Rodas
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Rodas (grego: Ρόδος, Ródos roðos) é a illa máis grande das illas do Dodecaneso en termos de superficie e tamén a capital histórica do grupo de illas. Administrativamente a illa forma un municipio separado dentro da unidade rexional de Rodas, que é parte da rexión administrativa do Exeo Meridional. A cidade principal da illa e a sede do municipio é Rodas.[1] A cidade de Rodas tiña 50.636 habitantes en 2011. Está situada ao nordés da illa de Creta, ao sueste de Atenas e xusto á beira da costa anatolia de Turquía. O alcumo de Rodas é "A illa dos cabaleiros", nomeada logo de que os Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén, a conquistaran.[2]
Localización | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
Estado | Grecia | ||||||||||
Administracións descentralizadas | administración descentralizada do Exeo | ||||||||||
Periferias | Exeo Meridional | ||||||||||
Unidades periféricas | Rodes (pt) | ||||||||||
Poboación | |||||||||||
Poboación | 115.490 (2011) (82,47 hab./km²) | ||||||||||
Xeografía | |||||||||||
Superficie | 1.400,459 km² | ||||||||||
Bañado por | Mar Exeo e Mar Mediterráneo | ||||||||||
Altitude | 1.215 m | ||||||||||
Punto máis alto | Atavyros (en) (1.215 m) | ||||||||||
Datos históricos | |||||||||||
Creación | século XVI a. C. | ||||||||||
Evento clave
| |||||||||||
Organización política | |||||||||||
Membro de | |||||||||||
Identificador descritivo | |||||||||||
Código postal | 85x xx | ||||||||||
Fuso horario | |||||||||||
Prefixo telefónico | 2241, 2244 e 2246 | ||||||||||
Outro | |||||||||||
Irmandado con | |||||||||||
Páxina web | rhodes.gr |
Historicamente, Rodas era famosa en todo o mundo polo Coloso de Rodas, unha das sete marabillas do mundo antigo. O casco antigo medieval da cidade de Rodas foi declarado Patrimonio da Humanidade. Hoxe en día, é un dos destinos turísticos máis populares de Europa.[3][4][5][6]
Xeografía e situación
editarRodas esténdese en dirección NL-SO ao sur da costa turca, enfronte da antiga rexión de Caria, da que a separa unha canle de 15 km de ancho. Ten unha lonxitude de 78 km, a súa anchura é de 39 km (entre os cabos Monolithos e Lindos) e unha extensión global de 1398 km². A distancia que a separa de Atenas é de 490 km.
Unha cadea montañosa descontinua atravesa a illa en dirección N-S. O pico máis alto sitúase na vertente occidental e chámase Ataviros (1215 m). Rodas non posúe grandes correntes de auga senón máis ben torrentes que están no seu maior parte secos durante o verán.
En Rodas atopábase unha estatua de dimensións extraordinarias (ver Coloso de Rodas). Era unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo e a tradición conta que foi destruída tras un terremoto.
Orixes e mitoloxía do nome de Rodas
editarPodemos facernos unha idea dos diferentes nomes que Rodas tivo principalmente grazas a tres autores: Estrabón (Geographia, XIV, 2), Amiano Marcelino (XVII, 7) e Plinio o Vello (Naturalis Historia, V, 36).
Estrabón outorga a Rodas o nome de 'Telchinis' (Τελχινíς), que pode facer referencia aos primeiros habitantes que poboaron a illa, os chamados Telchinos, tamén mencionados por Diodoro de Sicilia. Estes eran Fillos do Mar, os primeiros habitantes da illa, con cabeza de can e aletas de peixe (precisamente unha das metamorfoses habituais de Proteo era a de foca), que foron ademais os primeiros poboadores de Creta. Ao parecer, por mor dos seus conxuros coa auga de Estixia, Zeus mándalles un Diluvio que os dispersa por diferentes puntos da Hélade e Asia Menor. Segundo a tradición criaron e educaron a Poseidon a instancias de Rea, fabricaron o seu tridente e a fouce de pedernal dentado que castrou a Cronos. Unha vez que a illa reemerxe das ondas é ocupada por Helio quen casa coa ninfa Rodo, que nalgunhas versións é filla da unión deste con Halia, unha telquin.
