[go: up one dir, main page]

O tetarteron (en grego: νόμισμα τεταρτηρόν, "cuarto de moeda") ou tetarteron nomisma é a denominación de dúas moedas bizantinas, unha de ouro, que estivo en circulación desde a década de 960 ata 1092 en paralelo ao histamenon, e outra de cobre, en uso desde 1092 ata a segunda metade do século XIII.[1][2][3]

Tetarteron de ouro da emperatriz Teodora Porfiroxénita (1055-1056).

Historia

editar

Tetarteron de ouro

editar
 
Tetarteron de ouro de Miguel VI (1056-1057) cuñado en Constantinopla. Peso: 4,06 gr.

A partir dos tempos do emperador Constantino I (306-337), a moeda principal do sistema do Imperio Bizantino fora o sólido ou nomisma, dun ouro de moi boa calidade, que se mantivera durante séculos como padrón de peso e de pureza do metal. O emperador Nicéforo II (963-969), no entanto, introduciu no sistema unha variante na moeda de ouro, denominada teterteron nomisma, dous quilates máis lixeira (é dicir, 1⁄12) que o nomisma orixinal.[4][5][6]

O motivo da introdución desta variante do nomisma é hoxe confuso. Segundo o historiador e teólogo Xoán Zonaras (en grego: Ἰωάννης Ζωναράς, Ioánnes Zonarás), tratábase de aumentar os ingresos do Estado, xa que os impostos tiñan que aboarse utilizando o nomisma orixinal (denominado agora histamenon nomisma, para os diferenciar), en tanto que os pagamentos do estado se pagaban co desvalorizado tetarteron (téñase en conta que o valor oficial de ambas as moedas era o mesmo, malia ser evidente a diferenza real no mercado). Investigadores máis actuais suxiren a posibilidade de que o tetarteron fose creado como imitación do dinar de ouro do mundo árabe, para utilizar nas provincias orientais conquistadas pouco antes aos árabes.[7] Malia a coexistencia real do histamenon e do tetarteron, tamén existe a posibilidade de que este último se crease co fin frustrado de substituír o primeiro en todo o imperio. De calquera xeito, o certo é que o tetarteron foi emitido só en pequenas cantidades durante o século X, e só a partir de mediados do século XI empezou a igualar a cantidade de cuñaxes co histamenon.[8]

Inicialmente, ambas as moedas eran dificilmente distinguibles, dada a proximidade do seu peso. Durante o final do reinado de Basilio II (976-1025), o tetarteron empezou a baterse sobre discos máis grosos e máis pequenos, en tanto que o histamenon se volveu máis delgado e máis ancho. Ademais desa clara diferenza visual, en tempos de Constantino VIII (1025-1028) engadíronse tamén variacións na súa iconografía.[9][10] A mediados do século XI, o tetarteron medía 18 mm de diámetro e tiña un peso estándar de 3,98 gramos, e o histamenon (con 3 quilates máis) tiña un diámetro de  25 mm en diámetro (contra os 20 mm do sólido) e adquirira unha forma lixeiramente cóncava ("scyphate").[11][12] Con todo, a partir do reinado de Miguel IV (1034-1041), que anteriormente fora prestamista, o seu contido de ouro empezou para ser cada vez menor e padeceu sucesivas desvalorizacións. Despois dun período de relativa estabilidade entre 1055 e 1070, o contido de ouro diminuíu drasticamente nas décadas de 1070 e de 1080, ata acabar por desaparecer durante os primeiros anos do reinado de Aleixo I Comneno (1081-1118), quen en 1092 fixo unha reforma profunda do sistema monetario bizantino, eliminando tanto o histamenon como o tetarteron (nesa época xa de electro), substituídos ambos por unha nova moeda de ouro: o hyperpyron.[13][14]

Tetarteron de cobre

editar
 
Tetarteron de cobre de Manuel I Comneno (1143-1180).
 
Tetarteron de cobre de Isaac Comneno (1185-1191), usurpador en Chipre. Diámetro: 20 mm. Peso: 2,75 gr.

A reforma monetaria de Aleixo I trouxo tamén consigo unha nova denominación de cobre (aínda que algúns dos primeiros exemplares foron cuñados en chumbo) en substitución dos vellos follis, que tamén recibiu o nome de tetarteron, quizais por mor da similitude das súas dimensións e da súa textura con respecto á xa caduca de ouro. Con todo, suxeriuse tamén que a orixe da denominación radica en que esta nova moeda de cobre valía a cuarta parte do follis no seu derradeiro período, logo de ser desvalorizado na década de 1080.[15][16][17] O tetarteron de cobre era plana e pesaba arredor de 4 gramos. O seu valor teórico estableceuse inicialmente en 864 pezas por cada hyperpyron de ouro. Cuñouse en grandes cantidades e cunha enorme variedade grande de deseños, especialmente no século XII. Coñécese tamén a emisión de pezas de medio tetarteron. Ambos os valores mantiveron relativamente estable o seu peso, aínda que comezaron a emitirse en menor cantidade coa chegada do século XIII.[18][19][20]

Xa no século XIII, o tetarteron de cobre foi emitido en Tesalónica polos gobernantes do Despotado de Epiro nas décadas de 1230 e 1240, así como polo Imperio de Nicea (1204-1261).[21] No reposto Imperio bizantino reposto, a partir de 1261, foi substituída por un tipo novo de moedas de cobre denominadas assaria, retomando o clásico ás da Antiga Roma.[22]

  1. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Tetarteron" e "Nomisma tetarteron".
  2. "Tetarteron". En Forum Ancient Coins.
  3. "Tetarteron" e "Tetarteron nomisma". En Tipos de moneda bizantina. www.Tesorillo.com
  4. Kazhdan (1991). Páxina 2.026.
  5. Hendy (1985). Páxina 507.
  6. Grierson (1999). Páxina 9.
  7. Grierson (1982). Páxinas 196-197.
  8. Grierson (1982). Páxina 196.
  9. Hendy (1985). Páxina 508.
  10. Grierson (1999). Páxina 10.
  11. Kazhdan (1991). Páxinas 2.026-2.027.
  12. Hendy (1985). Páxina 10.
  13. Hendy (1985). Páxina 509.
  14. Grierson (1999). Páxina 11.
  15. Kazhdan (1991). Páxina 2.027.
  16. Hendy (1985). Páxina 515.
  17. Grierson (1999). Páxina 21.
  18. Hendy (1985). Páxinas 516, 519.
  19. Grierson (1982). Páxinas 215-216.
  20. Grierson (1999). Páxinas 21, 44.
  21. Hendy (1985). Páxinas 524-525.
  22. Grierson (1999). Páxina 22.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar