[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Thomas Paine

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaThomas Paine

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento29 de xaneiro de 1737 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Thetford, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte8 de xuño de 1809 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
Greenwich Village, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaNew Rochelle (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Deputado da Asemblea Nacional
6 de setembro de 1792 – 26 de outubro de 1795
Circunscrición electoral: Pas-de-Calais
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Relixiónsen valor e Deísmo Editar o valor en Wikidata
EducaciónThetford Grammar School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo París Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofo, xornalista, prosista, emprendedor, político, escritor, xornalista de opinión Editar o valor en Wikidata
Membro de
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeMary Lambert
Elizabeth Ollive Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Пейн Томас)
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm8808994 BNE: XX1057953 Musicbrainz: 7ba63333-fd3c-48e1-8e35-d126f135e879 WikiTree: Paine-1 Find a Grave: 2698 Editar o valor en Wikidata

Thomas Paine, nado en Thetford (Norfolk) o 29 de xaneiro de 1737[1] e finado en Nova York, 8 de xullo de 1809, foi un político, escritor, filósofo, intelectual radical e revolucionario estadounidense de orixe inglesa. Promotor do liberalismo e da democracia. Está considerado un dos Pais fundadores dos Estados Unidos.

Paine emigrou ás colonias británicas en América en 1774 para participar na revolución americana. As súas contribucións principais foron o ensaio Common Sense (1776), onde avogaba pola independencia das colonias e The American Crisis (1776-1783) unha serie de escritos a favor da revolución.

En 1789 visitou Francia e alí viviu durante case toda a década seguinte. Viuse involucrado profundamente nos primeiros anos da Revolución Francesa. Escribiu Rights of Man (1791), en parte unha defensa da Revolución Francesa contra os seus críticos, en particular o estadista británico Edmund Burke. En Gran Bretaña foi xulgado e declarado culpable en ausencia polo crime de libelo sedicioso. A pesar de non falar francés, foi elixido para a Convención Nacional en 1792. Os xirondinos vírono como un aliado polo que os montañeses, en especial Robespierre, considerárono o seu inimigo. En decembro de 1793, foi arrestado e encarcerado en París e liberado en 1794. Fíxose célebre por The Age of Reason (1793-94), libro que avoga polo deísmo, promove a razón e o librepensamento, argumenta en contra da relixión institucionalizada e das doutrinas cristiás. Tamén escribiu Agrarian Justice (1795), discutindo as orixes da propiedade e introducindo o concepto de renda mínima garantida.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

De orixe humilde, fillo dun cuáquero e dunha anglicana, recibiu unha educación moi elemental que se limitaba a saber ler, escribir e as catro operacións aritméticas básicas, polo que se formou de maneira autodidacta. Chegou a ser un moi importante revolucionario norteamericano, con ideas en conflito permanente coas elites e os grupos reaccionarios do seu tempo, como foron a súa loita contra o sexismo, a escravitude, o racismo e a monarquía, á que se opuxo propondo no seu lugar a república. Como outros ilustrados, tamén abominou da superstición, a relixión organizada (igrexas) e o clero, sendo un impulsor do laicismo, a educación popular e a ciencia.

Sempre en loita con todo tipo de apuros económicos, traballou como oficial de impostos perseguindo contrabandistas de licores e tabaco e conseguiu ilustrarse comprando libros. A súa sorte cambiou ao coñecer a Benjamin Franklin, quen o animou a buscar fortuna en América dándolle cartas de presentación. Chegou a Filadelfia en 1774 e alí dirixiu a Pennsylvania Magazine and American Museum.

Ao xeneralizarse o descontento das colonias, Paine fomentou as ideas racionais, chamadas por el do "sentido común", criticando os excesivos impostos decretados polo goberno británico como inxustos e economicamente erróneos, favorecedores do contrabando e a corrupción, a prohibición de comerciar con outras nacións, causante da perda de fortunas materiais, e a falta de representantes continentais no parlamento británico. Sostivo que a solución a todos eses problemas era a independencia, postura que divulgou no máis famoso dos folletos impresos, Common Sense (1776), que alcanzou a tirada de medio millón de exemplares.

Estatua de Thomas Paine en Norfolk, Inglaterra.

