[go: up one dir, main page]

Filosofía grega
Presocráticos
Sofistas
Sócrates
Platón
Aristóteles
Epicureísmo
Estoicismo
Escepticismo
Cinismo

O Estoicismo é unha doutrina filosófica que foi fundada por Zenón de Citio cara a finais do século IV a.C. dentro do período helenístico (que seguiu á morte do rei macedonio Alexandre o Grande). O Estoicismo entrou en pugna coas escolas do Epicureísmo e o Escepticismo.

Zenón de Citio. Foto Paolo Monti, 1969.

Cunha forte orientación ética, os estoicos sostiveron as virtudes do autocontrol e o desapego, levadas ao seu extremo no ideal da ataraxia, como medios para acadaren a integridade emocional e intelectual. No ideal estoico, é a liberación das paixóns a que permite ao espírito acadar a sabedoría; o logro da mesma é unha tarefa individual, e parte da tarefa do sabio é desfacerse dos conceptos e influencias que a sociedade na que vive lle inculcou. Porén, o estoico non despreza a compaña doutros homes, e a axuda aos máis necesitados é unha práctica recomendada. Os estoicos cultivaron a lóxica, a física, a política e sobre todo a ética.

Entre os estoicos máis famosos contáronse numerosos filósofos e homes de estado gregos e romanos; o desprezo polas riquezas e a gloria mundana fixo desta unha filosofía adoptada tanto por emperadores (coma Marco Aurelio) como por escravos (coma Epicteto). Cleantes de Aso, Crisipo de Soli, Séneca e Catón adscribíronse tamén á escola estoica.

Contexto histórico

editar

Coa morte de Alexandre o Grande no ano 323 a.C., iniciouse o período helenístico da cultura grega, que se prolongou ata o século VI d.C. Este período caracterizouse porque as cidades gregas caeron baixo o dominio militar de grandes imperios coma o Persa ou o Romano.

Para o cidadán da Época Clásica, a época inmediatamente anterior á helenística, as polis proporcionaban un sinal de identidade e unha comunidade social e política capaz de dar sentido á súa vida. Mais a caída das polis gregas baixo a espada das diferentes forzas invasoras tivo como consecuencia a desconfianza, o desarraigamento e máis a inseguridade.

En resumo, a Época Helenística foi un momento de crise en que as éticas dos estoicos e os epicúreos constituíron as dúas respostas máis significativas. Ambas as dúas intentarían crear valores éticos e novas formas de convivencia. Este esforzo tería como resultado principal a aparición e extensión de que a vida feliz era aquela que lles permitía ás persoas acadaren a ataraxia, é dicir, que o obxectivo fundamental da ética era proporcionar o autocontrol e a liberdade interior que permitisen ás persoas superaren os sufrimentos propios da existencia humana.

Orixe e etapas

editar

O Estoicismo naceu en Atenas e tomou o seu nome do pórtico (Στο&alpha en grego, stoá) onde Zenón de Citio impartía as leccións. Este primeiro período recibiu o nome de Estoicismo antigo.

Máis tarde, a partir da introdución desta doutrina en Roma por parte de Panecio de Rodas, orixinouse o chamado Estoicismo medio. Diferenciábase do anterior polo seu carácter ecléctico, pois recibiu influencias tanto do Platonismo coma do Aristotelismo e o Epicureísmo.

Para rematar, tivo lugar o denominado Estoicismo novo ou romano, que abandonou a tendencia ecléctica tratando de retornar ás súas fontes.

O seguinte esquema mostra a situación cronolóxica de cada fase do Estoicismo indicado, así mesmo, as figuras máis representativas de cada unha delas:

Filosofía estoica

editar

Para os estoicos, o ben era a virtude, e a virtude consistía na capacidade para soportaren con fortaleza e serenidade os golpes do destino. Todo canto lle ocorría ás persoas non só era inevitable, senón que era bo, porque formaba parte dunha orde superior, a orde do Universo.

Para eles o Cosmos, ao que tamén chamaban Deus, era unha estrutura racionalmente organizada da que o home non era máis ca unha pequena parte. Todos os acontecementos estaban determinados, de maneira que nada sucedía ao chou. Todo canto ocorría era polo ben do todo, e o que era bo para o todo tiña que ser bo para as partes.

O mal non existía, só un coñecemento equivocado do Universo podía levarnos a crer nel. Polo tanto, para os Estoicos, o estado de felicidade era un estado de imperturbabilidade ante calquera acontecemento. Esta actitude era o resultado dunha reflexión racional que intentaba comprender o significado da vida humana coma parte do significado do Universo. Por isto, tamén para os Estoicos, soamente o que sabe pode ser feliz.

Os estoicos proclamaron que se podía acadar a liberdade e a tranquilidade soamente sendo alleo ás comodidades materiais, ás substancias estupefacientes e á fortuna externa, e adicándose a unha vida guiada polos principios da razón e a virtude (tal era a idea de imperturbabilidade ou ataraxia). Asumindo unha concepción materialista da Natureza, seguiron a Heráclito na crenza de que a substancia primeira se atopa no lume e na veneración do logos, que identificaban coa enerxía, a lei, a razón e máis a providencia atopadas na Natureza. A razón dos homes considerábase tamén parte integrante do logos divino e inmortal.

A doutrina estoica que consideraba esencial cada persoa como parte de Deus e membro dunha familia universal axudou a romper barreiras rexionais, sociais e raciais, e preparar o camiño para a propagación dunha relixión universal. A doutrina estoica da lei natural, que converte a natureza humana en norma para avaliar as leis e institucións sociais, tivo moita influencia en Roma e nas lexislacións posteriores de Occidente. Ademais tivo importancia en correntes e filósofos posteriores como Descartes e Kant. Hoxe en día utilízase o termo estoico para referirse á actitude de tomarse as adversidades da vida con fortaleza e resignación.

Campos da filosofía estoica

editar

No campo da lóxica desenvolveron a lóxica indutiva. Dividiron a lóxica en Retórica (ciencia do recto dicir) e Dialéctica (ciencia do recto discorrer).

No campo da física retornaron á filosofía de Heráclito: todo está sometido ao cambio, ao movemento.

No campo da ética defenderon vivir consonte a Natureza, aceptando a orde das cousas. Non hai un Deus fóra da Natureza ou o Mundo (panteísmo). Ademais o sabio estoico será imperturbable ante o destino e a desgraza e dominar as paixóns. Este é o camiño cara á felicidade.

No campo da política defenderon o cosmopolitismo, que dicía que todos os homes son iguais, logo han de vivir baixo un mesmo goberno. O estoico é un cidadán do mundo.

Véxase tamén

editar

Artigos relacionados

editar

Conceptos

editar

Personalidades

editar