Kawaii
Kawaii (可愛い?) é un adxectivo xaponés que pode ser traducido ao galego como 'bonito' ou 'tenro'.[1] Esta palabra ten cabida dentro da cultura popular xaponesa, no entretemento, na moda, na comida, xoguetes, aparencia, conduta e hábitos persoais.
Os xaponeses utilizan a tenrura nunha gran variedade de casos e situacións onde, noutras culturas, poden ser consideradas incongruentemente infantís ou frívolas (por exemplo, en publicacións gobernamentais, en avisos do servizo público, nun ambiente de negocios, na publicidade militar, en medios de transporte, entre outros).
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra kawaii escríbese con dous kanjis: 可, que se le ka segundo a lectura on'yomi e cuxo significado é 'tolerable', 'pasable' ou 'posible'; e 愛, que se le ai segundo a lectura on'yomi e cuxo significado é 'amor'.[2] Ao unir ambos ideogramas, a lectura do segundo kanji cambia a wai para evitar o efecto fonético de pronunciar dúas as seguidas (ka-ai), son que non é común no idioma xaponés.[3] O último carácter é o hiragana い (i), que fai distinción a un dos dous tipos de desinencia dos adxectivos xaponeses (adxectivos terminados en い e adxectivos terminados en な).
Tamén o termo 可愛い ten unha lectura alternativa, pero obsoleta e arcaica, kawayui. De igual maneira existen palabras en xaponés que se derivan da voz kawaii: kawairashii (可愛らしい?), un adxectivo que se pode traducir como 'adorable' ou 'doce'; kawaigaru (可愛がる?), un verbo que se traduce como 'namorarse' ou 'encantarse' ou kawaige (可愛げ?), unha palabra que describe o “encanto dun neno inocente”.[2]
No xaponés antigo describíase a tenrura co termo utsukushi (愛し?) que ten o mesmo significado que a palabra kawaii.
Historia
[editar | editar a fonte]Anteriormente, o termo kawaii usábase só para describir a tenrura dun bebé ou dun animal, cousas que son consideradas como autenticamente kawaii. Pero, na actualidade, o uso ampliouse a calquera tipo de cousas. O fenómeno do kawaii presentouse por primeira vez durante a década de 1960 coa aparición de xoguetes en forma de animais de peluche. Cara a 1967, apareceu no mercado xaponés a boneca Licca-chan, cuxa aparencia tenra captaba a atención das nenas.[4]
O termo comezou a ter aceptación entre os adultos durante a década de 1980. Anteriormente, a norma social no Xapón entre os adultos era ser e actuar de maneira madura, para concentrarse na produtividade económica do país. Cando Xapón alcanzou a cima dese obxectivo, a presión social de actuar con madurez deixou de ter efecto. As mulleres foron as que usaron o termo por primeira vez de maneira limitada para referirse a calquera cousa bonita.[4]
Os adultos comezaron a desinhibirse co termo kawaii coa aparición dos nameneko na década de 1980: Un fenómeno que mostraba a gatos vestidos como vándalos bōsōzoku (banda de motociclistas, xeralmente adolescentes maiores, que viaxan polas estradas ignorando as regras de tránsito). Debido a que moitas mulleres consideraban aos bosozoku como atractivos, e á asociación dos gatos, o fenómeno nameneko xerou un sentimento común de tenrura e graciosidade. Aos poucos os homes tamén comezaron a empregar ese termo nunha situación similar.[5]
Cara a 1983 e 1984, a esencia do kawaii comezou a ter maior aceptación. Revistas femininas, e logo revistas masculinas, centráronse en destacar o papel do home que debía asumir o que a súa parella quería. Iso implicaba que o home debía considerar que todo o kawaii era importante. Entre as mulleres novas universitarias e recentemente empregadas era común que se expresasen con tres frases de moda: Uso! (うそ!?, 'Non pode ser!'), Honto? (ほんと??, 'De verdade?') e ¡Kawaii! (かわいい!?). Eran coñecidas humorísticamente como as san-go-zoku (三語族?, “fanáticas das tres palabras”). A cotidianeidade da palabra Kawaii! chegou a un extremo en que unha universidade feminina en Tokio tentou prohibir o uso da palabra no campus.[5]