A doutrina do common sense marcou un fito na historia, ao non fundamentar as decisións políticas en doutrinas baseadas na historia, a relixión, a nación, a honra ou en nocións apriorísticas, senón en criterios avalados pola experiencia dos seres humanos e na razón. Common Sense preparou o camiño á Declaración de Independencia dos Estados Unidos, ratificada o 4 de xullo do mesmo ano.

Cando as tropas de Washington estaban a piques de desunirse, publicou o panfleto The American Crisis, que levantou os ánimos insurxentes e que por orde de George Washington foi lido a todos os seus soldados.

Tras acabar con éxito a guerra, volveu aos seus apuros económicos, pois nunca consentiu en pedir dereitos de autor polos seus panfletos. Viaxou a Europa e para evitar que William Pitt declarase a guerra a Francia divulgou a idea entre os británicos de que as guerras só carrexaban máis impostos. En Francia atopouse co escritor e teórico radical William Godwin e un grupo de amigos seus, a quen frecuentaba.

Logo dedicouse a refutar as ideas de Edmund Burke sobre a Revolución Francesa na súa obra mestra, Rights of Men, impresa en dúas partes, a primeira en 1791 e pola cal foi expulsado de Inglaterra. Refuxiado en Francia, Paine foi encarcerado por Robespierre por declararse abertamente contra o réxime do Terror.

En prisión empezou a escribir The Age of Reason (1794) un clásico do librepensamento con carácter anticlerical, onde rexeitaba a brutalidade e crueldade. Proclamaba contradicións da Biblia a imitación de Voltaire. Tres anos máis tarde publicou o seu panfleto Agrarian Justice.

O seu seguidor Bertrand Russell afirmou del:

Para os nosos tataravós era unha especie de Satán terreal, un infiel subversivo, rebelde contra o seu Deus e contra o seu rei. Gañouse a hostilidade de tres homes a quen non adoita relacionarse: Pitt, Robespierre e Washington. Destes, os dous primeiros trataron de matalo, mentres que o terceiro se abstivo coidadosamente de salvar a súa vida. Pitt e Washington odiábano porque era demócrata, Robespierre, porque se opuxo ao seu réximo do Terror. O seu destino foi sempre ser honrado polos pobos e odiado polos gobernos.[2]
Selo coa efixie de Thomas Paine 1969.

Pensamento social

[editar | editar a fonte]

Por influencia do xacobinismo e do movemento dos sans-culottes reivindicou, como outros radicais británicos, non só a democracia política senón tamén a democracia social, centrándose especialmente na cuestión da propiedade da terra. Por esta razón foi incluído no grupo dos socialistas agrarios,[3] xunto con Thomas Spence e William Ogilvie de Pittensear. Con todo, Paine mostrouse máis moderado que estes dous últimos pois non cuestionou o dereito de propiedade, aínda que foi un dos precursores do laborismo e do estado do benestar ao propor a redistribución da renda por medio dun imposto sobre as grandes facendas e a implantación dun sistema público de pensións, entre outras medidas.[4]

Expuxo o seu pensamento social en Rights of Man (1791-1792) e, sobre todo, en Agrarian Justice (1795-1796). Nestas obras defendía que para acadar a democracia plena había que abandonar as "miserias" da civilización, sobre todo en Europa, e volver á organización económica da comunidade primitiva propia do estado de natureza ou, cando non fose posible, establecer un imposto progresivo que limitase os bens que cada membro da sociedade podía posuír e que dotase o Estado dos recursos necesarios para que proporcionase aos máis desfavorecidos os medios que lles permitisen levar unha vida digna. Paine non cuestionaba o dereito de propiedade pero subordinábao á satisfacción das necesidades sociais e para iso propugnaba un Estado democrático que interviñese na vida económica.[5] Así, en Agrarian Justice, escribiu o seguinte sobre a súa forma "social" de entender a propiedade:[6]

A propiedade persoal é un efecto da sociedade; é tan imposible que un individuo adquira propiedades persoais sen axuda da sociedade, como o é que cree as terras. Separade un individuo da sociedade, dádelle a posesión dunha illa ou dun continente, e non poderá adquirir propiedades persoais, non poderá facerse rico.

Escravitude

[editar | editar a fonte]

Atribúeselle a obra "African Slavery in America", o primeiro artigo que propuña a emancipación dos escravos africanos e a abolición da escravitude. Foi publicado o 8 de marzo de 1775 na postila ao Pennsylvania Journal and Weekly Advertiser (tamén coñecido como The Pennsylvania Magazine and American Museum).[7] Tendo en conta que non puido demostrarse que Paine fose o autor deste ensaio publicado anonimamente, algúns académicos como Eric Foner e Alfred Owen Aldridge non consideran este escrito como parte da súa obra. Pola contra, John Nichols considera que a súa "fervente oposición á escravitude" levouno a ser excluído do poder durante os primeiros anos da república.[8]

Relixión

[editar | editar a fonte]

Sobre a relixión afirma en The Age of Reason:

Non creo no credo profesado pola igrexa xudía, pola igrexa romana, pola igrexa grega, pola igrexa turca, pola igrexa protestante, nin por calquera outra igrexa que coñeza. A miña mente é a miña igrexa. Todas as institucións eclesiásticas nacionais, xa sexan xudías, cristiás ou turcas, parécenme nada menos que invencións humanas creadas para horrorizar e escravizar a humanidade, e monopolizar o poder e o lucro.

Aínda que non existe ningunha evidencia de que fose masón, Paine tamén escribiu "An Essay on the Origin of Free-Masonry" (1803-1805), sobre a Biblia como un mito alegórico que describe a astroloxía:

A relixión cristiá é unha parodia da adoración do sol, na cal se puxo un home ao que chamaron Cristo en lugar do sol, e ofrecéronlle a adoración que orixinalmente se ofrecía ao sol.

Describiuse a si mesmo como deísta, dicindo:

Que diferente é isto á simple e pura profesión do deísmo! O verdadeiro deísta ten unha soa deidade; e a súa relixión consiste en contemplar o poder, a sabedoría e a benignidade da Deidade nas súas obras, e no seu esforzo por imitalo en toda cuestión moral, científica e mecánica.

e de novo, en The Age of Reason:

Eu creo nun Deus e non máis; e teño a esperanza da felicidade despois desta vida. Creo na igualdade do home, e creo que os deberes relixiosos consisten en facer xustiza, amara a misericordia e esforzarse por facer feliz o noso próximo.

Os escritos de Paine tiveron grande influencia nos revolucionarios estadounidenses. Os seus libros supuxeron un rexurdimento do deísmo en Norteamérica e, a longo prazo, inspiraron tanto filósofos radicais como pensadores da clase obreira. Moitos liberais, libertarios, feministas, socialdemócratas, anarquistas, librepensadores e progresistas considerárono o seu antecedente intelectual. A crítica de Paine á relixión institucionalizada e a súa defensa do pensamento libre influíu en moitos librepensadores británicos dos séculos XIX e XX, tales como William Cobbett, George Holyoake, Charles Bradlaugh, Christopher Hitchens e Bertrand Russell.

En 2002, Paine foi incluído na lista dos cen británicos máis importantes de todos os tempos nunha enquisa levada a cabo pola BBC.[9]

  1. Ayer, Alfred Jules (1990). Thomas Paine. University of Chicago Press. p. 1. ISBN 0-226-03339-2. 
  2. Russell, Bertrand: artigo "El destino de Thomas Paine" (1934) en Por qué no soy cristiano. Ed. Edhasa. Barcelona, 2007. ISBN 978-84-350-3475-3 p. 169.
  3. Bravo 1976, pp. 194-195"Los primeros ingleses que se plantearon como objeto de estudio el problema social, se interesaron más bien por el campo e imaginaron [...] sociedades ideales agrícolas, modeladas sobre las más conocidas utopías del pasado, por lo que pudieron ser definidos a posteriori como «socialistas agrarios»"
  4. Bedarida 1984, pp. 363-364; 366-367.
  5. Bravo 1976, p. 195.
  6. Bravo 1976, p. 196.
  7. Van der Weyde, William M. (1925). The Life and Works of Thomas Paine. New Rochelle (N. Y.): Thomas Paine National Historical Society. pp. 19-25. OCLC 193829. 
  8. Nichols, John (20 de xaneiro de 2009). "Obama's Vindication of Thomas Paine". The Nation (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2009. 
  9. BBC News (21 de agosto de 2002). "100 Great British Heroes" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]