Eladio Rodríguez González
Eladio Rodríguez González, nado en San Clodio (Leiro) o 24 de xullo de 1864[1] e finado na Coruña o 14 de abril de 1949, foi un lexicógrafo, xornalista e escritor galego. Foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega, a cal presidiu entre 1926 e 1934; tamén é autor dun dicionario, ó que lle dedicou toda a súa vida, moi valorado polo seu contido etnográfico, que foi editado postumamente. No ano 2001 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xullo de 1864 San Clodio, España |
Morte | 14 de abril de 1949 (84 anos) A Coruña, España |
Presidente da Real Academia Galega | |
19 de xuño de 1944 – 15 de outubro de 1944 ← Manuel Casás Fernández – Manuel Casás Fernández → | |
4º Presidente da Real Academia Galega | |
20 de novembro de 1926 – 3 de abril de 1934 ← Francisco Ponte Blanco – Manuel Lugrís Freire → | |
Actividade | |
Ocupación | escritor |
Partido político | Liga Gallega |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Fillos | Julio Rodríguez Yordi |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarFoi fillo dun labrego, Camilo, e unha costureira, Agustina, solteira, que tiveron outros tres fillos: Emilio (que morreu novo), Petra e Matilde. Con sete anos de idade, a nai mandoulle a vivir cun irmán seu na Coruña porque "o neno non serve pra o campo, o neno é de letras", pero volveu pronto ao seu lugar de nacemento, onde traballou de mestre -sen titulación- no convento de San Clodio.
En 1886 escribiu a súa primeira poesía coñecida, A noite de San Xoán, coa que conseguiu un accésit no "Certame gallego literario-musical", celebrado en Pontevedra. Nese mesmo ano publicou outros traballos en revistas como O Galiciano (semanario de Pontevedra que convocara eses xogos florais[2]), O Tio Marcos d'a Portela (Ourense[3]) e Galicia Moderna (editada en Cuba[4]). En 1887 participou noutros xogos florais convocados en Betanzos e conseguiu tres premios[5]; no mesmo ano publicou nas revistas Galicia. Revista Regional (A Coruña) e A Gaita Gallega (Cuba[6]).
De volta na Coruña (1888) comezou a traballar como escribán temporal no concello da Coruña, no que traballou ata a súa xubilación en 1937) como Oficial Maior, aínda que sempre compaxinou este traballo co xornalismo, a lexicografía e a poesía. Froito desta dedicación foron a dirección do xornal La Mañana e continuas colaboracións nas revistas galegas e da emigración da época, como Galicia Humorística (Santiago), El Eco de Galicia (Cuba), A Monteira (Lugo) etc.
O 28 de marzo de 1891 casou coa coruñesa Josefa Benigna Evarista Yordi Visier, coa que tivo sete fillos: Luís Galo, Arturo, Eladio, Julio, María, Adela e Mercedes. O mesmo ano conseguiu o Premio de Honor nos xogos florais de Tui polo seu poema "Desperta"[7].
En 1894 publicou o seu primeiro libro de poemas, Folerpas, con obras premiadas nos certames literarios nos que se tiña presentado.
O ano 1895 naceu a Revista Gallega, na imprenta de Uxío Carré Aldao, con Eladio Rodríguez como membro da redacción. Constituída como órgano de expresión da Cova Céltica, da que nacerá dez anos despois a Real Academia Galega, Eladio Rodríguez participou nos faladoiros da librería xunto con Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Salvador Golpe, Francisco Tettamancy, Galo Salinas, Manuel Lugrís Freire e, ocasionalmente, Emilia Pardo Bazán. O 22 de setembro dese mesmo ano, os membros da Cova Céltica constituíron a Liga Gallega[8] allea a calquera partido político e co único obxectivo de loitar polos intereses de Galicia. A partir do 14 de novembro de 1897, a Revista Gallega proclamábase Órgano oficial de la Liga Gallega en La Coruña. Eladio Rodríguez foi nomeado bibliotecario da "Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos", máis coñecida como "Círculo de Artesanos da Coruña"; como bibliotecario desta organización, elaborou un "Catálogo de las obras científicas, literarias y musicales" da institución, con máis de 3.300 obras (publicado en 1901 e ampliado en 1907).
