[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Museo Galego do Entroido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo Galego do Entroido
Coordenadas
PaísGalicia
CidadeXinzo de Limia
Inauguración23 de outubro de 2015
Na rede
Facebook: museogalegoentroido Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Museo Galego do Entroido (MUGAE) está situado no Concello de Xinzo de Limia, na antiga praza de abastos, rehabilitada para este fin. Foi inaugurado o 23 de outubro de 2015 polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pero no 2017 tivo que cerrar as súas portas ante a imposibilidade do concello para xestionalo.[1] Despois da cesión da súa xestión á Deputación de Ourense, reabriu as súas portas en febreiro do 2019.[2]

O museo naceu coa intención de agrupar e preservar o carácter propio desta tradición de Galicia en xeral e das aldeas de Xinzo de Limia en particular. O MUGAE conta con dúas exposicións permanentes, unha dedicada ao Entroido e outra ao escritor Carlos Casares chamada «Os mundos de Carlos Casares». Ademais, nas súas instalacións tamén se encontra a sede da Asociación A Pantalla, máscara típica do Entroido de Xinzo de Limia.

O Entroido

[editar | editar a fonte]

Esta é a exposición central do museo e está situada na primeira planta do edificio. O percorrido por ela comeza na recepción, onde un gran taboleiro explica que é o Entroido, cal é a súa historia e cal é o seu símbolo por excelencia.

Para continuar o itinerario accedese a un corredor chamado «o corredor do ciclo do Entroido», onde se explican todos os ritos e celebracións que se levan a cabo durante o Entroido, tamén as fins de semana anteriores e posteriores: Fareleiro, Oleiro, Compadres e Comadres, Corredoiro, Entroido, Mércores de Cinsa e Piñata.

Rematado este corredor, éntrase a outro dedicado aos «Sons do Entroido», aquí explícanse tanto os sons tradicionais (as chocas, os axóuxeres, os conxuntos tradicionais de música e as cancións humorísticas), como os sons mais modernos (charangas, comparsas ou música moderna) que no Entroido, como en todo tipo de festexos, teñen a súa peculiar confrontación entre os entroideiros máis puros e tradicionais e os máis modernos.

Continuando co percorrido chégase ao corredor das «Personaxes peculiares» e da «Gastronomía do Entroido». Este corredor conta con mostras de diferentes personaxes peculiares de moitas aldeas de Galicia: Os Cabezudos, os Capuchos, os Mecos, as Gárgolas, as Madamas e Galáns, o Loro Ravachol, o Merdeiro ou Escabicheiro, o Felipeiro, o Cabreiro, o Oso de Salcedo, o Careto e o Frei Canedo. Ademais, móstrase unha representación das comidas típicas do Entroido como o cocido, o lacón con grelos e demais manxares feitos con porco; tamén se fala dos doces típicos desta festividade como as filloas, as roscas, a bica e as tradicionais orellas.

Para finalizar, éntrase na sala central, a máis importante de toda a exposición, a dedicada as «Raíñas do Entroido». Aquí encóntrase unha mostra dos traxes dos personaxes dos Entroidos máis coñecidos de Galicia: o Felo de Maceda, o Boteiro de Viana do Bolo, o Vergalleiro de Sarreaus, o Vellarrón de Riós, o Galo, a Mázcara de Manzaneda, o Peliqueiro de Laza, o Cigarrón de Verín, o Labardeiro de Mugares, Toén, o Troteiro de Bande, a Bonita de Sande, Cartelle, o Xeneral do Ulla, o Volante de Chantada e a Pantalla de Xinzo de Limia.

Os mundos de Carlos Casares

[editar | editar a fonte]

Esta exposición ten como obxectivo celebrar a vida e a obra do escritor limiao Carlos Casares facendo un percorrido pola súa obra e a súa vida a través das viaxes que realizou e as persoas as que coñeceu.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]