Xogos Olímpicos
Os Xogos Olímpicos[2] (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés),[3][4]:54 ou olimpíadas[5] son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes.[6] Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os xogos da olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha olimpíada, e os Xogos Olímpicos de inverno durante o seu terceiro ano».[4]:23 Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.
Tipo | evento deportivo recorrente |
---|---|
Lema | Lema olímpico |
Deporte | deporte olímpico |
Organizador | Comité Olímpico Internacional |
Patrocinador | Visa (pt) |
Participantes | |
Localización e Datas | |
Localización | Olympic venue (en) |
Vixencia | 1896 – |
Período de ocorrencia | 4 |
Competición | |
medalla olímpica | |
Outro | |
Páxina web oficial | olympics.com… |
- Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.
A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna leváronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.
A evolución do movemento olímpico durante os séculos XX e XXI deu lugar a varias modificacións nos Xogos Olímpicos. Algúns destes axustes inclúen a creación dos xogos de inverno para deportes invernais, os Xogos Paralímpicos para atletas con algún tipo de discapacidade e os Xogos Olímpicos da Mocidade para atletas adolescentes. Os Xogos Olímpicos de inverno realizáronse por primeira vez en 1924, na localidade francesa de Chamonix. Orixinalmente realizados como parte do evento de verán, o COI considerounos como un evento separado retroactivamente, e desde esa data comezaron a realizarse no mesmo ano que os xogos orixinais. Posteriormente, co fin de potenciar o desenvolvemento dos eventos invernais, o COI decidiu desfasar a realización dos Xogos invernais a partir de Lillehammer 1994. Desde esa data, os Xogos Olímpicos de Inverno realízanse nos anos pares entre dous Xogos de Verán. Os primeiros Xogos Olímpicos da Mocidade de Verán celebráronse en Singapur en 2010, mentres que os Xogos Olímpicos da Mocidade de Inverno celebráronse en Innsbruck en 2012.
O COI tivo que adaptarse a unha variedade de avances económicos, políticos e tecnolóxicos. Como resultado, os Xogos Olímpicos afastáronse do amateurismo puro, segundo o previsto por Coubertin, para permitir a participación dos atletas profesionais. A crecente importancia dos medios de comunicación de masas iniciou o tema de patrocinio das empresas e a comercialización dos Xogos. Grandes boicots realizáronse durante a Guerra fría nos Xogos de 1980 e 1984.
O Movemento Olímpico consta de Federacións Internacionais de cada deporte, Comités Olímpicos Nacionais e Comités Organizadores de cada edición. O COI é responsable da elección da cidade sede. Segundo a Carta Olímpica, a cidade anfitrioa é responsable da organización e o financiamiento dos Xogos. O programa olímpico, composto polos deportes disputados nos Xogos, tamén está determinado polo COI. Existen diversos símbolos e cerimonias olímpicas, como a bandeira e a facho olímpico, así como as cerimonias de apertura e clausura. Preto de 13 000 atletas compiten nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno en 33 deportes diferentes e en aproximadamente 400 eventos. Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro lugar en cada evento reciben medallas olímpicas: ouro, prata e bronce, respectivamente.
Os Xogos Olímpicos constitúen unha oportunidade para o país e a cidade sede de darse a coñecer ao mundo.[Cómpre referencia]Na actualidade case todos os países están representados nos Xogos Olímpicos. Isto provocou diversos problemas: dopaxe, subornos e actos de terrorismo. Cada dous anos, os Xogos Olímpicos e a súa exposición aos medios, proporcionan aos atletas descoñecidos a oportunidade de alcanzar a fama nacional e internacional, ao tempo que lles fai estar suxeitos a múltiples presións, o cal fai que algúns deles utilizen substancias dopantes para mellorar os seus logros, moitas veces poñendo en perigo a súa saúde. O Comité Olímpico Internacional estableceu dende 1968 os chamados controis anti-dopaxe que poden ser realizados en calquera momento a petición do COI e que poden desencadear a descualificación inmendiata do atleta que dea positivo nese control.
Orixe e nome
editarO termo olímpico ou olimpíada vén do nome da cidade de Olimpia, en Grecia, onde por volta do ano 776 a.C., comezáronse a celebrar polo verán na honra de Zeus, un certame de xogos deportivos cada catro anos, até que o emperador romano Teodosio I decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. Polo tanto a cidade de Olimpia (Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada dos deuses–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que pasa ao latín como olympiadis) é o eixo vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a flama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho ata o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición[7].
Moitas veces o termo Olimpíadas[8] (período de catro anos que media entre distintos Xogos Olímpicos, que na Grecia Antiga constituía unha unidade de medida do tempo, que servía para situar historicamente os feitos) faise sinónimo de Xogos Olímpicos, esta definición é tamén empregada con frecuencia na linguaxe xornalística, porén fan referencia a conceptos distintos e, en certa medida, opostos, xa que de forma xeral a olimpíada é xusto o tempo que non é xogo olímpico. Existe, polo tanto, a nivel lingüístico, certa polémica e aínda que a denominación institucional aposta por definir olimpíada como período entre xogos, na práctica en portugués, castelán, francés, inglés ou galego, Olimpíada pasou tamén a designar a celebración deportiva[9].
En 2016 comezou a 31ª Olimpíada da era moderna, e os Xogos Olímpicos de 2016 de Río de Xaneiro foron conseguintemente os Xogos Olímpicos da XXXI Olimpíada. Catro anos despois comezará a trixésimo segunda olimpíada, cuxos Xogos Olímpicos terán lugar en Toquio (Xapón) no ano 2020. Porén, non houbo ata a data 31 Xogos Olímpicos de verán, senón unicamente 28. Os Xogos da sexta olimpíada (Berlín 1916), da duodécima (Helsinqui 1940) e da décimo terceira (Londres 1944) non se chegaron a realizar por mor das guerras mundiais, pero o calendario de olimpíadas seguiu correndo. En 1906 realizouse na cidade de Atenas unha edición extraordinaria dos Xogos Olímpicos co pretexto de conmemorar o 10º aniversario do comezo dos xogos en 1896. Esta edición dos Xogos Olímpicos de 1906, que tería sido a cuarta, non é considerada oficial polo Comité Olímpico Internacional por ter sido realizada fóra do ciclo de catro anos denominado Olimpíada e, xa que logo, os cuartos Xogos Olímpicos considéranse os celebrados en 1908 en Londres.
Xogos Olímpicos da antigüidade
editar- Artigo principal: Xogos Olímpicos da Antigüidade.
Os Xogos Olímpicos antigos —chamados así por celebrarse na cidade de Olimpia— foron festas atléticas celebradas cada catro anos no santuario de Zeus en Olimpia, Grecia. Ás competicións acudían participantes de varias cidades-estado e reinos da antiga Grecia. Nestes xogos realizábanse diversos eventos deportivos, combates e carreiras de cuadrigas. Durante os xoegos, os conflitos entre as cidades-estado participantes pospoñíanse ata a finalización das competicións deportivas. Este cesamento das hostilidades foi coñecido como paz ou tregua olímpica.[10]:54 A orixe dos Xogos Olímpicos está rodeada de misterio e lenda.[11]:12 Segundo o relato do historiador grego Pausanias, o Dáctilo Heracles Ideo (non confundir con Heracles o fillo de Zeus) e catro dos seus irmáns correron a Olimpia para entreter ao recentemente nacido Zeus. Ao gañar, Heracles coronouse cunha coroa de olivo e estableceu o costume de celebrar cada catro anos unha serie de eventos deportivos en honor a Zeus.[12]
Píndaro, noutro relato, atribúe os Xogos Olímpicos a Heracles, o fillo de Zeus,[13][14] ademais persiste na idea de que despois de completar os seus doce traballos, construíu o estadio olímpico en honor a Zeus. Trala súa finalización, dirixiuse en líña recta douscientos pasos, e chamou a iso "distancia estadio" (en grego: στάδιον), que máis tarde se converteu nunha unidade de lonxitude. Outro mito asocia os primeiros Xogos co antigo concepto grego da tregua olímpica (ἐκεχειρία).[15]:229-230 A data de inicio máis aceptada para os Xogos Olímpicos da Antigüidade é a do ano 776 a. C., basándose nunha inscrición en Olimpia que é unha lista de ganadores dunha carreira pedestre celebrada cada catro anos a partir do ano antes mencionado.[16] Na antigüidade celebráronse eventos de carreiras, boxeo (moito máis cruel có actual, sen apenas normas), loita libre (practicamente tal como a coñecemos actualmente), pankration (loita a morte), eventos ecuestres coma as carreiras de carros, música (considerada unha competición máis) e un péntatlon —consistente en salto de lonxitude, lanzamentos de disco e xavelina, carreira pedestre e loita —.[17]:59-61[18] A tradición di que Corebo, un cociñeiro da cidade de Elis, foi o primeiro campión olímpico.[19]:24
Os Xogos Olímpicos tiñan unha importancia cultural e relixiosa fundamental. Ademais dos eventos deportivos, había sacrificios rituais na honra de Zeus (cuxa estatua, realizada por Fidias, foi colocada no templo de Olimpia) e de Pélope, heroe divino e rei mítico de Olimpia. Pélope foi famoso pola súa carreira de carros co rei Enómao de Pisa.[20]:95 Os atletas participantes, cidadáns (só homes), adestrábanse durante anos nos ximnasios e competían completamente espidos. Os ganadores dos eventos foron admirados e inmortalizados en poemas e estatuas.[21]:90-93 Celebrábanse cada catro anos, e ese período, coñecido como Olimpíada, foi utilizado polos gregos como unha das súas unidades de medida do tempo. Os Xogos formaban parte dun ciclo coñecido como os Xogos Panhelénicos, que incluía tamén aos Xogos Píticos, os Xogos Nemeos e os Xogos Ístmicos.[22]
Os Xogos Olímpicos da antigüidade chegaron ao seu cénit nos séculos VI e V a. C., porén o seu poder diminuíu gradualmente tralo aumento de poder dos romanos en Grecia. Se ben non hai consenso entre os expertos sobre cando finalizaron oficialmente, a data máis aceptada é a do ano 393 a. C., cando o emperador Teodosio I decretou que todos os cultos e prácticas pagás serían eliminadas (porén, o decreto de Teodosio non contiña ningunha referencia específica a Olimpia). Outra data comunmente citada é o ano 426 a. C., cando o seu sucesor, Teodosio II ordenou a destrución de todos os templos gregos.[17]:54
Xogos Olímpicos da era moderna
editarAntecedentes
editarDocumentouse que durante o século XVII se empregou de diversas formas o termo "olímpico" para describir eventos deportivos da época. O primeiro destes eventos foi o Cotswold Olimpick Games, unha reunión deportiva anual realizada nas proximidades de Chipping Campden, Inglaterra. Foi organizado polo avogado Robert Dover entre 1612 e 1642, con varias celebracións posteriores que chegaron ata hoxe en día. A Asociación Olímpica Británica describe a estes xogos como «os primeiros movementos dos comezos olímpicos de Gran Bretaña».[23]
L'Olympiade de la République, era un festival olímpico nacional celebrado entre 1796 e 1798 na Francia revolucionaria tamén tratou de emular aos antigos Xogos Olímpicos.[24]:133[25]:19 A competición incluía diversas disciplinas dos Xogos Olímpicos antigos. O evento de 1796 marcou a introdución do sistema métrico no deporte.[25]:19[26]
En 1850, o doutor William Penny Brookes iniciou unha "Clase Olímpica" en Much Wenlock, Shropshire, Inglaterra. En 1859, Brookes cambioulle o nome polo de Xogos Olímpicos Wenlock. Este festival deportivo anual continúa celebrándose ata a actualidade.[11]:144 A Sociedade Olímpica de Wenlock foi fundada por Brookes o 15 de novembro de 1860.[11]:28
Entre 1862 e 1867, Liverpool celebrou o "Grand Olympic Festival", un festival anual.[27] Foi deseñado por John Hulley e Charles Melly. Estes xogos foron os primeiros en seren de natureza totalmente afeccionada e teren perspectiva de proxección internacional, aínda que só os "cabaleiros afeccionados" podían competir.[28]:53-54[29] As competicións incluían carreiras pedestres, salto de altura, boxeo, loita libre, esgrima e ximnasia.[27] O programa dos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna, celebrados en Atenas en 1896, foi case idéntico ao dos Xogos Olímpicos de Liverpool.[30]:38 En 1865, Hulley, Brookes e E. G. Ravenstein fundaron a Asociación Olímpica Nacional en Liverpool, un predecesor da Asociación Olímpica Británica. Os seus artigos fundacionais serviron de base para a Carta Olímpica Internacional.[11]:24 En 1866, celebráronse uns Xogos Olímpicos Nacionais no Reino Unido no Crystal Palace londiniense.[31]
Renacemento
editarO interese grego por revivir os Xogos Olímpicos comezou coa Guerra da Independencia de Grecia do Imperio Otomán en 1821. A primeira proposta de restablecer os Xogos foi do poeta e editor de xornais Panagiotis Soutsos no seu poema Diálogo da Morte, publicado en 1833.[11]:1 En 1856, Evangelos Zappas, un rico filántropo grego, escribiu ao rei Otto de Grecia ofrecéndose a financiar a reinstauración permanente dos Xogos Olímpicos.[11]:14 Zappas patrocinou os primeiros Xogos Olímpicos de 1859, que se celebraron nunha praza de Atenas. Os atletas participantes eran gregos e do Imperio Otomán. Zappas custeou tamén a restauración do antigo Estadio Panatenaico para que puidese acoller todas as futuras edicións dos Xogos.[11]:14
O Estadio Panatenaico albergou as edicións dos xogos de 1870 e de 1875.[11]:2, 13-23, 81 Trinta mil espectadores presenciaron os xogos de 1870, non habendo rexistros oficiais de asistencia aos xogos de 1875.[11]:44 En 1890, despois de asistir aos Xogos da Sociedade Olímpica de Wenlock, o barón Pierre de Coubertin tivo a inspiración para fundar o Comité Olímpico Internacional (COI).[32] Coubertin baseouse nas ideas e os traballos de Brookes e Zappas co obxectivo de crear uns Xogos Olímpicos internacionais que se celebraran, cambiando de sede, cada catro anos.[32] Presentou estas ideas durante o primeiro congreso do incipiente COI, celebrado na Universidade de París entre o 16 e o 23 de xuño de 1894. O derradeiro día do congreso decidiuse que os primeiros Xogos Olímpicos organizados polo COI terían lugar en Atenas en 1896.[33]:8 O Comité Olímpico Internacional elixiu o escritor grego Demetrius Vikelas como o seu primeiro presidente.[11]:100-105 Dous anos máis tarde, Coubertin substituíu a Vikelas como presidente deste organismo.
Os Xogos de 1896
editarOs primeiros Xogos celebrados baixo os auspicios do COI celebráronse no Estadio Panatenaico de Atenas en 1896. Competiron 241 atletas de 14 nacións en 43 eventos.[34] Evangelos Zappas e o seu primo, Konstantinos Zappas, deixaron ao goberno grego un fideicomiso para financiar futuros Xogos Olímpicos. Este fideicomiso usóuse para axudar a financiar os Xogos de 1896.[11]:117[35][36] George Averoff contribuíu xenerosamente á remodelación do estadio.[11]:128 O goberno grego tamén achegou fondos, que esperaban recuperar coa venda de entradas e selos conmemorativos dos primeiros Xogos Olímpicos.[11]:128
Os funcionarios gregos e o público en xeral estaban entusiasmados coa experiencia de albergar os Xogos Olímpicos. Este espírito foi compartido por moitos atletas, quen demandaban que Atenas fose a sede permanente dos Xogos. Porén, o COI insistía na idea de levar o evento a distintas cidades por todo o mundo. Así, foi elixida París como sede dos Xogos Olímpicos de 1900.[37]
Cambios e adaptacións
editarDespois do éxito dos Xogos de 1896, os Xogos entraron nun período de estancamento que ameazou a súa supervivencia. Os Xogos de 1900 en París e de 1904 en St. Louis foron presentados coma atraccións secundarias das Exposicións Universais respectivas. Os Xogos de París non tiñan estadio, mais foron notables por seren os primeiros nos que participaron mulleres. Nos Xogos de St. Louis participaron 650 atletas, pero 580 eran estadounidenses. O carácter homoxéneo destas celebracións xogou en contra do Movemento Olímpico.[38] Os Xogos conseguiron un novo pulo cos Xogos Intercalados de 1906 celebrados en Atenas para conmemorar o décimo aniversario dos primeiros Xogos da era moderna (son chamados "intercalados" para indicar que se celebraron na metade da terceira Olimpíada, sendo ademais a única vez que se celebraron dous Xogos Olímpicos nunha mesma Olimpíada). Estes Xogos, aínda que foran recoñecidos polo COI, non son hoxe recoñecidos oficialmente. Os Xogos atraeron a unha ampla representación de participantes e xeraron un grande interese público. Isto marcou o comezo do ascenso tanto da popularidade coma da envergadura dos Xogos Olímpicos.[39]
Cerimonias
editarApertura
editarComo establece a Carta Olímica, son varios os elementos envolveitos na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos. A cerimonia ha ter lugar antes dos eventos deportivos.[40]Moitos dos rituais datan dos Xogos Olímpicos de 1920 de Anveres.[41] Polo xeral, a cerimonia principia coa entrada do xefe de Estado do país organizador seguido polo izado da súa bandeira e a interpretación do seu himno nacional[40]. A cotinuación o Estado organizador presenta mostras artíticas de música, canto, baile e teatro representativo da súa cultura.[41] Esas presentacións artísticas gañaron en peso e complexidade co paso do tempo xa que os países intentan superar a cerimonia anterior para que sexa máis memorable, e así a cerimonia de apertura dos Xogos de Beijing puido custar 100 millóns de dólares, e na súa maioría nos elementos artísticos.[42] Á parte artística da cerimonia sucédelle o desfile dos atletas no estadio, agrupados por nacións. Grecia é por tradición a primeira en entrar no estadio en honra ás orixes das Olimpíadas, os mais países entran no estadio por orde alfabética, segundo a lingua que designara o país anfitrión, e este é o derradeiro en entrar. Nos Xogos Olímpicos de 2004 que se celebrou en Grecia, a bandeira grega entrou primeiro no estadio mentres a delegación grega foi a derradeira en entrar. Tras os desfiles veñen os discursos para abrir formalmente os xogos e finalmente o facho olímpico entra no estadio para llo entregar ao derradeiro relevista, habitualmente un atleta olímpico recoñecido do país organizador, que é o encargado de prender a chama olímpica no peveteiro olímpico.[40]
Clausura
editarA cerimonia de clausura ten lugar despois da conclusión de todos as competicións deportivas. Os abandeirados de todos os países participantes entran no estadio, e a seguir o atletas entran todos xuntos, sen distinción nacional.[43]Ízanse tres bandeiras nacionais mentres se interpretan os seus correspondentes himnos: son as bandeiras de Grecia, en honra do lugar de nacemento dos xogos olímpicos, a bandeira do país organizador da vindeira Olímpiada.[43] O presidente do comité organizador e mais o presidente do COI fan os discursos de clausura para dar os xogos como oficialmente concluídos e procédese a extinguir a chama olímpica.[44] No que se coñece como a Cerimonia de Anveres, o alcalde da cidade que organizou os xogos transfire unha bandeira olímpica especial ao presidente do COI que lla transpasa ao alcalde da cidade que vai ser a organizadora dos seguintes xogos olímpicos.[45] O estado organizador deses próximos xogos presenta algunha mostra de baile ou teatro representativo da súa cultura.[43]
É tamén costume realizar a derradeira entrega de medallas como parte desta cerimonia, o maratón nas olimpíadas de verán[43][46] e esquí de fondo nas de inverno .[47]
Entrega de medallas
editarRealízase unha entrega de medallas cada vez que conclúe unha competición deportiva. O atleta ou equipo gañador, segundo e mais o terceiro atleta ou equipo soben ao alto dunha plataforma de tres chanzos, coñecida como podio, para recibiren as súas medallas[48] das mans dun membro do COI e logo ízanse as bandeiras nacionais dos tres medallistas mentre soa o himno nacional do país gañador do ouro[49] Voluntarios do país anfitrión axudan aos encargados da entrega das medallas e portan as bandeiras.[50].
Relación dos Xogos Olímpicos da era moderna
editarNotas
editar- ↑ "Who Made the Olympic Rings?". The New York Times. Consultado o 31 de marzo de 2018.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xogo.
- ↑ O inglés e o francés son os dous idiomas oficiais do Movemento Olímpico.
- ↑ 4,0 4,1 Comité Olímpico Internacional (ed.). "Olympic Charter" (PDF) (en inglés). Consultado o 30 de agosto de 2018.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para olimpíada.
- ↑ "Olympic Games". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2013.
- ↑ Artigo sobre as Olimpíadas no Porta das Palabras
- ↑ Olimpíadas, escrito normalmente en plural e letras maiúsculas.
- ↑ Servizo de Normalización Lingüística da USC.
- ↑ Swaddling, Judith (2000). The Ancient Olympic Games (en inglés) (2ª ed.). Austin: University of Texas Press. ISBN 978-0-292-70373-5. OCLC 10759486.
- ↑ 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 11,11 11,12 Young, David C. (2004). The Beginnings. A Brief History of the Olympic Games (en inglés). Wiley-Blackwell. ISBN 978-1-4051-1130-0.
- ↑ Pausanias. "5". En Gregory R. Crane (Tufts University). Descrición de Grecia. Perseus Digital Library (en inglés). seccións 6-9. Consultado o 29 de agosto de 2018.
- ↑ "What Is the Origin of the Ancient Olympic Games?" (en inglés). About.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2013. Consultado o 19 de marzo de 2013.
- ↑ Píndaro. Gregory R. Crane (Tufts University), ed. Odas Olímpicas. Perseus Digital Library (en inglés). poema 10. Consultado o 29 de agosto de 2018.
- ↑ Spivey, Nigel Jonathan (2004). Olympia: the Origins. The Fifth Century BC (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-280433-4.
- ↑ "Olympic Games". Encyclopædia Britannica (en inglés).
- ↑ 17,0 17,1 Crowther, Nigel B. (2007). The Ancient Olympic Games. Sport in Ancient Times (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 978-0-275-98739-8.
- ↑ "Ancient Olympic Events". Perseus (en inglés). Consultado o 29 de agosto de 2018.
- ↑ Golden, Mark (2009). Helpers, Horses, and Heroes. Greek Sport and Social Status (en inglés). University of Texas Press. ISBN 978-0-292-71869-2.
- ↑ Burkert, Walter (1983). Pelops at Olympia. Homo Necans (en inglés). University of California Press. ISBN 978-0-520-05875-0.
- ↑ Swaddling, Judith (1999). The Ancient Olympic Games (en inglés) (1ª ed.). University of Texas Press. ISBN 978-0-292-77751-4.
- ↑ "The Olympic Games in Antiquity" (PDF). The Olympic Museum (en inglés). Comité Olímpico Internacional. Consultado o 24 de xaneiro de 2013.
- ↑ Robert Dover's Games Society (ed.). "400 Years of Olimpick Passion" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2013. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
- ↑ Tolleneer, Jan; Sterckx, Sigrid; Bonte, Pieter (2013). Athletic enhancement, human nature and ethics (en inglés). Springer. ISBN 978-9-4007-5101-9.
- ↑ 25,0 25,1 Taneja, Anil (2009). World of sports indoor (en inglés). Gyan Publishing House. ISBN 978-8-1783-5767-6.
- ↑ Voxxi (ed.). "The history behind the Olympics" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2013. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
- ↑ 27,0 27,1 Streets of Liverpool (ed.). "How the olympic movement started in Liverpool" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2012. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
- ↑ Matthews, George R. (2005). "America's first Olympics: the St. Louis games of 1904" (en inglés). University of Missouri Press. ISBN 978-0-8262-1588-8.
