[go: up one dir, main page]

Dereitos humanos

liberdades e dereitos básicos que toda persoa posúe polo mero feito da súa condición humana

Os dereitos humanos son aquelas liberdades e dereitos básicos que, de acordo con diversas filosofías ou fundamentacións, toda persoa posúe polo mero feito da súa condición humana a garantía dunha vida digna; independentemente de cal sexa o Dereito positivo vixente e de factores particulares como o seu status, etnia ou nacionalidade. Dende un punto de vista máis relacional, definíronse como as condicións que permiten crear unha relación integrada entre a persoa e a sociedade, que permita aos individuos ser persoas, identificándose consigo mesmos e cos outros [1].

Mural sobre os dereitos humanos en Turquía.

Estes dereitos, habitualmente, defínense como inherentes á persoa, irrevogables e inalienables, o que implica que non poden transmitirse, transferirse ou renunciar a eles: ninguén, por exemplo, pode venderse como escravo. Por definición, este concepto de dereitos humanos é universal e igualitario, e incompatible cos sistemas baseados na superioridade dunha casta, raza, pobo, grupo ou clase social determinado [2].

Non obstante, toda decisión sobre que dereitos son humanos implica asumir unha posición respecto a que é Dereito e, implícita ou explicitamente, sobre que é o humano. Moitas violacións ou limitacións de dereitos humanos derívanse de concepcións restritivas e excluíntes da Humanidade[3].

Os dereitos humanos, normalmente, divídense en dúas categorías: dereitos positivos e dereitos negativos. Os dereitos negativos poden ser expresados como un dereito positivo, pero non á viceversa. Por exemplo, o dereito dun bebé a ter pais e que o coiden, asumindo que é un dereito humano, só pode ser expresado positivamente. Outra clasificación amplamente estendida é a que ordena os dereitos humanos en tres ou máis xeracións.

Legalmente, os dereitos humanos defínense no Dereito interno de numerosos Estados e nos tratados internacionais. Para moitos, ademais, a doutrina dos dereitos humanos esténdese máis aló do Dereito e conforma unha base ética e moral que debe fundamentar a regulación da orde xeopolítica contemporánea. Pero a validez, contido e incluso a existencia dos dereitos humanos son obxecto dun permanente debate no ámbito da filosofía e as ciencias políticas. Segundo que tipo de concepción se teña sobre o Dereito, como iusnaturalista, iusracionalista, iuspositivista, vinculada ao realismo xurídico ou ao dualismo xurídico, entre outros, a categoría conceptual de dereitos humanos pode considerarse divina, observable na natureza, accesible a través da razón, determinada polos contextos nas moitas maneiras que é posible entender a Historia, unha síntese de ideas destas ou outras posicións ideolóxicas e filosóficas ou un mero concepto inexistente e sen validez.

Orixe cultural

editar
 
Selo das Feroe polo 50 aniversarrio de Daclaración Universal dos Dereitos Humanos.

Existe un importante debate sobre a orixe cultural dos dereitos humanos. Xeralmente considérase que teñen a súa raíz na cultura occidental moderna, pero existen polo menos dúas posturas principais máis [4]. Algúns afirman que tódalas culturas posúen visións de dignidade que se plasman na forma de dereitos humanos, e fan referencia a proclamacións como a Carta de Mandén, de 1222, declaración fundacional do Imperio de Malí. Non obstante, nin en xaponés[5] nin en sánscrito clásico [6], por exemplo, existiu o termo dereito ata que se produciron contactos coa cultura occidental, xa que estas culturas puxeron tradicionalmente o acento nos deberes. Existe tamén quen considera que Occidente non creou a idea nin o concepto de dereitos humanos, aínda que si un xeito concreto de sistematizalos, unha discusión progresiva e o proxecto dunha filosofía dos dereitos humanos [7].

