Bigato
Bigato (en latín: bigatus) é a denominación dun tipo específico de denario, moeda de prata da Antiga Roma, caracterizado por levar nos seus reversos unha biga ou carruaxe tirada por dous cabalos e conducida por unha divindade romana.[1]
A tipoloxía dunha moeda de prata caracterizada pola imaxe dunha carruaxe pon o bigato en relación tipolóxica co cuadrigato, emitido tamén en tempos da República, que toma o seu nome pola presenza dunha cuadriga nos seus reversos.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]Os bigatos comezaron a cuñarse na primeira década do século II a. C. como unha alternativa ao vitoriato, e algúns investigadores numismáticos consideran que non circulou máis alá do 190 a. C. Estas emisións foron tan numerosas que, nalgunhas fontes de época imperial, este termo chegou a utilizarse para designar, en xeral, a todos os denarios republicanos.[3]
Os primeiros bigatos levaban unha representación da deusa Luna na súa carruaxe de dous cabalos, e mantivéronse en uso en paralelo aos cuadrigatos ata 170 a. C., cando os denarios foron temporalmente suprimidos. Unha segunda serie de bigatos representaba a Vitoria na súa biga, probabelmente para conmemorar o dominio de Roma logo da batalla de Pidna, en Tesalónica.[4] Tácito e Plutarco mencionan unha estatua de Vitoria nunha biga.[5][6]
O establecemento da data de cuñaxe dos primeiros bigatos é complicado por mor do uso impreciso da palabra bigatus (e o plurar bigati) por historiadores e literatos latinos como Tito Livio, quen ao escribir acerca dos acontecementos de 216 a. C. (antes de que se coñeza que estas moedas existisen), utiliza a palabra para se referir xenericamente ás moedas de prata expoliadas na Gallia Cisalpina e en Hispania.[7] O termo bigati era utilizado adoito nos estudos desta época no sentido de denarii, e non referíndose ao tipo específico.[8][9]
Na súa obra etnográfica Germania, Tácito (56 a. C. - 117 a. C.) sinala que, malia que a maioría dos pobos xermánicos dependesen aínda nese tempo do troco, os que se asentaban ao longo das fronteiras do Imperio mantiñan relacións comerciais e utilizaban a moeda, aínda que só confiaban no valor das "antigas e ben coñecidas" como os bigati e os serrati (como se denominaba aos denarios con bordos dentados)[10]:[11]
“ | (...) Pecuniam probant veterem et diu notam, serratos bigatosque (...) | ” |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alfaro Asins, C. et al. "Bigato". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- ↑ Alfaro Asins (2009). "Cuadrigato".
- ↑ Rodewald, C. Money in the Age of Tiberius. Manchester University Press, 1976. Páxina 142. ISBN 978-0719006166
- ↑ Crawford, M. H. (1974). Páxinas 720-721.
- ↑ Tácito, Historias 1.86.
- ↑ Plutarco, A vida de Otón, 4.
- ↑ Livio, 23.15.5
- ↑ Crawford, M. H. (1974). Páxina 630.
- ↑ Rodewald (1976). Páxina 142.
- ↑ Rodewald (1976). Páxinas 31, 100 (nota 217) e 142-143.
- ↑ Tácito, Germania, 5.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bigato |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Crawford, M. H. Roman Republican Coinage. Cambridge University Press, 1974. ISBN 9780521074926
- Greg Deane, J. A History of the Roman denarius: The bigatus denarius and the commercialisation of the Roman economy, to the time of the Social War. 2017. ISBN 978-1973163060