Fernando VII
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2015.) |
Fernando VII de España, alcumado "o desexado" e tamén "o felón",[1] nado en San Lorenzo de El Escorial o 14 de outubro de 1784[2] e finado en Madrid o 29 de setembro de 1833, foi príncipe de Asturias (1788-1808) e, posteriormente, rei de España entre marzo e maio de 1808 e de novo, trala expulsión do «rei intruso» Xosé I Bonaparte e o seu retorno a España, dende maio de 1814 até a súa morte en 1833, agás nun breve intervalo de tempo en 1823, en que foi destituído polo consello de Rexencia.
Fillo e herdeiro de Carlos IV e de María Luísa de Parma, que foran depostos tralo motín de Aranjuez, tivo unha enorme popularidade nos primeiros momentos entre o pobo español, que o alcumara como "o desexado" cando fora obrigado a abdicar en Baiona, polo que pasou toda a guerra da Independencia en Valençay na calidade de preso de Napoleón I, a quen chegou a solicitar ser o seu fillo adoptivo:[3]
O meu maior desexo é o de ser fillo adoptivo da S.M. o emperador, soberano noso. Eu creo ser merecedor desta adopción que, verdadeiramente, faría a felicidade da miña vida, tanto polo meu amor e afecto á sagrada persoa da S.M., como pola miña submisión e enteira obediencia ás súas intencións e desexos.
O seu reinado, como sucedeu en boa parte de Europa, estivo marcado pola tensión entre o absolutismo herdado e defendido por el e as novas ideas liberais. De feito herdou un país dividido pola guerra da Independencia e o fin do seu reinado deu paso a unha guerra civil, as chamadas guerras carlistas.
En política exterior, o seu reinado caracterizouse polo inicio do proceso descolonizador en América Latina, que rematará a finais do século XIX.
Primeiros anos
editarFernando de Borbón naceu aínda en vida do seu avó Carlos III. Foi o noveno dos catorce fillos do príncipe Carlos, futuro Carlos IV, e María Luísa de Parma. Dos seus trece irmáns, oito morreron antes de 1800, cousa bastante normal na época. Trala subida ao trono de seu pai en 1788, Fernando foi proclamado como príncipe de Asturias polas Cortes nun acto celebrado no mosteiro de San Xerome de Madrid o 23 de setembro de 1789.[4]
Durante a etapa da súa formación destaca, pola influencia posterior no seu reinado, o cóengo Escoiquiz, principal artífice da conspiración de El Escorial, foi durante varios anos o seu preceptor, e quen lle meteu a desconfianza e un feroz odio a seus pais e a Godoy por manipulalos ao seu capricho.[5]
En outubro de 1802 casou coa súa prima María Antonia de Nápoles, que chorou de desesperación a primeira vez que o viu, debido ao seu "horrible aspecto". Co tempo, a súa esposa colleulle cariño, pero a princesa faleceu en 1806[6] sen deixar descendencia.
Chegada ao trono
editarMotín de Aranjuez
editar- Artigo principal: Motín de Aranjuez.
Debido ao aborrecemento que sentía por eles, dende moi pequeno Fernando xa conspirara contra os seus pais e contra Godoy. En torno do Príncipe de Asturias vaise formando un núcleo opositor formado por membros da alta nobreza que, temerosos do poder que tiña, perseguían que Godoy non chegase ao trono como se viña supoñendo, por iso en 1807 levouse a cabo a primeira conspiración. Por causa dun descoido, esta conspiración foi descuberta polo que Fernando foi xulgado no denominado Proceso de El Escorial. O príncipe, nun xesto propio do seu carácter e reinado, denunciou todos os implicados e pediu desculpas aos seus pais; máis tarde o tribunal absolveu todos os implicados.
En marzo de 1808, coa presenza de tropas francesas no territorio español, a corte real trasladouse a Aranjuez, como parte dun plan de Godoy para trasladar a familia real a América. O día 17 dese mesmo mes, o pobo ataca o pazo do Príncipe da Paz. Aínda que Carlos IV salvou a vida do seu favorito, tivo que abdicar en Fernando o 18 de marzo, estes feitos son coñecidos como "Motín de Aranjuez".
Tras este motín, Fernando volveu á Corte, onde foi aclamado polo pobo de Madrid. Porén, as tropas francesas xa ocuparan Madrid o día anterior (23 de marzo). O destronado rei Carlos e a súa dona pasaron a estar baixo protección de Napoleón. Este invitou a Fernando a reunirse con el, ao que accedeu con esperanza de que o emperador o apoiase como rei de España. Nun principio a reunión ía ser en España, pero logo pasou a celebrarse en Baiona. Chegaron a Baiona o 30 de abril, mentres que en Madrid o pobo comezaba a loitar contra os franceses. Os fitos do 2 de maio de 1808 marcan o inicio da guerra da Independencia española.
Abdicacións de Baiona
editarDurante a reunión en Baiona, Carlos IV afirmou que a renuncia ao trono producida tras o "Motín de Aranjuez" era nula, polo que pedía que lle foran devoltos os seus dereitos como rei, pero logo cédeos a Napoleón a cambio de asilo político en Francia así como unha pensión de 30 millóns de reais anuais. Cando chegaron a Baiona as noticias de que Madrid se levantara en contra dos franceses, Napoleón ordenou a Fernando que recoñecese o seu pai como lexítimo, a cambio dun castelo e 4 millóns de reais de pensión anual, e aceptou. A coroa de España recaeu en Napoleón, que lla cedeu a seu irmán Xosé Bonaparte, que reinaría como Xosé I. Este complicado traspaso da coroa española coñécese como "Abdicacións de Baiona".
Estas abdicacións no son soamente un cambio político de dinastía, senón que Napoleón proclama que España encóntrase fronte a un cambio de réxime, cos beneficios dunha constitución sen necesidade dunha revolución. Napoleón convocou unha reunión de notables españois en Baiona (supuxo un fracaso para Napoleón posto que soamente acudiron á cita 75 dos 150 notables), esta reunión coñeceríase máis tarde como "La Junta española de Bayona", nas nove sesións desta xunta debateuse o proxecto de Napoleón para unha nova constitución española que se aprobou en xullo de 1808 denominada Constitución de Baiona ou Estatuto de Baiona.
Mentres, Fernando viu como Napoleón non cumpría a súa parte e internou a Fernando co seu irmán Carlos e o seu tío Antonio no castelo de Valençay. Fernando permanecería alí até o final da guerra da Independencia.[7]
Non obstante, a condición de prisioneiro de Napoleón creou en Fernando o mito de "O desexado", vítima inocente da crueldade napoleónica. Incluso as cortes de Cádiz que aprobaran a constitución de 1812 vían que Fernando VII era o lexítimo herdeiro da coroa española.
Regreso a España
editarEn decembro de 1813 Napoleón firmou a paz con Fernando, no denominado Tratado de Valençay, e Fernando quedou en liberdade.[5] Fernando volvería a España en 1814, evitando ir a Madrid, onde tería que asinar a Constitución de 1812. Faino por terras de Xirona e dende alí dirixiuse a Valencia, buscando apoios para gobernar de forma absolutista.
Nada máis chegar a España atopa apoios e invitacións para gobernar como un rei tirano e absoluto: o do Xeneral Elio, que puxo o exército ao seu dispor (é o primeiro pronunciamento da historia de España)[8] e o dunha serie de deputados que lle presentan o Manifesto dos Persas, no que os 69 deputados pedían ó rei a volta ó absolutismo. Ademais disto, lembramos que Fernando VII contaba co apoio e simpatía do pobo.
O rei decide entón restaurar o absolutismo asinando un decreto o 4 de maio de 1814 polo que se declaraba nulo o decreto das cortes e a Constitución promulgada en Cádiz en 1812.
Reinado
editarPrimeira etapa absolutista (1814-1820)
editarComezou, entón, unha persecución aos máis liberais, mentres que se facía imposible a reconquista das antigas colonias americanas que facía que España perdera tamén peso en Europa. Para frear esta situación confiouse o poder a un equipo moderado de políticos (León e Pizarro e Garay), pero esta situación durou só dous anos (1816 - 1818).
En 1816 Fernando casou por segunda vez coa súa sobriña María Isabel de Braganza con quen tivo unha filla que morreu nos poucos meses, e en 1818 morrería Isabel. Ao ano seguinte, casa por terceira vez con Josefa Amalia de Saxonia coa que tampouco tivo fillos.
Dende o ano 1814 producíranse en España intentos de golpes de estado fracasados, intentos que acabaron en sangue:
- Pronunciamento de Espoz y Mina en Pamplona, en setembro de 1814.
- Pronunciamento de Juan Díaz Porlier, en setembro de 1815, polo que ó fracasar foi aforcado.
- Conspiración do Triángulo, tramada por un grupo de masóns, que pretendían secuestrar o rei para obrigalo a xurar a Constitución.
- Pronunciamento dos xenerais Lacy e Miláns del Bosch en Barcelona.
- Conspiración de Valencia de 1819.
Trienio liberal (1820-1823)
editar- Artigo principal: Trienio liberal.
O 1 de xaneiro de 1820, o tenente coronel Rafael del Riego sublévase en Cabezas de San Juan contra o réxime absolutista cunhas tropas que agardaban para ser embarcadas cara a América. O levantamento triunfou cando o exército enviado polo goberno se amotinou en Ocaña.
Co triunfo dos liberais suprímese o absolutismo, quedando Fernando VII como rei tras ser obrigado a xurar a Constitución de 1812 (9 de marzo de 1820). Famosa é a súa frase de "Marchemos todos, y yo el primero, por la senda de la Constitución".
Decrétanse medidas desamortizadoras e anticlericais como a expulsión dos xesuítas, a desamortización eclesiástica e o peche dalgúns conventos e mosteiros. Tamén se continúan as reformas iniciadas en 1810: abolición dos privilexios de clase, señoríos, vinculeiros e a Inquisición, preparouse o Código Penal...[5]
Continúan as tensións políticas e sociais. Así, dunha banda, os liberais divídense entón en dous bandos: doceanistas ou moderados (que apoiaban a Constitución de 1812) e vinteanistas ou exaltados (que pensaban que dita constitución era moi feble para o que precisaba España).
Doutra banda, danse nesta etapa intentos absolutistas como a sublevación da Garda Real, que culminarán cando os absolutistas piden axuda á Santa Alianza, que envía os Cen Mil Fillos de San Luís (ó mando do Duque de Angulema, curmán de Fernando VII) para restaurar o absolutismo.
- Artigo principal: Cen Mil Fillos de San Luís.
Ante o perigoso avance dos franceses a Corte trasladouse a Sevilla co rei, máis tarde deixárono marchar e logo os deputados fuxiron (previa represión). Despois de volver ao poder absoluto (1 de outubro de 1823), Fernando non fixo caso das promesas anteriores e comezou unha nova e violenta represión.
Comezaba así a denominada Década Ominosa que se caracteriza por unha política absolutista até o seu extremo.
Década ominosa (1823 - 1833)
editar- Artigo principal: Década Ominosa.
A partir de 1823, coa restauración do absolutismo, prodúcese unha gran represión contra os liberais (ábrense nesta época 20.000 expedientes) e abólese novamente a Constitución de 1812. Danse asemade intentonas ultraabsolutistas contra Fernando VII.
O país pasa por unha crise sucesoria pola falta de fillos de Fernando VII, que pola posibilidade de que tivese unha filla promulga a Pragmática Sanción, que anulaba a Lei sálica que impedía gobernar ás mulleres.
Isto non foi aceptado polos partidarios do seu irmán Carlos María Isidro (os denominados apostólicos). E co nacemento da futura Isabel II en 1830 e a morte do seu pai en 1833, comezan as Guerras carlistas.
Morta a súa terceira dona, casa en 1829 coa súa sobriña María Cristina de Borbón e deste matrimonio nace a infanta, a futura Isabel II. Nacida Isabel, as esperanzas dos apostólicos do reinado de Carlos víanse ameazadas, pero en 1832 mentres o rei parecía estar a morrer intentaron un golpe contra o pazo real, que asegurara o reinado de Carlos. Fracasado o intento, Carlos marchou a Portugal e a insurrección carlista comezou inmediatamente.
Coa morte de Fernando, María Cristina converteuse en rexente iniciando unha etapa conciliadora, con Carlos.
Sucesión
editarDesde 1713 estaba en vigor a Lei sálica, que impedía reinar ás mulleres. En 1789, as Cortes aprobaron unha Pragmática Sanción que a derrogaba, pero esta non foi publicada ata 1830, cando o rei, no seu cuarto matrimonio, con María Cristina de Borbón, esperaba un sucesor. Pouco despois, naceu a princesa Isabel. Na Corte formouse entón un grupo que defendía a candidatura ao trono do irmán do rei, Carlos María Isidro de Borbón, e negaba a legalidade da Pragmática, publicada en 1830.
En 1832, coa ocasión dunha grave enfermidade do rei, cortesáns carlistas convenceron ao ministro Francisco Tadeo Calomarde para que Fernando VII firmase un Decreto derrogatorio da Pragmática, que deixaba outra vez en vigor a Lei sálica. Coa melloría do rei, o Goberno, dirixido por Francisco Cea Bermúdez, deu de novo vigor á Pragmática, co que á morte do rei, o 29 de setembro de 1833, quedaba, como herdeira, a súa primoxénita Isabel, que reinaría co nome de Isabel II.[5] Aínda que a súa viúva, María Cristina de Borbón, exerceu como rexente de España até que Isabel chegase a maioría de idade para reinar.
Valoración do seu reinado
editarA unanimidade á hora de considerar o reinado de Fernando VII como un dos peores da historia de España é case total. Ademais, con certeza, é o monarca español máis denigrado da historia.[9] Nin o carácter do rei (sempre buscando o seu propio beneficio e supervivencia política cambiando de bando ao seu capricho) nin a súa preparación intelectual e humana estiveron á altura do seu tempo.
Notas
editar- ↑ Fayanas Escuer, Edmundo (10-12-2014). "Fernando VII, el felón". nuevatribuna.es. Consultado o 28-10-2017.
- ↑ Historia de la vida y reinado de Fernando VII de España. Tomo I. Madrid: Imprenta de Repullés. 1842. p. 6.
- ↑ Villatoro, Manuel P. (29-2-2016). "El infame rey español que traicionó a su pueblo y pidió ser hijo adoptivo de Napoleón". abc.es (en castelán). Consultado o 9-7-2020.
- ↑ Acto de la jura del príncipe de Asturias, don Fernando, en la Colección de documentos inéditos para la historia de España, vol. XVII, págs. 67-95.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 La Parra López, Emilio. "Biografía de Fernando VII de Borbón (1808-1833)". cervantesvirtual.com (en castelán). Consultado o 9-7-2020.
- ↑ Moreno, Víctor; Ramírez, María E.; de la Oliva, Cristian; Moreno, Estrella (24-3-2020). "Fernando VII de España". buscabiografias.com (en castelán). Consultado o 9-7-2020.
- ↑ "Fernando VII". boadilla.com (en castelán). Consultado o 9-7-2020.
- ↑ Payne (1977), pp. 14–15
- ↑ Suárez (1981), p. XXIII
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Fernando VII |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fernando VII |
Bibliografía
editar- Payne, Stanley G. (1977). Ejército y sociedad en la España liberal (1808-1936) (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7339-215-9.
- Suárez Fernández, Luis (1981). Historia General de España y América. Del antiguo al nuevo régimen: hasta la muerte de Fernando VII. Vol. XII. Madrid: Ed. Rialp. ISBN 84-321-2109-6.