[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Serratia marcescens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serratia marcescens

S. marcescens on an XLD agar plate.
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Enterobacteriales
Familia: Enterobacteriaceae
Xénero: Serratia
Especie: ''S. marcescens''
Nome binomial
'Serratia marcescens'
Bizio 1823

Serratia marcescens é unha especie de bacterias gramnegativa, con forma de bacilo da familia Enterobacteriaceae, que é patóxena para os humanos e está implicada en infeccións nosocomiais (en hospitais), especialmente bacteremias asociadas ao uso de catéteres, infeccións do tracto urinario e infeccións de feridas.[1][2][3] Atópase normalmente nos tractos respiratorio e urinario de adultos hospitalizados e no tracto gastrointestinal de nenos.

Debido á súa presenza ubicua no medio ambiente, e a súa preferencia polos ambientes húmidos, S. marcescens é común nos cuartos de baño (especialmente nas unións entre os azulexos, esquinas das duchas, liñas de pingas de auga do inodoro e lavabo), onde se manifesta como unha coloración rosa e película viscosa na que se alimenta de materiais que conteñen fósforo e substancias graxas dos residuos de xabón e champú.

Unha vez establecida, a completa erradicación do organismo é a miúdo difícil, pero pode conseguirse coa aplicación de lixivia. Escorrer e secar as superficies despois de usalas pode tamén previr o establecemento da bacteria ao eliminar as súas fontes de alimentación e facer o seu ambiente menos hospitalario.

S. marcescens pode atoparse tamén en ambientes como o lixo, ou en sitios supostamente "estériles", e na biopelícula subxinxival dos dentes. Debido a isto, e ao feito de que S. marcescens produce un pigmento tripirrólico de cor vermella-laranxa chamado prodixiosina, pode causar manchas nos dentes. A vía bioquímica pola que se produce a prodixiosina non se coñece excepto as súas fases finais. Nestas fases, un monopirrol (MAD) e un bipirrol (MBC) sofren unha reacción de condensación encimática para finalmente formar a prodixiosina. A produción de prodixiosina está regulada por un produto do xene hexS. A produción de prodixiosina está regulada por cambios no medio de crecemento e cambios de temperatura.[4]

Identificación

[editar | editar a fonte]

S. marcescens é un organismo móbil e pode crecer a temperaturas que van desde 5–40 °C e a pHs entre 5 e 9. Diferénciase doutras bacterias gramnegativas pola súa capacidade de hidrolizar a caseína, o que permite que produza unha metaloproteinase extracelular que se cre funciona nas interaccións entre a célula e a matriz extracelular. S. marcescens tamén pode degradar o triptófano e o citrato. Un dos produtos finais da degradación do triptófano é o ácido pirúvico, que se incorpora despois a diferentes procesos metabólicos da bacteria. S. marcescens pode utilizar o citrato como fonte de carbono. Para identificar o organismo, pódese realizar tamén unha proba de vermello de metilo, que determina se o microorganismo realiza a fermentación ácida mixta, que é negativa en S. marcescens. Outra determinación é a capacidade de producir ácido láctico por medio do seu metabolismo fermentativo e oxidativo, na que S. marcescens mostra ser ácido láctico O/F+.

Proba Resultado
Tinguidura de Gram -
Oxidase -
Produción de indol -
Vermello de metilo >70% -
Voges-Proskaeur +
Citrato (Simmons) +
Produción de sulfuro de hidróxeno -
Hidrólise da urea >70% -
Fenilalanina desaminase -
Lisina descarboxilase +
Motilidade +
Hidrólise da xelatina, 22 °C +
Produción de ácido a partir da lactosa -
Ácido a partir da glicosa +
Ácido a partir da maltosa +
Ácido a partir do manitol +
Ácido a partir da sacarosa +
Redución do nitrato + (para o nitrito)
Desoxirribonuclease, 25 °C +
Lipase +
Pigmento vermello nalgúns biovares
Produción de catalase (24h) +

[5]

Patoxenicidade

[editar | editar a fonte]

Nos humanos, S. marcescens pode causar infeccións en varios sitios do corpo, como o tracto urinario, tracto respiratorio, feridas,[3] e ollos, onde pode causar conxuntivite, queratite, endoftalmite, e infeccións no conduto lacrimal.[6] En raros casos pode causar endocardite e osteomielite (especialmente en persoas adictas a drogas intravenosas), pneumonía, e meninxite.[2][3] A maioría das cepas de S. marcescens son resistentes a varios antibióticos debido á presenza de factores R, que son un tipo de plásmidos que levan un ou máis xenes de resistencia a antibióticos, e todas se consideran resistentes á ampicilina, macrólidos, e cefalosporinas da primeira xeración (como a cefalexina).[2]

S. marcescens causa no coral corno de alce Acropora palmata unha doenza decolorante.[7][8] Pode infectar tamén ao verme da seda.[9]

En laboratorios de investigación nos que se emprega a mosca Drosophila, estes insectos sofren con certa frecuencia infeccións por S. marcescens. A infección maniféstase como un coloración rosa ou placa dentro ou sobre as larvas e pupas, ou sobre a súa comida habitual de azucres e amidón (especialmente se foi indebidamente preparada).

