Heritage Auctions
Heritage Auctions | |
---|---|
Sede de Heritage Auctions en Dallas (2020). | |
Tipo | Compañía privada. |
Fundación | 1976 |
Localización | Dallas Texas. Estados Unidos |
Fundador | Steve Ivi (fundador e CEO). Jim Helperin (cofundador). |
Industria | Poxas. |
Produtos | Numismática e outros coleccionables. |
Na rede | |
https://www.ha.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Heritage Auctions é unha compañía multinacional de poxas estadounidense con sede en Dallas, Texas.
Fundada en 1976, foise conformando ao longo das décadas de 1970 e 1980 como resultado da asociación de dous coleccionistas ata daquela rivais, e coa posterior incorporación doutros socios. A compañía, dedicada inicialmente ás poxas numismáticas, foi abranguendo a partir de 2001 novos espazos do coleccionismo, entre eles os cómics, obras de arte, libros, accesorios de luxo, bens inmobles, e obxectos de interese sobre o cine, a música, a historia e o deporte.
Historia
[editar | editar a fonte]Heritage Auctions formouse a partir dunha asociación entre dous coleccionistas: Steve Ivy e Jim Halperin.[1] En 1967, Ivy abandonou a Universidde de Texas en Austin para fundar a compañía de comercio numismático Steve Ivy Rare Coin Co. na cidade de Dallas.[2] Pola súa banda, en 1971 Halperin estableceu tamén a súa propia compañía de venda de moedas, New England Rare Coin Galleries, en Boston, cando aínda era alumno de primeiro curso na Universidade Harvard, que tamén abandonou.[1]
Foi Ivy quen fundou a compañía Heritage Auctions en Dallas en 1976 a partir do seu negocio inicial, máis modesto.[1] Ivy e Helperin, acérrimos rivais no ambiente do coleccionismo, coincidían adoito en feiras e poxas do sector. En 1982, Halperin vendeu o seu negocio de Boston e trasladouse a Dallas para se integrar en Heritage Auctions como socio de Ivy; nesta operación, trouxo consigo a Marc Emory, un colaborador que pasou e dirixir as operacións europeas da compañía. En 1986 uniuse á empresa Greg Rohan, quen chegou a ser o presidente de Heritage Auctions.[3] Ademais de Ivy, Halperin, Rohan e Emory, a compañía foi incorporando nos anos posteriores como novos socios a Paul Minshull, Ryan Carroll, Todd Imhof e Cristiano Bierrenbach.[2]
En 1996, a compañía puxo en marcha un sitio web para facer posible a compravenda de moedas a través de poxas en liña, o que lle permitiu a Heritage ampliar notablemente a súa carteira de vendedores e compradores potenciais. A instancias de Halperin, a compañía comezou a ampliar o seu modelo de negocio para incluír outros obxectos de colección, ademais da numismática, e en 2001 incluíronse por vez primeira cómics nas súas poxas. En 2003 a empresa puxo en marcha un departamento propio dedicado a obxectos de interese de distintos temas, e a súa primeira poxa tivo unhas vendas de arredor de dous millóns de dólares.[2]
A mediados da década de 2000, Heritage Auctions foise introducindo no mercado da música, o entretemento e os recordos cinematográficos. En abril de 2006, a casa de poxas celebrou a súa terceira poxa bianual de obxectos de colección que pertenceran a actores, músicos, directores e outros cineastas famosos. As coleccións vendidas nestas poxas incluían obxectos utilizados en películas, decorados e pezas de roupa das películas e das series máis famosas da historia, así como efectos persoais de diversos artistas da música e do cine.[1]
En 2010, Heritage creou unha nova división dedicada aos obxectos de luxo, onde se encadran as xoias, os bolsos e outros accesorios.[4] Nalgúns casos, os artigos máis raros destas poxas chegaron a venderse por máis de 200.000 dólares.[5]
En 2013 ampliouse o mercado ás obras de artes modernas e contemporáneas, de artistas como Pablo Picasso, Andy Warhol, Joan Mitchell ed Edward Ruscha.[6]
Xusto despois do estoupido da pandemia de COVID-19, entre o 20 e o 27 de abril de 2020, as vendas en liña de Heritage Auctions acadaron a suma de 41 millóns de dólares, preto do 10 % das vendas en liña do ano anterior (483 millóns en 2019).[7]
En 2022, Heritage Auctions foi recoñecida co premio 2023 Trustees' Award, da American Numismatic Society.[8][9]
Instalacións e expansión
[editar | editar a fonte]O 1 de xuño de 2020, como medida encamiñada á redución de custos, Heritage Auctions unificou as súas operacións, que antes se desenvolvían desde tres sedes na área de Dallas, nunha nova sede mundial en Irving, preto do aeroporto internacional de Dallas,[10] nunhas instalacións de case 15.000 metros cadrados nas que desenvolven o seu traballo entre 450 e 600 traballadores.[11]
A compañía ten tamén oficinas en Nova York, situadas en Park Avenue.[2] As operacións nesta cidade están orientadas principalmente ás belas artes.[12]
Na costa oeste, Heritage Auctions ten unha delegación no Olympic Boulevard de Beverly Hills, California,[2] e ademais en 2011 adquiriu a compañía Greg Martin Auctions en San Francisco, conformando así unha nova división dedicada ao coleccionismo de armas.[13]
Heritage expandiu as súas operacións engadindo unha oficina en Hong Kong en 2015.[14] Na primavera de 2017, a compañía abriu unha sucursal en Florida con oficinas en Palm Beach.[15] Así mesmo, en xaneiro de 2017 inaugurou as oficinas da súa nova sede de Chicago.[16]
Poxas senlleiras recentes
[editar | editar a fonte]- En outubro de 2011, Heritage Auctions sacou a poxa bens persoais e recordos cinematográficos do actor John Wayne, que foron vendidos por 5,4 millóns de dólares; en concreto, a boina que levaba en The Green Berets ("Os boinas verdes") acadou o prezo de 179.250 dólares.[17] O mes seguinte, vendeuse un exemplar do número 1 de Action Comics, que pertencera a Nicolas Cage, por 2,16 millóns de dólares, batendo o anterior récord de prezo dun cómic, que estaba nun millón e medio.[18]
- Nunha poxa de decembro de 2015 acadáronse unhas vendas de tres millóns de dólares por obxectos da colección persoal de Sylvester Stallone.[19]
- Tamén en 2015, a compañía vendeu por 1.116.250 dólares un dos escasos exemplates da stella ou moeda estadounidense de 4 dólares de ouro de 1880.[20]
- Un gravado con temática relacionada co béisbol do ilustrador estadounidense Norman Rockwell foi vendido por Heritage Auctions en agosto de 2017 por 1,6 millóns. Esta obra convertérase nunha das ilustracións máis coñecidas de Rockwell logo de ser publicada na portada do Saturday Evening Post en 1949.[21]
- Nunha serie continuada de poxas que se produciron a partir de 2018, Heritage Auctions foille dando saída a unha colección de obxectos pertencentes á traxectoria de Neil Armstrong, que falecera en 2012.[22][23] Trátase da primeira poxa da colección persoal do astronauta e conmemora o 50 aniversario da chegada á lúa en 1969.[23] En total saíron a poxa arredor de 3.000 obxectos, e en outubro de 2019 esta serie de poxas recadara uns 12 millóns de dólares.[24]
- En xaneiro de 2019, a compañía vendeu un rarísimo exemplar da moeda dun centavo co busto de Lincoln de 1943 por 204.000 dólares.[25][26] En xuño dese mesmo ano sacou a poxa un debuxo orixinal en tinta sobre papel do primeiro cómic de Tintin na súa versión inglesa, titulado Tintin in the Land of the Soviets.[27][28] E o 20 de novembro, o cadro Blueberry Custard (1961) de Wayne Thiebaud, vendeuse nunha poxa de Heritage por 3,225 millóns, o segundo prezo máis alto acadado por unha obra deste artista de Sacramento, California.[29] O día seguinte, un exemplar do número 1 da serie Marvel Comics acadou o prezo de 1,26 millóns, o que supuxo o récord do cómic de Marvel vendido nunha poxa pública.[30]
- O 13 de decembro de 2020, Heritage Auctions vendeu unha "tarxeta de novato" do xogador de hóckey Wayne Gretzky da tempada 1979-1980 por 1,29 millóns de dólares, a máis cara da historia e a primeira en romper a barreira do millón de dólares.[31]
- O 5 de xaneiro de 2021 adxudicouse un exemplar dun billete de 20 dólares co erro coñecido como "Del Monte", polo prezo de 396.000 dólares, o máis alto alcanzado por un billete vendido por esta compañía.[32]
- O 14 de xaneiro de 2021 sacouse a poxa un exemplar practicamente novo do número 1 de cómic de Batman, de 1940, que foi adxudicado en 2,22 millóns de dólares, récord mundial desta serie e o segundo cómic máis caro vendido xamais nunha poxa pública.[33]
- Unha caixa pechada da primeira edición do xogo de Pokémon estableceu un novo récord para esta categoría ao venderse por 408.000 dólares o 17 de xaneriro de 2021.[34]
- O 24 de xaneiro de, 2021, Heritage Auctions vendeu un exemplar da moeda de ouro máis valiosa do mundo, un Brasher Doubloon de 1787, por 9,36 millóns de dólares.[35] En xaneiro de 2014, a compañía xa vendera outro exemplar da mesma mítica moeda estadounidense.[36]
- Unha tarxeta asinada por Michael Jordan acadou 1,44 millóns o 4 de febreiro de 2021.[37]
- Un dos fitos numismáticos de Heritage Auctions foi a poxa da chamada Colección Paramount de moedas antigas, que en marzo de 2021 acadou en conxunto os 41,9 millóns de dólares. Nesta poxa estableceuse o récord mundial de 2,28 millóns acadados por primeira vez por unha moeda británica.[38]
- Un cartel orixinal de promoción dun concerto de Hank Williams en Canton, Ohio, o día de Aninovo de 1953 vendeuse o 1 de maio de 2021 por 150.000 dólares, superando os Beatles como o cartel dun concerto máis caro vendido nunha poxa pública.[39]
- O cadro de Joseph Christian Leyendecker Beat-up Boy, Football Hero, famoso por aparecer na portada de The Saturday Evening Post o 21 de novembro de 1914, foi vendida por 4,12 millóns o 7 de maio de 2021.[40] O récord anterior por un orixinal de Leyendecker producírase no decembro anterior, cando Sotheby's vendera o seu traballo de 1930 Carousel Ride por 516.100 dólares.[41]
- O 9 de maio de 2021, Heritage Auctions por 1,38 millóns de dólares unha camiseta de Michael Jordan correspondente á súa segunda tempada na Universidade de Carolina do Norte.[42]
- Unha caixa sen abrir de Super Mario de Nintendo 64 de 1996 acadou 1,56 millóns de dólares nunha poxa o 11 de xullo de 2021, un novo récord para un videoxogo. O récord anterior era outra caixa sen abrir de The Legend of Zelda, de Nintendo, que se vendera só dez días antes por 870.000.[43]
- O xornalista ruso Dmitry Muratov, Premio Nobel da Paz de 2021, vendeu a súa medalla en beneficio dos refuxiados da guerra de Ucraína a través de UNICEF. A venda produciuse o 21 de xuño de 2022 por 103,5 millóns de dólares, o prezo máis alto rexistrado nunca por unha medalla dun Premio Nobel.[44][45]
Litixios legais
[editar | editar a fonte]En 2009, Heritage Auctions foi demandada polo seu antigo empregado Gary Hendershott, que acusou a compañía de ter cometido unha fraude ao utilizar un ofertante ficticio co nome "N. P. Gresham" para aumentar artificiosamente os prezos das poxas, o cal violaría as leis contra o crime organizado.[46] A demanda resolveuse posteriormente fóra dos tribunais, aínda que James L. Halperin mantivo baixo xuramento que N. P. Gresham non existía. Posteriormente declarou que si.[47]
En 2012, o Estado de Mongolia demandou a Heritage Auctions por sacar a poxa un esqueleto fosilizado dun dinosauro Tyrannosaurus bataar de 70 millóns de anos de antigüidade, xa que o espécime procedía daquel país, onde a exportación de fósiles está prohibida.[48]
En 2014, Heritage Auctions demandou a Christie's por contratar o seu experto en bolsos, alegando que se trataba dun incumprimento do contrato e dun roubo de secretos comerciais.[49]
En 2016 produciuse unha nova demanda de Heritage Auctions a Christie's, a través da súa empresa subsidiaria Collectrium, por infracción de dereitos de autoría, ao alegar que Collectrium rastrexara indebidamente as súas listaxes en Internet. Naquel momento, Collectrium acababa de ser adquirida por Christie's, apenas uns meses antes.[50][51] En 2019 o xuíz determinou que Collectrium debía pagarlle a Heritage preto de 1,8 millóns de dólares, dos 49 que se pedían inicialmente na demanda.[52]
En decembro de 2020, Heritage Auctions vendeu o cadro de Margaret Keane titulado Eyes Upon You, que en realidade fora roubado ao seu propietario en 1972. A través dun proceso no que interveu o FBI, o cadro foille restituído á filla da propietaria e Heritage reembolsoulle o importe da venda ao comprador.[53]
En agosto de 2021 o youtubeiro Karl Jobst publicou un vídeo no que afirmaba que Heritage Auctions, xunto coa empresa de clasificación Wata Games, creara artificialmente unha burbulla do coleccionismo no mercado dos videoxogos precintados, mediante un conflito de intereses.[54][55] Nun comunicado enviado á revista Video Games Chronicle logo da publicación do vídeo, Heritage Auctions negou ter incorrido en prácticas ilegais ou pouco éticas. Wata Games tamén rexeitou as afirmacións vertidas no vídeo.[54][56]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Wilonsky, R. (2006). "History for Sale". Dallas Observer. 27 de abril.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Pate, S. (2011). "Rich Heritage". En D Magazine. 19 de outubro.
- ↑ Channick, R. (2017). "Heritage Auctions brings its paddles to Chicago". En Chicago Tribune. 19 de xaneiro.
- ↑ Gustines, G. G. (2010). "Market Watch: Bidding on Luxury". En T Magazine. The New York Times. 6 de decembro.
- ↑ Fitzpatrick, T. (2012). "First Look: Heritage Auctions's Holiday Luxury Items From Chanel, Hermès, and Louis Vuitton". En ELLE. 3 de decembro.
- ↑ Simek, P. (2013). "This Week Heritage Auctions Offers A Brief Look at a Trove of Modern and Contemporary Art". En D Magazine. 21 de maio.
- ↑ Kamp, J. (2000). "Heritage Auctions brought in $41 million from online sales in a week". En Artsy.net. 5 de maio.
- ↑ "Recipients of the Trustees’ Award". American Numismatic Society.
- ↑ "Heritage Auctions Receives ANS' 2023 Trustees' Award". En Coins Weekly. 13 de outubro de 2022.
- ↑ "Dallas-Based Heritage Auctions Relocates World Headquarters to New, 160,000 Square-Foot Campus". Heritage Auctiions (Ha.com).
- ↑ Montes, B. R. (2020). "Dallas-Based Heritage Auctions Relocates World Headquarters to New, 160,000 Square-Foot Campus". En D Magazine. 3 de xuño.
- ↑ Cascone, S. (2015). "Heritage's First New York Modern Art AuctionHeritage's First New York Modern Art Auction". En Artnet News. 23 de setembro.
- ↑ Smith, S. S. (2013). "Sold! Steve Ivy Lifts Heritage Auctions To No. 1". En Investor's Business Daily. 24 de abril.
- ↑ Voien, G. (2015). "Heritage Auctions Expands to Hong KongHeritage Auctions Expands to Hong Kong". En Observer. 25 de xuño.
- ↑ Valverde, M. (2016). "Heritage Auctions expands operations in Florida". En South Florida Sun-Sentinel. 23 de marzo.
- ↑ "Heritage Auctions Opens Chicago Office and Gallery". Heritage Auctions (Ha.com). 25 de xaneiro de 2017.
- ↑ "John Wayne auction rustles up $5.4M". En CBS News. Associated Press. 11 de outubro de 2011.
- ↑ Silverleib, A. (2011). "Super price for Superman comic". En CNN. 2 de decembro.
- ↑ "Sylvester Stallone's film memorabilia fetches $3 million at auction". En Chicago Tribune. Associated Press. 22 de decembro de 2015.
- ↑ "1880 $4 Coiled Hair, Judd-1660, Pollock-1860, R". Professional Coin Grading Service (PCGS).
- ↑ Richter, M.; Herskovitz, J. (2017). "'Print' on Texas family wall is original Rockwell, sells for $1.6 million'. Reuters. 21 de agosto.
- ↑ "Neil Armstrong memorabilia fetches $7.5 million at auction". En NBC News. Associated Press. 4 de novembro de 2018.
- ↑ 23,0 23,1 Stuckey, A. (2018). "Neil Armstrong memorabilia brings more than $4 million in first day of Dallas auction". En Houston Chronicle. 2 de novembro.
- ↑ Saker, A. (2019). "Get your bids ready: Fourth auction of Neil Armstrong's belongings begins Oct. 25". En Cincinnati Enquirer. 23 de outubro.
- ↑ Zetlin, M. (2019). "These valuable pennies are worth up to $200,000 and they might be in your pocket". En CNBC. 18 de xullo.
- ↑ Simon, D. (2019). "Rare 1943 copper coin fetches a pretty penny in auction: $204,000". En CNN. 10 de xaneiro.
- ↑ Kim, A. (2019). "Tintin original cover art bought at auction for more than $1 million". En CNN. 11 de xuño.
- ↑ "'TinTin' artwork sells for $1.1 million at auction". En Deutsche Welle. 9 de xuño de 2019.
- ↑ Ervin, M. (2019). "Sacramento artist Thiebaud's Blueberry Custard fetches $3.225 million at auction". En The Sacramento Bee. 29 de novembro.
- ↑ Genovese, D. (2019). "Marvel Comics 1 torches record with $1.26M sale at auction". En FOX Bussines. 22 de novembro.
- ↑ Leahy, S. (2020). "Wayne Gretzky rookie card sets record with $1.3M sale at auction". En NBC Sports. 11 de decembro.
- ↑ ""Del Monte" $20 Sets $396,000 World Record in Banknote Errors". en Coin News (Coinnews.net). 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ Stoilas, H. (2021). "Holy hammer! Near mint copy of Batman #1 sells for record $2.2m at Heritage Auctions". En The Art Newspaper. 15 de xaneiro.
- ↑ "Sealed Pokémon Base Set Booster Box Sells for Record $408,000 at Heritage Auctions". Heritage Auctions. 15 de xaneiro de 2021.
- ↑ Carter, C. (2021). "Gold coins lose none of their shine as "Brasher" doubloon sells for a record price". En Money Week. 12 de febreiro.
- ↑ "Auction 1201. Lot 5100: 787 DBLN Brasher Doubloon". Heritage Auctions. 9 de xaneiro de 2014.
- ↑ Block, F. (2021). "Autographed Michael Jordan Card Sells for $1.44 Million". PENTA (www.barrons.com). 5 de febreiro.
- ↑ "NGC-certified Edward VIII Gold 5 Sovereign Realizes $2.28 Million, Smashing the Record for a British Coin Sold at Auction". Numismatic Guaranty Company.
- ↑ Treadwell, J. (2021). "Poster from Hank Williams' last concert sells for $150,000". En The Troy Messenger. 8 de maio.
- ↑ "Leyendecker’s ‘Beat-Up Boy’ Thrashes Estimate, Sets Records At Heritage". Antiquesandthearts.com. 10 de maio de 2021.
- ↑ "World Record for Magazine Cover Art by J.C. Leyendecker". Fine Books & Collections. 10 de maio de 2021.
- ↑ "Michael Jordan's game-worn North Carolina jersey sold for record $1.38 million". En CNN. Reuters. 10 de maio de 2021.
- ↑ "Unopened copy of Nintendo's Super Mario 64 from 1996 sells for $1.56 million". En CBS News. 12 de xullo de 2021.
- ↑ Richardson, K. ( 2022). "Russian Journalist's Nobel Medal Sells for $103.5 Million". En The New York Times. 21 de xuño.
- ↑ "Nobel sold for Ukrainian kids shatters record at $103.5M". En POLITICO. 20 de xuño de 2022.
- ↑ Thackeray, L. (2009). "Kortlander seeks role in auction suit". En The Billings Gazette. 16 de setembro.
- ↑ Duin, S. (2009). "Lifting the Veil at Heritage Auctions?". En The Oregonian. 15 de setembro.
- ↑ Nicholson, E. (2012)."Heritage Auctions is Being Sued by Mongolia --Yes, the Country-- Over the Sale of a Dinosaur". En Dallas Observer. 21 de maio.
- ↑ Creswell, J.: Gustines, G. G. (2014). "High-End Hermès Handbags at Center of Suit Against Christie’s". En The New York Times. 13 de xuño.
- ↑ "Auction Houses Face Off in Website Data Scraping Lawsuit". En 5 NBC DFW. 12 de decembro de 2016.
- ↑ Genocchio, B. (2015). "Christie's Buys Collectrium for $16 Million". En Artnet News. 11 de febreiro.
- ↑ Cascone, S. (2019). "A Christie’s-Owned Tech Company Must Pay Heritage Auctions $1.8 Million for Data Theft, a Court Rules". En Artnet News. 1 de agosto.
- ↑ "Stolen Artwork Sold at Auction To Be Returned to Woman Depicted in Painting". En 5 NBC DFW. 21 de xullo de 2021.
- ↑ 54,0 54,1 Gach, E. (2021). "YouTuber Accuses Million-Dollar Retro Game Sales Of Being Scams". En Kotaku. 25 de agosto.
- ↑ DeAngelo Epps (2021). "The $2 Million Mario Bros. Auction May Have Been Rigged". En Digital Trends. 25 de agosto.
- ↑ Scullion, C. (2021). "Report alleges auction and grading 'fraud' is behind recent surge in retro game prices". En VGC. 25 de agosto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Heritage Auctions |