As teorías que defenden o universalismo dos dereitos humanos adóitanse contrapoñer ao relativismo cultural, que afirma a validez de tódolos sistemas culturais e a imposibilidade de calquera valoración absoluta desde un marco externo, que neste caso serían os dereitos humanos universais. Entre estas dúas posturas extremas sitúase unha ampla gama de posicións intermedias. Moitas declaracións de dereitos humanos emitidas por organizacións internacionais rexionais poñen un acento maior ou menor no aspecto cultural e dan máis importancia a determinados dereitos de acordo coa súa traxectoria histórica. A Organización para a Unidade Africana, por exemplo, proclamou en 1981 a Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos, que recollía principios da Declaración Universal de 1948 e engadía outros que tradicionalmente se negaran en África, como o dereito de libre determinación ou o deber dos Estados de eliminar tódalas formas de explotación económica estranxeira. Máis tarde, os Estados africanos que acordaron a Declaración de Tunes, o 6 de novembro de 1992, afirmaron que non se pode prescribir un modelo determinado a nivel universal, xa que non se poden desatender as realidades históricas e culturais de cada nación e as tradicións, normas e valores de cada pobo [8]. Nunha liña similar pronúncianse a Declaración de Bangkok, emitida por países asiáticos o 23 de abril de 1993, e na Declaración do Cairo, asinada pola Organización da Conferencia Islámica o 5 de agosto de 1990.

Tamén a visión occidental-capitalista dos dereitos humanos, centrada nos dereitos civís e políticos, opúxose a miúdo durante a guerra fría, destacablemente no seo das Nacións Unidas, á do bloque socialista, que privilexiaba os dereitos económicos, sociais e culturais e a satisfacción das necesidades elementais.

Evolución histórica

editar

Moitos filósofos do dereito e historiadores do Dereito consideran que non se pode falar de dereitos humanos ata a época moderna en Occidente. Ata ese momento, as normas da comunidade, concibidas en relación coa orde cósmica, non deixaban espazo para o ser humano como suxeito singular [9], concibíndose o dereito primariamente como a orde obxectiva da sociedade. A sociedade estamental ten o seu centro en grupos como a familia, a liñaxe ou as corporacións profesionais ou laborais [10], o que ven significar que non se conciben facultades propias do ser humano como tal. Pola contra, enténdese que toda facultade atribuíble ao individuo deriva dun dobre status: o do suxeito no seo da familia e o desta na sociedade. Fóra do status non hai dereitos [11].

A existencia dos dereitos subxectivos, tal e como se pensan na actualidade, foi obxecto de debate durante os séculos XVI, XVII e XVIII [12], o que é relevante porque adóitase dicir que os dereitos humanos son produto da afirmación progresiva da individualidade [13] e que, de acordo con iso, a idea de dereitos do home apareceu por primeira vez durante a loita burguesa contra o sistema do Antigo Réxime[14]. Sendo esta a consideración máis estendida, outros autores consideran que os dereitos humanos son unha constante na Historia e afunden as súas raíces no mundo clásico e tamén que a súa orixe atópase na afirmación do cristianismo da dignidade moral do home en tanto que é persoa [15].

Antecedentes remotos

editar
 
Do Cilindro de Ciro pénsase que é a primeira declaración de dereitos humanos.

Un dos documentos máis antigos que se relacionou cos dereitos humanos é o Cilindro de Ciro, que contén unha declaración do rei persa Ciro o Grande tras a súa conquista de Babilonia no ano 539 a.C.. Foi descuberto en 1879 e a ONU traduciuno en 1971 a todos os seus idiomas oficiais. Pode enmarcarse nunha tradición mesopotámica centrada na figura do rei xusto, cuxo primeiro exemplo coñecido é o rei Urukagina, de Lagash, que reinou durante o século XXIV adC, e onde cabe destacar tamén Hammurabi de Babilonia e o seu famoso Código, que data do século XVIII adC. Porén o Cilindro de Ciro presenta características novas, especialmente no relativo á relixión. Foi valorado positivamente polo seu sentido humanista e incluso foi descrito como a primeira declaración de dereitos humanos [16]. Numerosos historiadores, non obstante, consideran o termo alleo a ese contexto histórico.

 
Selo de Xibraltar que amosa o rei Xoán I de Inglaterra asinando a Carta Magna (1968).

Documentos moi posteriores, como a Carta Magna inglesa, de 1215, e a mandinga Carta de Mandén, de 1222, asociáronse tamén aos dereitos humanos. En contra desta idea, José Ramón Narváez Hernández afirma que a Carta Magna non pode considerarse unha declaración de dereitos humanos, xa que nesta época existen dereitos pero só entre iguais, e non con carácter universal [17]: non se predica a igualdade formal de tódolos seres humanos. O mesmo sucedía no Imperio de Malí, cuxa constitución oral, a Kouroukan Fouga, reflicte como a poboación se estruturaba segundo a súa tribo de orixe. Estas consideracións son extrapolables a documentos como a Goldone Bulle de Andreas II en Hungría en 1222; a Confirmatio fororum et libertartum de 1283 e o Privilexio da Unión de 1287, da Coroa de Aragón ambos; as Bayerische Freiheitsbriefe und Landesfreiheitserklärungen desde 1311 ou a Joyeuse Entrée de Brabante de 1356. En todos estes casos, os dereitos e liberdades recoñecidos pertencen ao ámbito dos pactos entre o monarca e os estamentos do reino [18]: non se trata, en suma, de dereitos humanos; senón de dereitos corporativos ou privilexios.

Sociedade grecorromana

editar

Na Grecia antiga en ningún momento se chegou a construír unha noción de dignidade humana fronte á comunidade que se puidese articular en forma de dereitos, senón que se entendeu que as persoas pertencían á sociedade como partes dun todo e eran os fins desta os que prevalecían.[19] A única oposición á tiranía sustentábase na apelación á Lei divina como oposta á norma, como amósase no mito de Antígona, plasmado por Sófocles na obra tráxica do mesmo nome.

A sociedade grega dividíase en tres grupos principais: os cidadáns, os metecos ou estranxeiros e os escravos. A escravitude se consideraba natural, como reflicte a afirmación de Aristóteles, para quen "é evidente que os uns son naturalmente libres e os outros naturalmente escravos; e que para estes últimos é a escravitude tan útil como xusta".[20] A organización política se estruturaba en polis ou cidades-estado: para os gregos, a sociedade era unha consecuencia necesaria da natureza humana. Neste contexto, as teorías políticas de Platón e Aristóteles fixeron un grande fincapé no concepto de ben común. Para Platón, agrupados os homes en sociedade, esta se configura en polis, cuxo ben común sobreponse ao ben particular dos individuos que o compoñen. A xustiza, á súa vez, é a salvagarda do ben común, e se expresa a través das leis, que son os instrumentos que permiten a consecución do ben colectivo e individual.[21] Porén, no seu afán por acadar unha sociedade perfecta, Platón chegou a recomendar dar morte as bebés deformes ou esmirrados, e matar ou desterrar aos insociábeis.[22]

Aristóteles tamén consideraba que o home era un ser social e que non podía realizarse fora da familia e a sociedade, polo que tamén subordinaba o ben individual ao ben común. Ademais, ao definir a cidade como unha comunidade de cidadáns libres,[23] reduciu o ben común ao ben dun grupo social determinado[24] que exclúe ás mulleres, aos estranxeiros, os obreiros e os escravos. Sobre esta visión susténtase a idea aristotélica da xustiza que afirma que é tan xusta a igualdade entre iguais como a desigualdade entre desiguais.[25]

Xa na decadencia da cultura grega, conquistada a Hélade por Roma, se estenderon filosofías que poñían o acento na busca da felicidade individual: entre elas, o epicureísmo e o estoicismo. O estoicismo consideraba a razón humana como parte dun logos divino, o que contribuíu a concibir ao home como membro dunha familia universal máis aló da polis. Séneca, Epicteto, Marco Aurelio ou Cicerón foron algúns dos que estenderon a filosofía estoica polo mundo latino.