Posible papel en milagros medievais

[editar | editar a fonte]

Debido á pigmentación producida pola expresión do seu pigmento prodixiosina,[10] e a súa capacidade para crecer no pan, S. marcescens foi proposta como unha explicación natural aos relatos medievais da "milagrosa" aparición de sangue durante a Eucaristía, que fixo que o Papa Urbano IV instituíse a festa do Corpus Christi en 1264. A historia desenvólveuse durante unha misa en Bolsena en 1263 celebrada por un crego de Bohemia que, segundo di o relato, tiña dúbidas sobre a transubstanciación, ou conversión do pan e o viño eucarísticos no sangue e corpo de Cristo. Durante esa misa, o pan da Eucaristía parecía sangrar e o crego non daba limpado do pan todo ese "sangue".[11]

Descubrimento

[editar | editar a fonte]

Serratia marcescens descubriuna en 1819 o farmacéutico veneciano Bartolomeo Bizio, como causa dun episodio de coloración vermello sangue da polenta na cidade de Padua.[12] Bizio deulle nome ao microorganismo catro anos despois en honor a Serafino Serrati, un físico que inventou un modelo primitivo de barco de vapor. O epíteto marcescens (do latín "descomposición") elixiuno pola rápida deterioración do pigmento; de feito, as observacións de Bizio fixéronlle crer que o organismo se descompoñía nunha substancia mucilaxinosa unha vez chegado á madurez[13] Despois, Serratia foi renomeada como Monas prodigiosus e Bacillus prodigiosus antes de que fose finalmente restaurado o nome orixinal de Bizio na década de 1920.[12]

Papel en probas de guerra biolóxica

[editar | editar a fonte]

Ata a década de 1950, críase erradamente que S. marcescens non era patóxena,[3] e a súa coloración vermella foi usada en experimentos escolares para rastrear infeccións. Durante a guerra fría, foi utilizada como simulante en probas de guerra biolóxica das forzas armadas dos EEUU[14][15] que a pretendían estudar en probas de campo como substituta da bacteria da tularemia, que fora utilizada como arma nesa época. En 1950 na operación secreta da mariña chamada "Operation Sea-Spray" S. marcescens foi liberada desde globos que se facían estourar sobre a área da baía de San Francisco en California, pouco despois 11 persoas enfermaron e unha morreu de infeccións das que se culpou á bacteria[16][17] (con todo, non se demostrou concluintemente que o responsable fora esa bacteria).[18] A bacteria foi tamén combinada con fenol e un simulante do Bacillus anthracis e esparexida pola área de Dorset por científicos militares dos Estados Unidos e o Reino Unido como parte das probas DICE de 1971 a 1975.[19]

  1. Hejazi A, Falkiner FR (1997). "Serratia marcescens". J Med Microbiol 46 (11): 903–12. PMID 9368530. doi:10.1099/00222615-46-11-903. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Auwaerter P (October 8, 2007). "Serratia species". Point-of-Care Information Technology ABX Guide. Johns Hopkins University. Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2013. Consultado o 30 de xullo de 2013. .
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Anía BJ (October 1, 2008). "Serratia: Overview". eMedicine. WebMD. .
  4. TanikawaT, Nakagawa Y, Matsuyama T (2006). "Transcriptional downregulator hexS Controlling Prodigiosin and serrawettin W1 biosynthesis in Serratia marcescens.". Microbiol Immunol 50 (8): 587–96. PMID 16924143.
  5. Bergey's Manuals of Determinative Bacteriology, by John G. Holt, 9th ed. Lippincott Williams & Wilkins, January 15, 1994. pp. 217
  6. "Serratia Marcescens seton implant infection & orbital cellulitis". EyeRounds.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 2006-04-06. 
  7. Patterson KL, Porter JW, Ritchie KB; et al. (2002). "The etiology of white pox, a lethal disease of the Caribbean elkhorn coral, Acropora palmata". Proc Natl Acad Sci USA 99 (13): 8725–30. PMC 124366. PMID 12077296. doi:10.1073/pnas.092260099. 
  8. Eugene Rosenberg, Yossi. Coral Health and Disease. (Google books)
  9. Lu Yup-Lian. Silkworm Diseases, Números 73-74. Páxina 30. (Google book) [1]
  10. Bennett JW, Bentley R (2000). "Seeing red: The story of prodigiosin". Adv Appl Microbiol. Advances in Applied Microbiology 47: 1–32. ISBN 978-0-12-002647-0. PMID 12876793. doi:10.1016/S0065-2164(00)47000-0. 
  11. "The Mass at Bolsena by Raphael". Vatican Museums. Consultado o 2006-05-03. 
  12. 12,0 12,1 Sehdev PS, Donnenberg MS (1999). "Arcanum: The 19th-century Italian pharmacist pictured here was the first to characterize what are now known to be bacteria of the genus Serratia". Clin Infect Dis 29 (4): 770, 925. PMID 10589885. doi:10.1086/520431. 
  13. Merlino CP (1924). "Bartolomeo Bizio's Letter to the most Eminent Priest, Angelo Bellani, Concerning the Phenomenon of the Red Colored Polenta". J Bacteriol 9 (6): 527–43. PMC 379088. PMID 16559067. 
  14. "How the U.S. Government Exposed Thousands of Americans to Lethal Bacteria to Test Biological Warfare". Democracy Now!. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2007. Consultado o 27 de agosto de 2018. 
  15. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2006. Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  16. Cole, Leonard A. (1988). Clouds of Secrecy: The Army's Germ-Warfare Tests Over Populated Areas. (Foreword by Alan Cranston.). Totowa, New Jersey: Rowman & Littlefield. ISBN 0-8476-7579-3. 
  17. Regis, Ed. The Biology of Doom : America's Secret Germ Warfare Project. Diane Publishing Company. ISBN 0-7567-5686-3. 
  18. Cole, Op. cit., pp 85-104.
  19. Barnett, Antony (2002-04-21). "Millions were in germ war tests". The Guardian. Consultado o 2012-10-27. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]