Pahiño
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 21 de xaneiro de 1923 Navia, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 12 de xuño de 2012 (89 anos) Madrid, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 26 de setembro de 1943 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Fillos | Patricia Fernández Goberna, Nacho Fernández Goberna |
Manuel Joaquín Fernández Fernández, coñecido como Pahiño, nado en Navia (Vigo) o 21 de xaneiro de 1923 e finado en Madrid o 12 de xuño de 2012, foi un futbolista galego que xogou no Celta de Vigo, Real Madrid, Deportivo da Coruña e na selección española durante as décadas de 1940 e 1950. Considerado un dos mellores futbolistas galegos de todos os tempos, foi un ídolo tanto para a afección do Celta como para a do Deportivo.[1][2] Prolífico goleador, proclamouse en dúas ocasións máximo anotador da Primeira División: na tempada 1947/48, mentres xogaba no Celta, e na 1951/52, na súa etapa no Real Madrid. É o décimo máximo goleador da historia do campionato, con 212 goles en 278 partidos.
A pesar dos seus números como goleador, as súas ideas de esquerda en plena ditadura franquista impedíronlle xogar de xeito habitual coa selección española, coa que só disputou tres encontros, marcando tres goles.
Foi pai dos artistas Nacho Fernández Goberna, membro de La dama se Esconde, e Patricia Fernández Goberna, cantante do grupo Trigo Limpio.
Carreira deportiva
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Comezou a súa traxectoria deportiva no Navia CF da súa parroquia natal e pasou tamén por outros clubs modestos de Vigo como o Huracán, o Victoria, o Deportivo Coia ou o Arenas de Alcabre, no que ingresou aos 16 anos.[3][4] Por aquel entón era alcumado Paíño, por ser este o segundo apelido de seu pai,[5][6] pero por erro, o xornalista do Faro de Vigo Manuel de Castro "Handicap" comezou a escribir o seu alcume cun hache intercalado (Pahiño), pasando a ser coñecido dese xeito a partir de entón.[7]
Celta de Vigo
[editar | editar a fonte]Despois de destacar no Arenas e de disputar a Copa Vigo nas filas do Rápido de Bouzas,[8] en 1943, con 20 anos, ingresou no Celta de Vigo, club que acababa perder ao seu dianteiro centro máis destacado, o canario Juan del Pino, que marchou ao Sabadell.[9] Pahiño chegou ao club vigués xunto a outros dous mozos procedentes tamén de equipos modestos vigueses: Aretio, que tería un relevante papel no equipo durante os seguintes anos, e o ourensán Tito.[9] Debutaron os tres nun encontro amigable contra unha selección de modestos vigueses, anotando Pahiño o seu primeiro triplete co Celta.[10]
O seu primeiro partido oficial co Celta disputouno na Primeira División, na primeira xornada da tempada 1943/44 ante o Atlético Aviación, e a pesar da boa actuación de Pahiño, o seu equipo caeu goleado de xeito estrepitoso por 7-0. Formou naquel encontro xunto aos dianteiros Ardèvol, Foro, Mundo e Alberich.[11] Perdeu e recuperou a titularidade un par de veces ao longo da tempada, que pechou con números discretos, e non marcou o seu primeiro gol ata a xornada 17, cando marcou en Atotxa o gol do empate (1-1) contra a Real Sociedad, cuxa portería defendía Román Galarraga.[12] Con todo, amosou xa a súa faciana como gran goleador na parte final da campaña, anotando 7 goles nos últimos seis partidos (dous de liga e catro da Copa do Rei), pero foi insuficiente para salvar o equipo do descenso.[9]
Na tempada 1944/45, xa en Segunda, liderou o ataque do conxunto céltico, que compartiu xunto a dianteiros históricos do club como Hermidita, Venancio ou Paco Roig. Marcou 13 goles na liga regular e foi autor de dous dos catro goles do seu equipo na promoción de ascenso a Primeira, que se disputou no Estadio Metropolitano de Madrid fronte ao Granada e do que saíu vencedor o conxunto galego (4-1).[13] Durante ese partido chegou a xogar durante uns 50 minutos co peroné roto, o que non impediu que marcase un dos goles nesas condicións.[4]
Despois duns meses coa perna escaiolada, reapareceu co Celta na quinta xornada da tempada 1945/46, anotando un triplete na goleada por 6-1 ante o Alcoyano en Balaídos. Durante os seguintes dous anos marcou 36 goles, conseguindo perforar as porterías de todos os equipos da liga excepto as do Real Murcia e Sabadell. O 6 de abril de 1947 marcou os seus primeiros dous goles no derbi contra o Deportivo da Coruña, na vitoria do club vigués por 4-2.[14]
No verán de 1947 exixiu un mellor salario, pois considerábase mal pagado a pesar de ser unha das estrelas do equipo. Negouse a firmar a ficha ata recibir unha mellora e o club declarouno en rebeldía e afastouno do equipo, tendo que adestrarse pola súa conta na praia de Samil.[15][16] En setembro o Celta publicou un comunicado no que lle daba un ultimato de tres días ao xogador para asinar a ficha; en caso contrario segundo a nota, prescindiría para sempre dos seus servizos.[17]
Despois de acadar un acordo,[18] Pahiño disputou co Celta a tempada 1947/48, na que obtivo os seus mellores números en Vigo, converténdose no primeiro e único xogador da historia do Celta en proclamarse máximo goleador do campionato de Primeira División. Fíxoo con 21 tantos, un máis que Peralta e dous máis que Panizo, Vidal e César. Os goles de Pahiño, secundado polas boas cifras dos seus compañeiros Hermidita e Retamar, levaron o Celta de Ricardo Zamora a ser o terceiro conxunto máis goleador da liga e a pechar o campionato na cuarta posición, o mellor resultado da súa historia.[19]
A boa xeira do equipo prolongouse na Copa do Xeneralísimo. Pahiño marcou nos oitavos de final contra o Racing de Ferrol e fíxolle un triplete ao Atlético de Madrid na ida dos cuartos de final, nun partido que rematou 5-5.[20] Tras gañar o partido de volta en Balaídos, o club vigués enfrontouse en semifinais ao Espanyol e o dianteiro vigués marcou un gol no partido de ida e outro no de volta, acabando ambos encontros con empate.[21] Marcou tamén no partido de desempate que se disputou en Chamartín e dado que o resultado foi un novo empate, xogouse un cuarto partido tres días despois no mesmo estadio.[22] Rematados os 90 minutos, o marcador sinalaba un 0-0, polo que se disputou unha prórroga na que o coruñés Veloy adiantou ao equipo catalán. Con todo, case a continuación apareceu Pahiño para marcar dous goles e meter o Celta na primeira final de Copa da súa historia.[23]
A final disputouse tamén en Chamartín cun Celta exhausto pola acumulación de partidos.[4] Pahiño, que formou dianteira xunto a Roig, Muñoz, Aretio e Vázquez, foi expulsado na segunda parte por agredir a Eguiluz, mentres que Simón e Aretio abandonaron o terreo de xogo por problemas físicos, polo que o Celta acabou o partido con oito futbolistas e co defensa Gabriel Alonso na portería. O encontro rematou con vitoria espanyolista por 4-1, cun triplete de Mariano.[24]
Real Madrid
[editar | editar a fonte]Uns días despois da final de Copa, viaxou a Madrid xunto ao seu compañeiro Miguel Muñoz, asinando ambos como novos xogadores do Real Madrid.[5] Debutou cun gol ante o Sabadell na primeira xornada de liga, e aínda que nos primeiros nove partidos só conseguiu tres goles, acabou pechando a súa primeira campaña na capital española como máximo goleador do equipo e terceiro do campionato, con 21 goles, superado só polos históricos dianteiros César (FC Barcelona) e Zarra (Athletic). Na tempada 1949/50 marcoulle un triplete ao Barcelona no partido de ida en Chamartín e dous máis na volta en Les Corts, e meteulle catro goles nun mesmo partido ao Gimnàstic de Tarragona. Rematou a campaña con 20 tantos, sendo o cuarto máximo anotador da liga, desta vez por detrás de Zarra, Igoa e do seu excompañeiro Hermida.
En xuño de 1950 foi emprestado xunto a Olmedo ao Atlético de Madrid para a disputa da segunda edición da Copa Latina, ante a escaseza de futbolistas do equipo atlético por mor das lesións e da Copa do Mundo.[25] Pahiño xa xogara anteriormente un par de amigables coa camiseta vermella e branca, en encontros de homenaxe a Germán e Aparicio.[25] Xa na Copa Latina, ás ordes do carismático Helenio Herrera, enfrontouse nas semifinais en Oeiras ao Girondins de Bordeos, pero caeu lesionado, polo que non xogou na segunda metade. O equipo madrileño perdeu por 4-2 e a lesión de Pahiño impediulle tamén ao xogador disputar o partido polo terceiro posto ante a Lazio.[25]
De regreso no Real Madrid, marcou 21 goles na liga da tempada 1950/51, sendo superado de novo só por Zarra e César. Na seguinte campaña subiu a súa marca ata os 28 goles en liga, proclamándose por segunda vez máximo goleador da categoría, con dous tantos máis que Kubala e cinco máis que César e Hermidita.[26] Sumou ademais outros sete goles na Copa do Xeneralísimo, catro deles contra o seu anterior club, o Celta de Vigo, ao que lle marcou un total de sete goles esa campaña.
A 1952/53 foi a derradeira tempada de Pahiño no Real Madrid e volveu ser o máximo goleador do equipo, feito que repetiu en cada unha das súas cinco campañas no club, a pesar de compartir vestiario con grandes dianteiros como Molowny, Barinaga, Narro, Olsen ou Joseíto.[25] No verán de 1953 rematou o seu contrato co club e Santiago Bernabéu ofreceulle renovar por un ano, pero o xogador pedía tres, polo que non chegaron a un acordo.[25][15]
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]Regresou entón a Galicia e asinou como novo xogador do Deportivo da Coruña, onde coincidiu con históricos do club como Acuña, Luis Suárez ou Arsenio Iglesias, así como con varios integrantes da chamada Orquestra Canaro. O seu primeiro gol coa camiseta branquiazul conseguiuno na terceira xornada, nun derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos. Pechou a súa primeira campaña na Coruña con 14 goles, cifra que superou na seguinte tempada, con 21 tantos, contribuíndo a que o equipo acadase a sétima praza na liga en ambas ocasións. O 10 de outubro de 1954 inscribiu o seu nome na historia dos derbis entre Deportivo e Celta, ao marcar os catro goles do conxunto coruñés na goleada por 4-2 sobre o seu máximo rival, converténdose no primeiro e único futbolista en anotar catro veces nun derbi galego en competición nacional.[27]
No verán de 1955, trala marcha de Toba, sentou no banco o célebre Rodrigo.[28] Ás súas ordes, o Deportivo conquistou o primeiro Trofeo Teresa Herrera da súa historia grazas a dous goles de Pahiño fronte ao Athletic Club de Daučík (2-1), e outros dous goles do dianteiro vigués déronlle ao club galego a súa única vitoria contra o Real Madrid no vello estadio de Chamartín (1-2).[29] Con todo, o Deportivo sufriu un par de goleadas mediada a tempada e Rodrigo presentou a súa dimisión.[30]
Pahiño fíxose entón cargo do equipo como xogador-adestrador, posición que ocupou durante tres xornadas: unha derrota por goleada contra o Barcelona en Les Corts (7-0), outra derrota fronte ao Alavés en Mendizorrotza (4-2) e un empate a un gol co Valladolid en Riazor. As tensións internas no vestiario e os seus problemas con varios xogadores, sobre todo con Lechuga, fixeron que dende a xornada 22 ata o final da tempada adestrase o equipo o seu compañeiro Zubieta.[31][32] Pouco despois o club apartou a Pahiño do equipo, alegando un mal comportamento do dianteiro e un illamento respecto aos seus compañeiros, o que deu lugar a declaracións cruzadas na prensa entre Pahiño e o presidente José Iglesias Varela.[32][33][34] De calquera xeito, Pahiño non volveu vestir a camiseta do Deportivo, recibindo a carta de liberdade o 17 de abril de 1956.[35] Pechou o seu paso polo club coruñés cun total de 49 goles en 78 partidos oficiais.
Granada
[editar | editar a fonte]Menos dun mes despois da súa saída do Deportivo, volveu vestir a camiseta do Celta de Vigo nun partido de homenaxe a Gaitos contra o Botafogo de Garrincha.[36] En xuño de 1956 a prensa publicou a súa fichaxe pola Real Sociedad,[37] pero foi o Granada quen asinou o xogador a finais de xullo.[38] No club andaluz coincidiu con destacados xogadores como Ricardo Suárez, Gilberto Navarro, Vidal, Igoa ou Ben Barek e tivo como adestradores aos galegos Álvaro Pérez e Pasarín. Disputou 15 partidos e contribuíu con oito goles a que o equipo se proclamase campión de Segunda e conseguise o ascenso a Primeira. O 21 de abril de 1957 disputou o seu derradeiro partido como profesional, contra o Betis, sendo expulsado na primeira metade por atacar ao bético Felipe cando este non tiña o balón.[39]
Selección española
[editar | editar a fonte]A pesar dos seus números como goleador, que o levaron a ser na súa época o segundo máximo goleador na historia da Primeira División, apenas contou con oportunidades na selección española, por mor das súas ideas políticas de esquerda no contexto da ditadura franquista.[40][41] Debutou como internacional o 20 de xuño de 1948, nun partido amigable ante Suíza no Hardturm-Stadion de Zürich. Da man do adestrador Guillermo Eizaguirre, saíu como titular formando dianteira xunto a Epi, Miguel Muñoz, Igoa e Gaínza, e tardou só sete minutos en marcar o seu primeiro gol internacional. Case a continuación deulle unha asistencia a Igoa para facer o segundo.[42] Con todo, no descanso dese partido comezaron os seus problemas coa Federación Española, cando o delegado nacional desta, o tenente coronel franquista Gómez-Zamalloa, tamén galego, baixou ao vestiario para arengar aos xogadores, aos que lles pediu "collóns e españolía". Pahiño realizou entón un xesto sarcástico, do que tomou nota o militar.[40][43]
Aínda que xogou un segundo partido en 1949, a súa fama de esquerdista afastouno da selección durante os seguintes anos e impediulle ir ás Copas do Mundo de 1950 e 1954, ao tempo que perforaba as porterías da Primeira División ata o punto de proclamarse máximo goleador do campionato por segunda vez.[41][43] Despois de máis de seis anos sen ser convocado, xogou o seu terceiro e último encontro coa selección española xa no treito final da súa carreira, o 27 de novembro de 1955. Foi contra a selección irlandesa en Dublín, nun amigable no que marcou os dous goles de España (2-2).[44]
Estilo de xogo
[editar | editar a fonte]Futbolista ambidextro, posuía un potente disparo con ambas pernas e destacaba tamén polos seus remates de cabeza.[45]
Legado e recoñecementos
[editar | editar a fonte]Considerado como un dos mellores futbolistas galegos de todos os tempos, foi o primeiro e único xogador da historia do Celta de Vigo en proclamarse máximo goleador da Primeira División, así como o primeiro galego en logralo.[46] Con 212 goles na Primeira División, no momento da súa retirada era o máximo goleador histórico da competición, só por detrás de Zarra, ao que se enfrontou en numerosas ocasións. Na actualidade ocupa o 10º posto na táboa de máximos artilleiros de Primeira. Foi un ídolo tanto para a afección do Celta como para a do Deportivo e é o xogador que máis goles marcou nos derbis entre ambos rivais na Primeira División (7).
Pasou á historia como o "futbolista vermello", polas súas ideas de esquerda que lle impediron xogar de xeito habitual coa selección española, a pesar de ser un dos mellores futbolistas do país.[41][43] É lembrado tamén pola súa afección á lectura, que adquiriu grazas ao célebre mestre de Navia Emilio Crespo,[47] e especialmente á literatura de autores rusos como Lev Tolstoi ou Fiódor Dostoievski, así como de Ernest Hemingway ou Ramón Cabanillas.[6][43]
En xuño de 2010 inaugurouse un campo de fútbol co seu nome en Navia, no que xogan como locais o Arenas de Alcabre e o Alertanavia. No acto de inauguración estiveron presentes amigos como Arsenio Iglesias e disputaron un partido os veteranos do Celta de Vigo e do Deportivo da Coruña.[48]
Vida privada
[editar | editar a fonte]Casou con Inés Goberna, natural de Alcabre, e tras deixar o fútbol viviu en Pasaia (Donostia), onde foi armador de barcos pesqueiros co seu sogro.[49] Foi pai de Nacho Fernández Goberna, cantante e compositor no grupo La dama se Esconde, e Patricia Fernández Goberna, cantante do grupo Trigo Limpio, que representou España no Festival de Eurovisión no ano 1980. Foi cuñado do tamén futbolista Eduardo Goberna, irmán da súa muller, co que coincidiu no Deportivo da Coruña.[50]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Granada
- Segunda División (1): 1956/57.