Tamén durante a década de 1980 xurdiu unha das principais iconas do kawaii: Hello Kitty. Pertencente á compañía Sanrio, era unha pequena gatiña que fora creada orixinalmente en 1974, aparecendo en diversos produtos para nenas a partir de 1975, e que tivera unha fugaz popularidade que durou até 1977. A principal razón da súa caída era que sempre aparecía coa mesma postura: de fronte, co corpo cara aos dous lados, as pernas de lado e perfilada con liñas grosas. Cara a 1980 foi reinventada cambiando o seu deseño, coa axuda das suxestións das nenas e mozas que eran as principais clientes. Foi debuxada sen as liñas grosas para darlle un aspecto máis suave e varióuselle a súa postura. Cara 1985, Hello Kitty apareceu abrazando a un oso de peluche e tivo un grande éxito. Nos anos seguintes os clientes esixiron un aspecto máis maduro á gatiña, aparecendo unha versión en tons branco e negro e indicando que as fanáticas de Hello Kitty seguían sendo fieis co paso do tempo.[6]
A partir da experiencia de Hello Kitty, o kawaii adquiriu unha connotación comercial máis destacable durante o resto da década de 1980. As empresas comezan a crear produtos con deseños que tivesen en certo xeito un grao de tenrura e encanto. Non importaba en que tipo de produto, xa fóra en xoguetes, aparellos electrónicos ou inclusive en coches. Por exemplo, en 1987 lanzouse o Nissan Be-1, e tivo grandes vendas debido á súa estética kawaii, cun aspecto curvilíneo.[5]
Cara á década de 1990, ocorreu un cambio interesante. As empresas que presentaban produtos con características kawaii quedaron sen ideas. O kawaii sería retomado polos otaku (fanáticos do anime, os videoxogos e dos ídolos musicais). Para os otaku, calquera cousa considerada kawaii era seguida polo público coas mesmas ideas. Dentro da cultura otaku redefiniuse e ramificouse o que é kawaii. Unha persoa común pode considerar unha cousa como “graciosa”, pero un otaku descríbea como kawaii. Con todo, para algo que comunmente se pode considerar como kawaii (bonito), un otaku descríbeo con outro termo: moé.[7]
Moe~ (萌え?)[2] describe a euforia que lle inspira un personaxe animado favorito ou os ídolos musicais. Esta euforia xéralle un sentimento de valoración, oposto ao sentimento de relaxación e tenrura que causa sobre algo tradicionalmente kawaii. Tal como o seu sentido literal, o moe~ expresa un sentimento de adoración que “brota dende dentro”.[7][8]
A percepción do kawaii tivo nos anos máis recentes unha presenza en todas as instancias, inclusive na gobernamental. En 2006, o Primeiro ministro Shinzō Abe, ao asumir o cargo, describiu a súa visión do Xapón como «un país fermoso» a través de catro principios: un país que valora a súa cultura, tradicións, medio ambiente e historia; un país que se basea nunha sociedade libre que respecta a disciplina e que ten dignidade; un país que continúa posuíndo a vitalidade necesaria para crecer cara ao futuro; e un país que é digno de confianza, respectado e amado no mundo, e que demostra capacidade de liderado.[9]
O 26 de febreiro de 2009, o Ministerio de Asuntos Exteriores do Xapón designou a tres representantes da cultura popular xaponesa (unha representante da moda lolita, unha representante da moda de Harajuku e unha representante da moda escolar xaponesa) como "Embaixadoras Kawaii" co fin de expor ao mundo esta tendencia.[10][11]
Tipos de kawaii
[editar | editar a fonte]Dentro da contorna sobre o que é kawaii, existen varios tipos de sensacións xeradas polos seguintes obxectos:[12]
- Bebés e animaliños: Ambos xeran un sentimento autenticamente kawaii pola tenrura que producen, xerando un sentimento puro de afinidade e de relaxación;
- Criaturas raras: de series de anime, cuxas características físicas e o seu comportamento fan que estes sexan considerados kawaii, un claro exemplo diso son criaturas como Pikachu.
- Xoguetes, peluches e bonecas: Producen unha sensación de relaxación similar á dos bebés, pero posúen unha combinación de sentimentos de adoración e afinidade;
- Kimokawaii (キモかわいい?): É unha abreviación da frase kimochi warui kedo, kawaii que significa raro, pero kawaii. Describe a personalidades extravertidas que aínda que xeran unha sensación de rareza e ridiculez, é clasificado como kawaii.[13] Un exemplo desta clase é dúo humorístico Ungirls.[14] Dentro da cultura otaku, o cosplay (a acción de disfrazarse e actuar coma un personaxe do anime ou dos videoxogos) está considerado dentro desta categoría e proxectouse esta tendencia fora do Xapón;[15]
- Ídolos musicais: Xeran un sentimento intermedio entre o kawaii (relaxación) e o moé (valoración), e teñen un maior grao de adoración que os xoguetes. Un dos exemplos máis coñecidos é o grupo feminino de J-pop Morning Musume;
- Moda xaponesa: Este aspecto causou un alto grao de adoración e idolatría ao imitar ás personaxes das revistas de moda ou estrelas da farándula. A diferenza dos ídolos musicais, as estrelas da moda causan un maior sentido de valoración;[16]
- Erokawaii (エロかわいい?): Este termo foi acuñado pola cantante Kumi Kōda e significa erótico, ao mesmo tempo que kawaii. O sentimento que xera está ao mesmo nivel de adoración e valoración que as estrelas da farándula;[17]
- Moda lolita: Refírese á moda xaponesa que orixinalmente mestura elementos da subcultura gótica e da moda vitoriana, xerando un estilo infantil, feminino e fantástico. É considerado como moé e crea unha combinación de afinidade e adoración;[18]
- Meganekko: É un termo que se refire ás mozas que usan lentes, e que ao usalas fanas máis atractivas. Este estereotipo é común dentro da cultura otaku e é considerado como moé e xera un maior sentimento de afinidade;
- Figuras de colección: A diferenza dos xoguetes, as figuras de colección pertencen á cultura otaku. Son bonecos inspiradas nos personaxes de anime e de videoxogos, e veñen en diferentes tamaños; os fanáticos desta tendencia popular buscan coleccionar a maior cantidade de bonecos. É considerado tamén como moé e transmiten o sentimento de afinidade;[19]
- Cosplay café: Este fenómeno, que tamén se volveu popular nos últimos anos, describe aos restaurantes ou cafetarías onde as camareiras están vestidas como serventas, criadas ou doncelas e asumen unha conduta condescendente e doce cos clientes, coma se fosen nobres. Este concepto naceu dos personaxes de serventas dos videoxogos e do anime, e é unha rama do cosplay. De igual modo que as figuras de colección, é considerado como moé.[8]
-
Rapazas vestindo un traxe sweet lolita, unha das tendencias da moda lolita.
