[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lectura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Home lendo o xornal en Basantapur (Nepal).

A lectura[1] é o proceso que permite que, tras visualizar detidamente un texto, poidamos entender, interpretar ou maxinar o seu contido. A lectura é un acto comunicativo que precisa dun emisor, dunha mensaxe, dun código e dun receptor que o dea interpretado. A lectura non é unha actividade neutra: pon en xogo o lector e unha serie de relacións complexas co texto[2], o que le, o que desenvolve a lectura, é o receptor.

Weaver realizou tres definicións de lectura:

  1. Saber ler significa saber pronunciar as palabras escritas.
  2. Saber ler significa saber identificar as palabras e o significado de cada unha delas.
  3. Saber ler significa saber extraer e comprender o significado dun texto.[3]

Introdución

[editar | editar a fonte]

Semella a lectura un proceso pasivo, pero non é tal. Non o é porque a lectura é un fenómeno tan complexo como a mente humana e posúe múltiplas dimensións: o lector pode mesmo chegar a considerar no acto de ler máis do que pretende transmitir o emisor.

Para un lector común, a lectura non é un proceso en que interveñan estratexias, operacións, capacidades. Para un lector común, a lectura é un acto automático que non é digno de consideración pois a finalidade é o texto, simplemente o texto. Pero é preciso, para comprendermos ben o que é a lectura, decatármonos de que desenvolvemos á hora de ler dúas operacións diferentes:

Anciá lendo o Corán en Irán.
  1. Ó ler accedemos ó son das palabras.
  2. Decatámonos de que os sons remiten a un contido.

Fowler D. Brooks considera seis pasos[4]:

  1. A retina recibe estímulos visuais que se transforman en impulsos nerviosos.
  2. Os impulsos nerviosos da retina acceden ó centro de visión.
  3. Desenvólvense asociacións que permiten acadar o significado da impresión visual recibida.
  4. O resultado dos impulsos e asociacións acceden ó centro motor da linguaxe.
  5. O impulso pasa do centro motor das palabras ós músculos da fonación.
  6. Os órganos vocais móvense e reproducen o texto.

Agora ben, hai só un xeito, unha alternativa para desenvolver esas operacións, ou resultará que un lector avezado terá un proceder diferente a aquel que se está a iniciar?

Evidentemente, un lector avezado terá un proceder diferente. Un lector avezado desenvolverá o procedemento léxico de lectura mentres que o lector que se inicia nese quefacer unicamente será quen de atender procedementos fonolóxicos.

Son dous camiños -o que emprega os procedementos fonolóxicos e o que emprega os procedementos léxicos- complementarios, que non excluíntes, para realizarmos unha lectura, pois por moita experiencia que teñamos, sempre podemos ter que recorrer a proceder fonoloxicamente.

Procedemento fonolóxico e procedemento léxico

[editar | editar a fonte]

O procedemento fonolóxico consiste en facer exactamente o mesmo que fai un neno cando se inicia á lectoescritura. O neno interpreta os grafemas e recoñece os fonemas correspondentes deducindo o seu son habitual por mor, probablemente, da memoria, da segmentación e da interrelación contextual. Tras recoñecer os grafemas, sabedor do son que representan, pronúnciaos uníndoos e dando lugar a un acto de fala. Non é necesariamente un acto de fala comunicativo, pois quizais, aínda no momento de pronunciar o que le, non é quen de decodificar a mensaxe, pero, cando o neno le por exemplo a palabra ká-sa, pode estar capacitado para interpretar, unhas milésimas de segundo despois, aquilo que leu.

O procedemento fonolóxico pode ser pouco rápido, pero non ten por que ser satisfactorio, pois non é o mesmo encontrármonos cun texto que poña avía (avía tres fadas) ca cun texto que poña clinched (...just clinched promotion) se non dominamos o inglés. Sexa como sexa, o procedemento desenvólvese inda que, ó remate, poidamos dicir que non hai acto comunicativo por non ser posible a decodificación.

Adolescente lendo en Uganda.

Co tempo, o neno que le grafema a grafema, que interpreta fonema a fonema, será quen de memorizar sílabas e interpretalas. Cando se encontre coa secuencia ca, saberá o que é; cando se ache con sa, saberá tamén o que é sen precisar atender cada un dos dous grafemas que compoñen esa sílaba, pois leraa conxuntamente.

É este un xeito de lectura intermedio pero máis próximo ó procedemento fonolóxico do que ó léxico pois o que se le non ten aínda unha correspondencia no campo do significado. Cando haxa esa correspondencia, a lectura deixará de ser fonolóxica e pasará a ser léxica. En definitiva, o procedemento fonolóxico non é léxico porque non se recoñecen cun simple golpe de vista lexemas.

O procedemento léxico supón recoñecer inmediatamente a palabra escrita. Se nos encontramos co vocábulo casa, non procedemos a segmentar o vocábulo para a súa interpretación, entendémolo porque o visualizamos conxuntamente e esa visualización ten correspondencia na base de datos que conforma a nosa memoria vocabularia:

Operar correctamente coa vía fonolóxica supón xebrar a palabra nas súas unidades menores (sílabas, fonemas) a través do que se denomina conciencia fonolóxica, ou capacidade de segmentar a palabra nas súas partes. Esta capacidade énos especialmente necesaria cando queremos acceder ó significado de palabras novas, dífíciles ou descoñecidas, que non podemos recoñecer mediante unha simple ollada [...].

Operar coa vía léxica [...] supón recoñecer a palabra escrita que vemos dunha forma practicamente inmediata, sen tela que reconstruír fonoloxicamente son a son. É, pois, unha vía máis rápida de acceso ó significado, e require ter memorizados os patróns de palabras.[5]

Etapas da aprendizaxe da lectura

[editar | editar a fonte]

Os humanos pertencentes ás sociedades en que as necesidades primarias están cubertas enfrontámonos case dende meniños a todo tipo de textos escritos. Primeiramente, son verdadeiros xeroglíficos imposibles de descifrar: unha serie de riscos e borranchos nunha folla de papel; mais, pouco e pouco, non sen axuda, damos en descubrir unhas regularidades que nos permiten identificar a relación que se establece entre os grafemas e os fonemas, aínda sen sermos coñecedores desta terminoloxía. A práctica reiterada, acaba por nos converter en descifradores de signos, pero, para o mesmo é necesario seguir un proceso de aprendizase no cal os especialistas distinguen catro etapas:

1. Lectura logográfica: As palabras escritas interprétanse como logos, non se segmentan e decodifican, a tal palabra escrita corresponde un son e un significado. A estratexia logográfica é empregada nos primeiros momentos da aprendizaxe da lectura, cando os nenos identifican palabras coñecidas a partir de pistas visuais [...] que aprenderon a asociar co significado da palabra, sen relación coa forma fonolóxica[6]
2. Lectura alfabética: Segméntanse as palabras escritas e cada segmento recoñécese como un fonema que, ademais de poder ser conmutable por outro, combínase sintagmáticamente co seguinte permitindo pronunciar a sílaba e a palabra. É a etapa en que se asimila e perfecciona a decodificación fonolóxica[7], procedemento fonolóxico ou vía fonolóxica.
Nestas tres etapas posúese unha capacidade executiva á hora de ler, pero dista moito de haber unha lectura eficiente pois non se acada a construción dunha imaxe interpretativa da mensaxe completa.
3. Lectura ortográfica[8]: Comézase a empregar o procedemento léxico.
Nesta etapa, a lectura comeza a empregarse como ferramenta que se pode aplicar para solucionar problemas da vida diaria, dirimir un asunto ou decidirse ante unha dicotomía cotiá. A lectura comeza a ter as calidades necesarias para ser pragmática (a lectura pragmática comprende tódalas capacidades necesarias para ser quen de convencer ós demais e saber usar a linguaxe para o noso proveito).
4. Lectura fluída: Aténdese á prosodemática respectando os signos de puntuación e dando a debida entoación ó texto. Implica o acceso directo á semántica e un control automático do proceso de decodificación[9].

Disciplinas que estudan a lectura

[editar | editar a fonte]
  • A fisioloxía permite comprender a capacidade humana de ler dende o punto de vista biolóxico, grazas ó estudo do ollo humano, o campo de visión e a capacidade de fixar a vista.
  • A psicoloxía axuda a definir o proceso mental que se leva a cabo durante a lectura, xa sexa na fase de decodificación de caracteres, símbolos e imaxes, ou na fase de asociación da visualización coa palabra. Os procesos psicolóxicos da lectura foron estudados por primeira vez a fins do século XIX por Emile Javal, entón director do laboratorio de oftalmoloxía da Universidade da Sorbona.
  • A pedagoxía clínica ocúpase dos aspectos educativos en canto ó proceso ensinanza-aprendizaxe da lectoescritura, dos disturbios específicos da lectura, e as habilidades necesarias para unha lectura eficaz.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Caroline Golder, Daniel Gaonacíh, Daniel Gaonac'h: Leer y comprender. Siglo XXI editores. 2002. ISBN 9682323584, ISBN 9789682323584.
  • Esquer Torres, Ramón: Didáctica de la Lengua Española. Ediciones Alcalá. Madrid, 1978.
  • Lebrero, Mª Paz e Mª Teresa: Cómo y cuándo enseñar a leer y a escribir. Síntesis. Madrid, 1988.
  • Dehart, André; e Guillé, Arthur: El niño aprende a leer. Kapelusz. Buenos Aires, 1976.
  • Ferrández, Adalberto; Ferreres, Vicente; e Sarramona, Jaime: Didáctica del Lenguaje. Ceac. Barcelona, 1986.
  • Ramon Canals e Moisès Esteban. Laboratori de lectura i llenguatge. Universidad de Girona. 1998
  • Canals, R. e Esteban, M.: Què és llegir? Faristol. 2003

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]