Conformación do concepto

editar

O primeiro uso constatado da expresión "dereitos do home" (iura hominum) produciuse nun texto de Volmerus escrito en 1537 e titulado Historia diplomática rerum ataviarum, mentres que a idea do dereito subxectivo, básica para concibir os dereitos humanos, se desenvolve ao longo da Idade Moderna. Así, entre os seus antecedentes máis próximos é posible destacar a enunciación de dereitos naturais por parte da Escola de Salamanca, na España do século XVI. Os seus membros aludiron tanto a dereitos relativos ao corpo (dereito á vida, á propiedade) como ao espírito (dereito á liberdade de pensamento, á dignidade). Na colonización castelán de América, adóitase afirmar, se aplicaron medidas nas que están presentes os xermes da idea de dereitos humanos. Porén, algúns critican que, na práctica, estas medidas foron formuladas para lograr obxectivos colonizadores.

Durante a Revolución inglesa, a burguesía conseguiu satisfacer as súas esixencias de ter algunha clase de seguridade contra os abusos da coroa e limitou o poder dos reis sobre os seus súbditos. Proclamando a Lei de Habeas corpus en 1679, en 1689 o Parlamento impuxo a Guillerme III de Inglaterra no Bill of Rights unha serie de principios sobre os cales os monarcas non podían lexislar ou decidir. Pechouse así o paso á restauración da monarquía absoluta, que se baseaba na pretensión da coroa inglesa de que o seu dereito era de designio divino. A orixe divina da monarquía xa fora criticada por Francisco Suárez, da Escola de Salamanca, na súa obra Defensio Fidei Catholicae adversus Anglicanae sectae errores de 1613.

Durante os séculos XVII e XVIII, diversos filósofos europeos desenvolveron o concepto de dereitos naturais. De entre eles cabe destacar a John Locke: aínda que el afirmou que, sendo os seres humanos creacións de Deus, os dereitos naturais derivábanse da divindade, as súas ideas foron moi importantes para o desenvolvemento da noción moderna de dereitos. Os dereitos naturais, para Locke, non dependían da cidadanía nin das leis dun Estado, nin estaban necesariamente limitadas a un grupo étnico, cultural ou relixioso en particular. A teoría do contrato social, de acordo cos seus tres principais formuladores, o xa citado Locke, Thomas Hobbes e Jean-Jacques Rousseau, baséase en que os dereitos do individuo son naturais e que, no estado de natureza (o primixenio), todos os homes son titulares de todos os dereitos [26]. Estas nocións se plasmaron nas declaracións de dereitos de finais do século XVIII.

A causa directa do nacemento dos dereitos humanos, desde unha perspectiva sociolóxica, foi tamén un importante obxecto de debate. Por unha parte, Georg Jellinek defendeu que os dereitos humanos estaban directamente dirixidos a permitir o exercicio da liberdade relixiosa; por outra, Karl Marx afirmou que se deben á pretensión da burguesía de garantir o dereito de propiedade. Max Weber, na súa obra La ética protestante y el espíritu del capitalismo, afirma que existe unha conexión entre a ética individualista en que se basearon os dereitos humanos e o xurdimento do capitalismo moderno [27].

Positivación dos dereitos humanos

editar
 
Declaración dos dereitos do home e do cidadán, adoptada pola Asemblea Nacional francesa o 26 de agosto de 1789.

