Alamanos
Os alamanos[1] (en alemán Alemannen) eran un conxunto de tribos xermanas suevas establecidas no bordo sur medio e inferior do río Elba, ao longo do río Main onde foron mencionados por primeira vez por Dión Casio no 213 na campaña que realizou Caracalla contra eles.[2]
Os alamanos ocuparon os Agri Decumates en 260, e despois expandíronse á actual Alsacia e norte de Suíza, o que levou á implantación do antigo idioma alto alemán neses territorios, que foi denominado como Alamania durante o século VIII. No 496, os Alamanos foron vencidos polos francos de Clodoveo que incorpora as súas terra ao seu reino. Dende ese momento, aparecen como os aliados pagáns dos francos cristiáns e foron, á súa vez, cristianizados durante o século VII.
Aínda que hai pouca información sobre deles por parte dos autores romanos, a idea actual é que cómpre falar máis ben dunha "confederación",[3] con varios pobos e reis, que dun pobo único e cohesionado baixo unha monarquía.
Etimoloxía
editarSegundo Asinio Cuadrado, o seu nome, que significa "todos os homes" (xermánico: Alle Männer, todos os homes) indica que eran o agrupamento de varias tribos: hermunduros (hermións), xutungos, bucinobantes, lenzienses, semmones, cuados e teutóns. Son citados xa na época de Caracalla, a comezos do século III, cando os derrotou no 213.[2]
Do nome desta tribo xermánica deriva a palabra alemán en galego e outras linguas. Alamania é a latinización dunha expresión no antigo alto alemán: Alle Männer (“tódolos homes”), que abrangue a tódolos pobos que habitaban esa zona en tempos de Xulio César (teutóns, bucinobantes etc.) e que se transmitiu a varias outra linguas modernas como o árabe (ألمانيا), catalán (Alemanya), córnico (Almayn), español (Alemania), francés (Allemagne), galés (Yr Almaen), galego (Alemaña), portugués (Alemanha) e turco (Almanya), fronte aos derivados do latino Germania, que aparecen no inglés (Germany). Esta denominazión de Germani é a latinización dunha palabra en linguas renanas: Germanen (“deste lado do Rin”), que foi empregada por Xulio César para se referir, especificamente, aos eburóns da Gallia Belgica (ao oeste do Rin).
Historia
editarOs alamanos estiveron continuamente en conflito co Imperio Romano. As primeiras noticias que dan os romanos sobre os alamanos refírense, polo 213, cando Antonino, o fillo de Septimio Severo, leva a guerra contra os catos, os alamanos ao carón destes.[4]Inicialmente situados ao norte da provincia de Recia, foron contidos polos romanos ata a metade do século III, tras dous séculos de enfrontamentos. Daquela, conseguiron se desprazaren até a rexión entre o Main e o Danubio (Suabia). Despois, conseguen moverse, de novo, aos poucos cara ao oeste para instalárense definitivamente sobre territorio que comprende unha parte das actuais Vorarlberg, Suíza, Baden-Württemberg e Alsacia. A partir do 234, levaron a cabo varias incursións dentro do territorio do Imperio.
Durante o século IV, de xeito descontinuo, durante Constantino continuaron loitando contra Roma, pero dende o 350-353, por mor da guerra civil en Roma, cruzan de xeito continuado o Rin[5] até que se lles fai fronte e se consegue reducir-las súas incursións entre 356-357.[6]
Campañas de Xuliano
editarNo 355, Xuliano, foi nomeado por Constancio II como "César", co encargo de pacifica-la Galia[7] fronte aos ataques de francos e alamanos, o que conseguiu durante as campañas entre o 356-359. No primeiro ano, 356, recuperou e reconstruíu Colonia,[8] que fora arrasada anteriormente por francos e alamanos, e asinou a paz cos príncipes francos do Mosa.[9]A seguir, no 357, concentrou as tropas romanas e os auxiliares galos nos arredores de Reims para se dirixir cara a Estrasburgo, mentres outro exército romano cuns 25.000 soldados, ao mando dun xeneral xermano chamado Barbatio, partía de Italia para se xuntar con el. A confederación alamá, ben informados, adoptaron a súa táctica característica de lanzarse en masa, cuns 35.000 guerreiros capitaneados por Cnodomario, contra un dos exércitos, o de Barbatio, antes de que se unisen. Conseguiron, derrotar a Barbatio que se tivo que refuxiar en Augusta Raurica (preto da actual Basilea)[10] e marcharon contra o exército de Xuliano, seguramente máis cativo. Na batalla posterior, chamada batalla de Argentoratum (ou de Estrasburgo), os alamanos foron completamente derrotados,[11] perdendo máis de 6.000 homes e sendo capturado o seu xefe. Inmediatamente, Xuliano, marchou a Maguncia e cruzou o Rin, polo que os alamanos pediron unha tregua[10] mentres se conseguiu a consolidación e mantemento do limes.[8]
Fin do Imperio romano
editarUnha vez extinguido o Imperio, os alamanos enfrontáronse aos francos de Clodoveo que os derrotaron na batalla de Tolbiac[12] e convértenos en tributarios, pasando parte deles ao servizo dos ostrogodos de Teodorico.[13] Mesmo, no 553, rebeláronse na Recia, a zona que ocupaban, e devastaron Italia. Posteriormente foron cristianizados e asimilados, en gran parte, por outras tribos xermánicas.
Cronoloxía
editar- 213, primeira aparición dos alamanos en Xermania superior; combaten xunto con catos e cenios, sendo derrotados por Caracalla.[14]
- 253, os francos e alamanos invaden a Galia.
- 259, Batalla de Mediolanum, na que o emperador Galieno derrótaos cando se dirixían cara a Italia.
- 268, Batalla do Lago Benacus, derrotados polos romanos baixo o emperador Claudio II.
- 277, o emperador Probo libera a Galia e fai retroceder os alamanos máis aló do río Rin.
- 352, os alamanos e francos derrotan ao exército romano, toman corenta cidades e instálanse entre o Mosela e o Rin.
- 378, os alamanos invaden a actual Alsacia: son derrotados por Graciano.[15]
- 496, os francos derrotan aos alamanos no Neckar.
- 512, fin da guerra entre os francos e os alamanos.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alamano.
- ↑ 2,0 2,1 Dion Cassio, 78.13.4.
- ↑ Heather (2010), p. 59.
- ↑ Mommsen (2006).
- ↑ Santos Yanguas (1976), p. 36.
- ↑ Collins (2000), p. 63.
- ↑ Collins (2000), p. 65.
- ↑ 8,0 8,1 Lomas & López (2004), p. 447.
- ↑ Collins (2000), p. 66.
- ↑ 10,0 10,1 Collins (2000), p. 67.
- ↑ Heather (2010), p. 62.
- ↑ Gibbon (2006), p. 518.
- ↑ Collins (2000), p. 158.
- ↑ Le Gall & Le Glay (1995), p. 494-496.
- ↑ Sayas & Abad (2013).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Collins, Roger (2000). La Europa de la Alta Edad Media (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-1267-7.
- Gibbon, Edward (2006). Historia de la decadencia y caída del Imperio Romano. Tomo II, Volume 2 (en castelán). Madrid: Turner. ISBN 978-84-7506-754-4.
- Heather, Peter J. (2010). Emperadores y bárbaros: El primer milenio de la historia de Europa (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 978-84-9892-092-5.
- Le Gall, Jöel; Le Glay, Marcel (1995). El imperio romano, Parte 3. Colección Pueblos y Civilizaciones (en castelán). Tomo I. Madrid: Akal. ISBN 84-460-0278-7.
- Lomas Salmonte, Francisco Javier; López Barja de Quiroga, Pedro (2004). Historia de Roma (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-1225-1.
- Mommsen, Theodor (2006). El mundo de los Césares (ebook) (en castelán). México: Fondo de Cultura Económica. ISBN 978-607-16-0659-4.
- Santos Yanguas, Narciso (1976). Los pueblos germánicos en la segunda mitad del siglo IV. Serie Memorias de Historia Antigua (en castelán). Oviedo: Universidade de Oviedo. ISBN 84-600-0688-3.
- Sayas Abengoechea, Juan José; Abad Varela, Manuel (2013). Historia antigua de la península ibérica II. Época tardoimperial y visigoda (ebook) (en castelán). Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6534-7.