Rinus Michels
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (nl) Marinus Jacobus Hendricus Michels 9 de febreiro de 1928 Ámsterdam, Países Baixos | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 3 de marzo de 2005 (77 anos) Aalst, Bélxica | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Outros nomes | El General L'home de marbre Míster Mármol L'Esfinx | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 186 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1946 - 1958 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Marinus Jacobus Hendricus Michels, máis coñecido como Rinus Michels, nado en Ámsterdam o 9 de febreiro de 1928 e finado en Aalst o 3 de marzo de 2005, foi un futbolista e adestrador neerlandés.[1][2] Foi un dos maiores símbolos da historia do Ajax, club no que militou durante toda a súa carreira como futbolista, e ao que adestrou en dúas etapas, levándoo a gañar varios títulos, entre eles catro ligas e a Copa de Europa 1970/71.[1][3][4] Internacional coa selección dos Países Baixos, foi tamén o seu seleccionador en catro etapas diferentes, durante as cales gañou a Eurocopa de 1988 e acadou a final do Mundial de 1974.[1]
Dirixiu tamén clubs de España, Alemaña e os Estados Unidos, conquistando unha liga española e unha Copa do Rei co FC Barcelona e unha Copa de Alemaña co FC Köln.
Considerado un dos mellores adestradores de tódolos tempos, foi o principal impulsor do fútbol total, un sistema táctico moi dinámico no que cada xogador podía ocupar calquera posición no campo segundo as necesidades do momento, e que tivo como máximos expoñentes ao Ajax e á selección neerlandesa adestrados por el e a Johan Cruyff como xogador máis significativo.[5] Foi elixido pola FIFA como o mellor adestrador do século XX e por France Football e The Times como o mellor adestrador da historia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]Naceu en Ámsterdam e creceu en Olympiaweg, unha rúa preto do Estadio Olímpico. A través de Joop Köhler, un amigo da familia que era directivo do Ajax, ingresou no equipo infantil do club en 1940.[6]
Trala Segunda guerra mundial, debutou co primeiro equipo o 9 de xuño de 1946, substituíndo ao lesionado Han Lambregt nun partido contra o ADO. O Ajax gañou por 8-3, sendo Michels autor de cinco dos goles do seu equipo.[5] Esa tempada o Ajax gañou o título de liga.
Titular habitual do equipo entre 1946 e 1958 disputou un total de 257 partidos oficiais, nos que marcou 120 goles. En 1958, un ano despois de conseguir o seu segundo título de liga, viuse obrigado a colgar as botas por mor dunha lesión nas costas.[7]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Internacional en cinco ocasións coa selección dos Países Baixos, debutou con esta o 8 de xuño de 1950, nunha derrota por 4-1 ante Suecia.[8] Contou por derrotas os outros catro partidos: 4-1 contra Finlandia, 4-0 contra Bélxica, 6-1 contra Suecia e 3-1 contra Suíza.[8]
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Trala súa retirada traballou un tempo como profesor de ximnasia nunha escola para nenos xordos.[4] Máis tarde iniciou a súa carreira como adestrador nos modestos Asser Boys, JOS Watergraafsmeer e AFC, ata que en 1965 regresou ao Ajax, como novo adestrador do club, substituíndo a Vic Buckingham.[5]
Ajax
[editar | editar a fonte]Con el no banco, e xunto con grandes xogadores como Johan Cruyff e Johan Neeskens, o Ajax pasou de ser candidato ao descenso a dominar de xeito case absoluto o fútbol neerlandés, gañando catro veces a liga dos Países Baixos e tres veces a Copa neerlandesa nos seis anos seguintes. O éxito do club estendeuse tamén ao continente, e en 1969 converteuse no primeiro club neerlandés en acadar a final da Copa de Europa, onde caeu derrotado por 4-1 diante do Milan de Nereo Rocco.[9] En 1971, o equipo de Michels acadou por segunda vez a final continental e desta vez conseguiu proclamarse campión, derrotando ao 2-0 ao Panathinaikos dirixido por Puskás. A continuación deixou o club neerlandés para fichar polo FC Barcelona, pero o seu traballo no Ajax foi continuado por Ștefan Kovács, que levou o equipo de Ámsterdam a gañar dúas Copas de Europa máis nas dúas seguintes campañas.
