[go: up one dir, main page]

Cecas bizantinas

Casas de moeda do Imperio Romano de Oriente

Ao logo dos máis de dez séculos da súa existencia (330-1453), houbo arredor de 50 cecas bizantinas, nas que o Imperio Romano de Oriente cuñou as súas propias moedas.

Á parte da ceca metropolitana principal na capital, Constantinopla, tamén se estableceu un número diverso de obradoiros monetarios provinciais noutros centros urbanos, especialmente durante o século VI. A maioría das cecas provinciais, excepto Siracusa, foron clausuradas ou perdéronse ante as invasións de mediados do século VII. Tras a caída de Siracusa en 878, Constantinopla converteuse no único lugar de cuñaxe de moeda de ouro e prata ata finais do século XI, cando comezaron a reaparecer importantes cecas provinciais. Moitas destas casas da moeda, tanto imperiais como pertencentes a gobernantes locais autónomos á medida que se fragmentaba o mundo bizantino, operaron entre os séculos XII e XIV. Constantinopla e Trebisonda, sede do independente Imperio de Trebisonda (1204-1461), sobreviviron ata a súa conquista polos turcos otománs a mediados do século XV.

Historia

editar
 
Cecas bizantinas en tempos de Xustiniano I (mediados do século VI).
Artigo principal: Moeda da Antiga Roma.
Artigo principal: Moeda bizantina.

A rede orixinal de cecas romanas foi reorganizada e centralizada polo emperador Diocleciano (284-305) a finais do século III, en paralelo á reestruturación da administración fiscal e provincial do Imperio Romano. As cecas foron limitadas a unha por cada diocese (cunhas poucas excepcións) e postas baixo o control dual das prefecturas pretorianas e o comes sacrarum largitionum.[1] Durante as dúas centurias seguintes, algunhas destas cecas foron pechadas e outras abriron debido á necesidade fiscal ou ao ditado de cambios administrativos. Ademais, os respectivos emperadores tiñan cecas vinculadas ao seu séquito (comitatus), que o acompañaban nas súas viaxes e campañas por todo o Imperio. Logo dunha lei promulgada entre 366 e 369, a cuñaxe de moeda con metais preciosos limitouse a estas cecas comitatenses, funcionando desde unha base permanente ou facendo uso das casas da moeda rexionais máis próximas á localización puntual do emperador e do seu comitatus. Polo demais, as cecas rexionais estaban na súa maioría limitadas á emisión de moeda con metais comúns.[2]

No transcurso do século V, o sistema de cuñaxe orixinal romano derrubouse. A metade occidental do Imperio foi invadida por pobos xermánicos. Algunhas cecas permaneceron activas baixo os novos gobernantes bárbaros e seguiron cuñando moedas a nome dos emperadores orientais, entre elas sólidos de alta calidade, especialmente na Italia ostrogoda e Burgundia.[3]

 
Moeda dun sólido e medio, cuñado a nome de Constantino en 327, no obradoiro monetario de Tesalónica

No Leste, parece que a maioría das cecas estiveron activas ata algún momento no reinado de Zenón (475-491), mais cando Anastasio I (491-518) ascendeu ao trono só as de Constantinopla e Tesalónica seguían funcionando.[4][5] En 498, Anastasio iniciou unha importante reforma no sistema de cuñaxe que é sinalada como o nacemento dun sistema propiamente bizantino.[6] Ao mesmo tempo, reabriuse a ceca de Nicomedia e máis tarde a ceca de Antioquía.[4] O número de cecas expandiuse enormemente durante o reinado Xustiniano I (527-565), en gran parte por mor da reconquista da Península Itálica, o norte de África e partes da Península Ibérica. Durante a época de Xustiniano estaban en funcionamento catorce cecas, tendo en conta as que se abrían novas e as que se arrebataban aos godos e aos vándalos en Cartago Nova, Cartago, Rávena, Roma e centros provinciais de menor tamaño. A maioría estaban limitadas á cuñaxe de cobre. Cartago e Rávena unicamente producían en prata, mentres que o ouro estaba reservado para Catania, Constantinopla e Tesalónica; as últimas cidades, con todo, superaron amplamente as demais en emisión.[4][7][8]

 
Miliaresion de Constantinopla dos anos 931-944, que amosa a Romano I Lecapeno no anverso e o seu nome e os dos seus coemperadores no reverso.