As distintas culminacións da Revolución estadounidense e a Revolución Francesa, fitos fundamentais do efectivo paso á Idade Contemporánea, representan a fin ou o principio, segundo se vexa, do complexo proceso de recoñecemento ou creación dos dereitos humanos. Se as revolucións son o revulsivo que dá lugar á xestación dos dereitos humanos, as diversas actas de nacemento constitúenas as declaracións de dereitos das colonias americanas e a francesa Declaración dos dereitos do home e do cidadán.

A primeira declaración de dereitos do home da época moderna é a Declaración de Dereitos de Virxinia, escrita por George Mason e proclamada pola Convención de Virxinia o 12 de xuño de 1776. En gran medida influíu a Thomas Jefferson para a redacción da declaración de dereitos humanos contida na Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América, de 4 de xullo de 1776, ás outras colonias de América do Norte e á Asemblea Nacional francesa na súa declaración de 1789.

A noción de dereitos humanos non experimentou grandes cambios durante o século seguinte ata que, a raíz das loitas obreiras, xurdiron novos dereitos que pretendían dar solución a determinados problemas sociais a través da intervención do Estado. Neste proceso foron fitos importantes a Revolución Rusa ou a Revolución Mexicana.

 
Eleanor Roosevelt sostendo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en castelán

Desde o nacemento da Organización das Nacións Unidas en 1945, o concepto de dereitos humanos tense universalizado, alcanzando unha grande importancia na cultura xurídica internacional. O 10 de decembro de 1948 a Declaración Universal dos Dereitos Humanos foi adoptada e proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 217 A (III), como resposta aos horrores da segunda guerra mundial e como tentativa de asentar as bases da nova orde internacional que xurdía tras o armisticio.

Con posterioridade téñense aprobado numerosos tratados internacionais sobre a materia, entre os que destacan os Pactos Internacionais de Dereitos Humanos de 1966, e téñense creado numerosos dispositivos para a súa promoción e garantía.

Dereitos humanos e dereitos constitucionais

editar

É importante diferenciar e non confundir os dereitos humanos dos dereitos constitucionais. Aínda que xeralmente os dereitos fundamentais adoitan recollerse dentro dos dereitos constitucionais, non sempre coinciden. Para determinar que dereitos son "constitucionais" basta con recorrer ao catálogo de dereitos recoñecidos polas constitucións políticas dos Estados; non obstante, para establecer que dereitos son "humanos", primeiro é preciso asumir unha posición respecto que é o Dereito e implícita ou explicitamente sobre que é o "Humano", unha vez feito isto, é preciso tomar posición nalgún punto do debate contemporáneo das teorías sobre os dereitos humanos, estes: son un conxunto específico de dereitos (á vida, ao sufraxio etc.)? ou son un tipo de dereitos desenvolvemento doutros conceptos (liberdade, dignidade, seguridade etc.)?

Ademais, os dereitos constitucionais poden abarcar máis do que se entende que son dereitos humanos. A constitución dun país, por exemplo, pode outorgar dereitos aos seus cidadáns que non abarquen aos non nacionais (por exemplo, o dereito ao voto. Nese caso trataríase de dereitos constitucionais que se recoñecen ao cidadán, pero non poderían ser dereitos humanos se non se recoñecen a tódalas persoas sexan da condición que sexan.

Clasificación xeracional dos dereitos humanos

editar
 
Artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no parlamento de Austria: "Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros".

Aínda que a maioría das doutrinas xurídicas distinguen varias xeracións de dereitos humanos, existen múltiples e diferentes clasificacións. Todas acostuman coincidir ao describir a primeira xeración, pero posteriormente ramifícanse e complícanse. Ademais, existen polo menos dúas concepcións desta visión xeracional. Para unha delas, son expresión dunha racionalidade que se realiza progresivamente no tempo; para outras, cada xeración de dereitos humanos é expresión dunha racionalidade diferente e pode entrar en conflito coas demais. Por outra parte, existen posicións que evitan pronunciarse acerca das categorías de dereitos humanos e máis ben tenden a enfocalos como un sistema unitario.

