Píndaro
Píndaro (Πίνδαρος en grego antigo), tamén coñecido como Píndaro de Cinoscefale ou mesmo Píndaro de Beocia, é un dos poetas líricos máis célebres da Grecia arcaica.
Nome orixinal | (grc) Πίνδαρος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 517 a. C. Cynocephalus, Grecia (en) |
Morte | 437 a. C. (79/80 anos) Argos, Grecia (pt) , posiblemente |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía |
Ocupación | poeta, mitógrafo, escritor |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Parella | Theoxenus of Tenedos |
Descrito pola fonte | Enciclopedia de Otto Encyclopædia Britannica 1870 Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en) |
Traxectoria
editarTemos poucas noticias fiábeis sobre a súa biografía, a pesar das seis Vidas que nos deixaron autores antigos. Sábese que naceu en Cinocéfalo, Beocia, cara ao 518 a.C. e que, segundo a tradición, pertencía a unha familia aristocrática. De feito, na Vª Pítica, el mesmo parece afirmar que procede da liñaxe dos exeidas, polo que a miúdo manifestará nas súas obras unha especial simpatía polas institucións dorias.
Pasou a súa infancia e primeira xuventude en Tebas e en Atenas, onde foi discípulo de Agatocles. Moi novo aínda, participou nun certame de poesía no que foi vencido pola poetisa Corina de Tanagra. Foi ela, nesta ocasión, quen lle aconsellou "sementar a mans cheas, non a sacos cheos". A primeira oda pindárica é a Xª Pítica e foi composta cando o autor aínda contaba vinte anos. Pronto se converteu nun afamado poeta. Como tal, percorreu as principais cortes aristocráticas de Grecia: Cirene, Siracusa etc. Diante da invasión dos persas adoptou unha actitude de transixencia co inimigo que respondía á política interesada da súa patria tebana. Nesta cuestión, Píndaro chocou con outro importante poeta, Baquílides, que tomara un punto de vista panhelénico e propugnaba a resistencia enconada perante os persas, aos que vía como unha ameaza para o conxunto da Hélade. Píndaro morreu en Argos entre 446 e 438 aC.
Obra
editarA obra coñecida de Píndaro conservouse en papiros de entre o século II a.C. e o II d.C.. En total, chegáronnos catro libros de epinicios que suman 45 odas e algúns fragmentos soltos. Os epinicios son cantos corais compostos na honra dos vencedores nalgún dos catro certames deportivos panhelénicos que se cantaban ao paso dos campións. As composicións de Píndaro costuman empregar a vitoria deportiva como simple punto de partida para loar o valor persoal do atleta: o seu triunfo reflicte a vitoria do Fermoso e o Bo sobre a mediocridade. Ademais de epinicios, Píndaro compuxo himnos, peáns, partenios, cantos ao viño, trenos etc.
O estilo de Píndaro é peculiar e difícil. Caracterízase por proceder coa materia poética a saltos, establecendo asociacións bruscas e imprevistas entre elementos distintos. A linguaxe, moi elevada, procede dunha mestura artificiosa de dialectos diferentes e satúrase de elementos retóricos, en especial de imaxes.
A dificultade da obra pindárica é paradigmática: se resultaba xa escura para os seus coetáneos, con posterioridade autores que van de Herodoto a Voltaire falan do inintelixíbel da súa poesía. Porén, Goethe ou Hölderlin erixírono en símbolo da liberdade do xenio creador.