As perdas territoriais de principios do século VII, coa guerra bizantino-sasánida de 602 a 628, as incursións eslavas nos Balcáns e o arranque da expansión musulmá diminuíron drasticamente o número de casas da moeda en activo, e en 628 ou 629, o emperador Heraclio (610-641) clausurou as cecas provinciais restantes bardante Alexandría, que caeu en mans dos árabes en 646. No Oeste tamén, unha a unha, as cidades que albergaban as cecas foron sucumbindo ante diversos inimigos, sobrevivindo exclusivamente a de Siracusa.[9][10]

Coa caída de Siracusa en 878, Constantinopla quedou como a última ceca de moedas de ouro e prata ata finais do século XI. A casa da moeda provincial en Quersoneso foi reaberta cara a 860, pero a súa produción estaba restrinxida ao traballo con cobre. Tesalónica converteuse na ceca provincial máis importante tras a súa reapertura na segunda metade do século XI, e outros centros provinciais –Corinto e Tebas na Grecia meridional, Filadelfia no século XIV, Magnesia e Nicea durante o Imperio de Nicea– estiveron a producir moeda nos séculos finais do Imperio Bizantino. Os usurpadores ou señores locais semiautónomos tamén fundaron cecas ocasionalmente pola súa conta, como Isaac Comneno de Chipre, León Gabalas de Rodas ou a familia Gabras de Trebisonda. Constantinopla, con todo, mantívose sempre como a ceca principal, proporcionando o maior volume de emisións.[9][11]

Listaxe de cecas

editar
Localidade Período Marca da ceca Comentario Imaxe
Adrianópolis 1354-1356 Activa co goberno do coemperador Mateu Cantacuceno sobre Tracia (1347-1357). Didimoteico é unha localización alternativa.[12]
Alexandreta 609-610 ΑΛΕΞΑΝΔ Activa durante a revolta de Heraclio (610-641) contra Focas (602-610).[13]
 
Sólido de atribución dubidosa a Alexandreta
Alexandría Antes de 330 ata despois de 475 (Ca. 525-646) ΑΛΕΞ, ΑΛΞΟΒ Activa desde antes de Diocleciano (284-305) ata o reinado de Zenón (475-491) como a ceca da diocese de Exipto. Refundada cara a 525, funcionou ata a súa caída ante os árabes.[13][14]
Antioquía Antes de 330 ata despois de 475 (Ca. 512-610) ΑΝ, ΑΝΤΙΚ, ΑΝΤΧ; THEUP, THEUPO, ΘVΠOuΛ Activa desde antes de Diocleciano ( 284-305) ata Zenón ( 475-491) como a ceca da diocese de Oriente.[14] Refundada por Anastasio I (491-518). Renomeada a Teópolis (grego: Θεούπολις, "cidade de Deus") despois do terremoto de 526.[15] Non constan cuñaxes despois de 610 (é probable que se transferise a Xerusalén).[16]
 
Arxénteo de Antioquía de Constancio Cloro
Arta Ca. 1204-1271 Ceca principal do despotado de Epiro. A atribución é conxectural pero probable, xa que Arta era a capital epirota.[15][17]
 
Scyphate de Teodoro Comneno Ducas, do despotado de Epiro
Cartago 533 - Ca. 695 CAR, KAR, KART, CT, CRTG, KRTG Fundada por Diocleciano (284-305) cara a 296, pero suprimida en 307 e o seu persoal transferido á ceca de Ostia.[18] Unha nova ceca foi establecida polos vándalos, tomada polos bizantinos en 533. Existente ata arredor de 692-695, cando se trasladou a Sardeña ante a ameaza dos conquistadores árabes.[13][19]
 
