[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rúrik

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRúrik

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento830 Editar o valor en Wikidata
Mortec. 879 Editar o valor en Wikidata (48/49 anos)
Nóvgorod, Rusia Editar o valor en Wikidata
Gran Príncipe de Nóvgorod
862 – 879 – Ígor de Kíiv → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónPaganismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Período de tempoXeración do século X Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloKnez Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía Rurícovich Editar o valor en Wikidata
CónxuxeEfanda Editar o valor en Wikidata
FillosÍgor de Kíiv Editar o valor en Wikidata
IrmánsSineus
Truvor Editar o valor en Wikidata
ParentesOleg de Kíiv Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteRussian Biographical Dictionary (en) Traducir
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Granat Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Rurik-11
Os varegos na Rus de Kíiv, por Nicholas Roerich (1899).

Rúrik ou Riúrik (en ruso, Рюрик; en nórdico do leste Rørik, que significa "famoso líder"), nado contra 830 e finado contra 879, foi un xefe varego que se fixo co control das ribeiras do Ládoga en 862 e fundou o asentamento de Holmgard (Rúrikovo Gorodische) cerca de Nóvgorod.

Foi o fundador da dinastía Rúrika, que gobernou a Rus de Kíiv e despois o Principado de Moscova até o século XVI.[1][2][3]

As runas ruRikr representando o nome en nórdico antigo Hrœrekr na pedra rúnica U 413, da época viquinga, na igrexa de Norrsunda, Uppland, Suecia.

Riúrik é o nome eslavo antigo que corresponde ao nome xermánico "Rodrigo". Nas linguas xermánicas: Hrodric (en antigo alto alemán ), Hroðricus (en inglés antigo). En nórdico antigo, Hrœrekr (noruegués, islandés) e Hrørīkr ou Rørik (danés, sueco), dos cales se deriva Rúrik.

Tamén aparece en Beowulf como Hrēðrīk.

Rúrik no Tsarski Tituliarnik, 1672.
O monumento Milenario de Rusia de Nóvgorod que conmemora o milenario da chegada de Rúrik a Nóvgorod.
Véxase tamén: Crónica de Néstor.

Existe debate sobre a forma na que Rúrik chegou a controlar a zona do lago Ládoga e a cidade de Nóvgorod. A única información sobre el encóntrase na Crónica de Néstor do século XII, que afirma que:

"chudos, eslavos, merias, veses e kríviches levaron os varegos máis alá do mar, rexeitaron pagarlles tributo e establecéronse para gobernarse a si mesmos"

Despois as tribos comezaron a pelexar entre si e decidiron invitar a Rúrik para restablecer a orde.

Rúrik conservou o poder até a súa morte, contra 879. Casara con Efanda (Edvina Alfrind Ingrid) de Urman. Os seus sucesores (os dinastía Rúrika),[4] porén, trasladaron a capital a Kíiv e fundaron o Estado da Rus de Kíiv, que perdurou até 1240, a época da invasión mongol. Unha serie de familias principescas superviventes descenden por vía patrilineal de Rúrik, aínda que o último ruríkida que gobernou Rusia, Basilio IV, morreu en 1612.

Orixe disputada

[editar | editar a fonte]

Aínda que algúns historiadores enfatizan as raíces folclóricas da lenda de Rúrik e, polo tanto, consideran a Rúrik como unha figura lendaria, hai unha controversia sobre as súas orixes étnicas en Europa Oriental.

Segundo a Crónica de Néstor, Rúrik foi un dos rus', unha tribo varega comparábel segundo o cronista cos daneses, suecos, ingleses e nativos de Gotland. No século XX, os arqueólogos en parte corroboraron a versión que dos acontecementos fixo a Crónica. Porén, descubriuse que o asentamento de Stáraia Ládoga, cuxos alicerces se atribuíron a Rúrik, foi de feito establecido a mediados do século VIII. Cerámica, aparellos domésticos e unha serie de edificios da época da fundación de Rúrik correspóndense con modelos entón prevalentes en Xutlandia.

Rúrik e os seus irmáns Truvor e Sineo chegan a Ládoga. Por Víktor Vasnetsov.

Algúns historiadores eslavos (B. A. Ribákov e os seus seguidores, entre eles) argumentan que o relato da invitación de Rúrik tomouse prestada por un cronista proescandinavo dun hipotético documento nórdico. Por exemplo, a Crónica primaria afirma que Rúrik chegou a terras eslavas cos seus dous irmáns, Sineo e Truvor, aos que enviou a gobernar as cidades de Beloozero e Izborsk, respectivamente. En lugar de relacionar a Sineo con Signjotr a a Truvor con Torvald, suxiren que o cronista leu un documento escandinavo hipotético e malinterpretou as palabras nórdicas sine hus ("sen casa") e tru voring ("con guarda leal") como os nomes dos irmáns de Rúrik, Sineo e Truvor.

Hai outra teoría segundo a cal Rúrik, debido a matrimonios mixtos entre varegos e eslavas, foi de ascendencia mestiza eslavo-varega. Esta teoría baséase na información do primeiro historiador moderno de Rusia, Vasili Tatíschev (el mesmo un ruríkida), quen afirmou que Rúrik era de extracción véndica. Chegou até a nomear a súa nai, Umila, o seu avó materno, Gostomisl e un primo, Vadim. O pai de Rúrik, como toda a xente da tribo Rus, proviña de Finlandia. Aqueles que consideran que o relato de Tatíschev é de boa fe apuntan a que baseou o seu relato na perdida Crónica de Xoaquín.

Investigación xenética

[editar | editar a fonte]

Actualmente está desenvolvéndose un estudo de ADN por parte do profesor polaco Andrzej Bajor, baixo os auspicios do Family Tree DNA Rurikid Dynasty Project (Proxecto da árbore familiar de ADN da dinastía Ruríkida), que busca situar a Rúrik da maneira máis exacta dentro da luz da historia e fóra das sombras da lenda, ao mesmo tempo que intenta encontrar os seus descendentes modernos. Este proxecto busca tamén estudar o ADN da descendencia masculina do gobernante lituano medieval Gediminas (Gedimin), cuxa liña inclúe algunhas das máis altas familias principescas de Rusia e Polonia. Os gediminidas casaron cos ruríkidas, e existe a posibilidade de que eles incluso descendan de Rúrik, ou polo menos dun dos seus antepasados dentro da época histórica. Até agora, só dous príncipes ruríkidas modernos accederon a facer a proba de ADN. Os resultados indican que a súa liña masculina se orixinou na provincia de Uppland en Suecia. Polo de agora, un sueco comparte 11 dos marcadores do príncipe, e cre que a súa propia liña masculina se remonta ao século XV en Roslagen. Os resultados de ADN dos modernos príncipes ruríkidas indican que Rúrik foi de ascendencia fino-ugra (haplogrupo N3a1).[5]

Ulteriores estudos xenéticos parecen indicar a existencia de dous haplogrupos entre os modernos ruríkidas: os descendentes de Vladímir II Monómaco (monomákhoviches) son do grupo N3a1, típico do pobo fino-ugro, mentres que os descendentes de Oleg I de Chernígov (olégoviches) son do grupo R1a, típico dos pobos eslavos. A revista Russian Newsweek indica que a xenealoxía oficial é probabelmente incorrecta, pero deixa a orixe étnica de Rúrik sen aclarar.[6]

Hrörek de Dorestad

[editar | editar a fonte]
Rorik de Dorestad, tal como o concibiu H. W. Koekkoek.

O único Hrörek descrito en crónicas occidentais foi Rorik de Dorestad, un konung da casa real de Hedeby. Desde o século XIX, houbo intentos de identificalo co príncipe viquingo Rúrik das crónicas rusas. A identificación de Rúrik con Hrörek foi divulgada por Borís Ribákov e Anatoli Kirpichnikov,[7] pero o eslavista Alexandr Nazarenko oponse a esta identificación.[8]

Roerik de Dorestad naceu ao redor de 810/820, fillo de Hemming Halfdansson ou do seu irmán Anulo, noveno rei de Hedeby. Os cronistas francos mencionan que recibiu terras en Frisia do emperador Ludovico Pío. Isto non era suficiente para el, polo que comezou a asaltar os territorios veciños: tomou Dorestad en 850, capturou Hedeby en 857 e saqueou Bremen en 859.

O emperador enfureceuse e privouno de todas as súas posesións en 860. Despois diso, Roerik desaparece das fontes occidentais durante un considerábel período de tempo. E nese mesmo momento, en 862, o Rúrik ruso chega ao Báltico oriental, constrúe a fortaleza de Ládoga e máis tarde trasládase a Nóvgorod. Tal coincidencia é avalada como argumento para xustificar que ambos os dous son a mesma persoa.[9]

Roerik de Dorestad reaparece nas crónicas francas en 870, cando o seu demesne de Frisia lle foi devolto por Carlos o Calvo. E en 882 xa se menciona que está morto. A crónica rusa sitúa a morte de Rúrik de Nóvgorod en 879. Segundo as fontes occidentais, o gobernante de Friesland foi convertido ao cristianismo polos francos. Isto pode ter paralelismo coa cristianización do khaganato de Rus, tal como o relata o patriarca Focio en 867.

Gwyn Jones afirma que a comparación dos dous Rúrik, un, caudillo de Frisia, e outro, un Rus', é relativa e de pouca importancia, desmitificando a identificación de ambos os dous como unha única persoa; o argumento de Jones susténtase en que non se pode aceptar a non existencia de actividade viquinga en Rusia antes da década de 850, sobre todo con evidencias literarias e arqueolóxicas.[10]

Predecesor:
Gostomisl
Príncipe de Nóvgorod
862-879
Sucesor:
Oleg
  1. La noblesse de Russie (1951-1956), Ikonnikov, Nikolai Flegontovich, main author, (Series 1, 27 volumes; Series 2, 3 volumes and 2 supplements. Paris: Nicolas Ikonnikov, 1951), vol. 21 table 159.
  2. Dolgorukie, Dolgorukovy i Dolgorukie-Argutinskie (1869-1913), Dolgorukoi, Vsevolod, (2 volumes. S. Peterburg: IU. Shtaufa, 1869-1913), FHL microfilms 127,768-127,769., p. 28.
  3. Rodoslovnaia Kniga Vserossiiskago Dvorianstva (1906), Durasov, V., (Grad Sv. Petra: [s. n.], 1906), FHL microfilm 127,799., p. 3.
  4. Casa real Ruríokovich Arquivado 13 de decembro de 2012 en Wayback Machine..
  5. DNA Testing of the Rurikid and Gediminid Princes.
  6. Операция «Чистые Рюрики»[Ligazón morta] Russian Newsweek Nº 52 January 2008.
  7. А.Н. Кирпичников: Сказание о призвании варягов. Анализ и возможности источника // Первые скандинавские чтения. - СПб., 1997. - С. 7-18 (en ruso).
  8. Nazarenko A., Rjurik и Riis Th., Rorik // Lexikon des Mittelalters. VII. - Múnich, 1995. - P. 880, 1026.
  9. Г. С. Лебедев, Эпоха викингов в Северной Европе, Ленинград, 1985, р. 214. (en ruso).
  10. Gwyn Jones, A History of the Vikings, Oxford University Press, 1973, p. 248.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Web da Casa Real Rúrikovich