[go: up one dir, main page]

Holoceno

última e actual época xeolóxica do período cuaternario

O Holoceno (do grego ὅλος hólos, "todo", "enteiro" e καινός kainós, "novo", "recente", isto é, "a era totalmente recente"), é unha época da escala temporal xeolóxica, a última e actual época xeolóxica do período cuaternario. Comprende os últimos 11 700 anos da historia do noso planeta,[1][2] desde a fin da última glaciación (a glaciación de Würm).

É un período interglaciar no que a temperatura se fixo máis suave e a capa de xeo fundiu, o que provocou un ascenso do nivel do mar, que fixo que, por exemplo, Indonesia, Xapón e Taiwán se separasen de Asia; Gran Bretaña, da Europa continental e Nova Guinea e Tasmania, de Australia. Ademais, produciu a formación do estreito de Bering.

Dentro do cadro da escala dos tempos xeolóxicos sitúase no período cuaternario da era cenozoica, do eón fanerozoico, sucedendo a época do plistoceno. O límite con esta época (o plistoceno) definiuse sobre a base da desintegración do 14C (un isótopo radioactivo do carbono) e coincide aproximadamente co final da última glaciación. Por convención, o límite púxose 10 000 anos antes do 1950 (a súa duración, expresada en millóns de anos, é de 0,01143 ± 0,00013 Ma.

A única especie humana que viviu nesta época foi o Homo sapiens, que durante estes últimos milenios desenvolveu a agricultura e a civilización, ocasionando importantes cambios nos ecosistemas.

Agricultura no Antigo Exipto, hai 3 200 anos.

Paleoxeografía

editar

A deriva continental ao longo destes case 12 000 anos foi de menos de 1 km, o que é case irrelevante. Porén, o xeo fundiuse causando que o nivel do mar ascendese uns 35 m durante esta época e 120 m desde o último máximo glaciar, hai ao redor de 20 000 anos.[3] O aumento do nivel non se produciu de forma uniforme ao longo deste tempo, senón que houbo varios períodos de rápido desxeo, alternados por outros de desxeo progresivo. A maior parte do aumento do nivel do mar produciuse antes de 6 000 anos atrás.[4]

 
Aumento do nivel do mar desde o último máximo glaciar.
  • O primeiro período (denominado MWP-1A0) tivo lugar hai 19 000 anos, durante o comezo do episodio do plistoceno coñecido como Dryas Antigo. En menos de 500 anos, o nivel do mar subiu uns 10–15 m, a un ritmo de 50 m/ano.
  • O segundo período de desxeo (denominado MWP-1A) produciuse desde hai 14 600 a 13 500 anos durante a primeira parte do quentamento Bølling-Allerød. Durante 500 anos o nivel subiu 16–24 m a un ritmo de 40 m/ano.
  • O ritmo de desconxelación diminuíu entre 12 800 e 11 500 anos atrás durante o episodio frío coñecido como Dryas Recente. Este foi un evento de cambio climático abrupto que ocorreu hai 12 800 anos durante o que a Terra volveu case ás condicións glaciais, permanecendo neste estado durante 1 300 anos. Crese que puido deberse á parada da circulación termohalina producida pola descarga de auga doce no Atlántico norte debido ao desxeo.[5] Ao final deste período tivo lugar outro de desxeo (MWP-1B) entre 11 500 e 11 000 anos atrás. O nivel do mar subiu uns 25 m.
  • Un cuarto período (MWP-1C) produciuse entre 8 200 e 7 600 anos atrás. Puido ser o resultado da drenaxe dos lagos Agassiz e Ojibwa e produciu unha elevación pequena do nivel do mar, sobre 1 m. Hai uns 6 000 anos, os períodos de desxeo cesaron, sendo desde entón a elevación do nivel mar moito máis gradual.

Desde hai 3 000 anos até o comezo do século XIX, o nivel do mar tivo un aumento case constante de 0,1 a 0,2 m/ano.[6] Desde 1900, o nivel do mar aumentou de 1 a 2 m/ano; desde 1993, as medidas de altimetría por satélite TOPEX/Poseidon indican unha taxa de aumento de 3,1 ± 0,7 m/ano.[7]

Entre as terras que estaban conectadas cando o nivel do mar era máis baixo están:

 
Paleoxeografía no holoceno.
 
Profundidades no estreito de Bering. Á esquerda Asia e á dereita Norteamérica.

En moitas zonas por riba dos 40º de latitude N, o terreo fora deprimido polo peso dos glaciares, polo que ao producirse o desxeo do plistoceno tardío subiron até 180 m, elevación que continúa incrementándose na actualidade. A elevación do nivel do mar e a depresión temporal da Terra permitiu a incursión temporal do mar en zonas que agora están lonxe da costa. Do holoceno mariño coñécense fósiles de Vermont, Quebec, Ontario e Míchigan. Os depósitos mariños en costas de latitudes máis baixas son raros porque o aumento do nivel do mar foi superior a calquera probábel elevación de orixe non glaciar. Na rexión de Escandinavia deu lugar á formación do mar Báltico. A rexión segue elevándose a unha taxa de 1 cm ao ano, causando débiles terremotos no norte de Europa estimándose que aínda subirá outros 100 m. O equivalente norteamericano é a baía de Hudson que, ao elevarse, reduciu a súa extensión desde o máximo da última fase posglaciar até os seus límites actuais.

 
Variacións de temperatura durante o holoceno segundo a media de varias proxy climáticas.

O holoceno comezou despois de que finalizase o episodio de arrefriamento do Dryas Recente, a partir do cal as temperaturas se fixeron máis suaves. O Óptimo climático do holoceno foi un período cálido que se produciu durante o intervalo comprendido aproximadamente entre 9 000 e 5 000 anos atrás. O clima mundial era moi probabelmente entre 0,5 e 3 °C máis cálido do que é actualmente. Porén, o quecemento probabelmente non foi uniforme en todo o mundo. Este período terminou hai ao redor de 5 500 anos, cando as primeiras civilizacións humanas en Asia e África empezaron a florecer. A continuación, comezou o Neoglacial, no cal as temperaturas diminuíron progresivamente até a actualidade (en períodos cíclicos de quentamento/arrefriamento), con probábeis excepcións como o Óptimo climático romano (séculos I a IV) ou o Óptimo climático medieval (séculos X a XIV). O punto culminante do arrefriamento foi a Pequena Idade de Xeo, con tres máximos: sobre 1650, 1770 e 1850.[8][9]

O holoceno é un período interglaciar e non hai ningunha razón para crer que represente o fin dos ciclos de glaciacións. Porén, o actual quentamento global pode facer que a Terra se quente máis que no anterior período interglaciar, Riss-Würm, que chegou ao máximo hai aproximadamente 125 000 anos con temperaturas máis cálidas que na actualidade. Este fenómeno denomínase ás veces un súper-interglaciar. En comparación coas condicións glaciares no interglaciar as zonas habitábeis expandíronse cara ao norte, alcanzando o seu punto máis setentrional durante o Óptimo climático do holoceno. A maior humidade nas rexións polares causou a desaparición das praderías boreais.

Paleobioloxía

editar

A vida animal e vexetal non evolucionou moito durante o curto holoceno, pero se produciron importantes cambios na distribución dos seres vivos. Un gran número de animais, incluídos os mamuts, mastodontes, Smilodon e Homotherium, os chamados "dentes de sable", e os Megatherium (preguiceiros xigantes) desapareceron en Norteamérica. Neste continente tamén se extinguiron animais que sobreviviron noutras partes, incluíndo cabalos e camelos. Esta extinción da megafauna americana coincide coa chegada do ser humano hai 12 000 anos, ao igual que as extincións anteriores de grandes marsupiais en Australia hai 40 000 (como o Diprotodon) ou as posteriores de aves non voadoras en Nova Zelandia contra o ano 1300 d. C. (como os moas).

As extincións de plantas e animais continúan hoxe en día. A taxa de extinción acelerouse de maneira espectacular nos últimos 50 anos. En xeral, o evento de extinción do Holoceno caracterízase por deberse a factores relacionados coa presenza humana e por producirse nun tempo xeolóxico moi curto (decenas de miles de anos) en comparación coa maioría dos outros eventos de extinción. Ás veces denomínase a sexta extinción, pois anteriormente houbo cinco grandes episodios de extinción masiva.

Entre as especies notábeis extinguidas pola acción humana nos últimos mil anos cóntanse:

A seguinte táboa recolle o número de especies extintas desde o ano 1500 e as que se encontran en perigo de extinción segundo a Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).[10]

Taxon   Extintas   Existentes   En perigo   % En perigo  
Mamíferos             70   5.416 1.094 20,2 %
Aves 135 9.956 1.217 12 %
Réptiles               22   8.240     422 5 %
Anfibios 34 6.199 1.808 29 %
Peixes 80 30.000 1.201 4 %
Moluscos               289   81.000   978   1,2 %
Artrópodos               66 1 000 000 1.083 0,1 %
Plantas         87   297.326 8.447 3 %

Desenvolvemento humano

editar
Véxase tamén: Mesolítico e Neolítico.

Os cambios no ambiente provocaron unha serie de alteracións na economía dos cazadores-recolectores, que desembocarían no mesolítico, ao desaparecer a megafauna do plistoceno. Domesticouse o lobo, convertendo o can nun auxiliar fundamental para a caza menor. Adoptáronse tamén o arco e as frechas, e os arpóns, así como a machada, o coitelo e o lanzador de venabres.

Daquela os humanos vivían en pequenas tribos que se albergaban en cavernas ou pequenas choupanas de madeira ou de terra; normalmente existían edificios ou paraxes naturais con uso exclusivamente relixioso, nos cales sucedían danzas máxicas, enterramentos colectivos e dedicábaselle culto aos mortos. En pleno mesolítico desenvolvéranse instrumentos máis evolucionados, como aparellos de pesca, aixolas ou piraguas. Co paso ao neolítico, a poboación humana sufriu un poderoso cambio, desenvolvéndose lentamente unha alta variabilidade cultural. Parece ser que a cultura neolítica xurdiu en Oriente Próximo, e chegou á illa de Creta, ao Delta do Nilo, ao Danubio, ao mar Caspio e a Macedonia aproximadamente contra o 5000 a. C.

Breve historia

editar
Historia Universal
Prehistoria
Idade Antiga Antigüidade clásica
Antigüidade tardía
Idade Media Alta Idade Media
Baixa Idade Media Plena Idade Media
Crise da Idade Media
século XV
Idade Moderna

século XVI
século XVII
século XVIII
Idade Contemporánea século XIX
século XX
século XXI

Ao longo de máis do 90 % da súa historia, o Homo sapiens viviu en pequenos grupos nómades de cazadores-recolectores. Cando a súa linguaxe adquiriu máis complexidade, a capacidade de recordar e transmitir a información deu lugar a unha nova clase de replicador: o meme. As ideas podían intercambiarse rapidamente e pasaron de xeración en xeración. A evolución cultural superou rapidamente á evolución biolóxica.

Entre 8500 e 7000 a. C., os seres humanos do Oriente Medio fértil comezaron de maneira sistemática a cría de animais e o cultivo de plantas: gandaría e agricultura. Estas prácticas estendéronse ás rexións veciñas —aínda que tamén se desenvolveron independentemente noutros lugares—, até que a maioría dos Homo sapiens adoptaron a vida sedentaria en asentamentos permanentes, como agricultores.

Non todas as sociedades abandonaron o nomadismo, en especial as que estaban en zonas illadas do planeta pobres en especies de plantas cultivábeis, tales como Australia. Porén, entre estas civilizacións que adoptaron a agricultura, a seguridade e a produtividade crecente proporcionada cultivando permitiu que a poboación aumentase.

A agricultura tiña un impacto importante; os seres humanos comezaron a modificar os ecosistemas terrestres e mariños como nunca antes o fixeran. Os excedentes de alimentos e a crecente división do traballo permitiron que xurdisen as castas gobernantes e as sacerdotais. Isto conduciu ás primeiras grandes civilizacións, como a Sumeria en Oriente Medio, entre 4000 e 3000 a. C., a do Antigo Exipto no val do Nilo ou a do val do río Indo.