Prevalencia
[editar | editar a fonte]No Xapón, pódense atopar numerosos obxectos e elementos caracterizados como kawaii, desde as grandes compañías até as pequenas tendas; desde as oficinas gobernamentais nacionais até as oficinas locais.[20][21] Diversas compañías, grandes e pequenas, teñen tenras mascotas que presentan os seus produtos e servizos ó público:
- Todas as prefecturas do Xapón teñen mascotas kawaii;
- A mascota do Servizo Postal do Xapón, é unha caixa de correos estilizada como kawaii;[22]
- Algunhas forzas policiais teñen as súas propias mascotas, que en ocasións adornan a entrada das casetas de policía (kōban);
- Os personaxes da serie Pokémon adornan tres avións de pasaxeiros da aeroliña All Nippon Airways;
- O Asahi Bank ten como mascota a Miffy, un personaxe dunha serie holandesa de libros ilustrados para nenos, en diversas tarxetas ATM;
- Monkichi, un personaxe de Sanrio, aparece nunha marca de condóns.[23]
A mercadoría kawaii é extremadamente popular no Xapón. Os dous fabricantes máis grandes desas mercadorías son Sanrio (fabricantes de Hello Kitty) e San-X (fabricantes de Rilakkuma, Kogepan e Nyan Nyan Nyanko). Este tipo de produtos é exitoso tanto para o público infantil como para o adulto.[24][25]
Unha das aplicacións máis sobresaíntes do kawaii é na descrición específica do sentido da moda[6][26][27] dun individuo, e xeralmente inclúen roupa que aparenta ser infantil, ou roupa que acentúa a tenrura da persoa que a viste. Distínguense (non sempre) roupas con volantes e cores pasteis, e entre os accesorios inclúense xoguetes ou bolsos con deseños de personaxes de anime.[20]
Percepción no Xapón
[editar | editar a fonte]Sendo un fenómeno cultural, o concepto de kawaii aceptouse no Xapón, integrándose como parte da cultura xaponesa e da identidade nacional. Para os xaponeses adultos, dicir kawaii é dicir un termo moi útil. Unha palabra práctica que se pode usar en diferentes situacións porque o seu significado ten moitas aplicacións: desde emitir unha opinión simple cara aos valores estéticos e á súa vez simpatizar coa persoa e desexarlle boa sorte. Para os adultos xaponeses, a maior prioridade é que as relacións persoais flúan ben, e para alcanzar este obxectivo, a palabra kawaii é un instrumento perfecto.[28]
Para Tomoyuki Sugiyama, autor de “Cool Japan”, a “tenrura” está arraigada na cultura de harmonía e amor no Xapón. Pola súa banda, Nobuyoshi Kurita, un profesor de socioloxía na Universidade Musashi en Tokio, declara que a “tenrura” é un “termo máxico” que comprende calquera cousa que sexa aceptable e desexable no Xapón.[29] Kawaii é unha palabra que non ten lóxica, que só describe que o obxecto a considerar é “tenro” e diso non se espera ningunha obxección. Contrario a calquera outra apreciación que lle dea relevancia ou sentido (por exemplo, que sexa “fermoso”) posiblemente xere algunha obxección ou contradición.[30]
Por outra banda existen sectores conservadores, escépticos da tenrura, que consideran que o kawaii é un síntoma dunha mentalidade infantil.[29] En particular, Hiroto Murasawa, profesora de beleza e cultura na Universidade Feminina Shoin de Osaka, declara que a tenrura é «unha mentalidade que ensina a non valerse por si mesmos… ás persoas que elixen destacarse caendo a cachón».[29] Tamén hai críticas sobre a obsesión e esaxeración do kawaii, desvirtuando a real natureza das cousas.[31]
Influencias noutras culturas
[editar | editar a fonte]Nas culturas asiáticas e na cultura occidental, a palabra kawaii tivo cabida como un préstamo achegado polos fanáticos da cultura popular xaponesa aínda que no contexto equivocado e tivo un uso case exclusivo dentro da cultura otaku a nivel mundial. A cantante estadounidense Gwen Stefani mostrou de maneira breve acerca do kawaii no seu vídeo musical Hollaback Girl.[32]
Os produtos e mercadoría kawaii tamén se volveron populares nalgunhas partes de Asia Oriental, como na China, Hong Kong, Taiwán e Singapur.[20] Os produtos da marca Sanrio (en especial Hello Kitty) tamén se volveron moi populares a nivel mundial.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Álvarez, Jesús Carlos e Toru Katsuta. Español-Japonés Japonés-Español. Segunda edición. 2005. Barcelona. Editorial Juventud.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Jim Breen.The EDICT Dictionary File.
- ↑ Heisig, James W. Kanji para recordar II. 2004. Barcelona. Editorial Herder.
- ↑ 4,0 4,1 Kawaii, ¿cuál es su significado profundo? Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Los inicios del fenómeno kawaii. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ 6,0 6,1 Creatividad kawaii – Los fans deciden la imagen de Hello Kitty. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ 7,0 7,1 Los frikis y lo kawaii. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ 8,0 8,1 Cafeterías de sirvientas - Un mundo chiflado donde los clientes son señores. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Japón, un país “hermoso”. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Commission of Trend Communicator of Japanese Pop Culture in the Field of Fashion. Ministerio de Asuntos Exteriores de Xapón (25 de febreiro de 2009).
- ↑ «Una 'Lolita' será la embajadora de la cultura pop japonesa en el mundo.» 5 de marzo de 2009. 20 minutos.
- ↑ Ídolos, cosas y fantasías: niveles y tipos de kawaii. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Kimokawaii. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Ungirls. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Cosplay: juego de disfraces en fantasilandia - Vivir la vida de un personaje de cómic. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Lo kawaii está de moda. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Erokawaii. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Gótico pero aniñado - Heroínas de los cuentos de hadas que renacen en el siglo XXI. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ Coleccionistas de figuritas - La felicidad consiste en poseer los personajes favoritos de la cultura pop. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 «Cute Inc.» Wired.
- ↑ In Japan, Cute Conquers All. Business Week
- ↑ "Página principal del Servicio Postal de Japón, mostrando su mascota". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 13 de abril de 2020.
- ↑ Monkichi condoms
- ↑ Kawaii or cute Japanese products
- ↑ «Pop: How Hello Kitty Came to Rule the World.» SFGate Asian.
- ↑ «FACT: SHOPPING REBELLION: What the kids want.» The New Yorker.
- ↑ Arts: Kwest For Kawaii Arquivado 05 de xaneiro de 2013 en Archive.is. Time Asia.
- ↑ ¿Hasta qué punto es mono lo kawaii? – Otra clave para la armonía. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Yuri Kageyama. «Cuteness a hot-selling commodity in Japan.» Associated Press. 14 de xuño de 2006.
- ↑ Japón ¿un país “mono”? Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ ¿Hasta qué punto es mono lo kawaii? - La educación infantil en un Japón obsesionado por lo kawaii. Nipponia. Nº 40. 15 de marzo de 2007. ISSN 1343-1226.
- ↑ "Gwen Stefani neuters Japanese street fashion to create spring's must-have accessory: Giggling geisha!". Salon.com. Arquivado dende o orixinal o 20150325.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ¡Más que lindo: Kawaii!. Japan Vídeo Topics. Marzo de 2006. 3 minutos e 10 segundos.
- Shiokawa, Kanako. Cute But Deadly: Women and Violence in Japanese Cómics. Themes and Issues in Asian Cartooning: Cute, Cheap, Mad and Sexy. Ed. John A. Lent. Bowling Green, Kentucky: Bowling Green State University Popular Press, 1999. 93–125. ISBN 0-87972-779-9. (en inglés)
- You are doing burikko!: Censoring/scrutinizing artificers of cute femininity in Japanese, Laura Miller en Gender, and Ideology: Cultural Models and Real People, editado por Janet Shibamoto Smith e Shigeko Okamoto, Oxford University Press, 2004. (en xaponés).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- «The Cute Factor.» New York Times (en inglés)
- How “kawaii”! Taipei Times (en inglés)
- Young Japan: She’s a material girl. Time Asia (en inglés)
- «Hello Kitty has non mouth.» Chanpon (en inglés)
- «Tokyo’s fantasy cafés.» International Herald Tribune (en inglés)
- Análise das orixes do kawaii pola socióloga Sharon Kinsella. (en inglés)
- Anime's “Transnational Geekdom”. UCLA (en inglés)
- Japan smitten by love of cute. TheAge.com. (en inglés)
- What is the effect of the Fantabulous Kawaii Gizmos, Wireless Privacy Daemons & Orientalism (en inglés)
- Kawaii Culture (columna regular de Tokyopop)