Foi un dos socios fundadores da Asociación da Prensa da Coruña en 1904, da cal foi tamén presidente.
En 1905 participou como socio fundador da Real Academia Galega, con Murguía como Presidente. Eladio foi o seu secretario desde 1920 a 1926, e o seu presidente desde esta data ata 1934, ano en que dimitiu por razóns de saúde.
Continuou colaborando con revistas literarias e galeguistas[9], como A Nosa Terra[10], Solidaridad Gallega, Suevia (Buenos Aires), El Compostelano (Santiago[11]) ou o suplemento literario que El Noroeste comezou a publicar en 1918[12]. No Boletín da Real Academia Galega publicou numerosos ensaios.
En 1916 participou na fundación da Irmandade dos Amigos da Fala (Irmandades da Fala), promovidas por Antón Villar Ponte[13]
En 1917 participou na fundación do coro Cántigas da Terra, que chegou a presidir e para o que escribiu un poema co mesmo título "Cántigas da Terra". En 1918 gañou o primeiro premio da Festa da Poesía e da Música da cidade de Lugo, con "Alma de raza", e o premio especial e extraordinario con "¡Malpocado!".
En 1920, xa secretario da Real Academia Galega, respondeu ó discurso de ingreso de Ramón Cabanillas; en 1926 respondeu igualmente ó discurso de ingreso de Fernando Martínez Morás. En 1922 publicouse o seu segundo libro, Raza e terra[14]. En 1924 gañou co poema "Oraciós campesiñas" o premio de honor na Festa da Língoa Galega, en Santiago.
O 20 de novembro de 1926 resultou elixido por unanimidade como presidente da Real Academia Galega, para suceder a Francisco Ponte Blanco, cargo que ocupou ata o 4 de marzo de 1934, ano en que foi sucedido por Manuel Lugrís[15]. Por este cargo, colaborou na comisión redactora do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía en 1932.
En 1927 publicou Oraciós campesiñas[16], foi nomeado académico correspondente da Sección Gallega da Real Academia Española e membro do Instituto Histórico do Minho (Portugal). Tamén ingresou no Seminario de Estudos Galegos.
Enfermo desde 1934, renunciou á presidencia da Academia e foi reducindo as súas colaboracións literarias. Finalmente, morreu na Coruña o 14 de abril de 1949 e recibiu sepultura no cemiterio de San Amaro, na Coruña.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2001.
Obras
editarPoesía
editar- Folerpas. Poesías gallegas (A Coruña: Andrés Martínez Salazar, 1894)
- Raza e terra (Ferrol: Céltiga, 1922)
- Oraciós campesiñas (A Coruña: Lit. e Imp. Roel, 1927)
Prosa
editar- La Ultima broma, con Alfredo de la Fuente (A Coruña, 1897).[17]
Diccionario enciclopédico gallego-castellano
editar- Artigo principal: Diccionario enciclopédico gallego-castellano.
Fóra de toda dúbida, a obra máis coñecida de Eladio Rodríguez foi o seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, considerado o máis importante ata a aparición dos dicionarios monolingües[18] e fonte principal dos dicionarios modernos da lingua galega.
Aínda que se anunciou a súa publicación en 1928 e 1933, non foi posible levalo ó prelo ata 1958, case 20 anos despois da morte do autor.
Notas
editar- ↑ A biografía publicada por Teresa Monteagudo (páx. 21) transcribe o certificado de bautismo asinado o 27 de xullo: "...baptizo solemnemente y pongo los santos óleos a un niño que dijeron había nacido el veinte y cuatro antecedente a las doce del día". A Gran Enciclopedia Galega dá a data do 27 de xullo como a do nacemento.
- ↑ "Presentementos", "Catro verdades" -asinado como Mingos Reza- e "Or'o demo".
- ↑ "Os gallegos fora d'os lares". Co tempo publicaría moitas máis colaboracións no Tío Marcos.
- ↑ "Os gallegos fora d'os lares" e "El toque de Alba".
- ↑ Premio de Honor por "Os orfos da emigración", Caravel de prata por "O puzo d'o barco" e o primeiro accésit por "¡Arrenégote moda!".
- ↑ "Presentimentos".
- ↑ Neste acto, Alfredo Brañas pronunciou un discurso no que falou destes actos literarios como unha manifestación práctica do rexionalismo, unido así cultura e política no movemento rexionalista.
- ↑ Fundada formalmente en novembro de 1897, con Salvador Golpe como presidente, Lugrís como secretario e Eladio Rodríguez entre os vocais.
- ↑ En total, hai catalogadas colaboracións en, canto menos, 45 periódicos e revistas.
- ↑ Na que escribiu case 30 colaboracións desde o primeiro número ata 1927, xa na segunda época da revista. Nesta segunda época, que comeza en 1916, publicou a sección "Pintores d'almas" na que escribiu sobre Castelao, Asorey, Sotomayor, Sobrino, Lloréns etc. Con estes artigos tiña pensado publicar un libro co título Terra a miña, que nunca chegou ó prelo.
- ↑ No que publicou ata 79 colaboracións entre 1925 e 1941.
- ↑ Do que Eladio Rodríguez foi primeiro xefe de redacción e logo director desde a segunda entrega. Neste suplemento volveu a publicar algúns artigos da serie Pintores de almas.
- ↑ En novembro dese ano, Eladio Rodríguez foi nomeado "Iº Mestre da Fala" no primeiro concurso literario que convocan as Irmandades, polo seu poema "Orballeiras".
- ↑ Doce poesías, das que oito foron incluídas posteriormente dentro do seu terceiro libro Oraciós campesiñas.
- ↑ Volveu ocupar o cargo de forma provisional entre o 19 de xuño ó 15 de outubro de 1944.
- ↑ No libro, o autor anuncia un próximo libro, Sementadores de ideal, que nunca chegaría a ser publicado.
- ↑ "La Ultima broma". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 27 de xaneiro de 2015.
- ↑ Ernesto Xosé González Seoane: "Sobre as fontes lexicográficas galegas do DEGC" en Ramón Lorenzo (coord.): Homenaxe a Fernando R. Tato. Universidade de Santiago de Compostela, 2002, p. 145.
- ↑ Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eladio Rodríguez González |
Bibliografía
editar- "Rodríguez González, Eladio". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 189.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Álvarez, V. (2001). "Eladio Rodríguez González e a Real Academia Galega. Crónica e epistolario". Boletín da RAG (362): 9–67. Consultado o 24 de setembro de 2018.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 216.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 384. ISBN 84-7492-465-0.
- Monteagudo, Teresa (2001). "Cronobiografía de Eladio Rodríguez González", en García, C. (coord.): Eladio Rodríguez González. Escolma. Santiago de Compostela: CIRP.
- Otero Fernández, David (2001). A vida de Eladio Rodríguez. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-424-0.
- Santamarina, Antón. O Diccionario de Eladio. Algunhas reflexións sobre o seu significado na lexicografía galega. Vieiros.com Arquivado 09 de abril de 2012 en Wayback Machine.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
Ligazóns externas
editar- "Eladio Rodríguez González". Real Academia Galega.
- Artigos de Eladio Rodríguez no Boletín de la Real Academia Gallega.
Predecesor: Francisco Ponte Blanco |
Presidente da RAG 1926 - 1934 |
Sucesor: Manuel Lugrís Freire |