Contra 3000 a. C., o hinduísmo, unha das relixións máis antigas, que aínda se practica hoxe en día, comezou a tomar forma. Xurdiron máis relixións e varias foron perseguidas ou prohibidas, como a do Antigo Exipto.

A invención da escritura permitiu organizarse mellor a sociedades cada vez máis complexas: o mantemento de rexistros e os seus arquivos serviron como almacén de información incrementando a transmisión da súa cultura, coñecementos e o seu control. Os seres humanos xa non tiñan que utilizar todo o seu tempo en velar pola súa supervivencia, e a educación propiciou a busca do coñecemento e a sabedoría. Xurdiron diversas disciplinas, incluíndo as ciencias, aínda que en forma incipiente. Novas civilizacións apareceron, comerciando pacificamente entre elas ou participando en guerras pola conquista de territorios e recursos. Xurdiron os primeiros imperios no Medio Oriente, Exipto, a India e a China. Posteriormente en Grecia, Roma e Bizancio.

En Europa, tras a escuridade da Idade Media, xurdiu o Renacemento en Italia (século XIV) achegando grandes avances á arte e á ciencia. Houbo importantes cambios relixiosos (Reforma protestante).

A comezos da década dos anos 1500, a civilización europea comezou a experimentar os cambios que conduciron á revolución científica e á industrial: os europeos comezaron a exercer unha dominación política e cultural sobre as sociedades humanas de todo o planeta.

De 1914 a 1918 e de 1939 a 1945 a maioría das nacións do mundo estiveron envoltas nas guerras mundiais. Creada despois da primeira guerra mundial, a Sociedade de Nacións foi un primeiro paso cara a un goberno mundial; despois da segunda guerra mundial foi substituída pola ONU. En 1992, varios países europeos asociáronse para formaren a Unión Europea.

Coa mellora do transporte e as telecomunicacións, a economía e os asuntos políticos das nacións de todo o mundo fixéronse cada vez máis interdependentes. Esta globalización produciu con frecuencia a discordia ou periódicas crises económicas multinacionais, aínda que tamén un maior intento de colaboración internacional.

  1. Global Boundary Stratotype Section and Point (GSSP) of the International Commission of Stratigraphy, Status on 2009.
  2. International Stratigraphic Chart, 2008
  3. Yokoyama, Y. (2000): Timing of the Last Glacial Maximum from observed sea-level minima, Nature 406: 713-716.
  4. Gornitz, V. (2007): Sea Level Rise, After the Ice Melted and Today Arquivado 20 de maio de 2017 en Wayback Machine., NASA.
  5. Keigwin, L. D. e E. A. Boyle (2000): Detecting Holocene changes in thermohaline circulation Arquivado 07 de marzo de 2008 en Wayback Machine., PNAS, vol. 97, nº 4, 1343-1346.
  6. Houghton, J. T. (ed.). "Long-term mean sea level accelerations". Climate Change 2001: The Scientific Basis (Informe). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2008. Consultado o 08 de novembro de 2012. 
  7. Bindoff, N. L.; et al. "Observations: Oceanic Climate Change and Sea Level" (PDF). Climate Change 2007: The Physical Science Basis. Contribution of Working Group I to the Fourth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change. Cambridge University Press (Informe). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de maio de 2017. Consultado o 08 de novembro de 2012. 
  8. NASA Earth Observatory Glossary: "Little Age of Ice" Arquivado 28 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
  9. Climate Change 2001: Working Group I: The Scientific Basis: "2.3.3 Was there a 'Little Ice Age' and a 'Medieval Warm Period'?" Arquivado 29 de maio de 2006 en Wayback Machine..
  10. IUCN Red List of Threatened Species, 2007.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Mackay, A. W.; Battarbee, R. W.; Birks, H. J. B. et al., eds. (2003): Global change in the Holocene. Londres: Arnold. ISBN 0-340-76223-3.
  • Roberts, Neil (1998): The Holocene: an environmental history 2nd ed. Malden, MA: Blackwell. ISBN 0-631-18637-9.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar