[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

María Zambrano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMaría Zambrano

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María Zambrano Alarcón Editar o valor en Wikidata
22 de abril de 1904 Editar o valor en Wikidata
Vélez-Málaga (Restauración borbónica en España) Editar o valor en Wikidata
Morte6 de febreiro de 1991 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Madrid (España) Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade Central
I.E.S. Mariano Quintanilla (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía, ensaio e filosofía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofa, escritora, poetisa Editar o valor en Wikidata
EmpregadorInstituto-Escuela
Instituto de Bachillerato Cervantes (en) Traducir
Residencia de Señoritas
Universidade Central
Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoEnsaio e poesía Editar o valor en Wikidata
MovementoXeración do 27 Editar o valor en Wikidata
Influencias
Familia
CónxuxeAlfonso Rodríguez Aldave (1936–1948) Editar o valor en Wikidata
PaiBlas Zambrano Editar o valor en Wikidata
IrmánsAraceli Zambrano Alarcón Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1138486 Dialnet: 21354 Find a Grave: 7528844 Editar o valor en Wikidata

María Zambrano, nada en Vélez-Málaga o 22 de abril de 1904 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1991, foi unha filósofa e ensaísta española que viviu no exilio entre 1939 e 1984 a causa da Guerra Civil e o seu compromiso ideolóxico. A súa obra non acadou relevancia en España ata finais do século XX. A súa obra caracterízase por un intento de relacionar filosofía e poesía. Outorgáronlle os dous premios literarios máis importantes de España: o premio Príncipe de Asturias en 1981 e o Premio Cervantes no 1988.

Biografía

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

María Zambrano naceu o 22 de abril de 1904 no domicilio familiar de Vélez-Málaga. No Rexistro Civil aparece nada o 25 a causa de nacer medio morta[1]. O seu pai foi Blas Zambrano e a súa nai Araceli Alarcón, ambos mestres. A súa infancia foi un período fundamental na súa vida, onde consideraba que nacera a súa vocación filosófica[2].

En 1908 trasladouse a Madrid[3] coa súa familia, e ao ano seguinte, en 1909 a Segovia. Alí pasou a etapa adolescente. A súa irmá Araceli naceu no 1911, sendo “la felicidad más honda, la alegría más grande de su vida”[4]. Dous anos despois comezou a cursar bacharelato no Instituto de Segovia; onde foi unha das únicas mulleres formándose.

Iniciou un romance en 1917 co seu primo Miguel Pizarro, a quen a familia enviou ao Xapón catro anos máis tarde, poñendo fin á relación. Porén, continuaron véndose esporadicamente cando regresaba a España[5]. Nesta etapa coñeceu ao poeta Antonio Machado, amigo do seu pai[6].

No 1921 iniciou os seus estudos de Filosofía como alumna libre na Universidade Central de Madrid[7], vivindo aínda en Segovia[8]. Zubiri e Besteiro formaron parte do seu profesorado, entre outros[9]. Nesa cidade coñeceu a León Felipe e a Federico García Lorca[10]. En 1926 trasladáronse de novo a Madrid e coñeceu a Ortega y Gasset nun tribunal de exames. O ano seguinte, en 1927, rematou a súa carreira de Filosofía e foi invitada á reunión da Revista de Occidente, círculo no cal asumiría un papel de mediadora entre Ortega y Gasset e algúns escritores novos, como Antonio Sánchez Barbudo ou José Antonio Maravall.

Xuventude

[editar | editar a fonte]

A partir do 1928 comezou o seu doutoramento e ingresou na Federación Universitaria Escolar (FUE). Nese ano contraeu unha forte tuberculose e gardou repouso ata a primavera de 1929[11]. Un ano despois, Zambrano publicou o seu primeiro libro Horizonte del liberalismo. En 1931 foi nomeada profesora auxiliar de Metafísica na Universidade Central de Madrid, posto que ocupou ata 1935, onde substituíu a Zubiri, que se encontraba en Alemaña estudando xunto a Heidegger[12]. O 14 de abril de 1931 foi proclamada a República, e relatou a súa celebración na Porta do Sol, coa obra Delirio y Destino. Non aceptou, porén, a oferta dunha candidatura ás Cortes como deputada polo PSOE[13]. En 1932 creouse o Fronte Español, cuxo manifesto asinou. Mais a autora viuse obrigada a disolvelo cando José Antonio Primo de Rivera intentou sumarse e asumir as siglas, atribuíndoas á Falanxe Española[14]. No 1933 comezou a participar nalgunhas das “Misións Pedagóxicas”[15].

Iniciada a Guerra Civil, o 14 de setembro de 1936 contraeu matrimonio cun compañeiro da Facultade, Alfonso Rodríguez Aldave, que foi nomeado secretario da embaixada de España en Chile[16]. Na viaxe de ida a Chile, na Habana, coñeceu a José Lezama Lima. En Santiago de Chile publicou a primeira versión de Los intelectuales en el drama de España e unha Antología de García Lorca (1937)[17]. O 19 de xuño regresaron a España porque, como ela mesma explicou, a guerra estaba xa perdida[18]. O seu marido incorporouse ao exército e ela residiu en Valencia, onde interveu en numerosos actos políticos[19][20]. Seu pai faleceu o 29 de outubro en Barcelona; motivo polo que Machado lle dedica un capítulo en Hora de España[21].

En decembro de 1938 Cataluña foi atacada polo exército sublevado; o 25 de xaneiro de 1939 Barcelona rendeuse, iniciándose a denominada “Retirada”, cando milleiros de republicanos fuxiron cara a Francia buscando refuxio e asilo. Zambrano saíu da cidade ese mesmo día, acompañada por algúns membros da súa familia[22]. En Francia reencontrouse co seu marido, co que pronto partiu a México. Os seus anos de exilio, dende 1939 ata 1984, foron os máis orixinais e produtivos da súa vida intelectual[23]. Foi nomeada profesora de Filosofía na Universidade de San Nicolás de Hidalgo[24], durando un ano nese posto[25]. Publicou as súas obras Pensamiento y Poesía en la vida española e Filosofía y Poesía (1939). A finais dese mesmo ano aceptou dar unha un ciclo de conferencias na Universidade da Habana sobre “Séneca y el estoicismo”[26], onde lle rescindiron o contrato por non poder impartilo por enfermidade[27]. En 1940, tanto ela como o seu marido trasladáronse á Habana, onde impartiu clases na Universidade e no Instituto de Altos Estudios e Investigaciones Científicas. Estivo ata 1943 traballando intensamente en seminarios e conferencias ou impartindo cursos entre Porto Rico e Cuba. Ese ano, ademais, publicou a súa obra La confesión, género literario y método (1943)[28], e trasladouse a Porto Rico, onde foi nomeada profesora na Universidade de Río Pedras[29]. Alí afianzou a súa relación de amizade con García Bacca e Ferrater Mora[30].

A volta a Europa

[editar | editar a fonte]

Ante a grave situación da súa nai, Zambrano viaxou a París no 1946, mais esta faleceu dous días antes da súa chegada. Alí foi partícipe das vidas de sufrimento que estiveran levando a súa irmá e a súa nai pola dominación nazi[31]. Coñeceu a Picasso, co que mantivo amizade, e á intelectualidade francesa: Malraux, Sartre e Simone de Beauvoir, entre outros[32].

En 1949 volveu a México acompañada da súa irmá, onde renunciou á cátedra de Metafísica, volvendo de novo á Habana[33]. Ese mesmo ano regresou a Europa, e catro anos despois encontrouse de novo na cidade cubana[34]. En 1953 as irmás instaláronse en Roma, onde permaneceron ata 1964. Alí coñeceu a Cioran, quen afirmou que Zambrano foi a intelectual máis brillante do século XX[35]. Na estancia en Roma tivo dificultades económicas; por iso, o 3 de agosto de 1961 escribiulle a Reyna Rivas, afirmando que levaba tres días sen ter nada que comer[36]. Este período marcou a súa madurez intelectual[37], e publicou tres das súas obras fundamentais: El hombre y lo divino (1955), Persona y Democracia (1958) e La España de Galdós (1959).

En agosto de 1964 as irmás Zambrano foron expulsadas de Roma[38], e viviron dende ese ano ata 1973 en La Pièce[39], xunto ao monte do "Xura Francés". O 20 de febreiro de 1972 faleceu a súa irmá a causa dunha trombose[40]. Un ano máis tarde volveu a Roma e do 1974 ao 1978 instalouse en La Pièce de novo[41]. En 1979 o seu estado físico fai que se atope incapacitada para a meirande parte das súas funcións[42]. O seguinte ano trasladouse a Xenebra.

