza en Pontevedra á que acudiron Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez para discutir a creación dunha revista monolingüe sobre a cultura galega, que deciden chamar Nós a proposta de Castelao, decidiron tamén o lugar de impresión, a imprenta de La Región en Ourense e o director literario, Risco, e artístico, Castelao. Posteriormente encargáronlle a Arturo Noguerol o financiamento, para o que constituíu unha sociedade mercantil.

En 1923 pasou a se imprimir en Pontevedra ata que despois do número 18 a ditadura de Primo de Rivera suspendeu a publicación.

O 25 de xuño de 1925 aparece de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña e coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos, ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Santiago. O último número (139-144) saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936 e non se chegou a distribuír, tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos sublevados.

A editorial do primeiro número da revista, titulado Primeiras verbas, dicía así:[2]

 
Recibín estendido por Ánxel Casal en favor de Alexandre Bóveda pola subscrición de este á revista NÓS.
      Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós.

      É a ansia qu'oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo.

      Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respecto das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.

      Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra.

      Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s'afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.

      Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental.

      Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais.

      E, ós que s'asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por teren o Tempo e o Mundo os que o piden...

      Nós conta achar'agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d'iste xeito.

      A todol-os que nos lean

                                                                                                    SAÚDE E TERRA.[3]

Colaboradores

editar

Fermín Bouza-Brey, Ánxel Fole, Manuel Lesteiro, Luís Manteiga, Ramón Otero Pedrayo, Luís Pimentel, Emilio Pita, Vicente Risco, Lois Tobío Fernández, Alfonso Vázquez Martínez, Teixeira de Pascoaes (portugués) e Phileas Lebesgue (francés).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar