Impala
Impala Aepyceros melampus | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Impala macho no P. N. de Serengeti, Tanzania
| |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Aepyceros melampus (Lichtenstein, 1812) | |||||||||||||||||||||
Área de distribución do impala
| |||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
|
O impala (Aepyceros melampus) é un mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, que é o tipo, e única especie, do xénero Aepyceros e da subfamilia dos epicerotinos.
É un antílope africano de tamaño mediano, e de aparencia similar á das gacelas, polo que no pasado críase que estaba emparentado con estas, que pertencen á subfamilia dos antilopinos). Aínda que a quen máis se parece é aos cobos, da subfamilia dos reduncinos.
Estudos actuais sitúan ao impala na súa propia subfamilia.
Características
[editar | editar a fonte]Os principais caracteres físicos do impala son os seguintes:[2][3]
É un antílope de tamaño mediano, esvelto e elegante, co perfil do lombo recto.
A súa cabeza é grácil, con ollos grandes e orellas de lonxitude media, finas e afiadas na punta. Presenta no fociño un pequeno triángulo entre as fosas nasais.
Só presentan cornos os machos. Estes son grandes (de 51 a 91,7 cm), delgados e moi gráciles, en forma de lira, configurados en "S", convexos na súa metade basal, curvados primeiro cara a atrás e despois cara a adiante, separándose, nas puntas.
A lonxitude da cabeza e o tronco oscila entre os 125 e os 160 cm nos machos, e entre os 120 e os 130 cm nas femias; a da cola, entre os 20 e os 45 cm nos machos, e entre os 30 e os 54 cm nas femias.
A altura na cruz varía de 85 a 95 cm. E o peso, entre os 55 e os 82 kg.
A pelaxe é fina e lustrosa, de coloración xeral parda amarelada (rubia), máis pálida nos flancos.
A cabeza non presenta cores contrastadas, agás unha estreita liña escura entre os ollos; a subespecie A. m. petersi presenta unha mancha escura, case negra, na parte frontal da cara.
Todas as subespecies levan unha liña escura no dorso, desde a metade das ancas até a cola, que é branca, cunha liña mediana negra que non chega até o final, que forma un pincel branco.
As partes inferiores e as nádegas son brancas. Presentan tamén unha raia vertical negra na parte posterior das coxas, pero que non chega a bordear as brancas nádegas.
Un carácter único entre os antílopes é a presenza dun penacho de pelos negros, longos e ásperos, que cobre os talóns das patas traseiras.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]O impala vive na sabana arborada con acacias (miombo) e en bosques ralos de mopanes (Colophospermum mopane), a miúdo preto da auga.[2][3]
A súa área de distribución abarca desde Kenya e Uganda, polo norte, até Namibia, Eswatini, Botswana e Suráfrica, polo sur, incluíndo Tanzania, Zambia, Angola, República Democrática do Congo, Mozambique e Cimbabue.[2][3]
Foi introducido en dúas áreas protexidas de Gabón. A subespecie de cara negra, ou angolana (A. m. petersi), está limitada ao suroeste de Angola e ao Kaokoland, en Namibia (véxase máis abaixo). O impala común (A. m. melampus) foi amplamente introducido en diversas zonas de Suráfrica.[3]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Os impalas son gregarios e sedentarios. As femias viven coa súa única cría en mandas de dez a cen individuos. É frecuente na época de partos ver a varias crías reunidas cun número moi pequeno de femias; grupos coñecidos como mandas de gardaría, nos que unhas poucas femias vixían ás crías mentres as demais pastan.[2][3]
Á parte destes grupos tamén se forman mandas de machos xoves e adultos vellos (machos solteiros), que son demasiado débiles para defenderen un territorio.
Os machos de mediana idade son solitarios e territoriais e, na época da reprodución, requiren para si a cada unha das femias que pasa polo seu territorio. Durante os meses secos, os impalas xúntanse en mandas maiores.[2]
Os seus movementos poden ser moi rápidos. Ante calquera ameaza, foxen de contado para poñerse a cuberto, sendo capaces de realizar grandes saltos, mesmo cando non hai obstáculos que salvar, de até 9 m de lonxitude e 3 m de altura.[2]
O grito de chamada é un sonoro bufido de ton agudo, que emiten especialmente cando están alarmados. Os impalas son moi ruidosos e gruñen a miúdo durante todo o día,[2]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Activos tanto durante o día como a noite, aliméntanse, nas sabanas arboradas e bosques pouco densos en que viven, comen fundamentalmente herba (preferentemente curta) na maior parte das zonas (até o 95%),[3] pero tamén follas das acacias e dos arbustos, directamente nas súas pólas, e tamén consomen flores, froitos e sementes.
Dependen en gran medida da auga, pero poden sobrevivir unicamente coa rosada durante longos períodos e tempo.[2]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Mentres dura a tempada de reprodución, por regra xeral, un macho dos impalas vixía a un grupo de femias, camiñando dun lado ao outro, exhibindo a súa cornamenta, coas orellas pegadas ao pescozo e o rabo ergueito.
A loita dos machos polo seu harén divídese en tres series de combates.
- Primeira, o desafiador amosa a súa parte clara do ventre, bocexa e saca a súa lingua con rapidez. Despois, coma provocación ao combate nega a testa.
- Na segunda fase ambos os dous rivais, situados un enfronte do outro e coas testas ergueitas, achéganse e retíranse.
- Se posteriormente ningún dos dous se dá por vencido, cravan os seus cornos, e empuxan cara a adiante e cara a atrás, sepáranse e comezan de novo coa última fase até que un dos dous animais se rende.
A xestación dura entre seis e medio e sete meses, e as femias paren unha cría por parto.[3]
Reciprocidade directa
[editar | editar a fonte]Os impalas que pertencen ao mesmo grupo social aséanse os uns aos outros utilizando a lingua. O custo do aseo —gasto de saliva e certa redución da vixilancia antipredatoria— é relativamente baixo. Porén, o beneficio que se obtén polo feito de seren aseados é considerábel, xa que esta conduta serve para eliminar ectoparasitos. Xa que os animais non poden asearse mutuamente ao mesmo tempo, os receptores devolven o favor aos emisores máis adiante.[4]
Sinais de alarma
[editar | editar a fonte]Para alertar aos seus conxéneres da presenza dun depredador ou de calquera outro perigo, os impalas empregan unha serie de sinais visuais, acústicos e olfactivos.
Os sinais visuais son os máis coñecidos destes animais. A cara dorsal da súa cola é dunha cor branca inmaculada. Cando están alerta, alzan a cola mentres van dando unha serie de saltos. A cor branca da cola pódese divisar a varios metros de distancia, alertando aos demais animais dos arredores.
Os sinais acústicos comprenden unha serie de bufidos que recordan ao disparo dun rifle. Cando o depredador fol identificado estes bufidos resoan por toda a sabana.
Os sinais olfactivos son menos coñecidos. As glándulas que os impalas levan no calcaño das súa patas traseiras segregan unhas feromonas que indican a presenza dun depredador. É probábel que sexa esta a razón pola cal os impalas saltan dando "couces" ao aire, como se estivesen nunha randeeira flotante. Ao saltar desta maneira, conseguen que o olor se vaia expandindo polas zonas do redor alertando á manda e ao resto de animais da presenza dun depredador. Esta cualidade pode ser debida ao costume que este antílope ten de vivir en zonas arboradas e de vexetación mesta, onde os sinais visuais non serven en gran medida.
Principais depredadores
[editar | editar a fonte]O impala é un antílope que debe estar en constante alerta, xa que é unha peza clave no menú de calquera depredador de gran tamaño de África. Os seus principais depredadores son o leopardo, o guepardo, o licaón, a hiena pinta, o crocodilo e a pitón. O león tamén cazan impalas ocasionalmente, sobre todo durante as épocas de seca, cando presas máis substanciosas (ñus e cebras) migran cara a outras zonas.[2][3]
As crías non só teñen estes depredadores, senón tamén babuínos, chacais, hienas, aguias, caracais e rateis.
Todo isto converte ao impala nunha especie fundamental do seu ecosistema.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descricións
[editar | editar a fonte]A subfamilia foi descrita en 1872 polo naturalista inglés John Edward Gray.
En canto o xénero fora descrito en 1847 polo zoólogo sueco Carl Jakob Sundevall, na súa obra Kongl. Svenska Vet.-Akad. Handl. Stockholm, 1845: 271].[5]
E a especie fora descrita xa en 1812 polo zoólogo alemán Martin Hinrich Carl Lichtenstein, na súa obra Reisen Sudlichen. Africa, 2., baixo o nome de Antilope melampus.[5]
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]O nome vernáculo impala é unha voz da lingua zulú que significa "gacela".
Sundevall tirou o nome científico do xénero, Aepyceros, dos termos do grego antigo αiπύς aipýs "alto" e κέρας kéras "corno". E Lichtenstein tomara o específico, melampus, de μέλασ mélas "nego", e πούς poús "pé").[6] Literalmente, "o de cornos altos e pés negros", isto último en alusión ao penacho de pelos negros que cobre unha glándula no talón das patas traseiras.
