Entroido de Xinzo de Limia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
O Entroido de Xinzo de Limia é unha celebración de orixe popular que se celebra en Xinzo de Limia durante o ciclo do entroido. En 2019 foi declarado Festa de interese turístico internacional de España.
Celebracións
[editar | editar a fonte]O entroido de Xinzo de Limia iníciase o sábado antes do domingo fareleiro co petardazo, no que se reúne a xente para facer a conta atrás do que vai ser o Entroido máis longo de España. O propio domingo fareleiro ten lugar a primeira batalla co farelo na praza Maior, onde o pobo se divirte xogando e enchendo de farelos a toda xente que se atopa. A procesión do Meco ten lugar o seguinte sábado desde o Barrio de Abaixo. Ao escurecer sae pola rúa dos Viños acompañado con fachucos de palla e unha gran comitiva formada polo carro cos bois, touro, choqueiros, máscaras, cura, gaiteiros, apeiros de labranza e gandeiros con vestimenta tradicional ata a praza Maior onde se fai o "Colgamento do Meco".
O domingo oleiro celébrase na praza Maior o xogo da ola, en que se pasan as olas de barro de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo). Despois o xogo repítese no Barrio de Abaixo. O sábado de corredoiro é a noite das mulleres, que van disfrazadas e se reúnen para cearen en restaurantes ou en locais particulares.
O domingo corredoiro saen as pantallas. Desde o venres até o martes de Entroido son os cinco días grandes, coa participación de charangas e bandas de gaitas locais. O venres é a quenda do desfile infantil, no cal os colexios de todos os arredores veñen desfilar polas rúas de Xinzo cos seus disfraces, que nalgún caso levan un tempo elaborándoos. O sábado de carnaval, xa dende case o mediodía, están as rúas amenizadas polas charangas, que van polas rúas tocando ata altas horas da noite seguidas de grandes grupos de xente. Nalgúns casos os visitantes proceden doutros lugares de España e do estranxeiro. Este martes ten lugar o desfile de entroido. O mércores de cinza ten lugar o enterro da sardiña, despois do sermón.
O ciclo péchase co domingo de piñata.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Entroido de Xinzo de Limia |