O retorno a España

[editar | editar a fonte]

En 1981 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades. Ademais, o concello de Vélez-Málaga pediu a súa volta á súa cidade natal, ofrecéndolle unha vivenda e axuda para a súa estancia[43]. Foi nomeada Filla Predilecta pola mesma cidade. Dous anos despois, Zambrano caeu enferma con artrose e sen visión e foi hospitalizada por unha forte anemia[44]. En 1984 volveu a España tras case medio século de exilio e instalouse en Madrid; a súa actividade intelectual foi incansable. Concedéuselle o Premio Cervantes e publicou Delirio y destino (1989), ademais de ter outras obras en elaboración, como Los bienaventurados e Los sueños y el tiempo. En 1990, podía manter por días a súa actividade intelectual[45], pese a non poder manterse en pé ou articular palabra.

María Zambrano faleceu o 6 de febreiro de 1991[46], sendo trasladada ao seu pobo o día seguinte. Os seus restos descansan xunto cos da súa irmá no cemiterio local de Vélez-Málaga. Na súa lápida, por desexo seu, está inscrito o seguinte texto do Cantar de los Cantares: “Surge, amica mea, et veni” (Levántate, amiga mía, y ven)[47].

Influencias

[editar | editar a fonte]

No que respecta aos autores que máis influenciaron a María Zambrano, cabe destacar a relevancia de tres deles: Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno e Xavier Zubiri. As súas pegadas vense claramente reflectidas no que a autora chamou a razón poética[48], cunha analoxía á razón vital de Ortega, evidenciando aínda así as súas diferenzas. Gardou cara Unamuno unha grande admiración, o que fixo que os considerase, tanto a el como a Séneca, os dous paradigmas representativos españois no seu ámbito[49].

Non obstante, houbo outras personalidades das que a autora se serviu para o desenvolvemento do seu ideario. Na medida en que o seu é un pensamento da época, que parte dun claro vitalismo, Nietzsche ou Bergson foron figuras importantes sobre as cales se valeu para as súas achegas, así como Santo Agostiño, Heidegger ou Séneca. A este dedica a obra El pensamiento vivo de Séneca (1944), un dos seus libros máis importantes.

María Zambrano emprega a tradición filosófica occidental recibida por estes mestres do pensamento e a palabra. A filosofía existencial, fenomenoloxía e vitalista sobre todo, aínda que as súas preferencias foran cara ós gregos Plotino e Spinoza. Pero non só debe ós filósofos a súa forma de pensar senón tamén a autores que pertencen ó ámbito da psicoloxía, mística e a antropoloxía da relixión.

Considerar a María Zambrano como autora "tradicional" farase con precaución porque non hai constancia de que seguise algún tipo de práctica especial, aínda que se consideraba cristiá. Zambrano seguiu fiel a razón indagadora da filosofía occidental herdada dos gregos. Seguiu un camiño aprendido só en parte e cuxa práctica consistía no propio camiñar coa conciencia desperta, atenta os sons dos pasos.

María andou un camiño persoal que o quixo converter en método e propoñelo como tal, quixo describilo mentres o recorría. Ese camiño foi o da razón-poética, a súa forma: a metáfora, a súa posibilidade: a disposición do espírito, a súa materia prima: os símbolos.

María relaciónase coa "filosofía perenne" que sería dobre: por un lado o seu interese por pensadores órficos e neoplatónicos, cuxo pensamento foi aceptado como a base filosófica da tradición cando esta se occidentalizou, e por outro lado, a utilización metafórica de moitos dos grandes símbolos tradicionais. Claros del bosque e Aurora son un claro exemplo disto.

Obras principais[50]

[editar | editar a fonte]
  • Nuevo liberalismo (En la cubierta Horizonte del liberalismo), Madrid, Morata, 1930.
  • Filosofía y poesía, Morelia, Universidad Michoacana, 1939.
  • El pensamiento vivo de Séneca, Buenos Aires, Losada, 1944.
  • El hombre y lo divino, México, F.C.E., 1955.
  • España, sueño y verdad, Barcelona, Edhasa, 1965.
  • La tumba de Antígona, México, Siglo XXI, 1967.
  • Claros del bosque, Barcelona, Seix Barral, 1977.
  • De la aurora, Madrid, Turner, 1986.
  • Notas de un método, Madrid, Mondadori, 1989.
  • Delirio y destino, Madrid, Mondadori, 1989.

Outras obras

[editar | editar a fonte]
  • Hacia un saber del alma (1934)
  • Hacia un saber sobre el alma (1950)
  • Persona y Democracia (1958, reeditado en 1988)
  • Los sueños y el tiempo (reeditada en 1998)
  • El sueño creador [cando?]
  • El reposo de la luz (1986)
  • Los bienaventurados [cando?]
  • Para una historia de la piedad (1989)
  • Unamuno (escrito en 1940 e publicado en 2003)
  • Cartas de la Pièce. Conrrespondencia con Agustín Andreu (escrito nos 70 e publicado en 2002)

Obras completas

[editar | editar a fonte]

En 2011 iniciouse o proxecto, de momento sen finalizar, de recompilar toda a obra de María Zambrano, da man de Círculo de Lectores/Galaxia Gutenberg. En total, serán un total de 8 volumes:

Zambrano, María (2011-). Obras completas. Oito volumes. Edición Jesús Moreno. Galaxia Gutenberg/Círculo de lectores.

  • Volumen I: Libros (1930-1939). 2015.
  • Volumen II: Libros (1940-1950). 2016.
  • Volumen III: Libros (1955-1973). 2011.
  • Volumen IV: Libros (1977-1990): Tomo 1 (2018) e Tomo 2 (2019)
  • Volumen VI: Escritos autobiográficos (1928-1990). 2014.

Estilo literario

[editar | editar a fonte]

Para expresar o seu sentir, así como o que quere transmitir ao público lector, María Zambrano sérvese, sobre todo, da adaptación da linguaxe poética á súa razón poética. Para iso, leva a cabo un rexeitamento da linguaxe lóxico-científica, criticando que sexa esta a única utilizada para a totalidade dos campos do saber. Segundo a autora, o positivo e preciso é percorrer a linguaxe aberta, é dicir, a linguaxe poética, co fin de explorala mentres haxa imaxinación. Esta linguaxe permite a construción dunha metafísica poética, tomando como figura principal a metáfora[51]. A metáfora non debe valorarse só dende o plano estético, senón tamén como unha representación da cultura. Nas súas palabras, esta figura debería tomar "la función de definir una realidad inabarcable por la razón, pero propicia a ser captada de otro modo"[52].

Ademais, concibe a palabra como concepto e expresión a través das cales mostrar todo aquilo que está oculto; por iso a entende e fai un uso dela como libertaria. "A través de la palabra el fondo obscuro del ser, "lo sagrado", se abre a la luz"[53]. A escrita de Zambrano é unha escrita onde a palabra ten unha función reivindicativa e iluminadora. No momento no que o carácter filosófico é mesturado co carácter creador da imaxinación poética, os elementos do seu estilo supoñen a construción e unificación da nosa realidade humana[54]. Nas súas obras, a palabra (imaxe), xunto coa razón (símbolo), forman un equipo a través do cal conseguir un dos seus maiores obxectivos: profundar nos contidos escuros para, posteriormente, elevar a conciencia cara eses lugares de creación onde hai posibilidades metafísicas de ser plenamente[55]. Con todo, o pensamento patriarcal, así como a súa difusión no imaxinario social e informativo, contribuíron a que a autora fose literariamente silenciada. Este proceso tivo consecuencias no mantemento e na plenitude do seu corpo teórico, tamén no que respecta ao traslado do mesmo cara o día a día do vivir social.

No estilo de Zambrano, a razón-poética é tamén concibida como un camiño de realización persoal fronte a ese racionalismo ríxido que, en certa forma, oculta outras dimensións vitais consideradas menos racionais[56]. A súa prosa é sinxela e está vencellada precisamente á necesidade dunha filosofía conceptual e substancial que predomine sobre o racional[57]. É tamén complexa pola capacidade de síntese que require. Así, todo o non-racional atopa un lugar dende onde expandirse[58].

Toda a súa lírica está escrita e pensada para que chegue ao fondo da alma[59]. Cando o sagrado e o íntimo son descubertos na superficie, a senda do individualismo das persoas, entendido positivamente como a construción do ser persoal, faise tamén máis doada de transitar. Segundo Zambrano, a esencia deste ser son os sentimentos, as emocións, as profundidades, as ideas e os pensamentos. De feito, afirma que a poética é mostrada a través da propia esencia persoal/individual, "que luego se transforma en verbo"[60].

En definitiva, o seu estilo parte da súa filosofía mística e adecúase a ela. Todo o que aporta está relacionado co ser (metafísica), así como coas propiedades e principios esenciais do mesmo. O importante é que a súa creación suscite a reflexión individual e as achegas cara o profundo e escuro da vida. Ademais, cabe salientar a chamada ao lector; esa responsabilidade colectiva que conforma un deber moral nas súas lecturas e interpretacións. O estilo de María Zambrano esixe respostas por parte de quen a le.

Filosofía

[editar | editar a fonte]

A razón-poética, estilo zambraniano proposto por María Zambrano como camiño de realización persoal, que era e é necesario, nunha época na que a rixidez do racionalismo torna quebradizo o espírito e oculta as dimensións enigmáticas da vida baixo falsas consideracións que se forman en marxes de seguridade e que impermeabilizan a razón.

Superación do racionalismo

[editar | editar a fonte]

A filosofía de María Zambrano ten un dos seus piares fundamentais no rexeitamento do racionalismo, a postura que pon a razón como o elemento fundamental na adquisición do coñecemento. Ao respecto disto, toma como principais autores de referencia a Descartes e Hegel. A crítica da autora comeza pola consideración por parte desta corrente de que nada é descifrable se non é pola razón: é dicir, que hai unha redución do real ao cognoscible. En relación con Descartes, quen considerou que non hai que tomar por válido nada que non sexa claro e distinto, a autora verte certa discrepancia. Nesta primeira norma do método, déixase de lado, e incluso se postula, que non existe o irracional, parte fundamental do individuo, e que os filósofos da sospeita poñen de manifesto. Así é como Zambrano outorga valor á vida sobre o racional[61]. Concretamente en Descartes, tamén critica a súa redución do suxeito á conciencia.[62]

Por outra banda, esta pensadora considera que Hegel fai chegar o poder da razón ao seu límite, a través do intento de estendela á historia[63]; unha liña que, segundo ela, non debe ser traspasada. Ao contrario que os filósofos anteriores, a malagueña, nunha aproximación máis vitalista, defende que o real é imposible de coñecer na súa totalidade, pois ten as súas raíces na escuridade e na irracionalidade. A posta en valor da vida implica, segundo Zambrano, unha desconfianza na razón, a cal é preciso someter á vitalidade.

Mais isto non implica que dita razón non deba ser un factor de importancia. Zambrano manifesta a necesidade de incorporarlle as outras dúas grandes vías de coñecemento: a poesía e a historia. A primeira, porque é unha intuición da sensibilidade, e a segunda é tomada como un procedemento de análise psicanalítica do noso subconsciente[64]. O intento de Zambrano é achar unha razón que transforme o sagrado, recoñecendo á súa vez a incapacidade do suxeito de explicalo todo[65].

Coñecemento poético e historia:

[editar | editar a fonte]

Tras a consideración de Zambrano acerca da necesidade do coñecemento poético e histórico, é preciso, polo tanto, saber os significados de ambos conceptos e o porqué da súa importancia. Como base, é preciso considerar a importancia que lle outorga ao coñecemento do individuo; é a través deste que se suceden os outros.

O coñecemento poético é oposto ao racional. O primeiro caracterízase por ser sintético, e o segundo por analítico; mentres o racional intenta conquistar a realidade, o poético é gratuíto, espontáneo. Ademais, o coñecemento racional precisa distanciarse do seu obxecto de estudo para contemplalo, precisa estar nunha soidade angustiada. Pola contra, ao poético bástalle con percibir a doazón da realidade para sentirse inmerso nela. Este coñecemento poético, polo tanto, non é só coñecemento, senón unha disposición cara a realidade, unha forma de encontrarse con ela completamente oposta á racional[66].

No que respecta á historia, considérao fundamental na medida en que fai unha psicanálise da alma do pobo a través desta disciplina, partindo de que o individuo está manifesto nela. O pasado serve como herdanza e o futuro como vocación, que son aspectos fundamentais da identidade persoal. En caso de non poñer a historia en consideración, o suxeito estaría desposuído de identidade, xa que a historia non é vista como unha relación externa entre sucesos, senón como un proceso de interiorización de tales sucesos[67].

Fenomenoloxía do divino

[editar | editar a fonte]

Dende o inicio da historia, os individuos intentaron ordenar a realidade, composta antes por escuridade e padecementos. A relación entre o sagrado, a realidade primaria e o divino, que nomea o ámbito da identidade ou das formas diferenciadas, é fundamental, na medida en que a razón transforma o sagrado en ser a través do pensamento.

Na medida en que o sagrado desborda aos individuos, primeiramente sen respostas sobre como é o mundo que nos rodea, unha primeira procura pasa pola constitución dos primeiros Deuses, que nacen dun xeito natural e espontáneo. Estes son devoradores, irredutibles e rancorosos. Así, son tamén identificables e separados dos demais seres e elementos da contorna. Trala creación dos Deuses naturais, o seguinte paso consiste en volvelos antropomórficos, co fin de poder dialogar con eles e situalos na orbe do humano. Así, xorde a relixión grega na cultura occidental, creando un mundo de imaxes que se interpón entre o individuo e a realidade.

Para seguir pola senda da orde, aflora a filosofía xunto ao mundo das ideas; máis ben fronte ás propias ideas. Este novo campo intenta, tras un retroceso ao sagrado, froito dun resultado non satisfactorio nas respostas anteriores, volver crear unha forma de estruturar a realidade. Logo do mundo das ideas, e tamén na cultura occidental, o cristianismo, cun Deus creador como figura representativa. Neste contexto, o Deus, na súa omnipotencia, chega ao seu maior auxe con Spinoza, que provoca unha morte do individuo. Este suceso pasa porque dita divindade non lle ofrece ningún espazo para realizarse como ser.

A última revelación do sagrado é a nada, que conta con diversas manifestacións, como o ateísmo, a cal intenta mostrar de novo unha manifestación do sagrado mesmo. Así, autores como Nietzsche claman a favor da morte de Deus, pois é necesario que este morra para que os individuos sexan; ao fin e ao cabo, unha nova regresión ao sagrado[68].

Toda esta estrutura é cíclica e permanente. En primeiro lugar, intenta configurarse unha realidade que doutro modo se consideraría absurda. Posteriormente, esa estrutura, o divino, deixa de ser satisfactoria, e vólvese ao sagrado a través da pregunta. Así se observa a consideración de Zambrano acerca de que o sagrado é o que hai sen estrutura, polo que os individuos intentan construír unha que nunca será totalmente convincente

A realidade móstrase oculta, e é o individuo quen intenta darlle explicación. É neste contexto no que o racionalismo que Zambrano critica ten cabida, especialmente trala creación do mundo das ideas, do logos filosófico. Por iso, esta atopa un sentido, unha volta, en Nietzsche, ao sagrado, que ela considera válido, e que a poesía persegue coñecer: “La poesía perseguía, entre tanto, la multiplicidad desdeñada, la menospreciada heterogeneidad”[69].

A razón poética

[editar | editar a fonte]

O poético non é só un coñecemento, senón unha disposición a el totalmente contraria á filosófica. Parecen ser, polo tanto, irreconciliables, ademais de que unha delas semella prevalecer sobre a outra. Non obstante, no intento de transcender do plano fenoménico, o que fai é introducir os dous coñecementos no que denomina razón poética[70].

Esta unión faise a partir da procura daqueles elementos que os relaciona. Valorando que as características dun e outro son contrarias, atopa a orixe das dúas na palabra, a súa unión. A actitude filosófica consistiría en cuestionar, facerse preguntas que partan sempre da carencia, de coñecemento ou do ser. Neste intre hai un certo recoñecemento do caos, do sagrado. A actitude poética suporía a resposta a esas preguntas, formular unha estruturación da realidade, do caos, para facérnola máis amena. A filosofía xorde cando as respostas que había con anterioridade deixan se ser satisfactorias.

O ser está codificado pola palabra poética, que debe descodificarse pola conciencia e volver codificarse de novo en pensamento poético. Mediante ese proceso chega ao individuo e convértea en palabra verbal, coa que poder comunicarse entre o conxunto deles. Desa forma, o individuo queda creado como unidade, pois é capaz de unificar a súa conciencia persoal co seu ser.

Fenomenoloxía da forma-soño

[editar | editar a fonte]

Zambrano entra tamén na tarefa de diferenciar e dar lugar ao soño, partindo da base de que este é relativamente autónomo con respecto á conciencia, na medida en que os soños “pueden alojar imágenes nuevas y creadoras de lo que todavía no ha franqueado nunca el umbral de la conciencia"[71]

Desa maneira, o seu intento será distinguir o soño do “estado da vixilia”, o ámbito da liberdade. Son tres as diferenzas que atopa:

  1. Pasividade: mentres a realidade se nos presenta como unha capacidade de actuar, un lugar onde se da a liberdade, a forma soño é un estar pasivo, sendo ao mesmo tempo un estado inicial do individuo na medida en que podemos saír del grazas á forza dinámica do noso ser.
  2. Atemporalidade: debido a que os soños son vistos dende a súa forma e non dende o seu contido, chega a considerar a atemporalidade como un ‘a priori’ dos soños. Cabe destacar, primeiro, que hai tres tipos de tempo para Zambrano: o físico, homoxéneo e distendido, lineal, que vai dende o inicio ata o final; o tempo humano, que reduce o tempo ao presente; e o estado de atemporalidade, onde a atemporalidade se da pola pasividade do suxeito. Non hai tempo dispoñible, non hai tempo humano, pois este está ligado á liberdade. É a conciencia, en pleno uso da súa liberdade, a que adecúa a realidade a un espazo homoxéneo e un tempo sucesivo. A conciencia, ao sincronizar a realidade, desnaturaliza o tempo físico, condenándoo a un eterno presente.
  3. Abespacialidade: igual que no caso do tempo, existen tamén tres espazos: o espazo baleiro, homoxéneo, que vai da man do tempo e se homoxeneiza na conciencia; o espazo do soño, que é un espazo cheo, aínda que sen terceira dimensión, sen conciencia, funcionando como unha pantalla máis que como un lugar natural dos corpos; e o espazo da persoa, que é unha orde no campo teleolóxico da conduta, unha simple ordenación das dimensións temporais[72].

Na medida en que se nos presenta a forma-soño na vixilia, déixase ao suxeito no baleiro. Este pode ser unha simple distracción, o principio dunha obsesión ou un xerme de creación cando a conciencia e a alma entran en simbiose. Isto ocorre debido a que o humano é o único individuo que non pode conformarse co seu ser, polo que precisa distanciarse del. A liberdade, non obstante, faino espertar constantemente, coma se dun cárcere se tratase. Hai tres formas de actuar cando se nos presenta o noso ser, partindo sempre da liberdade:

  1. Anular ese ser recibido, como un soño do que hai que espertar.
  2. Entregarse ao ser que se nos presenta, en cuxo caso o individuo, na súa plena liberdade, vese condenado a usala como un mecanismo de auto-negación. A persoa queda alienada nun mundo onde non hai posibilidade de creación.
  3. Utilizala na súa vía máis creadora, na súa forma verdadeiramente humana. É un acto de posesión do ser que se nos presenta, polo cal se recrea constantemente no actuar[73].

Sobre a linguaxe

[editar | editar a fonte]

Resulta fundamental, para comprender o pensamento de María Zambrano, coñecer as consideracións que ten sobre a linguaxe e sobre a relación que esta garda coa recepción da verdade. Non resulta estraño que, debido á importancia que lle outorga á poesía, xunto co balance acerca da adquisición de coñecemento como algo pasivo, conciba que a verdade é obtida fundamentalmente como unha revelación, na medida en que hai unha actitude piadosa e receptiva do que nos conduce ao entendemento.

A forma na que a verdade chega ao entendemento pasa pola "palabra poética", un tipo de palabra que non serve nin como instrumento de dominio nin como ferramenta comunicativa. O feito de que non sexa válida para ambos casos é xustamente o que nos outorga a verdade, que posteriormente intenta descodificarse nunha linguaxe comunicable. Esta linguaxe maniféstase fundamentalmente na escrita, xa que serve para “reconquistar la derrota sufrida siempre que hemos hablado largamente”[74].

Influencia posterior

[editar | editar a fonte]

María Zambrano é unha das filósofas máis importantes do século XX, tanto pola súa representativa vida no exilio como polas súas raíces no pensamento español con autores como Ortega y Gasset. É considerada unha das autoras máis representativas do pensamento español contemporáneo, sendo así recoñecida co premio Príncipe de Asturias[75]. Ademais, no campo das letras outorgóuselle o Premio Cervantes de Literatura[76]. A súa obra influíu en pensadores de grande relevancia como Cioran[77]. No ano 1987, na súa honra, creouse a Fundación María Zambrano en Vélez-Málaga.

A época racionalista deixara na sombra á poesía, e ela, fronte a esa situación de baleiro, propuxo un novo modelo que compatibiliza a arte e a poesía coa filosofía. Levou a cabo este novo paradigma sobre a consideración de que a muller ten unha existencia poética[78], ademais de certas características e valores propios que a diferencian do home (algo que, á súa vez, garda semellanzas co ideario racionalista). Zambrano convértese, desta maneira, nunha figura importante para o feminismo, recoñecendo o valor e o papel da muller na sociedade, e outorgando unha perspectiva feminina que abarca preocupacións englobadas nalgunhas correntes do feminismo actual.[79][80]

  1. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Arguval. pp. 15–16. 
  2. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (pp. 17-18)
  3. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  4. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 30)
  5. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 34)
  6. Zambrano, M. (2019). Obras Completas IV. TOMO 2. Barcelona: Galaxia Gutenberg.
  7. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  8. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 39)
  9. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 39)
  10. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  11. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  12. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 50)
  13. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  14. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 56)
  15. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  16. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 59)
  17. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  18. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 62)
  19. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  20. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 64)
  21. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 64)
  22. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.64)
  23. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 67)
  24. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  25. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.71)
  26. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.74)
  27. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.75)
  28. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 80)
  29. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  30. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 82)
  31. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.85)
  32. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  33. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 88)
  34. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 88)
  35. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.91)
  36. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.94)
  37. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.98)
  38. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  39. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.105)
  40. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  41. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p.109)
  42. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  43. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  44. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  45. Fundación María Zambrano (s.f.). Biografía de María Zambrano. Obtido de: https://www.fundacionmariazambrano.org/biografia Arquivado 21 de setembro de 2021 en Wayback Machine.
  46. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 128)
  47. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval (p. 128)
  48. Serantes, Arantxa (2015-03-23). "La razón poética como centro creador en María Zambrano". OpenMind (en castelán). Consultado o 2021-09-21. 
  49. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (p. 17)
  50. Muñoz, J. F. (2006). María Zambrano. Málaga: Arguval. (pp. 137-139)
  51. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 79-81)
  52. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (p. 80)
  53. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (p. 80)
  54. Segura, J. A. (5 de agosto de 2017). María Zambrano. Obtido de Literaria: https://jaserrano.me/tag/maria-zambrano/ Arquivado 29 de xuño de 2022 en Wayback Machine.
  55. Segura, J. A. (5 de agosto de 2017). María Zambrano. Obtido de Literaria: https://jaserrano.me/tag/maria-zambrano/ Arquivado 29 de xuño de 2022 en Wayback Machine.
  56. Segura, J. A. (5 de agosto de 2017). María Zambrano. Obtido de Literaria: https://jaserrano.me/tag/maria-zambrano/ Arquivado 29 de xuño de 2022 en Wayback Machine.
  57. Pérez, M. G. (5 de agosto de 2014). Lenguaje poético y pensamiento filosófico en la herencia de María Zambrano. Obtido de Mundiario: https://www.mundiario.com/articulo/sociedad/lenguaje-poetico-ypensamiento-filosofico-herencia-maria-zambrano/20140805142348020953.html
  58. Pérez, M. G. (5 de agosto de 2014). Lenguaje poético y pensamiento filosófico en la herencia de María Zambrano. Obtido de Mundiario: https://www.mundiario.com/articulo/sociedad/lenguaje-poetico-ypensamiento-filosofico-herencia-maria-zambrano/20140805142348020953.html
  59. Ortiz, J. (13 de febrero de 2019). María Zambrano: biografía, filosofía y obras. Obtido de Lifeder: https://www.lifeder.com/maria-zambrano/
  60. Ortiz, J. (13 de febreiro de 2019). María Zambrano: biografía, filosofía y obras. Obtido de Lifeder: https://www.lifeder.com/maria-zambrano/
  61. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (p. 26)
  62. Balza, I. (2007). María Zambrano. A Coruña: Baía Pensamento.
  63. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 51-52)
  64. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (p. 53)
  65. Balza, I. (2007). María Zambrano. A Coruña: Baía Pensamento
  66. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 57)
  67. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 50-60)
  68. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 30-34)
  69. Zambrano, M., (1996). Filosofía y poesía. México, Fondo de Cultura Económica
  70. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 66-67)
  71. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 80-83)
  72. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 87-88)
  73. Ortega Muñoz, J. (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica. (pp. 93-95)
  74. Zambrano, como se cita en Maillard, M. L., La literatura como conocimiento y participación. Lleida: Universitat de Lleida.
  75. Zambrano, M. (1990). Claros del bosque. Barcelona: Seix Barral
  76. Zambrano, M. (1989). Delirio y destino. Barcelona: Mondadori
  77. Ortega Muñoz, J. F., (1994). Introducción al pensamiento de María Zambrano. México: Fondo de Cultura Económica (p. 54)
  78. Balza, I. (2020). Apuntes sobre persona y feminismo en María Zambrano. En G. G. (eds.), Persona, ciudadanía y democracia. En torno a la obra de María Zambrano. Málaga: Fundación María Zambrano. (pp. 129,130)
  79. Muelas, Á. (13 de febreiro de 2020). La mujer para María Zambrano: arte y razón. Obtido de Ideas en guerra: https://ideasenguerra.com/la-mujer-para-maria-zambrano-arte-y-razon
  80. Carbonell, Sheila (2019-08-12). "El recorrido del conocimiento descrito por una mujer: María Zambrano". Dialektika (en castelán). Consultado o 2022-11-27. 
  81. 81,0 81,1 Balza, Isabel (2007). María Zambrano (1a. ed.). A Coruña: Baía. ISBN 978-84-96893-33-7. OCLC 433635819. 
  82. Cervantes, 2005, Centro Virtual. "María Zambrano: Vida y obra de la más importante filósofa española del siglo XX. Desde las páginas del Centro Virtual Cervantes.". cvc.cervantes.es (en castelán). Consultado o 2021-09-21. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]