[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Xudas Iscariote

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaXudas Iscariote

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementovalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Xudea, Imperio Romano Editar o valor en Wikidata
Mortedécada de 30 Editar o valor en Wikidata
Xerusalén Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorte accidental
suicidio, enforcamento
traumatismo cranioencefálico Editar o valor en Wikidata
Apóstolo
Matias (pt) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo xudeu Editar o valor en Wikidata
RelixiónXudaísmo e cristianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióntesoureiro (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Período de actividade(Con vida en: século I Editar o valor en Wikidata)
ProfesoresXesús de Nazaret Editar o valor en Wikidata
Participou en
Crucifixión de Xesús Editar o valor en Wikidata
Familia
Cónxuxesen valor Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
século IBarganha de Judas (pt) Traducir
Beijo de Judas (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Editar o valor en Wikidata
BNE: XX983970


O bico de Xudas de Gustav Doré.

Xudas Iscariote, finado contra o ano 30 d.C., foi, de acordo co Novo Testamento, un apóstolo de Xesús de Nazaret, a quen traizoou por trinta moedas de prata.[1]

Historia da relixión

[editar | editar a fonte]

Os investigadores que seguen o método histórico crítico (Jonh P. Meier, James D. G. Dunn, Gerd Theissen, Whright...) coinciden en dous feitos históricos para eles incontrovertibles:

  • Xudas foi chamado ao seu círculo máis íntimo polo propio Xesús de Nazaret, como colaborador no goberno do futuro Reino de Deus[2].
  • Xudas foi o que, en conivencia coas autoridades sacerdotais do Templo de Xerusalén, entregou a Xesús de Nazaret ao procurador romano Poncio Pilato, o único que ostentaba en Xudea o ius gladii, o dereito de infrinxir a tortura denominada correctio, e a execución destinada aos escravos e rebeldes contra o César: a crucifixión.[3]

Apóstolo

[editar | editar a fonte]

Martin Hengel subliñou que o trazo persoal era o que distinguía ao discípulo de Xesús de Nazaret, mediante unha chamada personalizada ao seguimento que non se encontra na tradición rabínica[4] nin sequera entre os discípulos de Xoán o Bautista, ao que o propio Xesús estivo inicialmente ligado. A inminencia da chegada do Reino de Deus anunciado por Xesús esixía unha a preparación para unha misión que incluía a gobernación das 12 tribos de Israel, conforme un espírito de servizo e humildade ("os que gobernan as nacións as tiranizan, non sexa así entre vós, quen queira ser o maior sexa o escravo de todos") e segundo unha ética radical baseada na pobreza e o amor ao inimigo. A isto foi chamado persoalmente Xudas, que con toda seguridade participou no anuncio do Reino de Deus, polas vilas de Galilea e Xudea seguindo as instrucións de non levar bolsa, nin caxato, nin alforxa, nin diñeiro, nin dúas túnicas, sandando os enfermos, dando esmolas aos marxinados, e realizando exorcismos.

Dunn sinala "o embarazoso de que Xesús tivese elixido persoalmente a Xudas e lle prometese un dos doce tronos para xulgar ás doce tribos de Israel (Mt. 19,28 e LC 22,30)" como aval do criterio de dificultade que manexa o método histórico crítico. Isto corrobora a historicidade do personaxe e a súa dramática peripecia.[5]

Entrega de Xesús

[editar | editar a fonte]
O bico de Xudas, século XII.

Segundo os evanxeos de Marcos, Lucas e Mateo, Xudas aparece na cea de despedida de Xesús, denominada Derradeira Cea, de modo que recibe o anuncio da nova alianza de Deus con Israel que ofrece o perdón dos crimes e dos pecados. Segundo o Evanxeo de Xoán, Xesús tamén se inclina ante el nun xesto exemplarizante de servizo e entrega que se denominou na tradición cristiá lavatorio de pés.

Segundo o capítulo 13 do Evanxeo de Xoán, é no transcurso desta cea de despedida onde Xudas toma a decisión de ofrecer a Xesús ás autoridades sacerdotais do Templo de Xerusalén. Coñecía onde Xesús se refuxiaría aquela noite (Monte das Oliveiras) con só tres apóstolos (Pedro, Santiago o Maior e Xoán), fóra da protección do resto dos discípulos e das multitudes que o aclamaran na súa entrada en Xerusalén uns días antes (na tradición cristiá o Domingo de Ramos).

Acorda a entrega a cambio de trinta moedas de prata, e el mesmo guía ás forzas de seguridade (segundo o Evanxeo de Xoán unha cohorte, é dicir, un destacamento da gornición romana establecida en Xerusalén) e á garda dos sacerdotes para apreixar a Xesús. Indica cal deles é mediante un ósculo (o bico de Xudas). Segundo o capítulo 26 do Evanxeo de Mateu, Xesús retrúcalle: "Amigo, ¿a isto viñeches?". Consonte o capítulo 22 do Evanxeo de Lucas dille: "Xudas, con un bico entregas ao Fillo do Home".

Xudas, ao ver que Xesús fora condenado, arrepíntese, pretende devolver o prezo pactado e confesa aos sacerdotes que pecara "entregando sangue inocente", pero aquel é rexeitado polas autoridades sacerdotais. El guíndalles as moedas e retírase. Nunha crise de desesperación, afórcase no que aínda hoxe se coñece como Haqueldamá ("campo do sangue"). Segundo os Feitos dos Apóstolos, finalmente "caeu de cabeza, o seu corpo rebentou por medio e se esparexeron todas as súas entrañas".[6].

Personalidade

[editar | editar a fonte]
Xudas devolvendo as trinta moedas, Rembrandt.
Xudas nun detalle dunha vidreira da catedral de Moulins.

Segundo as fontes, podemos deducir varios trazos, sempre discutidos polos expertos:

  • Xudas era un xudeu piadoso e cumpridor da Lei de Moisés, imbuído da ética a prol dos pobres e desfavorecidos propia dos Profetas do Antigo Testamento. Así, vémolo protestar iradamente porque unha prostituta derrama un caro perfume sobre Xesús, alegando que podía terse vendido e co diñeiro obtido facer esmolas a favor dos pobres. Debe subliñarse que tiña un nome nidiamente xudeu, a diferenza doutros helenizados que empezaban a abondar (por exemplo, o doutro apóstolo irmán de Pedro denominado André, apóstolo).
  • Xudas era digno de confianza para Xesús porque era o que levaba a bolsa cos cartos que recibían das esmolas na súa predicación itinerante.
  • Xudas arelaba a liberación de Israel e un posto preeminente a carón de Xesús á fronte dunha das doce tribos coa restauración da casa de David, ao igual que os demais apóstolos que se indignan polas pretensións de superioridade de Santiago o Maior e Xoán Evanxelista. Isto provoca o ensino de Xesús sobre o goberno entendido como humildade e servizo.
  • Xudas participaba da expectación revolucionaria que axitaba Galilea [7] (rebelión de Xudas o Galileo contra os romanos, represión dos Galileos por parte de Poncio Pilato que mestura o seu sangue coa dos sacrificios aos ídolos, advertencia que impacta en Xesús segundo as fontes referidas). De feito, o alcume Iscariote, se ten relacionado con sicario, home que clandestinamente ía armado de espada para cometer atentados contra os forzas de ocupación. O alcume Iscariote servía para identificar a este Xudas fronte a outros como Xudas Tadeo ou Xudas, o irmán de Xesús, aos que se lles atribúe a Carta de Xudas que figura na Biblia no Novo Testamento. Non semella que fose celote, pois ese movemento armado independentista xudeu organizouse un pouco despois da morte de Xesús. Sábese que outros discípulos si levaban espadas, entre eles Pedro, Santiago o Maior e Xoán Evanxelista (o que provoca o rexeitamento por parte de Xesús: "quen a ferro mata, a ferro morrerá").
  • Xudas non foi obxecto das máis duras reprimendas de Xesús que si rifou con rigor a Xoán Evanxelista e a Santiago o Maior por querer a destrución das vilas samaritanas que os rexeitaran e a Pedro por resistirse a subir a Xerusalén para evitar o perigo de seren axustizados.

A tradición popular do mundo cristiá quixo ver nel, en toda a literatura piadosa e na historia da arte, a un home avaricioso (ladrón do diñeiro da bolsa común), envexoso (celos ante os aloumiños da prostituta a Xesús) e duro de corazón ata o punto de ser incapaz de abrirse á graza do perdón gratuíto de Deus anunciado por Xesús ás "ovellas perdidas de Israel".

Motivacións de Xudas

[editar | editar a fonte]
Morte de Xudas, catedral de Autun.

Non existe un consenso sobre as motivacións de Xudas para entregar a Xesús. Estas teñen moito de enigma[8]. A máis común é a súa frustración pola pasividade e mansedume deste, despois do xesto mesiánico desafiante de irromper no templo expulsando aos mercadores mediante os que se lucraba co comercio das ofrendas a clase sacerdotal. Non deixa de ser significativo que no capítulo 27 do Evanxeo de Mateu se diga que a Xudas éntranlle remorsos cando ve que Xesús é condenado. É como se non tivese buscado ese desenlace, quer porque degoraba provocar unha reacción no propio Xesús, quer porque procuraba unha confrontación directa deste coas autoridades relixiosas e políticas.

Os evanxeos de Mateo (capítulo 26) e Marcos (capítulo 14) concatenan a escena da pecadora que deita perfume sobre Xesús coa confabulación de Xudas cos sacerdotes para entregar ao Mestre. De aí arrinca a corrente de que as motivacións son os celos e unha falsa indignación moral de Xudas (que estimaba unha dilapidación que podía terse empregado en socorrer aos necesitados).

Os evanxeo de Xoán, considera máis ben, segundo os parámetros da época e o sentido relixioso que lle da aos acontecementos, unha sedución satánica: durante a derradeira cea, "xa o diaño puxera no corazón de Xudas o propósito de entregalo. Satán entra en Xudas cando Xesús molla un bocado e llo da. Iníciase a "hora das tebras" cando o xusto e luz do mundo vai ser entregado como un malfeitor e criminal.

A piedade popular ve tamén no suposto carácter avaricioso de Xudas o pecado de cobiza para recibir as trinta moedas, esquecéndose que Xudas as devolveu presa da anguria e o arrepentimento.

Xudas e Satán

[editar | editar a fonte]

Nas fontes e tradición cristiá, Xudas actúa por cobiza e movido por Satán. Ao principio, os discípulos de Xesús exorcizan, polo que Xudas, ao longo da predicación itinerante, aínda non está posuído. Segundo Xesús, non se pode expulsar demos co poder de Belcebú. Porén, unha vez que "príncipe dos demos" entra no seu interior na derradeira cea, nel se manifestan en grao sumo os efectos da acción diabólica:

  • Satán é o pai de mentira, a serpe antiga que engana a Eva dicíndolle que Deus non ama senón que ten celos de que o home poida ser igual a Deus. Xudas xa non cre no amor de Xesús, séntese defraudado. Enleado na mentira Xudas é quen de preguntar a Xesús "¿son eu acaso rabbí? cando a este "se lle turba o corazón" e anuncia amargamente que un dos doce o vai entregar. Entra na simulación como se non tivese xa unha firme determinación e empeza a inverter o significado das palabras e dos actos ata o punto de identificar a Xesús para os captores mediante un bico e saudándoo como a un Mestre a quen reverencia: "salve, Rabbí". Xa anteriormente Xudas, indignado e celoso, non ve máis ca unha dilapidación no que para Xesús fóra unha "obra boa" (os xudeus dividían as boas obras en esmolas e actos de amor, sendo estes superiores).
  • Satán é o Anxo Lucifer, expresión da soberbia primixenia orixe dos sete pecados capitais que provoca a rebelión contra Deus, pura doazón efusiva, amor expresado nunha comuñón de tres persoas (trindade) e aberto á Creación: Xudas non atura a un Xesús ""manso e humilde de corazón" que non exerce o seu Poder de Fillo de Deus e que prefire a misericordia ao celo da cólera de Deus contra a dominación romana e a opresión da clase sacerdotal colaboracionista. O Príncipe deste mundo quere un Reino deste mundo segundo os parámetros de forza e dominación que imperan nel.
  • Satán é o dragón que tras non poder devorar ao fillo nado do ventre da "muller vestida de sol" da Apocalipse, vai facer a guerra aos fillos da luz "acusándoos noite e día": Xudas, trala súa acción, séntese acusado de xeito insoportable no seu interior, seguindo a sedución de Satán, Satán mesmo o acusa para que se peche á graza.
  • Satán é o asasino dende o principio, que pacta con el acaba na morte óntica, na morte física e na morte eterna: Xudas acaba literalmente suicidándose, sumíndose irremediablemente nunha morte eterna pechada á acción do Espírito e aos beneficios da resurrección.

Nada disto contradí a motivación da cobiza. Na tradición cristiá, e para os Pais da Igrexa, a paixón polo diñeiro é a vella idolatría ao deus Mammon, Xesús mesmo advirte que "non se pode servir a deus e ao diñeiro", tras a revelación queda de manifesto que o diñeiro son as "feces do diaño", quen se enlarafuza con elas fica posuído.

Xudas, xa que logo, na tradición da Igrexa Católica, a Igrexa Siríaca, Igrexa Ortodoxa Copta, Igrexa Apostólica Armenia, Igrexa Asiria e Igrexa Etíope Tewahedo, é o prototipo do infiel condenado eternamente por deixarse utilizar por Satán na súa loita contra a obra redentora do mesmo Deus. O home ao que "máis lle valía non ter nacido" (Mc 14,21 e Mt 26,24). Así, na Divina Comedia de Dante é devorado eternamente por Lucifer no máis fondo do Inferno.

Existe, porén, unha tradición espiritual que non odia a Xudas; así o xeral dos xesuítas Francisco de Borxa, no século XVI, púñase espiritualmente "aos pés de Xudas" como exercicio de humildade e purificación interior.

O Evanxeo de Xudas

[editar | editar a fonte]

O Evanxeo de Xudas trátase dun texto cristiá tardío (xa do século III).[Cómpre referencia] Débese ter en conta que os evanxeos sinópticos de Marcos, Lucas e Mateo son do I, e os evanxeos apócrifos de Tomás e Pedro son do século II, como o canónico de Xoán. O seu carácter tardío réstalle relevancia histórica, pero ten unha gran significación na historia das mentalidades do cristianismo antigo, dado que nel se exculpa á figura de Xudas, por ser un fiel instrumento da redención predestinada por Deus. Na economía da salvación da Humanidade, Xudas presta o servizo de representar o peor papel.

Xudas no islam

[editar | editar a fonte]

No versículo 157 da sura 4 do Corán relátase que Xesús de Nazaret non foi morto nin crucificado, senón que os xudeus tiveron a aparencia de que así o facían.[9] A tese máis aceptada polos esexetas islámicos é que alguén suplantou a Xesús na crucifixión, sendo propostos Simón de Cirene, un décimo terceiro apóstolo chamado Serxio e Xudas Iscariote.[10] A crenza de que foi Xudas o axustizado foi proposta por Muqātil ibn Sulaymān, no século VIII, nun dos primeiros, senón o primeiro, comentario sobre o Corán, e foi popularizada na Idade Media, ata a ser a dominante entre os estudosos musulmáns.[11]

  1. Mateu, 26, 14.
  2. Meier, Un judío marginal. Nueva visión del Jesús histórico.Tomo III, Compañeros y Competidores, Evd, Estella 2010
  3. Dunn, Jesús Recordado, Edv, Estella 2009, pax.863 e ss
  4. Hengel, M. The Charismatic leader and his followers, Edimburgo 1981
  5. Dunn, opus cit, pax.869
  6. O capítulo 27 de Mateo nisto difire, pois o nome do campo, segundo este texto, derivaría de que os sacerdotes compran coas moedas que eran prezo de sangue, e polo tanto non podían botarse ao tesouro das ofrendas no santuario, un terreo denominado o "campo do Oleiro"
  7. Vermes, Geza, Jesús el JudíoMuchnik editores; Barcelona 1977, pax. 51
  8. Dunn. Opus cit. 870
  9. deutschlandfunk.de. "Sure 4 Verse 157-158 - Jesus wurde nicht gekreuzigt". Deutschlandfunk (en alemán). Consultado o 2022-09-25. 
  10. Preud'homme, Nicolas J. (2020-12-01). "Jésus et l'islam". Le Carnet Déborah (en francés). Consultado o 2022-09-25. 
  11. Reynolds, Gabriel Said (2009). "The Muslim Jesus: Dead or Alive?". Bulletin of the School of Oriental and African Studies, University of London 72 (2): 237–258. ISSN 0041-977X. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]