[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Equisetum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Equisetum

Equisetum telmateia subsp. telmateia mostrando verticilos de ramificacións e as pequenas follas con punta escura
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pteridophyta
Clase: Equisetopsida
Orde: Equisetales
Familia: Equisetaceae
Xénero: Equisetum
Especies

Ver texto

Equisetum é un xénero de plantas vasculares pteridófitas que se reproducen por esporas, chamadas comunmente rabo de cabalo, equiseto, xestela, herba estañeira e herba canuda[1]. É o único xénero vivo da familia Equisetaceae (equisetáceas).[2]

Equisetum considérase un "fósil vivente", xa que o único xénero que queda de toda a clase Equisetopsida, que noutrora desde o Devoniano e durante 100 millóns de anos foi moito máis diversa e era unha das plantas dominantes nos bosques do final do Paleozoico. Algunhas Equisetopsida daquela época eran grandes árbores que chegaban a 30 metros de altura.[3] O xénero Calamites da familia Calamitaceae, por exemplo, é abundante en depósitos de carbón do período Carbonífero.

En Galicia aparecen as especies E. arvense (moi estendida), E. palustre (moi estendida), E. ramosissima (estendida) e E. telmateia (noroeste).[4]

Equisetum provén do latín equus (cabalo) e seta (seda, pelo).

Dise que o patrón de espazado dos nós dos rabos de cabalo, no cal os que están preto da punta do brote están progresivamente máis xuntos, inspiraron a John Napier a descubrir os logaritmos.[5]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Talo vexetativo:
B = talo con verticilos
I = internó
L = follas
N = nó.
Estróbilo de Equisetum telmateia subsp. braunii, terminal sobre un brote non ramificado.
Imaxe microscópica de Equisetum hyemale (2-1-0-1-2 é un milímetro cunha graduación de 1/20).
As pequenas protuberancias brancas son silicatos que se acumularon nas células.

Nestas plantas as follas están moi reducidas e xeralmente non son fotosintéticas. Conteñen un só feixe vascular non ramificado, que é a característica definitoria dos microfilos. Porén, recentemente recoñécese que os microfilos dos rabos de cabalo non son probablemente ancestrais coma en Lycopodiophyta (licopodios e emparentados), senón que son adaptacións derivadas, que evolucionaron por redución de megafilos.[6] Por tanto, son ás veces denominados megafilos para reflectir esta homoloxía.

As follas dos rabos de cabalo están dispostas en verticilos fusionados en vaíñas nodais. Os talos son xeralmente verdes e fotosintéticos, e están característicamente ocos, articulados e estriados (con como mínimo 3 e xeralmente de 6 a 40 estrías). Poden ter ou non verticilos de ramas nos nós.

As esporas fórmanse en esporanxios que colgan de esporanxióforos situados en estróbilos. Os estróbilos son estruturas cónicas situadas nos extremos dalgúns dos talos. En moitas especies os talos que levan estes conos non están ramificados e nalgunhas especies (por exemplo Equisetum arvense) non son fotosintéticos, e prodúcense ao inicio da primavera. Noutras especies (por exemplo Equisetum palustre) son moi similares a talos estériles, son fotosintéticos e con verticilos de ramas.

Os rabos de cabalo son principalmente homósporos (as esporas son iguais), aínda que en E. arvense as esporas máis pequenas dan lugar a protalos machos. As esporas teñen catro eláteres que actúan como resortes sensibles á humidade, que axudan á dispersión das esporas por medio de movementos de arrastre e salto cando os esporanxios se abren lonxitudinalmente.[7]

Paredes celulares de Equisetum

[editar | editar a fonte]

Nos equisetos atopáronse algúns compoñentes químicos rarosque poderían estar relacionados coa súa parede celular. Os extractos de células crus de todas as especies de Equisetum comprobadas teñen actividade do encima glucanos de enlace mixto : Xiloglucano endotransglicosilase (MXE).[8] Este é un encima novo ata agora non descuberto en ningunhas outras plantas. Ademais, as paredes celulares de todas as especies de Equisetum comprobadas conteñen glucano de enlace mixto (MLG), un polisacárido que ata hai pouco se pensaba que era exclusivo das plantas Poales.[9][10] A distancia evolutiva considerable entre Equisetum e Poales suxire que a posesión de MLG evolucionou independentemente en cada un. A presenza de actividade de MXE en Equisetum indica que esta evolucionou xunto con algún mecanismo de modificación da parede celular. A falta de MXE en Poales suxire que nelas o MLG debe desempeñar algún outro papel, polo momento descoñecido. Debido á correlación entre a actividade MXE e a idade da célula, propúxose que a MXE promove o cesamento da expansión celular.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Os membros vivos do xénero Equisetum divídense en dúas liñaxes, que son xeralmente tratadas como subxéneros. Son comúns os híbridos, pero a hibridación só se dá entre membros do mesmo subxénero.[11]

Hai dous equisetos que se venden comercialmente cos nomes Equisetum japonicum e Equisetum camtschatcense, que son dous tipos de E. hyemale var. hyemale, aínda que poden tamén ser considerads como variedades de E. hyemale.

E. hyemale no Parque floral de París.
Subxénero Equisetum
O rabo de cabalo ramificado E. ramosissimum.
Subxénero Hippochaete
non situados en subxéneros

Híbridos nomeados

[editar | editar a fonte]
Equisetum × moorei (Equisetum hyemale × Equisetum ramosissimum)
Híbridos entre especies do subxénero Equisetum
Híbridos entre especies do subxénero Hippochaete

Distribución, ecoloxía e usos

[editar | editar a fonte]

O xénero Equisetum ten unha distribuión case cosmopolita, e só están ausentes da Antártida, aínda que non son nativos de Australia, Nova Zelandia e illas do Pacífico. Son plantas perennes, herbáceas que morren en inverno en climas temperados ou viven todo o ano como a maioría das especies tropicais e as especies de climas temperados E. hyemale, E. ramosissimum, E. scirpoides e E. variegatum. Crecen normalmente ata 0,2-1,5 m de alto, aínda que hai equisetos "xigantes" de ata 2,5 m de altura (E. telmateia), e outros de ata 5 m (E. giganteum) ou mesmo de 8 m (E. myriochaetum) ou de máis.[12]

Os talos nacen de rizomas que están moi profundos e son difíciles de desenterrar. E. arvense pode ser unha mala herba molesta porque volve a medrar facilmente a partir do seu rizoma despos de ser arrancada. Porén, como E. arvense prefire solos ácidos, pode usarse cal para axudar á súa erradicación e subir o pH do chan a 7 ou 8.[13] Con todo, algunhas especies foron declaradas herbas nocivas en Australia e no estado norteamericano de Oregón.[14][15] Todos os Equisetum son clasificados como "organismos indesexables" en Nova Zelandia.

Se se comen durante un longo período de tempo, algunhas especies de rabos de cabalo poden ser velenosas para os animais herbívoros, entre eles os cabalos.[16] A toxicidade parece deberse aos seus encimas tiaminase, que poden causar unha deficiencia de tiamina (vitamina B1).[17][18][19][20] Nalgúns países as persoas consomen habitualmente rabos de cabalo. As plantas novas cómense cocidas ou crúas, pero debe terse moito coidado.[21] Por exemplo, os talos fértiles que levan estróbilos dalgunhas especies son cociñados e comidos no Xapón como se fosen espárragos (nun prato chamado tsukushi[22]).[23] Na antiga Roma comíanse algúns equisetos de maneira similar, e tamén os usaban para facer unha infusión e un po espesante.[24] Os nativos americanos do noroeste do Pacífico comían os brotes novos crus.[25] Estas plantas usábanse tamén como tinguiduras que daban unha cor verde clara. Os extractos úsanse ás veces para proporcionar silicio como suplementación alimenticia. Os rabos de cabalo foron utilizados polos indios e no Xapón para puír as ferramentas de madeira. As especies de Equisetum son ás veces utilizadas para analizar a concentración de ouro nunha área debido á súa capacidade de captar ese metal en solución.[24]

Uso medicinal

[editar | editar a fonte]

Extractos e outras preparacións de E. arvense serviron como remedios de herboristería xa desde os tempos dos antigos gregos e romanos;[21] os usos dos que hai rexistros son o tratamento das hemorraxias, a tuberculose, curación de feridas e ulceracións e trastornos renais. As fontes modernas de medicina alternativa fiables inclúen precaucións e advertencias sobre o seu uso.[21] En 2009 a Autoridade de Seguridade Alimentaria Europea publicou un informe avaliando algunhas propiedades saudables atribuídas a E. arvense (por exemplo que é bo para a vigorización, control do peso e saúde da pel, pelo e ósos), chegando á conclusión de que ningunha delas puido ser confirmada.[26] Hai, pois, insuficientes probas para tirar conclusións sobre a súa efectividade como medicina para todas as condicións médicas humanas descritas.[21] Aínda así, as preparacións de E. giganteum son moi usadas en Suramérica como diurético administrado oralmente para reducir o inchamento causado por un exceso de retención de fluídos e para infeccións urinarias e trastornos da vexiga e riles. As preparacións de rabo de cabalo conteñen silicio, polo que se ten suxerido que poderían servir para tratar a osteoporose.[21][27]

  1. Buscatermos do Servizo de Normalización Lingüística da USC equiseto, rabo de cabalo etc., que cita as fontes seguintes: Guía de plantas medicinais de Galicia. Vigo, Galaxia, 1996; Nomenclatura vernácula da flora vascular galega. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009.
  2. Sunset Western Garden Book, 1995:606–607
  3. "An Introduction to the Genus Equisetum and the Class Sphenopsida as a whole". Florida International University. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2009. Consultado o 2009-07-22. 
  4. Enrique Salvo Tierra. Guía de helechos de la Península Ibérica y Baleares. Pirámide. (1990). Páxinas 130-140. ISBN 84-368-0548-8. (Segundo os mapas de distribución consultados nesta obra).
  5. Sacks, Oliver (August 2011). "Field Trip: Hunting Horsetails". The New Yorker. 
  6. Rutishauser, R (November 1999). "Polymerous leaf whorls in vascular plants: Developmental morphology and fuzziness of organ identities". International Journal of Plant Sciences 160 (S6): S81–S103. PMID 10572024. doi:10.1086/314221. 
  7. "Horsetail plant spores use 'legs' to walk and jump - BBC News". BBC News (en inglés). Consultado o 2015-11-30. 
  8. Fry, S. C.; Mohler, K. E.; Nesselrode, B. H. W. A.; Frankov, L. (2008). "Mixed-linkage -glucan:xyloglucan endotransglucosylase, a novel wall-remodelling enzyme from Equisetum (horsetails) and charophytic algae". The Plant Journal 55 (2): 240–252. PMID 18397375. doi:10.1111/j.1365-313X.2008.03504.x. 
  9. Fry, Stephen C.; Nesselrode, Bertram H. W. A.; Miller, Janice G.; Mewburn, Ben R. (2008). "Mixed-linkage (1→3,1→4)-β-d-glucan is a major hemicellulose of Equisetum (horsetail) cell walls". New Phytologist 179 (1): 104–15. PMID 18393951. doi:10.1111/j.1469-8137.2008.02435.x. 
  10. Sørensen, Iben; Pettolino, Filomena A.; Wilson, Sarah M.; Doblin, Monika S.; Johansen, Bo; Bacic, Antony; Willats, William G. T. (2008). "Mixed-linkage (1→3),(1→4)-β-d-glucan is not unique to the Poales and is an abundant component of Equisetum arvense cell walls". The Plant Journal 54 (3): 510–21. PMID 18284587. doi:10.1111/j.1365-313X.2008.03453.x. 
  11. Pigott, Anthony (4 October 2001). "Summary of Equisetum Taxonomy". National Collection of Equisetum. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2012. Consultado o 17 de xuño de 2013. 
  12. Husby, Chad E. (2003): How large are the giant horsetails? Version of 2003-03-19. Retrieved 2008-11-20. Arquivado 08 de maio de 2015 en Wayback Machine.
  13. Kress, Henriette, Getting rid of horsetail, Henriette's Herbal Homepage, April 7th, 2005. Retrieved May 19, 2010.
  14. William Thomas Parsons; Eric George Cuthbertson (2001). Noxious weeds of Australia. CSIRO Publishing. p. 14. ISBN 978-0-643-06514-7. 
  15. "Equisetum telmateia Ehrh. giant horsetail". USDA. Consultado o 2010-05-18. 
  16. Israelsen, Clark E.; McKendrick, Scott S. & Bagley, Clell V. (2006): Poisonous Plants and Equine. PDF fulltext Arquivado 04 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
  17. Henderson JA, Evans EV, McIntosh RA (June 1952). "The antithiamine action of Equisetum". Journal of the American Veterinary Medical Association 120 (903): 375–8. PMID 14927511. 
  18. Fabre, B; Geay, B.; Beaufils, P. (1993). "Thiaminase activity in Equisetum arvense and its extracts.". Plant Med Phytother 26: 190–7. 
  19. "Horsetail". National Library of Medicine. Consultado o 3 February 2013. 
  20. Pohl, Richard (1955). "Toxicity of ferns and Equisetum". American Fern Journal 45 (3): 95–97. doi:10.2307/1544850. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 Steven D. Ehrlich (2011) "Horsetail", University of Maryland Medical Center Complementary and Alternative Medicine Guide, 5 March 2011 review date, see [1], accessed 31 July 2014.
  22. Michael Ashkenazi, Jeanne Jacob. 2003. Food culture in Japan. Greenwood Publishing Group. 232 p.
  23. Plants For A Future Database.
  24. 24,0 24,1 Plants of the Pacific Northwest Coast: Washington, Oregon, British Columbia & Alaska, Written by Paul Alaback, ISBN 978-1-55105-530-5
  25. Erna Gunther. 1973. Ethnobotany of western Washington: The knowledge and use of indigenous plants by Native Americans.
  26. "Scientific opinion on the substantiation of health claims related to Equisetum arvense L. and invigoration of the body (ID 2437), maintenance of skin (ID 2438), maintenance of hair (ID 2438), maintenance of bone (ID 2439), and maintenance or achievement of a normal body weight (ID 2783) pursuant to Article 13 of Regulation (EC) No 1924/2006". European Food Safety Authority. Consultado o 2013-10-09. 
  27. "Horsetail". US National Institute of Health. Consultado o 14 November 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Walkowiak, Radoslaw (2008): IEAEquisetum Taxonomy. Version of 2008-10-04. Consultado o 7 de novembro de 2011.
  • Pryer, K.M.; Schuettpelz, E.; Wolf, P.G.; Schneider, H.; Smith, A.R. & Cranfill, R. (2004): Phylogeny and evolution of ferns (monilophytes) with a focus on the early leptosporangiate divergences. Am. J. Bot. 91(10): 1582-1598. PDF fulltext Arquivado 26 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  • Rutishauser, R. (1999). "Polymerous leaf whorls in vascular plants: developmental morphology and fuzziness of organ identities". International Journal of Plant Sciences 160 (S6): S81–S103. PMID 10572024. doi:10.1086/314221. 
  • Weber, Reinhard (2005): Equisetites aequecaliginosus sp. nov., ein Riesenschachtelhalm aus der spättriassischen Formation Santa Clara, Sonora, Mexiko [Equisetites aequecaliginosus sp. nov., a tall horsetail from the Late Triassic Santa Clara Formation, Sonora, Mexico]. Revue de Paléobiologie 24(1): 331-364 [en alemán cun resumo en inglés]. PDf co texto completo

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]