Cada nova xeración, que se clasifica cronoloxicamente en relación coas anteriores, foi obxecto de críticas. Se xa os dereitos da primeira xeración foron criticados, tamén sucedeu cos dereitos da segunda durante o século XX, aínda que na actualidade a case totalidade dos xuristas os aceptan. Hoxe en día é obxecto de debate a existencia dunha terceira xeración de dereitos humanos. Normalmente inclúense nela dereitos heteroxéneos como o dereito á paz, á calidade de vida ou ás garantías fronte á manipulación xenética[28], configurándose así como un marco que recolle as reivindicacións sociais máis recentes. Pero desde o punto de vista xurídico critícase a indeterminación desta categoría e a súa difícil garantía. A pesar destas obxeccións, existen teorías que falan de catro e incluso cinco xeracións de dereitos humanos [29].

Tres xeracións de dereitos humanos

editar

A división dos dereitos humanos en tres xeracións foi realizada por primeira vez por Karel Vasak no ano 1979. Cada unha se asocia a un dos grandes valores proclamados na Revolución Francesa: liberdade, igualdade, fraternidade.

  1. Héctor Morales Gil de la Torre, Introducción: notas sobre la transición en México y los derechos humanos, Obra: Derechos humanos: dignidad y conflicto, (1996), México: Universidad Interamericana, ISBN 968-859-248-X, p. 19
  2. Thierry, Sur, Combacau, Valée; Droit International Public, (1986), Paris: Montchrestien, ISBN 2-7076-0334-1
  3. Helio Gallardo afirma que "se exterioriza ou proxecta un modelo de comportamento humano; se designa á proxección resultante como Humanidade constitutiva, e se xulga (e condena) a quen non encaixan nesa representación/valor como non humanos ou antihumanos". (Gallardo, Helio; Política y transformación social. Discusión sobre derechos humanos, (2000), Quito: SERPAJ/Editorial Tierra Nueva, ISBN 9978-41-198-4, p. 40
  4. David Sánchez Rubio, Repensar derechos humanos. De la anestesia a la sinestesia, (2007), Sevilla: Editorial MAD, ISBN 84-665-7152-3, p. 102
  5. Ryosuke Inagaki, El concepto de derechos humanos en Japón. Obra = Los fundamentos filosóficos de los derechos humanos, (1985), Barcelona: Serbal/UNESCO, ISBN 84-7628-003-3, p. 214
  6. R. C. Pandeya, Fundamentos filosóficos de los derechos humanos. Perspectiva hindú, Obra: Los fundamentos filosóficos de los derechos humanos, (1985), Barcelona: Serbal/UNESCO, ISBN 84-7628-003-3, p. 295
  7. Paulin J. Hountondji, El discurso del amo: observaciones sobre el problema de los derechos humanos en África, Obra: Los fundamentos filosóficos de los derechos humanos, (1985), Barcelona: Serbal/UNESCO, ISBN 84-7628-003-3, p. 357
  8. Carrillo-Salcedo, Juan Antonio; Dignidad frente a barbarie. La Declaración Universal de Derechos Humanos, cincuenta años después, (1999), Madrid: Editorial Trotta, ISBN 978-84-8164-290-2, p. 116
  9. Documentos de Amnistía Internacional baseados nun texto de Leonardo Aravena, Una larga marcha hacia los derechos humanos, 1998 [1]
  10. Molas, Pere, La estrutura social de la Edad Moderna europea, Obra: Manual de Historia Moderna, 1993, Barcelona: Ariel, ISBN 84-344-6572-8, p. 72
  11. Clavero, Bartolomé, Derecho indígena y cultura constitucional en América, 1994,México: siglo veintiuno editores, ISBN 968-23-1946-3, pp. 8 e 12