Durante a súa primeira etapa no Ajax, Michels modernizou o xogo do equipo e creou o que se deu en chamar "Fútbol Total", un estilo de xogo con moita mobilidade, no que cada xogador podía ocupar o lugar doutro en calquera parte do campo. Foi tamén un dos pioneiros na táctica de adiantar aos defensas para forzar o fóra de xogo dos rivais.
Barcelona
[editar | editar a fonte]O 13 de xullo de 1971 asinou contrato como novo adestrador do Barcelona, ao que dirixiu durante as seguintes catro campañas. Nas dúas primeiras obtivo un terceiro e un segundo postos en liga, e conseguiu para o club o trofeo da Copa de Feiras en propiedade, tras gañar contra o Leeds un partido organizado para decidir quen quedaría co trofeo trala abolición da competición.[10] Na tempada 1973/74 fichou a Johan Cruyff, que contribuíu de xeito destacado a que o club conseguise o seu primeiro título de liga nos últimos 14 anos, cunha ampla renda sobre o segundo clasificado, o Atlético de Madrid. Logrou varias goleadas, entre elas un histórico 0-5 sobre o Real Madrid no Santiago Bernabéu.[11]
Mundial de 1974
[editar | editar a fonte]No verán de 1974 a Real Federación de Fútbol dos Países Baixos (KNVB) nomeouno seleccionador do equipo nacional neerlandés. Dirixiu a selección no Mundial de 1974, impresionando ao mundo do fútbol polo seu vistoso estilo de xogo, respaldado polos bos resultados. Na primeira fase conseguiu o primeiro posto no seu grupo e na segunda quedou encadrado nun grupo coa Arxentina, o Brasil (vixente campión) e Alemaña Oriental. O equipo neerlandés venceu con facilidade aos outros tres, acadando así a primeira final da súa historia, con 14 goles a favor no torneo e só un en contra. No encontro polo título, disputado no estadio Olímpico de Múnic ante a selección anfitrioa, Alemaña Occidental, o equipo de Rinus Michels adiantouse cun penalti transformado por Johan Neeskens ao pouco de comezar, pero dous goles de Breitner e Müller déronlle a volta ao marcador e permitiron que o Mundial fose para a selección dirixida por Helmut Schön.
Segundas etapas no Ajax e no Barcelona
[editar | editar a fonte]En agosto de 1975 regresou ao Ajax, ao que dirixiu ata o remate da tempada 1975/76, acabando a liga na terceira posición e caendo nos oitavos de final da Copa da UEFA contra o Levski Sofia.
A continuación iniciou a súa segunda etapa no Barcelona. Na tempada 1976/77 ocupou o liderado da liga durante varias xornadas no ecuador da competición, pero acabou sendo superado por un punto polo Atlético de Madrid de Luis Aragonés. Obtivo o subcampionato tamén na campaña seguinte, na que o título de liga foi para o Real Madrid de Luis Molowny, e chegou ás semifinais da Copa da UEFA, sendo eliminado polo PSV. Con todo, conseguiu proclamarse campión da Copa do Rei, despois de derrotar na final á UD Las Palmas de Miguel Muñoz.
Estados Unidos e Alemaña
[editar | editar a fonte]Entre novembro de 1978 e outubro de 1980 adestrou ao Los Angeles Aztecs na North American Soccer League dos Estados Unidos.[12] Trala súa chegada renovou case completamente o cadro de xogadores, mantendo só catro futbolistas da tempada anterior,[13] e en maio de 1979 conseguiu a fichaxe de Johan Cruyff, ao que xa tivera ás súas ordes anteriormente no Ajax e no Barcelona durante 10 tempadas, ademais de na selección.[14][15][16] Entre o resto das súas fichaxes estivo tamén a do seu expupilo Wim Suurbier. O equipo acabou de segundo na Conferencia Oeste e acadou as semifinais da Conferencia, onde caeu eliminado ante o Vancouver Whitecaps, dirixido polo inglés Tony Waiters.[17] Na tempada 1980 volveu ser segundo na Conferencia Oeste e acadou a final da Conferencia despois de eliminar nas semifinais ao Seattle Sounders, grazas aos goles de Leo van Veen e Javier Aguirre na quenda de penaltis.[18] Con todo, o equipo californiano foi derrotado na final polo New York Cosmos, liderado polo goleador italiano Giorgio Chinaglia.[19] A continuación deixou o equipo para regresar a Europa.[20]
O 17 de outubro de 1980 asinou contrato como novo adestrador do FC Köln alemán. Durante a súa primeira tempada só puido ser oitavo na Bundesliga, pero realizou destacadas actuacións na Copa UEFA. O seu predecesor no cargo viña de perder no partido de ida da segunda rolda contra un dos seus antigos equipos, o Barcelona, no Müngersdorfer Stadion de Colonia.[21] No encontro de volta, xa con Rinus Michels, o equipo alemán deu a sorpresa ao remontar no Camp Nou cunha contundente vitoria por 0-4, con goles de Strack, Engels, Littbarski e Dieter Müller.[22] A continuación eliminou a Stuttgart e Standard de Liexa, ata que nas semifinais caeu eliminado diante do Ipswich Town de Bobby Robson, equipo que se acabou proclamando campión.[23]
Na tempada 1981/82, liderado polos goles de Littbarski e Woodcock, o Köln proclamouse subcampión de liga, rematando só por detrás do Hamburgo. Na seguinte campaña acabou quinto e chegou ata os oitavos de final da Copa da UEFA, onde foi derrotado pola Roma.[24] O seu maior éxito co Köln chegou esa tempada, ao proclamarse campión da Copa de Alemaña tras derrotar na final ao Fortuna Köln, da mesma cidade.[25] Deixou o equipo ao comezo da seguinte tempada, sendo substituído por Hannes Löhr.
Regreso á selección
[editar | editar a fonte]A finais de 1984 dirixiu de novo a selección neerlandesa en dous encontros de clasificación para o Mundial de 1986, contra Austria e Chipre, ata que Leo Beenhakker se fixo cargo do equipo. Beenhakker non conseguiu o pase ao Mundial e en abril de 1986 foi substituído por Rinus Michels, que iniciou así a súa terceira etapa como seleccionador neerlandés. Despois de varios amigables, comezou a fase de clasificación para a Eurocopa cunha vitoria sobre Hungría en Budapest e finalizouna como campión de grupo, sen ter perdido ningún encontro.
Eurocopa de 1988
[editar | editar a fonte]Despois de perder o primeiro partido da fase de grupos contra a Unión Soviética (1–0), clasificouse para as semifinais ao derrotar a Inglaterra por 3–1 (cun triplete do máximo goleador do torneo, Marco van Basten), e a Irlanda (1–0). A semifinal contra a RFA foi considerada nos Países Baixos como unha vinganza pola final perdida da Copa do Mundo de 1974. Aínda que os alemáns comezaron gañando cun gol de Lothar Matthäus, o equipo de Michels acabou remontando con dous tantos de Koeman e Van Basten, clasificándose así para a primeira final europea da súa historia. Nesta, os Países Baixos conquistaron o primeiro e único título da súa historia cunha contundente vitoria ante a Unión Soviética, vingándose da derrota do primeiro encontro, mediante unha cabezada de Ruud Gullit e unha espectacular volea de Van Basten.[26] Michels dixo despois de conquistar o título: "Gañamos o torneo, pero todos sabemos que a semifinal foi a verdadeira final".
Bayer Leverkusen
[editar | editar a fonte]En 1988 volveu á Bundesliga como novo adestrador do Bayer Leverkusen, pero non chegou a rematar a tempada 1988/89, sendo despedido en abril despois dunha mala serie de resultados que deixaron o equipo no 12º posto na liga.
Cuarta e última etapa na selección
[editar | editar a fonte]En 1990 volveu coller as rendas da selección neerlandesa, substituíndo de novo a Leo Beenhakker, que viña de completar unha mala actuación no Mundial dos Estados Unidos con tres empates e ningunha vitoria.[27] Comezou a fase de clasificación para a Eurocopa de 1992 cunha derrota diante de Portugal, pero a continuación sumou seis vitorias e un empate nas restantes sete xornadas, clasificándose como primeira de grupo.
Dirixiu a selección taméRinusn na propia Eurocopa, disputada en Suecia, e rematou a fase de grupos no primeiro lugar, despois de vencer a Escocia e Alemaña e de empatar coa selección da Comunidade de Estados Independentes. Nas semifinais enfrontouse a Dinamarca, e mediante Bergkamp e Rijkaard empatou por dúas veces os goles de Henrik Larsen, forzando unha prórroga que acabou sen goles. Na posterior quenda de penaltis todos os lanzamentos acabaron en gol agás un, o realizado pola estrela do equipo neerlandés, Marco van Basten, que foi detido polo gardameta Peter Schmeichel.[28] Foi o derradeiro partido dirixido por Rinus Michels, que trala eliminación deixou o fútbol. O seu balance total á fronte da selección dos Países Baixos foi de 53 partidos, con 30 vitorias, 14 empates e 9 derrotas.
Estilo
[editar | editar a fonte]Considerado como un dos mellores adestradores de todos os tempos,[1][3][5] as tácticas de Rinus Michels e a filosofía do fútbol total foron influenciadas polo seu adestrador no Ajax, Jack Reynolds, cuxo equipo practicaba un estilo de xogo similar.[29] Cando o propio Michels se converteu no adestrador do Ajax en 1965, desenvolveu aínda máis este estilo arredor de Johan Cruyff.[30] Aínda que Cruyff estaba aparentemente colocado como dianteiro centro, Michels animábao a vagar libremente polo terreo de xogo, facendo uso da súa notable técnica, a súa creatividade e a súa intelixencia para explotar as debilidades dos rivais e crear espazos e ocasións, ademais de facer goles. Os compañeiros de Cruyff apoiábano xogando con el dun xeito similar, cambiando continuamente de posición para asegurarse de que os papeis tácticos do equipo estivesen constantemente cubertos.[31] Este papel foi retroactivamente comparado coa posición e "falso 9" do fútbol contemporáneo.[32][33][34]
O principal compoñente do seu fútbol era o uso do espazo e a necesidade de crealo de forma consistente. Outro aspecto importante do seu sistema era o adiantamento dos defensas para forzar ás dianteiras rivais a caer no fóra de xogo.[35]
O éxito do fútbol total e a súa concepción ofensiva coincidiu coa desaparición do catenaccio, un sistema moito máis máis defensivo, baseado na marca e no contraataque, que foi promovido principalmente polo Inter de Milán e o Milan durante a década de 1960, tendo como adestradores a Helenio Herrera e Nereo Rocco respectivamente.[36] A diferenza dos sistemas anteriores, no fútbol total ningún xogador de campo tiña un posto fixo, senón que calquera deles podía asumir o papel de dianteiro, centrocampista ou defensa en calquera momento, segundo as circunstancias. Debido a que os xogadores adoitaban cambiar de posición entre si, as estratexias de marcaxe ao home, como a do catenaccio, xa non eran eficaces para facer fronte a un sistema táctico tan fluído.[37][38][39][40] A pesar de perder por 4-1 na final da Copa de Europa de 1969 ante o Milan que dirixía Rocco, adestrador coñecido por empregar o catenaccio defensivo,[41][42] na final de 1972, o Ajax de Michels derrotou ao Inter de Milán por 2-0, e os xornais neerlandeses falaron da "destrución do catenaccio" a mans do "fútbol total".[38][39][43] Ao ano seguinte, o Ajax goleou ao Milan de Cesare Maldini por 6-0 no partido de ida da Supercopa de Europa, nun partido no que o catenaccio defensivo empregado polo Milan non puido facer nada contra o equipo neerlandés.[44]
O fútbol total tamén tiña algunhas debilidades, as cales foron notablemente explotadas por Alemaña Occidental na final do Mundial de 1974.[45] A capacidade de creación de xogo do equipo viuse anulada na segunda metade do partido pola efectiva marcaxe de Berti Vogts. Isto permitiu a Franz Beckenbauer, Uli Hoeneß e Wolfgang Overath facerse co control do medio campo, o que desembocou na vitoria alemá por 2-1.[46] Ademais, como a marcaxe home a home era insuficiente para facer fronte á fluidez do fútbol total, os adestradores italianos comezaron a idear un novo sistema táctico que mesturaba ese tipo de marcaxe coa defensa zonal, o que foi coñecido como zona mista, xa que mesturaba elementos do catenaccio italiano con elementos do fútbol total. Giovanni Trapattoni foi un dos seus principais impulsores a partir dos anos 70.[37][38][39]
Debido ao seu estilo autoritario como adestrador, Rinus Michels era alcumado "o xeneral". Unha das súas frases máis célebres foi: "O fútbol profesional é algo así como a guerra. Quen se comporta demasiado correctamente, está perdido.[47][48]
Recoñecementos e legado
[editar | editar a fonte]En 1999 foi nomeado mellor adestrador do século XX pola FIFA.[5] Na tempada 2002/03 creouse o premio Rinus Michels, que se concede cada ano ao mellor adestrador do fútbol neerlandés.[49] En 2007 foi elixido por The Times como o mellor adestrador de tódolos tempos, por diante de Matt Busby (segundo) e Ernst Happel (terceiro).[50] En 2019 France Football elixiuno tamén como o mellor adestrador da historia.[51]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Xogador
[editar | editar a fonte]- Ajax
- Eredivisie (2): 1946/47, 1956/57.
Adestrador
[editar | editar a fonte]- Ajax
- Eredivisie (4): 1965/66, 1966/67, 1967/68, 1969/70.
- Copa KNVB (3): 1966/67, 1969/70, 1970/71.
- Copa de Europa (1): 1970/71.
- Barcelona
- Primeira División (1): 1973/74.
- Copa do Rei (1): 1977/78.
- Trofeo da Copa de Feiras (1): 1971.
- FC Köln
- Copa de Alemaña (1): 1982/83.
- Selección neerlandesa
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "European football mourns Michels". UEFA (en inglés). 3 de marzo de 2005. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "Rinus Michels" (en inglés). 4 de marzo de 2005. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 Glanville, Brian (4 de marzo de 2005). "Rinus Michels". The Guardian (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 "Coaching greats in profile". UEFA (en inglés). 13 de xaneiro de 2017. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "The watchmaker behind the Clockwork Oranje". FIFA (en inglés). 3 de marzo de 2020. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "Rinus Michels: The Dutchman Who Invented Total Football" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "Parking The Coach: Rinus Michels" (en inglés). 16 de novembro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2022. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ 8,0 8,1 "Rinus Michels coa selección neerlandesa". voetbalstats.nl (en neerlandés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Milan - Ajax 1969". UEFA (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "40th anniversary of Fairs Cup victory" (en inglés). 21 de setembro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2022. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Ruiz, Marco (23 de marzo de 2014). "“Tras el 0-5 de 1974 metimos en la ducha hasta a Rinus Michels”". As (en castelán). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Aztecs hire Dutch soccer coach". Boca Raton News (en inglés). 14 de novembro de 1978. p. 2B. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Los Angeles Aztecs 1979". nasljerseys.com (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Aztec $$ Makes Cruyff NASL's New Superstar". Sarasota Journal (en inglés). 23 de maio de 1979. p. 3C. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Wilner, Barry (1 de xuño de 1979). "Cruyff Takes Chance with Aztecs". The Press-Courier (en inglés). p. 22. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Stinson, Dan (11 de xullo de 1979). "Aztecs have Dutch treat for Whitecap fans". The Vancouver Sun (en inglés). p. D1. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Their Finest Hour: Vancouver Whitecaps 1979 Soccer Bowl winning season (Part 13 – The Playoffs continue with the Aztecs)" (en inglés). 4 de setembro de 2019. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Aztecs nip Sounders in Shootout". Eugene Register-Guard (en inglés). 6 de setembro de 1980. p. 3C. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Cosmos Nip Aztecs". The Victoria Advocate (en inglés). 14 de setembro de 1980. p. 3B. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Sports Brief...Coach Will Not Return". The Victoria Advocate (en inglés). 14 de outubro de 1980. p. 18. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Köln 0-1 Barcelona 1980". UEFA (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Bacelona 0-4 Köln 1980". UEFA (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "1980/81: El año del Ipswich" (en castelán). 1 de xuño de 1981. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Roma 2-0 Köln 1982". UEFA (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "DFB-Pokal, 1982/1983, Finale". dfb.de (en alemán). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Van Basten volley crowns Netherlands' EURO 1988 final win against USSR". UEFA (en inglés). 5 de outubro de 2003. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Netherlands - List of International Matches". rsssf.org (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Semifinal da Eurocopa de 1992 (Países Baixos - Dinamarca)". UEFA (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Shetty, Sanjeev (2018). Total Football - A graphic history of the world's most iconic soccer tactics (en inglés). Londres: Aurum Press. p. 64. ISBN 9781781318225.
- ↑ "Rinus Michels". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de marzo de 2008. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "The Netherlands' Grand Master". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2015. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "In Search Of Johan Cruijff…" (en inglés). 25 de novembro de 2012. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "Johan Cruyff: The making of generations in football" (en inglés). 22 de febreiro de 2014. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "The False Nine Explained" (en inglés). 2 de marzo de 2016. Arquivado dende o orixinal o 2 de outubro de 2016. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "How Johan Cruyff and Rinus Michels revolutionized Dutch football forever" (en inglés). 2 de maio de 2020. Consultado o 17 de outubro de 2022.
- ↑ "Season 1971-72". europeancuphistory.com (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ 37,0 37,1 "Storie di schemi: l’evoluzione della tattica" (en italiano). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ 38,0 38,1 38,2 Liew, Jonathan (27 de novembro de 2015). "From 2-3-5 to gegenpress: how football's tactical fads have come and gone" (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ 39,0 39,1 39,2 Siregar, Cady (14 de decembro de 2018). "What is Total Football? Famous tactics explained: the clubs, countries & players to use it" (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Wilson, Jonathan (23 de decembro de 2009). "The Question: How will football tactics develop over the next decade?". The Guardian (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Milan 4-1 Ajax 1969". UEFA (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Bovolenta, Germano. "Il mondo ai piedi del Milan di Rocco". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "1972 final highlights: Ajax 2-0 Inter". UEFA (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Ajax enjoy early success". UEFA (en inglés). 1 de marzo de 2006. Arquivado dende o orixinal o 3 de marzo de 2008. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Dutch take plaudits but Germany take the prize". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2007. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ Amies, Nick (4 de xaneiro de 2010). "World Cup Final, 1974: West Germany vs. The Netherlands" (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ En neerlandés: "Topvoetbal is zoiets als oorlog. Wie netjes blijft, is verloren".
- ↑ Townsend, Jon (28 de xaneiro de 2016). "Rinus Michels and the Total Football rebellion" (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Rutten geëerd als beste coach met Rinus Michels Award" (en neerlandés). 24 de maio de 2008. Arquivado dende o orixinal o 6 de maio de 2009. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "The top 50 managers of all time". The Times (en inglés). 12 de setembro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- ↑ "Michels, Ferguson, Sacchi, Cruyff, Guardiola... Les 50 meilleurs entraîneurs de l'histoire". France Football (en francés). 18 de marzo de 2019. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2021. Consultado o 18 de outubro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do adestrador coa selección neerlandesa en (en neerlandés).
- Nados en Ámsterdam
- Nados en 1928
- Finados en 2005
- Futbolistas dos Países Baixos
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do AFC Ajax
- Xogadores da selección de fútbol dos Países Baixos
- Adestradores de fútbol dos Países Baixos
- Adestradores do AFC Ajax
- Adestradores do FC Barcelona
- Adestradores do Bayer Leverkusen
- Adestradores da selección de fútbol dos Países Baixos
- Adestradores do Mundial de Fútbol de 1974
- Adestradores gañadores da Liga de Campións da UEFA