Follis de Cartago de Domicio Alexandre
Carthago Nova Ca. 560-624 Activa na Hispania meridional ata a caída dos derradeiros redutos ante os visigodos cara a 624.[13][20]
Catania Ca. 582-629 CAT Establecida en 582 ou 583, cunha derradeira cuñaxe testemuñada en 628/629.[13][21]
 
40 nummi da ceca de Catania
Cícico 518-629 KYZ, KY Activa desde antes de Diocleciano (284-305), que a converteu na ceca da diocese de Asia.[22] Restablecida por Anastasio I (491-518), permaneceu en funcionamento ata 629/630, cunha interrupción en 614/615 - 625/626 pola guerra cos persas sasánidas.[23][24]
 
Follis de 40 nummi cuñado en Cícico
Constantina en Numidia 540/541 - 592/593 CON Só esporadicamente activa; atribución agora xeralmente desestimada.[13][25]
Constantinopla 330-1204 e 1261-1453 CON, CONOB, CONOS, COB Activa durante toda a era bizantina, agás o período en que funcionou como a ceca do Imperio latino (1204-1261).[23]
 
Tremissis de Constantinopla a nome de Xustino I
Filadelfia 1188-1189 e século XIV ΦΛΔΦ Primeiras cuñaxes co usurpador Teodoro Mangaphas (1188-1189).[26] Tamén se lle atribúen moedas do século XIV coa marca ΦΛΔΦ (naquel tempo e ata a súa caída en 1390 foi un enclave bizantino rodeado de territorio turco.[27]
Filipópolis 1092 e poucos anos despois Activa durante os primeiros anos das reformas monetarias de Afasto I Comneno (r. 1081–1118). Adrianópolis foi tamén sinalada como unha localización alternativa.[28][29]
 
Aspron de Aleixo I Comneno da ceca de Filipópolis
Isauria 617/618 - 618/619 ISAYR Creada para cubrir necesidades militares na guerra contra os sasánidas. Transferida desde Seleucia en 617, e suprimida pouco despois, probablemente por causa do avance persa.[23][16]
Magnesia 1214-1261 Ceca principal e tesouraría do Imperio de Nicea, despois da transferencia da de Nicea alí.[28][30]
 
Hyperpyron de Magnesia a nome de Miguel VIII Paleólogo
Nápoles Desde ca. 661 ata ca. 830-840 NE Activa desde o reinado de Constantino IV (641-685), probablemente despois de 661, cando pasou a ser a sede do doux, ata Teófilo (829-842). Fóra do control imperial conforme o doux se facía cada vez máis independente.[31]
Nicea ca. 1208-1214 Ceca principal do imperio niceno ata o seu traslado a Magnesia, probablemente pola proximidade do territorio latino a Bitinia e pola súa maior proximidade á residencia favorita dos emperadores de Nicea: Ninfeo.[28][32]
Nicomedia 498-627 NIK, NIKO, NIC, NIKM, NIKOMI, NIN Fundada por Diocleciano (284-305) cara a 294 para a diocese do Ponto.[18] Activa ata finais do século V, foi reaberta por Anastasio I (491-518) cara a 498 e mantívose ata 627, cunha interrupción en 617/618 - 625/626, pola guerra contra os sasánidas.[13][33]
 
Follis de 40 nummi da ceca de Nicomedia
Nicosia 1184-1191 Principal ceca do usurpador Isaac Comneno. Tamén se estableceron algunhas outras na illa de Chipre.[28][34]
 
Grupo de scyphate do "Tesouro de Nicosia"
Perugia 552/553 Atribución conxectural, agora xeralmente desestimada.[13][25]
Quersoneso Século VI a finais do IX ou principios do XI ΧΕΡCWΝΟC, ΧΕΡCΟΝΟC, Activa baixo Xustiniano I (527-565) e Mauricio (582-602), e desde o reinado de Basilio I (867-886) ao de Basilio II (976-1025).[23]
 
Follis de Mauricio Tiberio da ceca de Quersoneso
Rávena Ca. 540 ata principios do século VIII RAV, RA, RAB, RAVEN, RAVENNA Existente ata a caída do Exarcado de Rávena (584-751) ante o reino lombardo en 752.[35]
 
Media siliqua de Xustino II cuñada en Rávena
Rodas Ca. 1232 - ca. 1248 Cuñaxe local dos irmáns León e Xoán Gabalas, gobernantes autónomos de Rodas e as illas próximas.[36]
Roma Ca. 540 - ca. 750 ROM, ROMA, ROMOB, Teoricamente en funcionamento ata arredor de 751, cando Roma e o Papa se distanciaron do señorío bizantino, aínda que baixo control efectivo pontificio desde o século VII.[37]
 
Sólido de León III do obradoiro de Roma
Salamina en Chipre 610 e ca. 626-629 ΚΥΠΡΟV, ΚΥΠΡΕ, KYΠΡ,

CΠΡ

Activa durante a revolta de Heraclio e de novo en 626-629, principalmente para cubrir necesidades militares.[13][38]
 
Sólido chipriota da revolta de Heraclio
Salona Ca. 535 e posteriormente Localización probable, pero non segura; activa só durante o reinado de Xustiniano I (527-565).[15][20]
Sardeña Ca. 695 ata despois de 717 Fundada, probablemente en Cagliari, a partir da transferencia da ceca cartaxinesa cara a 692/695, testemúñase ata o reinado de León III (717-741).[13][39]
Seleucia Isauria Ca. 615-616 SELISU, SEL Creada para cubrir as necesidades militares derivadas da guerra contra Persia. Trasladada a Isauria en 617.[13][16]
Siracusa Desde 643/644 ata 878 SECILIA, CVΡΑΚΟVCI Activa desde arredor de 643/644 ata a súa caída ante os árabes en 878, ás veces complementada por Catania. Antes diso, cuñábanse as moedas en Constantinopla e era levadas á illa para seren marcadas como SC[L].[23][40]
 
Follis de Siracusa a nome de Miguel I Rangabé
Tebas Segunda metade do século XII Atribución conxectural; e unha ceca para acuñar fraccións de tetarteron para os themata da Hélade e o Peloponeso. Atenas e Corinto foron propostos como localizacións alternativas. Solidamente testemuñada desde o reinado de Manuel I Comneno (1143-1180) ata o primeiro goberno de Isaac II Anxo (1185-1195). Creada probablemente cara a 1092.[15][41]
Tesalónica 330 - 629/630 e de finais do século XI a mediados do XIV TES, ΘΕC, ΘΕS, THESSOB, TESOB, THSOB Activa desde antes de Diocleciano (284-305), que a fixo ceca da diocese de Mesia. Máis tarde, foi a ceca principal da diocese de Macedonia e a prefectura pretoriana de Ilírico, ata 629/630.[15][42] Reactivada por Aleixo Comneno (1081-1118). Entre 1204 e 1224, estivo activa como ceca do reino de Tesalónica; desde entón e ata a conquista nicena en 1246 como a ceca imperial de Tesalónica. As derradeiras cuñaxes identificables datan de 1369-1387.[43]
 
Sólido de Tesalónica a nome de Constancio Galo
Trebisonda Finais do século XI a mediados do XII e de Ca. 1230 a 1461 Emisión local pola familia Gabras, gobernantes semiindependentes de Caldia entre finais do século XI e principios do XII.[34] Desde o reinado de Andrónico I (1222-1235) foi a ceca do Imperio de Trebisonda (1204-1461).[44]
 
Aspron de Manuel I Comneno cuñado en Trebisonda
Xerusalén 608 - 614/615 ΙΠ, ΙΧ, IEΡOCO, XC NIKA Establecida en 608, durante a revolta de Heraclio, por partidarios de Focas, posiblemente por traslado desde a ceca de Antioquía. Sobreviviu ata a toma da cidade polos persas en 614/615.[13][38]

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar