Cacyreus marshalli
Cacyreus marshalli | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
'Cacyreus marshalli' Butler, 1897 |
A Cacyreus marshalli é unha especie de lepidóptero pertencente á familia dos licénidos. Orixinaria de Suráfrica, aclimatouse na rexión mediterránea, onde se introduciu accidentalmente na década de 1980, e actualmente xa é habitual até na costa cantábrica. Converteuse en moi pouco tempo nunha auténtica praga para os xeranios (xéneros Geranium e Pelargonium) xa que na súa fase de eiruga aliméntase deles.
Ciclo biolóxico
[editar | editar a fonte]Entre maio e outubro as bolboretas (de pequeno tamaño e ás cor castaña ou café) depositan os seus ovos nas plantas; nos xeranios, principalmente sobre as flores. Os ovos eclosionan e as diminutas larvas introdúcense pola corola ao pedúnculo ou talo da flor, de cuxo zume se alimentan. Logo furan o talo e saen para pasar a outro; os orificios son o primeiro signo da súa presenza (como ocorre coa couza na madeira). Os danos nas plantas só son evidentes días despois de ter comezado o ataque, cando os talos afectados se ennegrecen e truncan.
A eiruga, de cor verde, medra até alcanzar aproximadamente 13 milímetros de lonxitude e nos seus últimos días adopta unha cor máis escura. Normalmente pasa desapercibida xa que se despraza polo reverso das follas; aliméntase delas e dos brotes máis tenros pero prefire o interior dos talos. Co tempo, as follas mordidas mostran galerías que se volveron traslúcidas. A eiruga transfórmase en crisálide e bolboreta, e o ciclo repítese varias veces no mesmo ano.
Control
[editar | editar a fonte]En Europa este insecto non ten inimigos naturais que controlen axeitadamente as súas poboacións polo que moi frecuentemente faise necesario o control químico para evitar os danos nas plantas.[1]
Para combater esta praga existen varios remedios químicos como insecticidas, pero requiren unha acción metódica e regular, e o preferible é anticiparse cun tratamento preventivo. Se as plantas a protexer son poucas, o remedio caseiro máis doado é asperxer as flores cun insecticida; as bolboretas evitarán pousarse nas flores, pero hai que repetir a aplicación a medida que brotan flores novas.
Existen produtos en po igualmente efectivos contra as eirugas, pero só as afectan cando estas se desprazan dun talo a outro, e teñen o inconveniente de que manchan e deslocen as plantas. Unha vez que a eiruga se introduce no talo é moi difícil que os tratamentos lle afecten a menos que se utilice algún insecticida sistémico que ao absorbelo a planta, e pasar ó zume, chegue á zona onde se atopa e alimenta a eiruga.
Se a praga está xa instalada convén cortar e destruír os talos afectados xa que o zume non discorre ben por eles e terán un pobre desenvolvemento.
Se abrimos lonxitudinalmente un talo de xeranio afectado, observaremos unha galería cos excrementos escuros da eiruga. O mal causado por ela pódese agravar se os excrementos orixinan focos de fungos. Normalmente o achado dos danos é posterior en varios días á estancia do verme, polo que ademais de cortar as ramas afectadas débense examinar as veciñas, principalmente o reverso das súas follas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Mariposa africana, mariposa del geranio o de los geranios, polilla africana del Geranio, barrenador de los geranios" (en español). Consultado o 9 de maio de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- J. Kleinekuhle: Zur Indigenität und Ausbreitung des afrikanischen Bläulings Cacyreus marshalli in Südeuropa. Atalanta 26: 209-214, 1995
- J. H. R. Thiele, W. A. Nässig: Der Pelargonienbläuling auch in Deutschland. Nachrichten des Entomologischen Vereins Apollo, Frankfurt am Main, N. F. 20 (3/4): 290, 2000
- Tom Tolman, Richard Lewington: Die Tagfalter Europas und Nordwestafrikas Franckh-Kosmos Verlags-GmbH & Co, Stuttgart 1998, ISBN 3-440-07573-7
- G. Tiberglien, « Les Lycène des Géraniums, Cacyreus marshalli : état 2002 d'une espèce invasive », dans « Bull. Soc. Sc. Nat. Ouest Fr. N. S. », n° 24, 4, 2002 (p.205-214)
- Xavier Mérit, « Cacyreus marshalli Butler, 1898, nouvelle espèce pour l’Alsace (Lepidoptera, Lycaenidae) » dans « Bulletin des Lépidoptéristes de France, 2003, 12 (26) (p. 108).
- Xavier Mérit e Véronique Mérit, « Cacyreus marshalli (Butler, 1898), espèce nouvelle pour les départements de la Drôme et de la Loire (Lepidoptera Lycaenidae) », dans « Alexanor », 2002 (2004), 22 (7) (p. 415-416).