O nome de 'Pellagia' recollido por Amiano Marcelino pode estar en relación coa mítica orixe de Rodas a partir do mar. Pero é Plinio o Vello o que máis noticias nos refire sobre os antigos nomes de Rodas, ben sexan míticos ou reais. Así "vocitata est antea Ophiusa, Asteria, Aethraea, Trinacria, Corymbia, Paeeessa, Atabyria ab rege; deinde Macaria et Oloessa." (Naturalis Historia, V, 36).
A explicación a estes nomes pode ser a seguinte:
- - Ophiussa (Οφιουσσα). Pola abundancia de serpes que ao parecer tiña a illa.
- - Oloessa (Ολóεσσα). Que significa perniciosa ou mortal, quizais polo mesmo motivo das serpes.
- - Asteria (Αστερíα). Porque brillaba como un astro pola súa beleza e polo predominio do tempo soleado a maior parte do ano.
- - Trinacria (Τρινακρíα). Porque posúe tres promontorios como Sicilia.
- - Atabyria (Αταβυρíα). En referencia á súa máis alta montaña ou ao nome do seu máis antigo e lendario rei.
- - Macaria (Μακαρíα). Porque segundo a tradición é unha illa afortunada como Chipre e Lesbos.
Pero o máis probable é que o nome de Rodas faga referencia á flor ben do granadeiro ou á rosa mesma. De feito, en numerosas moedas rodias a rosa é un elemento iconográfico de primeira orde. Ademais a flor do granadeiro en grego clásico exprésase coa palabra ροια. En calquera caso todas estas explicacións non son máis que conxecturas.
Bosquexo histórico
editarCara a finais da Idade de bronce (-1550 - -1100) a influencia minoica en Rodas é patente. En -1100 prodúcese a chegada dos dorios, que contribúen ao desenvolvemento dalgunhas cidades da illa como Lindos e Kamiros. Aproveitando o lugar privilexiado que Rodas ten no mapa como encrucillada entre Oriente e Occidente, os dorios favorecen o comercio e desenvolven rutas comerciais que comunican os catro puntos cardinais, especialmente con Exipto e coa Grecia continental.
Datas clave | |
---|---|
Data | Acontecemento |
-305 | Rodas alíase con Atenas. Construción do Coloso |
-297 | Roma conquista Rodas |
-226 | Terremoto sobre a illa. Destrución do Coloso |
330 | Primeiro período bizantino |
961 | Segundo período bizantino |
1306 | Os cabaleiros de S. Xoán de Xerusalén compran a illa |
1522 | Solimán o Magnífico conquista Rodas |
1912 | O Imperio Otomán cede a illa a Italia |
1943-1945 | Rodas baixo ocupación alemá |
1945-1947 | Administración británica |
1947 | Rodas intégrase na República helénica |
1967-1974 | Ditadura dos Coroneis |
1981 | Entrada de Grecia na CEE |
2002 | Grecia forma parte da zona euro |
Durante todo o século -IV e -III, Rodas xoga un papel bastante indeciso desde o punto de vista diplomático. Cara a -480 atopámola aliada dos persas contra os gregos para virar posteriormente ao redor da órbita da Liga de Atenas. Anos máis tarde porase ao lado de Esparta contra Atenas para en -411 inclinarse novamente ao lado de Atenas contra Esparta. Este xogo de alianzas reflíctese tamén na súa estrutura política coa alternancia dun modelo político oligárquico de tipo espartano e un paradigma democrático á ateniense. Esta ambivalencia será a causa de non poucas tensións políticas internas ao longo de toda a primeira metade do século -IV.
Durante o Período helenístico, Rodas permanece á beira de Alexandre o Grande ata a súa morte. Pero en -323, Antígono, un personaxe próximo a Alexandre o Grande, solicita a axuda de Rodas para depor ao rei de Exipto. Pero como Rodas mantén relacións comerciais substanciosas con Exipto, rexeita a petición realizada. Antígono enviará ao seu fillo, Demetrio Poliorcetes, que asediará a illa durante un ano (-305--304). O asedio fracasa completamente e o conflito resolverase pacificamente trala mediación dalgunhas \polis gregas.
Os anos posteriores serán proveitosos grazas á actividade comercial da illa. A cidade de Rodas chegará a ter ata 60.000 habitantes e construiranse nela numerosos teatros, estatuas e templos. En -297 Roma anexiona Rodas.
Tras a caída do Imperio romano, a illa estará dacabalo da dominación ou da influencia de Bizancio, Venecia e Xénova. A súa posición xeográfica entre occidente e Terra Santa convertéraa nun lugar privilexiado e moi visitado durante as Cruzadas.
En 1309, os Cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén establécense en Rodas tras ser expulsados de San Xoán de Acre e de Chipre. Durante este período e ata finais do século XV a illa ve o desenvolvemento dunha arquitectura gótica sen parangón: castelos de Kamiros e Monolithos e as murallas de Lindos.
En 1522 Suleiman I conquista Rodas, os Cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén abandonan a illa para establecerse en Italia e despois en Malta. O período otomán durará ata 1912, ano en que Rodas pasa a mans italianas ata 1943. De 1943 ata 1945 os alemáns ocupan a illa, para ser novamente arrebatada polos ingleses, que exercerán a administración ata 1947 en que se integra a Grecia.
Referencias antigas
editarRodas (en grego Rhodos) é coñecida en latín como Rhodus. O seu nome primitivo foi Ofiusa, e despois foi coñecida como Estadía, Telquinis, Asteria, Aethraea, Trinacria, Corymbia, Poieessa, Atabyria, Macaria e Oloessa. A súa montaña máis alta era o Atabyris ou Atabyrion (actualment Attaviros, 1.215 metros), e as cidades estaban situadas na costa.
Historia
editarHistoria antiga
editarOs seus primitivos habitantes eran os lendarios telquines (telchines) e irían desde Creta. Os telquines eran nove, e unha irmá, Halia, que se emparellou con Poseidón e que tivo seis fillos e unha filla chamada Rhodos que deu o seu nome á illa. É máis probable que o nome derive do grego rhodos (rosa) xa que a rosa aparece como símbolo nas moedas cuñadas en Rodas.
Os seguintes habitantes lendarios foron os heliades (heliadae) que eran sete e foron os devanceiros das sete tribos da illa; emigraron a Lesbos, Cos, Caria, e Exipto.
Tamén a lenda menciona o establecemento de colonias estranxeiras: Exipcios dirixidos por Dánao, fenicios por Cadmo, tesalios e carios.
Finalmente a illa foi dominada polos dorios despois do 1200 a.C..
As tres primeiras cidades eran Lindos, Ialisos e Camiros (latín Lindus, Ialysos e Camyrus) que xunto con Cos, Cnido e Halicarnaso formaron a hexápolis dórica con santuario común na costa de Caria e Apolo como deidade tutelar.
Os rodios fundaron colonias nas Baleares, na costa xerundense, no sur de Italia (Parténope, Salapia, Siris e Síbaris), en Sicilia (Gela), en Cilicia (Soli), e en Licia (Gagae e Corydalla).
En -478 ingresaron na confederación de Delos encabezada por Atenas. As cidades rodias pagaron tributo a Atenas na primeira parte da guerra do Peloponeso, pero en -412 pasáronse aos espartanos despois do desastre da expedición a Sicilia. Un intento de contrarrevolución dos populares, favorables a Atenas, foi sufocado nas tres cidades.
En -408 as tres cidades uníronse e fundaron unha nova cidade, Rodas, no extremo norte da illa, que se converteu en capital dun estado unificado que abrazaba toda a illa.
En -396 Conón cunha frota ateniense presentouse na illa e forzouna a retornar ao seu bando. Estableceuse un goberno democrático que non durou, e en -390 os aristócratas enviados ao exilio seis anos antes regresaron e lograron o poder con axuda espartana.
O excesivo poder de Esparta afastou ao goberno de Rodas desta potencia, e entón achegouse a Atenas, pero en -371 logo da batalla de Leuctra, aliouse con Tebas. Durante a guerra social que durou ata o -355 estivo contra Atenas, instigados polo dinasta de Caria. En -357 caeu en mans do príncipe de Caria Mausolo, conservando, porén, a súa autonomía.
En -342 Mentor de Rodas, un xefe militar que loitara ao servizo de Artabazo II, sátrapa rebelde de Dascilio ou Frigia Helespóntica e máis tarde ao servizo de Exipto axudando ao rei de Sidón, Tabnit II, rebelado contra Persia, obtivo o perdón do rei (que apreciou as súas calidades militares, pois loitando en Sidón derrotara aos sátrapas Mazeos de Cilicia e Belisis de Siria, e só puido ser derrotado polas forzas superiores do exército real persa) que lle enviou a Rodas, que deste xeito converteuse nun estado vasalo de Persia. Mentor fixo chamar ao seu irmán Memnón de Rodas e ao seu cuñado Artabazo II, exiliados a Macedonia, e especialmente o primeiro mostrouse como un xeneral moi hábil, e foi o último xefe dos persas que fixo fronte a Alexandre o Grande, pero á súa repentina morte en -333 deixou Persia a mercé de Alexandre.
A conquista macedonia de Persia implicou tamén o sometemento da illa de Rodas a Macedonia e unha guarnición estableceuse na illa (-332), pero foi expulsada á morte de Alexandre (-323). Desde entón tivo unha política independente aliada cos tolomeos de Exipto que era de interese para o seu comercio.
Para romper a alianza con Exipto, Rodas sufriu un épico asedio por parte de Demetrio Poliorcetes, -305--304). Finalmente Demetrio retirouse e asinou a paz, e deixou unha gran cantidade de material militar no lugar, que os rodios venderon, e co diñeiro recollido erixiron unha estatua a Helios, coñecida como o coloso de Rodas.
Nestes anos Rodas estendeu o seu dominio á costa de Licia e a Caria, á chamada Perea Rodia, e ás illas veciñas: Kasos, Karpathos, Telos e Kalki.
Agatágetos tomou partido polos romanos e intentou convencer ao goberno da illa a aliarse con Roma, cara ao -171, pero a illa permaneceu neutral. Logo da derrota de Perseo de Macedonia (-168) Rodas houbo de ceder moitos dos seus territorios a Roma, acusada de dar apoio ao rei macedonio. En -164 asinou un tratado de amizade con Roma e a illa converteuse no centro de educación de moitos mozos de familias nobres romanas.
Nas Guerras Mitridáticas os rodios, aliados dos romanos, defendéronse contra os pónticos sen axuda e en premio Luculo devolveulle a Perea e algunhas illas. Na guerra civil entre Xulio César e Pompeio estivo á beira do primeiro e logo da morte de César opúxose tamén a Casio; Alexandre de Rodas o líder político de Rodas que dirixía o partido popular foi elevado ao cargo de Prítane en -43, pero pouco despois Alexandre e o almirante Mnasees foron derrotados por Casio na batalla naval de Cnido e os republicanos entraron na cidade e mataron a todos os xefes hostís e venderon ou saquearon a propiedade publica incluíndo as ofrendas dos templos (-42).
Tiberio estivo alí desterrado uns anos antes de ser emperador. Baixo Claudio púxose fin ao seu status de nominal estado independente e foi incorporada á provincia de Asia. Aínda que máis tarde, recuperou a condición de estado nominalmente independente. Cara ao 300 foi incluída na Provincia das Illas (Provincia Insularum) da que foi capital.
O goberno de Rodas
editarO poder correspondía a unha asemblea do pobo que tiña a decisión final sobre calquera asunto; a esta asemblea eran sometidos os asuntos discutidos previamente polo senado. O poder executivo estaba nas mans de dous maxistrados chamados πρυτάνεις, cada un dos cales gobernaba seis meses ao ano; ao seu lado os almirantes (ναύαρχοι) eran os que lles seguían en poder; había outros cargos, pero as súas funcións e dereitos son incertos.
Alta Idade Media
editarPermaneceu en poder de Roma e logo de Bizancio. En 654 foi atacada por Djunada ben Abi Umayya al-Azdi, gobernador de Siria, que construíu alí un forte que conservou sete anos, pero despois recibiu orde de abandonalo (661). En 672 foi temporalmente ocupada polas forzas do califa Muawiyah I dirixidas outra vez polo xeneral Djunada ben Abi Umayya al-Azdi. Os árabes atoparon os restos do coloso e os fragmentos foron vendidos a un mercador xudeu que usou 900 camelos para transportar as pezas, e fundiu o metal. En 718, despois do fracaso árabe en Constantinopla, a illa foi evacuada.
En 1082 Bizancio concedeu a Venecia unha base naval comercial en Rodas que garantiu a tranquilidade na zona, ata entón obxecto de depredacións de piratas, e os insulars do Dodecaneso volveron ao mar e á pesca como principal ocupación. En 1204, á caída de Constantinopla, Rodas e as demais illas permaneceron baixo o control do emperador establecido en Nicea, que en 1261 recuperou a antiga capital. En 1234 os venecianos estableceron alí emporios comerciais, pero en 1248 foron substituídos polos xenoveses que recibiron o recoñecemento bizantino.
Baixa Idade Media
editarEn 1299, o Papa (que alí non tiña ningún dereito) deu a illa en feudo a Frederico II de Sicilia. En 1302 os venecianos establecéronse na illa (e nalgunha máis entre 1302 e 1306) en posicións que foron consideradas baixo soberanía da república. En 1303 a illa foi arrasada por un terremoto que matou a boa parte da poboación grega e os otománs establecéronse nalgún punto da illa dos que foron expulsados entre 1306 e 1309.
Frederico II enviou en 1305 ao seu irmán Fernando de Aragón, cabaleiro hospitalario, a ocupar algunhas illas gregas, expedición que fracasou. En 1306 os venecianos atacaron quizais ocuparon Nísiros e o veneciano Andrés Cornaro apoderouse de Karpathos; a posición xenovesa nas illas era moi débil e o almirante xenovés Vignolo de Vignoli, alegando ter Cos, Leros e unha facenda de Rodas (Lardos) en feudo do emperador, reuniuse secretamente en Limasol co gran maestre dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén, Fulc de Villaret (27 de maio de 1306) e vendeulle os seus dereitos, acordando conxuntamente a conquista de Rodas da que Vignolo reservábase Lardos e outro castelo da súa elección, ademais dun terzo das rendas das demais illas.
O 23 de xuño Villaret saíu de Limasol con dúas galeras ás que se uniron outras provistas polos xenoveses e apoderáronse de Kastellorizo. Vignolo denunciado ás autoridades gregas de Rodas, escapouse da illa e reuniuse con Villaret. Cos foi ocupada por sorpresa, pero os gregos recuperaron o castelo e expulsáronos. O 5 de setembro de 1307 o Papa confirmou a cesión de Rodas (á que non tiña ningún dereito) agora aos cabaleiros. O 20 de setembro de 1306 os cabaleiros ocuparon Peraclos na costa oriental de Rodas, pero o día 25 foron rexeitados no seu ataque á cidade de Rodas.
En novembro, pola traizón dun grego, ocuparon o castelo de Fileremos e iniciaron o asedio da cidade, pero en 1307 o emperador Andrónico enviou unhas galeras e obrigounos a levantar o sitio. En outubro de 1307 chegaron galeras de reforzo desde Chipre e apoderáronse de Lindos. En abril de 1308 ofreceron ao emperador gobernar a illa baixo a súa soberanía, pero a oferta foi rexeitada por Andrónico. A captura dun barco con subministracións para Rodas, que chegou accidentalmente a Famagusta, foi determinante, e finalmente, coa complicidade do capitán do barco, a cidade de Rodas foi ocupada segundo a data tradicional o 15 de agosto de 1309.
Desde 1310 os cabaleiros quixeron facer cumprir a prohibición do Papa de comerciar cos musulmáns e iso levou ao enfrontamento cos xenoveses.
Os cabaleiros dominaron as illas do Dodecaneso (1410) menos Astipalea (dos Querini), Karpathos (Cornaro) e Kasos. Nisiros foi dada en feudo aos Assanti de Isquia en 1316. En 1325 os feudos de Vignolo pasaron ao seu irmán Fulc de Vignoli hereditariamente, pero coa prohibición de vender sen o consentimento dos cabaleiros.
Cos, onde os gregos recibiran a axuda de 50 soldados venecianos mercenarios, foi ocupada parcialmente polos cabaleiros en 1312 e 1315, pero esta posesión non foi recoñecida por Bizancio, que outorgou a concesión aos Giustiniani de Quíos en 1362, e alí tiveron algunha factoría, pero un século despois, antes de 1481, renunciaron a favor dos cabaleiros.
En 1319 unha revolta na illa de Leros dos gregos devolveu a illa a Bizancio, pero en 1320 os cabaleiros recuperárona.
En 1344, no marco dunha liga organizada polo Papa Clemente VI, os cristiáns arrebataron Esmirna ao emir de Aidin. A cidade foi confiada aos cabaleiros que a conservaron a pesar dos ataques turcos, ata que en 1403 chegou Tamerlán que a saqueou e foi evacuada. En 1365 participaron no saqueo de Alexandría dirixido polo rei Pedro I de Chipre.
Cara a 1420 Mehmet I permitiu aos cabaleiros de Rodas ocupar a cidade de Halicarnaso e alí foi construído un castelo (o castelo de San Pedro, que aínda se conserva coas súas torres; é o símbolo da moderna cidade de Bodrum).
Rodas foi atacada tres veces (1440, 1443 e 1444) polos mamelucos de Exipto sen éxito. En 1443 ocuparon a illa de Kastellorizo, pero Rodas cidade non foi atacada ata 1444 e estivo asediada 40 días.
Logo de 1450 os otománs dirixidos por Hanza Bey atacaron Cos e a fortaleza de Arkangelos na costa nordeste de Rodas, pero se resolveu cun tratado que establecía o fin das depredacións aos barcos otománs por parte de corsarios protexidos polos cabaleiros.
Constantinopla foi ocupada polos otománs en 1453 e entón Kasos pasou a Rodas. En 1480 Rodas foi asediada (maio a xullo), por Mesih Pasha, pero fracasou no asalto final o 28 de xullo. O verán de 1482 o shehzade Djem, derrotado polo seu irmán Baiezid II, refuxiouse en Rodas e foi enviado a Francia onde morreu en 1495.
En xullo de 1522 iniciouse o ataque a Rodas; o castelo de San Pedro coa cidade de Halicarnaso pasaron a soberanía de Solimán o Magnífico (entón a cidade era chamada Petrion, probablemente do nome do castelo) e os otománs convertérona en Bodrum. Finalmente os turcos conquistaron Rodas (25 de decembro de 1522) e o 1 de xaneiro de 1523, en virtude do tratado de capitulación, permitiuse a evacuación dos cabaleiros das illas sans e salvos. Murad, fillo de Djem, que optara por quedar na illa, e converteuse ao cristianismo, foi executado xunto cun fillo (a muller e dúas fillas foron enviadas a Istambul). Cos foi ocupada pouco despois. En 1537 os otománs ocuparon Karpathos e Kasos.
Dominación otomá
editarA illa converteuse nun sandjak do eyalet do arquipélago, baixo autoridade do Kapudan Pasha. A reforma administrativa de 1867 que estableceu o wilayet como unidade administrativa superior, divididos en sandjaks e kades, incluír no wilayet do arquipélago, dividido nos sandjaks de Lesbos, Quíos, Lemnos e Rodas, con capital en Quíos. En 1876 a capital do wilayat foi transferida á cidade de Rodas.
Dominación italiana
editarO 4 de maio de 1912 un corpo expedicionario italiano de seis mil homes desembarcou na illa e ocupouna sen resistencia. O wali fuxiu ao continente e a pequena guarnición refuxiouse en Psinthos, unha fortaleza do interior, que foi ocupada polos italianos o 1 de xuño. O tratado de paz de Ouchy (outubro de 1912) estableceu a restitución da illa (e outras illas) a Turquía, pero Italia alegou indemnizacións pola guerra dos Balcáns e demorou a entrega e xa estalou a primeira guerra mundial, ao final da cal o Tratado de Lausana recoñeceu a posesión italiana (24 de xullo de 1923).
A illa foi ocupada polos ingleses en 1944 e entregada a Grecia o 7 de marzo de 1948.
Notas
editar- ↑ Kallikratis law Arquivado 21 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine. Greece Ministry of Interior (en grego)
- ↑ "Rhodes". Visit Greece.
- ↑ Paul Hellander, Greece, 2008
- ↑ Duncan Garwood, Mediterranean Europe, 2009
- ↑ Ryan Ver Berkmoes, Oliver Berry, Geert Cole, David Else, Western Europe, 2009
- ↑ Harry Coccossis, Alexandra Mexa, The challenge of tourism carrying capacity assessment: theory and practice, 2004
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rodas |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Páxina oficial (en grego)