[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Proba do indol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A proba do indol é unha proba bioquímica utilizada en microbioloxía que se realiza con especies bacterianas para determinar a capacidade do microorganismo de converter o aminoácido triptófano en indol. Esta conversión realízana un conxunto de encimas intracelulares, que se denominan triptofanase.

Bioquímica

[editar | editar a fonte]

O indol xérase por desaminación redutiva do triptófano por medio da molécula intermediaria ácido indolpirúvico. A trioptofanase cataliza a reacción de desaminación, durante a cal se retira o grupo amino (-NH2) do triptófano. Os produtos finais da reacción son indol, ácido pirúvico, amonio (NH4+) e enerxía. Requírese como coencima o fosfato de piridoxal.

Realización da proba

[editar | editar a fonte]
Proba do indol positiva: aparece unha capa rosa ou vermella na parte superior (por exemplo, en Escherichia coli).

Igual que en moitas probas bioquímicas realizadas en bacterias, os resultados da proba do indol quedan indicados por un cambio de cor despois de realizar a reacción engadindo un reactivo.

Os cultivos bacterianos puros deben cultivarse nun caldo de peptona ou triptófano estéril durante 24–48 horas antes de realizar a proba. Despois da incubación, engádense 5 pingas do reactivo de Kovac (formado por alcohol isoamilíco, para-dimetilaminobenzaldehido, ácido clorhídrico concentrado) ao caldo de cultivo.

Unha variante desta proba utiliza o reactivo de Ehrlich (que usa alcohol etílico en vez de alcohol isoamílico, e foi desenvolvido por Paul Ehrlich), e utilízase cando se está a realizar a proba a bacterias anaerobias e non fermentadoras.

O resultado positivo vén indicado pola aparición dunha cor vermella ou vermella violeta na capa de alcohol superficial do caldo. Cando o resultado é negativo a cor é amarela. Tamén poden darse resultados variables, nos que se produce unha cor laranxa. Isto débese á presenza de escatol, tamén chamado metil indol ou indol metilado, que é outro posible produto da degradación do triptófano.

Bacterias indol positivas

[editar | editar a fonte]

Entre as bacterias que dan positivo na proba do indol están: Aeromonas hydrophila, Aeromonas punctata, Bacillus alvei, Edwardsiella sp., Escherichia coli, Flavobacterium sp., Haemophilus influenzae, Klebsiella oxytoca, Proteus sp. (pero non P. mirabilis e P. penneri), Plesiomonas shigelloides, Pasteurella multocida, Pasteurella pneumotropica, Streptococcus faecalis, e Vibrio sp.

Bacterias indol negativas

[editar | editar a fonte]

Entre as bacterias que dan negativo na proba do indol están: Actinobacillus spp., Aeromonas salmonicida, Alcaligenes sp., a maioría dos Bacillus sp., Bordetella sp., Enterobacter sp., Lactobacillus spp., a maioría dos Haemophilus sp., a maioría das Klebsiella sp., Neisseria sp., Pasteurella haemolytica, Pasteurella ureae, Proteus mirabilis, Proteus penneri, Pseudomonas sp., Salmonella sp., Serratia sp., e Yersinia sp.