Variación taxonómicas
[editar | editar a fonte]Debido á súa estreita afinidade con algunhas especies de gacelas, cobos e reduncas, os taxonomistas colocaran ao impala na mesma tribo que estes, a dos alcelafininos. A súa semellanza co alcélafo buséfalo (Alcelaphus buselaphus) conduciu á paleontóloga Elisabeth Vrba a considerar o impala como un clado irmán dos alcelafinos e Aepyceros foi incluído na subfamilia dos alcelafinos en 1985.[7] Porén, o impala foi situado posteriormente na súa propia tribo, a dos Aepycerotini, que en 1992 foi elevada ao rango de subfamilia (epicerotinos).[8][9]
Análise de ARNr mitocondrial e de secuencias de β-espectrinas dos glóbulos vermellos, suxiren unha asociación entre Aepyceros e Neotragus.[10]
Subespecies
[editar | editar a fonte]Na especie Aepyceros melampus distinguíanse tradicionalmente as seguintes subespecies:[5]
- Impala común, do sur ou surafricano (Aepyceros melampus melampus)
- Impala de Malaui (Aepyceros melampus johnstonii)
- Impala de Uganda (Aepyceros melampus katangae)
- Impala de cara negra ou angolano (Aepyceros melampus petersi)
- Impala de Kenya (Aepyceros melampus rendilis)
- Impala de Tanzania (Aepyceros melampus suara)
Porén, na actualidade, a maioría dos autores só recoñecen dúas:[1][11]
- Aepycerus melampus melampus
- Aepycerus melampus petersi
Considerando as outras como simples variedades de A. m. melampus.
Variacións interespecíficas
[editar | editar a fonte]As principais variacións entre as distintas subespecies son:[2]
- O impala do sur (A. m. melampus), que se estende desde o sueste da R. D. do Congo, Zambia e o sur de Tanzania até o río Orange, é o de menor tamaño, ten a coloración máis apagada e os cornos máis curtos.
- O impala de Kenya (A. m. rendilis), que habita en Kenya e no sur de Uganda, é de cores máis brillantes e ten os cornos máis grandes.
- O impala angolano (A m. petersi) presenta unha máscara escura na cara, e ten a cola moi poboada.
Status
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) avalía o estado de conservación desta especie como LC (pouco preocupante). Porén, a subespecie de cara negra (Aepyceros melampus petersi) está clasificada como vulnerábel, aínda que a súa poboación nos últimos anos vai en aumento.[1]
Especie extinta
[editar | editar a fonte]Coñécese tamén unha especie extinguida, Aepyceros datoadeni, que viviu no que hoxe é Etiopía durante o plioceno, hai uns 3 millóns de anos, que foi descrita en 2012 por Denis Geraads, René Bobe e Kaye Reed. Na maioría dos aspectos, incluíndo a forma dos cornos e dos dentes, semellábase moito ao impala actualmente vivo, aínda que era significativamente de menor tamaño.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Impala. Aepyceros melampus na Lista Vermella da IUCN. Versión 2019-1. Consultada o 18 de abril de 2019.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Dorst, J. et al.. (1973), p. 238.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Haltenorth, T. et al. (1986), pp. 87-89.
- ↑ Connor, R. C. (1995): "Impala allogroming and the parcelling model of reciprocity". Animal Behaviour, 49: 528-530.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Wilson & Reeder (2005).
- ↑ Huffman, Brent, en: Aepyceros melampus en Ultimateungulate (en inglés).
- ↑ Kingdon, J.; Butynski, T. & Happold, D. (2013): Mammals of Africa. London: Bloomsbury Publishing. ISBN 1-4081-8996-8.
- ↑ Estes, R. D. (2004): The Behavior Guide to African Mammals: Including Hoofed Mammals, Carnivores, Primates. 4th ed. Berkeley: University of California Press. ISBN 0-5200-8085-8, pp. 158–66.
- ↑ Groves, C. & Grubb, P. (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 1-4214-0093-6.
- ↑ Kuznetsova, M. V. & Kholodova, M. V. (2003): "Revision of phylogenetic relationships in the Antilopinae subfamily on the basis of the mitochondrial rRNA and β-spectrin nuclear gene sequences". Doklady Biological Sciences, 391 (1-6): 333–336.
- ↑ Aepycerus no NCBI.
- ↑ Denis Geraads, René Bobe & Kaye Reed (2012): "Pliocene Bovidae (Mammalia) from the Hadar Formation of Hadar and Ledi-Geraru, Lower Awash, Ethiopia". Journal of Vertebrate Paleontology 32 (1): 180–197. Resume.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Impala |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Impala |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
- Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Impala en Faune saucage. Antilopes d'Afrique (en francés)
- Impala en African Wildlife Foundation (en inglés)
- Impala en Animaux.org (en francés)
- Aepyceros melampus en Wilson & Reeder's Mammal Species of the World. Third edition.
- Aepyceros melampus en Ultimateungulate (en inglés)
- Aepycerus no NCBI.
- Aepyceros melampus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.