  12. Pérez Marcos, Regina María, 2000, Derechos humanos e Inquisición, ¿conceptos contrapuestos?, Revista de la Inquisición, número 9, páxinas 181-190, ISSN 1131-5571, [2] Arquivado 14 de maio de 2011 en Wayback Machine.
  13. Pérez Luño, Antonio Enrique, Derechos humanos, Estado de Derecho y Constitución, 2005, Madrid: Tecnos, ISBN 84-309-4284-X, p. 25
  14. Ketchekian, S. F. Origen y evolución de los derechos del hombre en la Historia de las ideas políticas (1965). Revista RICS, Nº 5
  15. Pérez Luño, Antonio Enrique. Derechos humanos, Estado de Derecho y Constitución, (2005),Madrid, Editorial Tecnos, ISBN 84-309-4284-X, páx. 25
  16. Abbas Milani, Lost Wisdom: Rethinking Persian Modernity in Iran, (2004), Mage Publishers, ISBN 0-934211-90-6, p. 12
  17. Narváez Hernández, José Ramón; Apuntes para empezar a descifrar al destinatario de los derechos humanos, (2005), Revista Telemática de Filosofía del Derecho, núm. 8, id: 1575-7382, p. 202 [3]
  18. Pérez Royo, Javier; Curso de Derecho Constitucional, (2005), Madrid: Marcial Pons, ISBN 84-9768-250-5, pp. 237 e 238
  19. González Uribe, Héctor (1988-1989). "Fundamentación filosófica de los derechos humanos ¿personalismo o transpersonalismo?" (PDF). Jurídica. Anuario del Departamento de Derecho de la Universidad Iberoamericana (19). ISSN 1405-0935. , páxs. 326 y 327
  20. Aristóteles, Política. Libro primeiro, capítulo II; De la esclavitud
  21. Labardini, Rodrigo (1988-1989). "Orígenes y antecedentes de derechos humanos hasta el siglo XV" (PDF). Jurídica. Anuario del Departamento de Derecho de la Universidad Iberoamericana (19). ISSN 1405-0935. , págs. 294 y ss
  22. Platón, República 449, 450 y 460.
  23. Aristóteles, Política. Libro terceiro
  24. Labardini, Rodrigo (1988-1989). "Orígenes y antecedentes de derechos humanos hasta el siglo XV" (PDF). Jurídica. Anuario del Departamento de Derecho de la Universidad Iberoamericana (19). ISSN 1405-0935. , pág. 298
  25. Aristóteles, Política. Libro terceiro, capítulo V
  26. Pérez Royo, Javier; Curso de Derecho Constitucional, (2005), Madrid: Marcial Pons, ISBN 84-9768-250-5, p. 238
  27. Pérez Luño, Antonio Enrique; Derechos humanos, Estado de Derecho y Constitución, (2005), Madrid: Tecnos, ISBN 84-309-4284-X, p. 26
  28. Pérez Luño, Antonio-Enrique; La tercera generación de Derechos Humanos, 2006, Navarra: Aranzadi, ISBN 84-9767-640-8, pp. 32 y 33
  29. Helio Gallardo, por exemplo, fai referencia a cinco en (Nuevo Orden Internacional, derechos humanos y Estado de Derecho en América Latina, 2003, Revista Crítica Jurídica, nº 22, páx. 260, nota nº6 [4])

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Clavero, Bartolomé, Derecho indígena y cultura constitucional en América, (1994), México, Siglo veintiuno editores, ISBN 968-23-1946-3
  • Pérez Luño, Antonio Enrique, Derechos humanos, Estado de Derecho y Constitución, (2005), Madrid, Tecnos, ISBN 84-309-4284-X
  • Ricoeur, Paul (coord.), Los fundamentos filosóficos de los derechos humanos,(1985), Barcelona, Serbal/UNESCO, ISBN 84-7628-003-3
  • Sánchez Rubio, David, Repensar derechos humanos. De la anestesia a la sinestesia, (2007), Sevilla, Editorial MAD, ISBN 84-665-7152-3

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar