[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Tordo rubio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O tordo rubio[2] ou tordo malvís[3] (Turdus iliacus) é unha ave da familia Turdidae, nativa de Europa e Asia, lixeiramente máis pequeno que o relacionado tordo común (T. philomelos).

Taxonomía e sistemática

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por Carl Linnaeus na súa obra Systema naturae en 1758 co seu actual nome científico.[4] o nome binomial deriva das palabras latinas turdus, 'tordo' e ile, 'flanco'.[5]

Hai unhas 65 especies de tordos de pequeno e gran tamaño no xénero Turdus. Aínda que hai dúas especies de tordos europeos que derivaron temperanmente da liñaxe euroasiática unha vez que se espallou ao norte de África, no caso do tordo rubio a súa procedencia é de antepasados que desde África colonizaron a rexión do Caribe e despois chegaron desde alí a Europa.[6]

O tordo rubio ten dúas subespecies:[7][8][9]

  • T. i. iliacus, a subespecie nominal descrita por Linnaeus, que se reproduce na Eurasia continental.
  • T. i. coburni, descrita por Richard Bowdler Sharpe en 1901, que se reproduce en Islandia e as illas Faroe e inverna no oeste de Escocia e Irlanda e máis ao sur no norte de España. É máis escuro por debaixo e marxinalmente máis grande que a forma nominal.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Mide de 20 a 24 cm de longo cunha envergadura alar de 33 a 34.5 cm e un peso de 50 a 75 g. Os sexos son similares, con dorsos marróns uniformes e con marcas marróns escuras nas partes inferiores brancas. As características máis identificativas son os flancos e parte inferior das ás vermellos, e a liña cor crema sobre o ollo.[7][8][9] Os adultos mudan entre xuño e setembro, o que significa que algúns empezan a substituír as súas plumas de voo, mentres están alimentando as crías.[10]

O macho ten unha canción curta variada e unha chamada de voo asubiante.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Cabeza dun T. i. coburni, en Islandia

Reprodúcese nas rexións setentrionais de Europa e Asia, desde Islandia á parte máis ao norte de Escocia e a través de Escandinavia, os países bálticos, norte de Polonia e Belarús, e a través da maior parte de Rusia ata aproximadamente o meridiano dos 165° leste en Chukotka. En anos recentes expandiu algo a súa área de distribución, tanto no leste de Europa, onde agora se reproduce máis ao sur no norte de Ucraína e no sur de Groenlandia, onde a zona de Qaqortoq foi colonizada en 1990–1991.[7][8][9]

A miúdo é desprazado polo moi relacionado merlo papobranco en áreas de maior altitude.[11]

É unha ave migraoria, que inverna en Europa occidental, central e meridional, e no noroeste de África, e suroeste de Asia e cara ao leste ata o norte de Irán. Nalgunhas partes do oeste da súa área de reprodución (especialmente no suroeste de Noruega) poden se residentes e non migran en absoluto, mentres que as do máis ao leste da súa área migran ao leste de 6 500 a 7 000 km para alcanzar aos seus terreos de invernada.[7][8][9] En Galicia é un invernante relativamente común.[3]

Hai múltiples rexistros de aves errantes na costa nordeste de América do Norte, así como dous avistamentos na costa oeste (no estado de Washington en 2005, e en Seward, Alasca en 2011).[9]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Os exemplares migrantes e invernantes a miúdo forman bandadas laxas de 10 a 200 ou máis paxaros, que a miúdo se alimentan xunto con tordos reais, merlos comúns e estorniños pintos, e ás veces tamén con tordos charlos, tordos comúns e merlos papobrancos.[7][8][9] A diferenza do tordo común, o máis nómade tordo rubio non adoita regresar regularmente ás mesmas áreas de invernada.[12]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovos da especie na colección do Museo de Wiesbaden
Os niños constrúeos xeralmente no chan.

Reprodúcese en bosques de coníferas e bidueiros e na tundra. Fai o niño en arbustos ou no chan, poñendo de catro a seis ovos. Os ovos miden 2,6 x 1,9 cm de tamaño e pesan 4,6 g, dos cales o 5% é o peso da casca,[5] e fan eclosión aos 12 ou 13 días de incubación. Os polos empluman aos 12 a 15 días, pero as crías son dependentes dos pais outros 14 días máis.[7][8][9]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

É omnívoro, comendo unha gran variedade de insectos e miñocas de terra todo o ano, suplementando isto con froitos en outono e inverno, especialmente de capudre (Sorbus aucuparia) e estripeiro (Crataegus monogyna).[7][8][9]

Ameazas naturais

[editar | editar a fonte]

Un estudo ruso de parasitos do sangue de túrdidos, entre os que estaba o tordo rubio, atopou que portaban Haemoproteus e Trypanosoma.[13]

Status e conservación

[editar | editar a fonte]

A especie ten unha ampla área de distribución, estimada en 10 millóns de quilómetros cadrados e unha poboación estimada de 26 a 40 millóns de individuos tan só en Europa. A poboación Europea supón aproximadamente o 40% da poboación global, polo que unha estimación moi preliminar da poboación mundial é que pode ser de 98 a 151 millóns de individuos. A especie crese que e aproxima ao limiar do criterio que sinala o declive dunha poboación segundo a Lista vermella da IUCN (é dicir, declive de máis do 30% en dez anos ou tres xeracións), e é, por tanto, situado por precaución na lista de especies "case ameazadas".[1] As cifras da poboación poden verse afectadas negativamente os anos de invernos duros, que poden causar unha forte mortalidade, e os verán húmidos e fríos, que reducen o éxito na reprodción.[8]

  1. 1,0 1,1 "Turdus iliacus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2015. Consultado o 26 January 2016. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 168. T. alis subtus flavescentibus, rectricibus tribus lateralibus apice utrinque albis. 
  5. 5,0 5,1 "Redwing Turdus iliacus [Linnaeus, 1766 ]". BTO Birdfacts. BTO. Consultado o 2008-01-28. 
  6. Reilly, John (2018). The Ascent of Birds. Pelagic Monographs. Exeter: Pelagic. pp. 221–225. ISBN 978-1-78427-169-5. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Snow, D. W. & Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic Concise Edition. OUP ISBN 0-19-854099-X.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 del Hoyo, J., Elliott, A., & Christie, D., eds. (2005). Handbook of the Birds of the World Vol. 10. Lynx Edicions, Barcelona ISBN 84-87334-72-5.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Clement, P., & Hathway, R. (2000). Thrushes Helm Identification Guides, London ISBN 0-7136-3940-7.
  10. RSPB Handbook of British Birds (2014). UK ISBN 978-1-4729-0647-2
  11. Evans G (1972). The Observer's Book of Birds' Eggs. London: Warne. p. 78. ISBN 0-7232-0060-2. 
  12. Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic concise edition (2 volumes). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854099-X.  p1215–1218
  13. Palinauskas, Vaidas; Markovets, Mikhail Yu; Kosarev, Vladislav V; Efremov, Vladislav D; Sokolov Leonid V; Valkiûnas, Gediminas (2005). "Occurrence of avian haematozoa in Ekaterinburg and Irkutsk districts of Russia". Ekologija 4: 8–12. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns extrernas

[editar | editar a fonte]