- ↑ Weiler, Ingomar (2004). The predecessors of the Olympic movement, and Pierre de Couberti. European Review (en inglés) 12 (Cambridge University Press).
- ↑ Girginov, Vassil; Parry, Jim (2005). The Olympic Games Explained: A Student Guide to the Evolution of the Modern Olympic Games (en inglés). Routledge. ISBN 978-0-415-34604-7.
- ↑ Wenlock Olympian Society (ed.). "Much Wenlock & the Olympian Connection" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2009. Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
- ↑ 32,0 32,1 "Rugby School motivated founder of Games". Sports Illustrated (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2004. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
- ↑ Coubertin, Pierre de; Philemon, Timoleon J.; Politis, N.G.; Anninos, Charalambos (1897). Charles Beck, ed. The Olympic Games: BC 776 – AD 1896 (PDF) (en inglés). The Olympic Games in 1896 – Second Part. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2008. Consultado o 31 de agosto de 2018.
- ↑ Comité Olímpico Internacional (ed.). "Athens 1896" (en inglés). Consultado o 8 de febreiro de 2010.
- ↑ de Martens, Frédéric (1893). printer Anestis Constantinides, ed. Mémoire sur le conflit entre la Grèce et la Roumanie concernant l'affaire Zappa (en francés). Atenas. Consultado o 2 de agosto de 2017.
- ↑ Streit, Geōrgios S. (1894). L. Larose, ed. L'affaire Zappa; Conflit Gréco-Roumain (en francés). París. Consultado o 2 de agosto de 2017.
- ↑ Sports Reference (ed.). "1896 Athina Summer Games" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2020. Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
- ↑ ESPN (ed.). "St. Louis 1904 – Overview" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2017. Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
- ↑ Canadian Broadcasting Centre, ed. (28 de maio de 2008). "1906 Olympics mark 10th anniversary of the Olympic revival" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2008. Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
- ↑ 40,0 40,1 40,2 "Fact sheet: Opening Ceremony of the Winter Olympic Games" (PDF). International Olympic Committee. febreiro de 2008. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de marzo de 2009. Consultado o 14 de agosto de 2008.
- ↑ 41,0 41,1 "The development of the Games – Between festival and tradition" (PDF). The Modern Olympic Games (PDF). International Olympic Committee. p. 5. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de marzo de 2009. Consultado o 29 de agosto de 2008.
- ↑ "Beijing Dazzles: Chinese History, on Parade as Olympics Begin". Canadian Broadcasting Centre. 8 de agosto de 2008. Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2008. Consultado o 9 de setembro de 2008.
- ↑ 43,0 43,1 43,2 43,3 "Closing Ceremony Factsheet" (PDF). The International Olympic Committee. 5 de xuño de 2012. Consultado o 12 de agosto de 2012.
- ↑ "Closing Ceremony" (PDF). International Olympic Committee. 31 de xaneiro de 2002. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de marzo de 2009. Consultado o 27 de agosto de 2008.
- ↑ "The Olympic Flags and Emblem". The Vancouver Organizing Committee for the 2010 Olympic and Paralympic Winter Games. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2009. Consultado o 10 de febreiro de 2009.
- ↑ "The Latest: Rio Games close with samba-fueled Carnival party". The San Diego Union-Tribune. Associated Press. 21 de agosto de 2016. Consultado o 24 June 2018.
- ↑ "The Closing Ceremonies of the Olympic Game". International Olympic Committee. 1 de xuño de 2014. Consultado o 24 de xuño de 2018.
- ↑ "Olympic Games – the Medal Ceremonies". Encyclopædia Britannica. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2017. Consultado o 29 de agosto de 2008.
- ↑ "Symbols and Traditions". USA Today. 12 de xullo de 1999. Consultado o 29 de agosto de 2008.
- ↑ "Medal Ceremony Hostess Outfits Revealed". China Daily. 18 de xullo de 2008. Consultado o 29 de agosto de 2008.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xogos Olímpicos |
A Galipedia ten un portal sobre: Xogos Olímpicos |