- Individual
- Trofeo Pichichi (2): 1947/48, 1951/52.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pardo, Miguel. "Unha ducia de protagonistas galegos de #onosoderbi". praza.gal. Consultado o 18 de marzo de 2021.
- ↑ "Los 11 mejores futbolistas gallegos de la historia" (en castelán). 26 de xuño de 2019. Consultado o 18 de marzo de 2021.
- ↑ "Arenas-Aurora (4-3)". El Pueblo Gallego (en castelán) (6151). 11 de maio de 1943. p. 5. Consultado o 13 de outubro de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Pahíño, en 1976: «Jugué 50 minutos con fractura de peroné con el Celta y marqué un gol»". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xaneiro de 2023. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ 5,0 5,1 "Pahiño, ya jugador del Madrid, habla para los lectores de La Noche". La Noche (en castelán) (8484). 16 de xullo de 1948. p. 3. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ 6,0 6,1 Alfredo Relaño (5 de xaneiro de 2014). "Pahíño, el delantero que leía a Dostoievski". Blogs El País (en castelán).
- ↑ ""Hándicap fue quien le añadió la ´h´ a mi apodo"". La Opinión A Coruña (en castelán). 14 de xuño de 2010. Consultado o 18 de marzo de 2021.
- ↑ "La Copa Vigo". El Pueblo Gallego (en castelán) (6205). 13 de xullo de 1943. p. 5. Consultado o 13 de outubro de 2024.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 "Pahiño, el cañonero de Balaídos" (PDF). As (en castelán). 29 de outubro de 1974. p. 15. Consultado o 13 de outubro de 2024.
- ↑ "El partido a beneficio de los modestos". El Pueblo Gallego (en castelán) (6253). 7 de setembro de 1943. p. 5. Consultado o 13 de outubro de 2024.
- ↑ "Amplia victoria del Aviación sobre el Celta 7-0". El Pueblo Gallego (en castelán) (8448). 28 de setembro de 1943. p. 6. Consultado o 13 de outubro de 2024.
- ↑ "Un excelente partido del Celta en San Sebastián". El Pueblo Gallego (en castelán) (6376). 1 de febreiro de 1944. p. 4. Consultado o 14 de outubro de 2024.
- ↑ "El Celta alcanza un gran triunfo sobre el Granada y logra el ascenso a Primera División". El Pueblo Gallego (en castelán) (6804). 19 de xuño de 1945. p. 5. Consultado o 14 de outubro de 2024.
- ↑ "El Deportivo fué vencido en Balaídos por 4-2". El Ideal Gallego (en castelán) (9172). 8 de abril de 1947. p. 6. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ 15,0 15,1 Álvarez, Armando (12 de xuño de 2012). "La vida a contracorriente". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 18 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahiño, continúa en rebeldía". La Noche (en castelán) (8191). 6 de agosto de 1947. p. 3. Consultado o 18 de outubro de 2024.
- ↑ "Nota oficial del Real Club Celta sobre el asunto Pahiño". El Pueblo Gallego (en castelán) (7510). 16 de setembro de 1947. p. 5. Consultado o 18 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahiño llegó a un acuerdo con el Celta". El Ideal Gallego (en castelán) (9312). 19 de setembro de 1947. p. 4. Consultado o 18 de outubro de 2024.
- ↑ "El mejor Celta desde los tiempos de Pahíño, Hermidita y Ricardo Zamora" (en castelán). 20 de setembro de 2015. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ "El Celta pudo haber ganado el encuentro del Metropolitano". El Pueblo Gallego (en castelán) (7770). 15 de outubro de 2024. p. 3. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ "El Celta dominó constantemente, pero no acertó a vencer la táctica defensiva españolista". El Pueblo Gallego (en castelán) (7784). 15 de xuño de 1948. p. 3. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ "Inexplicablemente empataron de nuevo Celta y Español". El Pueblo Gallego (en castelán) (7796). 29 de xuño de 1948. p. 3. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ "Merecida victoria céltica en el cuarto partido con el Espanyol". El Pueblo Gallego (en castelán) (7798). 1 de xullo de 1948. p. 3. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ "El exhausto Celta pierde honrosamente en la final". El Pueblo Gallego (en castelán) (7802). 6 de xullo de 1948. p. 3. Consultado o 15 de outubro de 2024.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 Queipo de Llano, Miguel (18 de outubro de 2024). "Pahiño, un madridista en rojiblanco" (en castelán). Consultado o 18 de outubro de 2024.
- ↑ "Primera División 1951-52". BDFutbol (en castelán). Consultado o 18 de outubro de 2024.
- ↑ "En Riazor, victoria justa y merecida del Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (10188). 12 de outubro de 1954. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Rodrigo vuelve al Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (10404). 25 de xuño de 1955. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "El Deportivo de la Coruña dio el domingo la gran campanada de la Liga, al triunfar en Chamartín por 2 tantos a 1". El Correo Gallego (en castelán) (25531). 1 de novembro de 1955. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Por dimisión de Rodrigo, Pahiño entrenará al Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (10592). 2 de febreiro de 1956. p. 10. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahiño ha cesado como entrenador del Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (10611). 24 de febreiro de 1956. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ 32,0 32,1 "Las cosas se aclaran en el Deportivo". La Noche (en castelán) (10921). 14 de marzo de 1956. p. 2. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahiño emplaza al presidente del Deportivo a que rectifique unas declaraciones". El Correo Gallego (en castelán) (25647). 16 de marzo de 1956. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Sólo los jugadores y la afición podrán hacerme dimitir, Pahiño nunca". El Pueblo Gallego (en castelán) (10633). 21 de marzo de 1956. p. 5. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Ya no pertenece al Deportivo Pahiño". La Noche (en castelán) (10950). 18 de abril de 1956. p. 4. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "La afición no respondió, como era de esperar, en el partido homenaje al céltico Gaitos". El Pueblo Gallego (en castelán) (10676). 11 de maio de 1956. p. 5. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahiño a la Real Sociedad". La Noche (en castelán) (10994). 8 de xuño de 1956. p. 2. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahiño ha fichado por el Granada". La Noche (en castelán) (11038). 31 de xullo de 1956. p. 6. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Betis - Granada 3-0". La Noche (en castelán). 22 de abril de 1957. p. 3. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ 40,0 40,1 Pardo, Miguel (12 de xuño de 2012). "Pahíño, o dianteiro rebelde que desafiou o franquismo". Praza.gal. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 Moñino, Ladislao Javier (1 de abril de 2009). ""Ser de izquierdas me impidió acudir al Mundial del 50"". Público (en castelán). Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "España y Suíza empataron a 3, en Zurich". La Noche (en castelán) (8462). 21 de xuño de 1948. p. 3. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ 43,0 43,1 43,2 43,3 Giner, Jorge (22 de xaneiro de 2020). "Pahíño, el goleador ‘rojo’". Panenka (en castelán). Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Irlanda, 2 - España, 2". La Noche (en castelán). 28 de novembro de 1955. p. 1. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Una capacidad goleadora al alcance de muy poco". realmadrid.com (en castelán). Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Los 11 mejores futbolistas gallegos de la historia" (en castelán). 26 de xuño de 2019. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ "Pahíño, el delantero que leía a Dovstoievski" (en castelán). 24 de setembro de 2022. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ ""Me sentía un futbolista diferente"". Faro de Vigo (en castelán). 14 de xuño de 2010. Consultado o 19 de outubro de 2024.
- ↑ Fernando Carreño (13 de xullo de 2011). "El futbolista que leía a los rusos fue armador de barcos pesqueros". Marca.
- ↑ "Pahiño, en La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xullo de 1957. p. 4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador coa selección española (en castelán).
- Nados en 1923
- Finados en 2012
- Nados en Vigo
- Futbolistas de Vigo
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Rápido de Bouzas
- Xogadores do Celta de Vigo
- Xogadores do Real Madrid CF
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Granada CF
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de España
- Gañadores do Trofeo Pichichi