[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lista de linguas revividas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Categorías de perigo das linguas do mundo segundo o Atlas da UNESCO.

Unha lingua revivida é unha lingua que nalgún momento da historia deixou de ter falantes nativos, mais por esforzos de revitalización recuperou falantes como lingua materna.

A razón máis frecuente para a extinción dunha lingua é a marxinación das linguas locais dentro dun estado nación, que ás veces poden sufrir unha opresión política absoluta. Este proceso normalmente funciona xunto ás presións económicas e culturais para unha maior centralización e asimilación. Unha vez que unha lingua quedou marxinada, adoita ser percibida como "inútil" polos seus falantes restantes, que a asocian cun baixo status social e pobreza e, en consecuencia, non conseguen transmitila á seguinte xeración.

Linguas aborixes australianas

[editar | editar a fonte]

Unha gran cantidade das máis de 250 linguas aborixes de Australia orixinais, que inclúen ao redor de 800 dialectos, extinguíronse ou están case extinguidas dende a colonización. Dende finais do século XX houbo esforzos para revivir moitos delas.[1] O proxecto nacional coñecido como First Languages ​​Australia apoiou até o ano 2021 39 destas linguas no marco do seu Proxecto de Apoio ás Linguas Prioritarias, encargado polo goberno federal. Este proxecto apoia outros proxectos lingüísticos en todo o país como organismo de financiamento.[2] O Mobile Language Team en Australia Meridional enumera 46 linguas ou dialectos na súa páxina web (segundo datos de 2021), incluíndo o ngarrindjeri, o kaurna, o kokatha, o arrernte inferior e o Pitjantjatjara, por citar algúns dos moitos idiomas nos que está a traballar.[3]

Algunhas das linguas que se están a recuperar no país son:

  • Lingua barngarla (tamén chamada parnkalla ou banggarla), é a lingua do pobo barngarla da península de Eyre, no sur de Australia. Está a ser revivida por Ghil'ad Zuckermann (Universidade de Adelaide) e a comunidade barngarla, baseado en documentos de hai 170 anos.
  • Lingua diyari fálase no extremo norte de Australia Meridional, ao leste de Kati Thanda (lago Eyre). Os estudos e traducións de misioneiros luteranos alemáns a finais do século XIX e principios do XX crearon unha extensa forma escrita. A comezos do século XXI, só quedaban uns poucos falantes de diyari. Porén, en 2013 Peter K. Austin elaborou un dicionario e gramática da lingua e, a partir de 2019, hai un proxecto en marcha para ensinala nas escolas.
  • Linugua kaurna é a lingua do pobo kaurna de Adelaida e das chairas de Adelaida, no sur de Australia. Está a ser revivido polo Kaurna Warra Pintyanthi, un comité de anciáns e mozos, profesores, lingüistas e outros investigadores kaurna con sede na Universidade de Adelaida.[4]
  • Palawa kani é un intento de revivir varios dialectos de Tasmania nunha única forma combinada. As linguas de Tasmania orixinais, que poderían ser unha ducia ou máis, extinguíronse en 1905 cando morreu o derradeiro falante nativo. Como parte dos esforzos da comunidade para recuperar o máximo posible da cultura orixinal de Tasmania, fanse esforzos para (re)construír unha lingua para a comunidade de aborixes tasmanianos.[5][6] Debido á escaseza de rexistros, o palawa kani está a construírse como un composto das 6 a 12 linguas orixinais estimadas. Theresa Sainty e Jenny Longey foron as dúas primeiras "traballadoras lingüísticas" en traballar no proxecto en 1999.[6]

Lingua córnica

[editar | editar a fonte]
Os versos iniciais de Origo Mundi, a primeira obra de Ordinalia (a magnum opus da literatura medieval córnica), escrita por un monxe descoñecido a finais do século XIV.

O córnico falouse outrora no condado de Cornualla até que se extinguiu como lingua falada a finais do século XVIII. A lingua estivera en declive dende o século XIV e, no momento da morte dos derradeiros falantes fluídos, só se falaba nas marxes occidentais do condado. Dolly Pentreath (finada en 1777) é considerada a derradeira falante da lingua. A literatura dos períodos medieval e Tudor, e os textos fragmentarios, incluídas gramáticas, dos séculos XVII, XVIII e XIX que sobreviviron, permitiron que o córnico fose reconstruído por un pequeno grupo de entusiastas celtas no século XX como parte do rexurdimento celta. Estes activistas da lingua córnica tomaron moitos préstamos do galés e do bretón para axudar na creación da lingua córnica moderna. A reconstrución da lingua xerou disputas sobre a ortografía durante o final do século XX, ata que se acordou unha forma escrita estándar en 2008. O número de falantes de córnico é difícil de estimar, mais crese que hai uns 500 individuos cun nivel de fluidez na lingua. A lingua ensínase agora nalgunhas escolas de Cornualla. En 2010, a UNESCO reclasificou a lingua de "extinta" a "en perigo crítico de extinción".[7]

Lingua hebrea

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Recuperación da lingua hebrea.
Primeira escola hebrea en Rishon Lezion.

O hebreo reviviu como lingua falada dous milenios despois de que deixou de ser falado (aínda que sempre se utilizou como lingua escrita), e considérase unha "historia de éxito" do renacemento lingüístico. Aínda que se usaba na liturxia e, en certa medida, no comercio, extinguiuse como lingua usada na vida cotiá ata o seu renacemento. O hebreo considerábase pouco práctico ou demasiado sagrado para a comunicación do día a día, aínda que, de feito, era usado como lingua internacional entre xudeus que non tiñan outra lingua común; varios xornais en hebreo circulaban por Europa a comezos do século XIX, e unha serie de conferencias sionistas realizáronse exclusivamente en hebreo. A partir de finais do século XIX, foi revivido como lingua falada cotiá como parte do emerxente movemento sionista. Eliezer Ben-Yehuda liderou en gran parte os esforzos de renacemento, e o seu fillo Itamar Ben-Avi foi criado como o primeiro falante nativo do hebreo desde a extinción do hebreo como lingua cotiá. O hebreo é agora a lingua oficial principal de Israel, e a lingua máis falada alí.[8] Hoxe fálano máis de 9.000.000 de persoas.[9] A maioría deles viven en Israel ou son expatriados israelís, pero moitos das comunidades xudías fóra de Israel levaron a cabo o seu estudo.

Lingua livonia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Rexurdimento da lingua livonia.

O livonio é unha lingua balto-finesa falada en Letonia. É unha das tres linguas (xunto co manx e o córnico) catalogadas como revividas polo Atlas das linguas do mundo en perigo da UNESCO.[10]

Lingua manx

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lingua manx.
Uso de manx no museo nacional; téñase en conta o tamaño de letra menor do manx.

O manx é unha lingua falada na Illa de Man, que se atopa no mar de Irlanda, entre Escocia, Inglaterra, Irlanda e Gales. O manx deixou de ser lingua comunitaria durante o primeiro cuarto do século XX, pero foi revivido polos entusiastas nun momento no que aínda había un número de falantes nativos vivos. Aínda que nalgún momento deixou de haber falantes nativos e puido ser clasificada oficialmente como "morta" en 1975, o renacemento gañou forza nos últimos anos. Hai un programa regular en manx en Manx Radio. A partir de 2012, había sesenta e nove alumnos que cursaban a súa educación a través da lingua manx no Bunscoill Ghaelgagh.

Linguas nativas americanas

[editar | editar a fonte]

Algunhas linguas que están a ser revividas en América son:

  • A lingua mutsun, unha das oito linguas ohlone que foron faladas outrora na área de San Juan Bautista, California. A derradeira falante nativa, Ascencion Solórzano de Cervantes, morreu en 1930.[11] A tribo contemporánea, Amah Mutsun, está a traballar para revivir a lingua usando as notas do lingüista John Peabody Harrington. A lingua mutsun ten un programa para ensinala aos membros da tribo e está a planificarse un dicionario. O membro inicial para impulsará a dinamización lingüística é Quirina Geary.[12] A inmersión na lingua está prevista en libros, cancións e xogos[13] As linguas rumsen e chochenyo son outras dúas linguas relacionadas que están a ser revividas xunto co mutsun.
  • Wampanoag: No século XXI, o wampanoag converteuse na primeira lingua nativa americana en ser revivida nos Estados Unidos, con nenos pequenos educados nesa lingua.[14]
  • Chochenyo: A tribo Muwekma Ohlone de California revitalizou a lingua chochenyo, que se falou por última vez na década de 1930.[15][16][17] A partir de 2009, moitos estudantes poden manter conversas en chochenyo.[18]
  • Miami-illinois/Irenwa: A Nación Myaamia (Miami) de Indiana aínda practica e usa a súa herdanza nativa para ensinar a mozos e maiores para que poidan manter viva a súa lingua tradicional. Moitos membros miami describiron a lingua como "durmida" e non como "extinta", xa que non se perdeu irremediablemente. O esforzo de revitalización baséase no traballo do lingüista David Costa. Baseándose nos seus amplos estudos, publicou The Miami-Illinois Language en 1994 como a súa tese de doutoramento e como libro en 2003. O libro reconstrúe a estrutura de Miami-Illinois.

O Myaamia Center é unha empresa conxunta entre a tribo e a Universidade de Miami. O centro busca "afondar as conexións de Myaamia a través da investigación, a educación e a divulgación". Está dirixido por Daryl Baldwin, quen aprendeu por si mesmo miami a partir de documentos históricos e estudos en poder dos Arquivos Antropolóxicos Nacionais do Smithsonian, e desenvolveu programas educativos. Os fillos de Baldwin criáronse como falantes nativos de miami. O persoal do centro desenvolve recursos lingüísticos e culturais utilizando material que moitas veces procede de documentos misioneiros traducidos.

Os recursos lingüísticos e culturais publicados inclúen:

  • un libro infantil sobre a lingua e a cultura miami;
  • un conxunto de CD de son con vocabulario, frases, conversas e a historia de orixe dos miami e un texto complementario; e
  • unha recompilación de historias tradicionais das tribos miami e peoria, rexistradas a comezos do século XX, cando vivían os últimos falantes nativos da lingua.

Un proxecto relacionado na Universidade de Miami refírese á etnobotánica, que "combina os nomes de plantas en lingua miami coas descricións dos anciáns das técnicas tradicionais de recolección de plantas".

Lingua sánscrita

[editar | editar a fonte]

O sánscrito moderno fálase nunhas catro aldeas da India. A aldea de Mattur no centro de Karnataka, distrito de Shimoga afirma ter falantes nativos do sánscrito entre a súa poboación. Historicamente, a vila foi cedida polo rei Krishnadevaraya do Imperio Vijayanagara aos eruditos védicos e ás súas familias. A xente do seu reino falaba kanarés e telugu.[19] Jhiri, en Madhya Pradesh é outra aldea que afirma ter falantes nativos de sánscrito.[20]

Lingua soyot

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lingua soyot.

A lingua dos soyot, un pequeno grupo étnico da República dos Buriatos, en Rusia. Unha das linguas túrquicas siberianas, foi revitalizada e en 2002 publicouse un dicionario soyot-buriato-ruso. A lingua ensínase actualmente nalgunhas escolas primarias.[21]

Lingua yola

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lingua yola.

O yola é unha lingua irmá do inglés e do scots que se falaba no condado de Wexford, Irlanda. O yola extinguiuse en 1998, mais experimentou un intento de revitalización. O centro de recursos "Gabble Ing Yola" para materiais de yola afirma que hoxe hai aproximadamente 140 falantes desta lingua.[22]

  1. "Living languages". AIATSIS. Consultado o 18 de abril de 2021. 
  2. "Priority Languages Support Project". First Languages Australia. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2021. Consultado o 18 de abril de 2021. 
  3. "Languages". Mobile Language Team. Consultado o 18 de abril de 2021. 
  4. "Kaurna Warra Pintyanthi". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2006. Consultado o 18 de abril de 2021. 
  5. "Palawa kani,the only Aboriginal language in lutruwita today". Tasmanian Aboriginal Centre. 
  6. 6,0 6,1 Harman, Kristyn (19 de xullo de 2018). "Explainer: how Tasmania's Aboriginal people reclaimed a language, palawa kani". The Conversation. 
  7. "BBC News - Cornish language no longer extinct, says UN". BBC News. 7 de decembro de 2010. Consultado o 14 de xaneiro de 2015. 
  8. Bar-Adon, Aaron (1975). The Rise and Decline of a Dialect: A Study in the Revival of Modern Hebrew. Mouton. ISBN 9783111803661. 
  9. "A million and a half Israelis struggle with Hebrew". Israelhayom.com. Arquivado dende o orixinal o 2013-11-04. Consultado o 2017-01-11. 
  10. UNESCO Atlas of the World's Languages in Danger
  11. Okrand, Marc. "Mutsun Grammar" (PDF). 
  12. "Mutsun Language Revitalization" (PDF). u.arizona.edu. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016-03-09. Consultado o 2016-01-19. 
  13. Shulman, Robert (13 de agosto de 2001). "Reading Dr. Seuss in Mutsun". Los Angeles Times. 
  14. 'We Still Live Here' Details Effort to Restore Wampanoag. PBS Newshour, 10 de novembro de 2011.
  15. Ron Russell (2007-03-28). "The Little Tribe That Could. As descendants of San Francisco's aboriginal people, the Muwekma Ohlone Indian tribe seldom gets much respect. But that could be about to change.". SF Weekly. Arquivado dende o orixinal o 2012-08-27. Consultado o 2012-07-24. 
  16. Kathleen Maclay (2004-06-04). "06.04.2004 - Conferences focus on saving native languages". UC Berkeley News. Consultado o 2012-07-23. 
  17. "California magazine". Arquivado dende o orixinal o 4 de abril de 2008. Consultado o 14 de xaneiro de 2015. 
  18. "Ethnologue report for language code: cst". Consultado o 2012-07-24. 
  19. This village speaks gods language 13 de agosto de 2005, Times of India. Consultado o 14 de setembro de 2008
  20. "The Jhiri Village in Madhya Pradesh Where Everyone Speaks Only in Sanskrit". 7 de febreiro de 2022. 
  21. Rassadin, V.I. "The Soyot Language". Endangered Languages of Indigenous Peoples of Siberia. UNESCO. Consultado o 2021-07-18. 
  22. "How many speakers of Yola are there now?". Gabble Ing Yola (en inglés). Consultado o 2022-03-31.