[go: up one dir, main page]

Castelo de Mequinensa

O castelo de Mequinensa é un palacio ou castelo intacto no alto dun outeiro dominando a confluencia dos ríos Ebro, Segre e Cinca, situado na localidade homónima de Aragón (España). Os Moncada, señores da baronía de Mequinensa construírono. Data dos séculos XIV e XV, aínda que en 1959 reformouno considerablemente o arquitecto Adolf Florensa. Sinala o punto fronteirizo entre Aragón e Cataluña, e entre as provincias de Zaragoza e Lleida.

Castelo de Mequinensa
ben de interese cultural

Editar o valor en Wikidata
Coordenadas41°21′54″N 0°17′47″L / 41.365049, 0.296289
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

A pesar de que é unha propiedade privada que pertence á Fundación ENDESA, o réxime de visitas ao Castelo permite facelo os martes laborables pola mañá. Para iso, hai que pórse en contacto coa Oficina de Turismo do Concello de Mequinensa.

Historia

editar

A orixe do castelo identificouse coa fortaleza musulmá descrita polo cronista árabe Edridi co nome de Miknasa que dicía dela que era “pequena, de forte aspecto e áchase nas fronteiras do Andalus”.

Afonso II de Aragón cedeu a Armengol VII de Urgel en 1192 a vila de Mequinensa e o castelo, pasando a partir do século XIII a dominio da familia Moncadas que en 1581 recibiu o título de marquesado de Aytona e en 1722, por extinción da súa liña directa, os seus señoríos recaeron no ducado de Medinaceli.[1]

Durante a rebelión catalá contra Felipe IV foi unha fortaleza de primeira liña onde puido refuxiarse o exército real, derrotado polo franco-catalán de Charcot (1644). Na guerra da Independencia española o castelo foi atacado por tropas francesas ao longo de 1808 e 1809 e capitulou ante o xeneral Suchet tras unha longa loita en 1810. O nome de Mequinensa aparece no Arco de Triunfo da praza L’Étoile e figura entre os nomes das prazas fortes: Nápoles, Plaisance, Madrid e Mequinenza. En 1816 o rei Fernando VII reincorporou Mequinensa e o seu castelo á Coroa como acuartelamento militar. Tras a guerra civil, en 1939, o castelo quedou sen guarnición e abandonouse. Na actualidade pertence á Fundación Endesa e só se pode visitar os martes previa chamada ao concello. Atópase en moi bo estado de conservación.

Descrición

editar
 
Castelo de Mequinensa.

Castelo gótico de finais do século XIV e principios do XV aínda que ao estar en uso até a primeira metade do século XX, as fortificacións exteriores atenden a características da arquitectura militar moderna.

 
Vista da confluencia dos ríos Ebro, Segre e Cinca desde o Castelo de Mequinensa.

Até a chegada dos tempos modernos, a vila e o castelo de Mequinensa formaron un conxunto único. As murallas do castelo non se limitaron a circunscribir ou acubillar as construcións militares situadas na cima escarpada senón que, como indicaba Quadrado "os muros da súa mole despréndense e baixan cara ao Ebro para abrazar folgadamente a poboación".[2] Naquel entón, pódese pensar que a poboación se situaba entre murallas e despois da desaparición destas, creceu e expandiuse considerablemente sempre a beiras do Ebro. As loitas que debeu sufrir constantemente o castelo e a poboación fixeron que estes non puidesen expansionarse e embelecerse, sendo ambas as vítimas de incendios e saqueos, durante as invasións sarracenas, durante as loitas medievais e durante o asedio francés na Guerra da Independencia.

O castelo-palacio é de forma cuadrangular irregular, con seis torres rectangulares e unha sétima pentagonal que é froito dunha reforma do século XVII. Dúas das torres gardan a entrada. O castelo atópase sobre un promontorio de 185 metros de desnivel divisando a confluencia dos ríos Segre, Cinca e Ebro. Está protexido na vertente sur por unha escarpada ladeira na que son visibles os restos dunha muralla que descende cara ao río e no lado norte a protección provén dun foso artificial.

O acceso ao castelo realízase polo seu flanco meridional, a través dunha porta con arco de medio punto protexida por dúas torres. Na porta consérvase o brasón dos Moncada. O interior organízase ao redor dun patio descuberto sobre o que se articulan as dependencias e con alxibe escavado na roca. No sur ten tres arcadas apuntadas e na á norte conserva unha escaleira que conduce á segunda planta, onde está a Sala de Armas cuberta por bóveda de canón apuntado. Na á oeste está a gran sala, que conserva os macizos arcos diafragmas que sustentaban o teitume de vigas, sendo o lugar onde estaba sita a antiga capela.

A reconquista

editar

No ano 1133 Alfonso I o Batallador, rei de Aragón, conquista a poboación, en mans dos árabes. Novamente, os sarracenos reconquistan a poboación e finalmente Ramon Berenguer IV conquístaa definitivamente en 1185. Afonso II de Aragón ao casar con dona Sancha deu a esta como peza da súa real estimación a vila de Mequinensa. Máis tarde, en 1192, o mesmo rei cédea a Armengol, conde de Urgell. Do Dominio dos Condes de Urgell pasou o castelo e a vila de Mequinensa ao de Ramón Guillén de Moncada e por sucesión hereditaria, pasou aos Marqueses de Aytona e despois aos Duques de Medinaceli.

En 1212, Pedro II prometeu a súa filla lexitimada (contraída fóra do seu matrimonio) Constanza de Aragón, ao nobre catalán Guillén Ramón de Moncada nunha festa celebrada en Tauste.[Cómpre referencia] O dote que achegaría a infanta serían os señoríos de Mequinensa, Aytona, Albalate de Cinca, Serós e Soses con todos os seus dereitos, castelos, vilas e termos. Iniciábase así a rama de Aytona da liñaxe de Moncada, que toma o nome do máis importante dos señoríos que Constanza recibiu. A partir deste momento, os descendentes da liñaxe dos Moncada serán os señores de Mequinensa.

Prisión do Príncipe de Salerno

editar

O castelo de Mequinensa foi mansión en 1288 de Carlos II de Anjou Príncipe de Salerno, fillo de Carlos de Anjou, rei de Nápoles e Sicília, dado en reféns por Alfonso III aos seus baróns.

Afonso III fixo prisioneiro ao citado Príncipe de Salerno cando o pai deste disputaba a aquel a Coroa de Sicilia, despois que estivera desposuído dela nas famosas vésperas sicilianas e atribuído aquel reino á Casa de Aragón. Alfonso encerrou a aquel preso, inicialmente no castelo de Monclús, pero vendo a pouca seguridade que ofrecía pola proximidade con Francia, tróuxoo ao castelo de Mequinensa ata que foi posto en liberdade en 1288 en cumprimento do tratado de Canfranc. Unha das condicións impostas era que a Provenza caería baixo a vasalaxe de Alfonso III se Carlos de Anjou incumpría aquilo ao que se lle obrigaba. Frei Miguel de Salas indicaba a importancia do Castelo de Mequinensa xa que "a un príncipe tan grande non se lle daría Palacio que non fose proporcionado á grandeza e soberanía da súa persoa".

Asedio de Mequinensa durante a Guerra da Independencia

editar

O Castelo de Mequinensa sufriu diversos embates ao comezo de século XIX coa Guerra da Independencia e a invasión napoleónica. Naquel momento, Madoz destaca que a poboación formou "compañías enteiras coa súa mocidade que se achaban nos memorables sitios de Zaragoza". Os franceses, despois de tomar Lleida quixeron facer o mesmo con Mequinensa cuxa posesión ansiaban por considerárena a "chave estratéxica do Ebro" e estar situada nunha altura dominante sobre a desembocadura dos tres ríos. O mariscal Suchet, que mandaba naquela zona encomendou ao xeneral Musnier aquela misión. Pero Mequinensa e o seu castelo resistiron heroicamente durante tres embates acometidos polo exército francés durante o ano 1808. O ataque renovouse en xuño de 1809 novamente con derrota francesa. Musnier, vendo que a operación era moi difícil pola situación estratéxica defensiva do castelo decidiu que abriría un camiño desde Torrente de Cinca que conduciría até o poñente de Mequinensa para facer chegar aos seus homes e a súa artillaría ao castelo. A dura operación púxose en marcha o 15 de maio de 1810 e alargouse até o primeiro de xuño, tempo no cal os franceses ocuparon as posicións máis importantes a beiras do Ebro e do Segre.

O Castelo achábase nese momento defendido por 1 200 homes ao mando do coronel Carbón. Na noite do 2 ao 3 de xuño abriuse a fenda e na do 4 ao 5 o exército francés logrou penetrar na vila, saqueando e prendendo lume a moitas casas. Tres días despois, destruídas as principais defensas do castelo e sen abrigo ningún, a guarnición española rendeuse, quedando prisioneira de guerra. A conquista do Castelo de Mequinensa supuxo unha das grandes vitorias no val do Ebro, polo que debido á súa grande importancia decidiron inscribila no Arco do Triunfo de París inmediatamente debaixo do nome de Madrid.

O Castelo de Mequinensa durante o século XIX

editar
 
Pobo Vello de Mequinensa a beiras do río Ebro.

A fortaleza seguiu prestando posteriormente os seus servizos até época recente. Logo da rendición francesa, mantivo guarnición durante o século XIX e viuse afectada por novos avatares políticos e militares que sucederon na historia de España e especialmente durante as guerras carlistas. Xa perdera xa a súa posición de palacio residencial dos Moncada e os Marqueses de Aytona e as súas dependencias adaptáronse ás necesidades da guerra incluíndo novos dormitorios, a residencia do gobernador, almacéns de artillaría, almacéns de fortificación, calabozos, dormitorios de artilleiros, forno de pan, cemiterio ou varias polvoreiras.

En 1816 hai constancia dunha R.O. ditada polo rei Fernando VII con data de 31 de maio de 1816 que expón que a vila de Mequinenza solicita ao rei póla baixo o seu real dominio. O día 10 de xaneiro de 1819 o corrixidor da cidade de Fraga pasou ás Casas do Concello e á súa Sala Capitular para facer cumprir a Real Orde a través da cal a vila e a súa praza pasaban a ser incorporadas á Real Coroa. O Duque de Medinaceli, anterior propietario, esixiu á coroa diversas compensacións como dar posesión dun forno de pan de cocer, de varias devesas e dereitos a participacións de diezmos, sinalando que o señorío sobre a vila de Mequinensa e o Castelo non pertencían máis que á Coroa. O Castelo de Mequinensa quedara nun estado de abandono importante co derrube dos seus teitos e parte das súas murallas.

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2020. Consultado o 03 de xaneiro de 2021. 
  2. Quadrado, José María (1844). Recuerdos y bellezas de España. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar