[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Lavanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lavandas (xénero Lavandula)

Lavanda a rentes do mar, nas Rías Baixas
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Lamiales
Familia: Lamiaceae
Subfamilia: Nepetoideae
Tribo: Lavanduleae
Xénero: Lavandula
L., 1753
Especies

Unha trintena

Sinonimia

As lavandas[2][3] son plantas pertencentes ao xénero Lavandula, da familia das lamiáceas, que contén unha trintena de especies coñecidas. Estas son matos, algunhas escasamente leñosas, vilosas en moitos dos seus órganos e con glándulas esenciais.

Presentan follas opostas, simples, enteiras, dentadas ou pinnatífidas. Posúen inflorescencias de tipo verticilastro dispostas en pisos separados ao longo do eixo florífero ou nunha estrutura compacta, axilados por brácteas “florais” (para diferenciar dunha coroa de brácteas que pode aparecer ou non no máis alto da inflorescencia cuxa función é atraer aos insectos polinizadores).

As flores son miúdas, cun cáliz tubular, case actinomorfo, acostelado con 5 dentes curtos e un apéndice oblongo ou romboidal na parte superior. A corola é bilabiada, co labio superior recto, ergueito, formado por dous lóbulos. O labio inferior trilobado. Posúen catro estames, didínamos e o ovario dividido en catro partes. O froito preséntase en tetranúcula.

Esencia da lavanda

[editar | editar a fonte]

A esencia desta planta obtense por destilación dos ramos floridos xerminais da Lavandula intermedia ou da Lavandula angustifolia. A cantidade de aceite esencial obtido difire na variedade, estación e método de destilación. Esta esencia utilízase principalmente en industrias de produtos de toucador e de perfumaría e, ocasionalmente, en pomadas etc., para enmascarar cheiros desagradábeis.

Uso como planta aromática e medicinal

[editar | editar a fonte]

Xa os asirios, exipcios, gregos e romanos utilizaban a lavanda para perfumar casas e baños. Aínda na actualidade se queima a semente nas casas coa mesma fin. Unha posible etimoloxía fai vir o nome de lavare, destinado ao baño, polo uso común nas termas romanas. A auga de lavanda é moi común en perfumaría, o que explica a extensión do cultivo agrícola desta planta.

Na terapéutica popular utilízase contra a asma, a tose, e como tónico e calmante nervioso; por vía externa como antiséptico e antipútrido. O uso medicinal da lavanda débese aos efectos tónicos, dixestivos e espasmolíticos do aceite esencial que posúen. Utilízanse a tal fin as sumidades florais, é dicir, as espigas de flores ou os gromos florais ou, ocasionalmente, as follas e os talos novos.

Para as dores de estómago usábanse unturas de lavanda, ruda e macela fritidas en manteiga de porco.

O alcohol de lavanda (as flores maceradas en alcohol) úsase para lavar e desinfectar feridas.

Tamén se usou na veterinaria tradicional, en cataplasmas para golpes e escordaduras, ou en infusión para estimular o movemento intestinal (como no caso da inapetencia, meteorismo ou cólicos). Nas feridas, a esencia de lavanda acelera a cicatrización e era utilizada polos ferradores tanto para as feridas e gretas dos cascos como para as infeccións por cravos mal colocados.

Finalmente, Lis Quibén recolle en Cangas (Pontevedra) a práctica que queimar flores de lavanda para esconxurar unha casa e protexela do meigallo. Para iso poñen nunha tella un pouco de romeu, lavanda, loureiro "que mire ó mar" e tres dentes de allo, un en cada extremo da tella e o outro no medio. Despois, queiman todo iso, coas xanelas pechadas, e rematan tocando tódalas paredes cunha póla de oliveira, levando a tella na outra man e recitando un ensalmo [4].

Lavandula angustifolia

Lavandula antineae
Lavandula aristibracteata
Lavandula atriplicifolia
Lavandula bipinnata
Lavandula bramwellii
Lavandula buchii
Lavandula canariensis
Lavandula citriodora
Lavandula coronopifolia
Lavandula dentata
Lavandula dhofarensis
Lavandula erythraeae
Lavandula galgalloensis
Lavandula gibsonii
Lavandula hasikensis
Lavandula lanata
Lavandula latifolia
Lavandula macra
Lavandula mairei
Lavandula maroccana
Lavandula minutolii

Lavandula multifida
Lavandula nimmoi
Lavandula pedunculata
Lavandula pinnata
Lavandula pubescens
Lavandula qishnensis
Lavandula rejdalii
Lavandula rotundifolia
Lavandula saharica
Lavandula samhanensis
Lavandula setifera
Lavandula somaliensis
Lavandula sublepidota
Lavandula subnuda
Lavandula stoechas
Lavandula tenuisecta
Lavandula viridis
Lavandula x allardii
Lavandula x chaytorae
Lavandula x christiana
Lavandula x ginginsii
Lavandula x heterophylla
Lavandula x intermedia

Todos son filiapodos, é dicir extraoxidantes.

  1. "Lavanda". Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families. Consultado o 6 de abril de 2010. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lavanda.
  3. Nome común do xénero en diferentes fontes: Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009.
  4. Víctor Lis Quibén: La medicina popular en Galicia. Akal editor, Madrid 1980, 233.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]