Hipatia
(1908) | |
Nome orixinal | (grc) Ὑπᾰτία |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 360 Alexandría, Exipto |
Morte | marzo de 415 (54/55 anos) Alexandría, Exipto |
Causa da morte | homicidio, esfoladura |
Actividade | |
Campo de traballo | Astronomía, matemáticas, mecánica e filosofía |
Ocupación | matemática, escritora, astrónoma, filósofa, inventora |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano |
Movemento | Neoplatonismo |
Profesores | Hiérocles de Alexandria (pt) |
Alumnos | Sinesio de Cirene |
Influencias | |
Familia | |
Pai | Teón de Alexandría |
Cronoloxía | |
martirio | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Гипатия) Hypatie d’Alexandrie (en) Dictionary of African Biography, |
Hipatia (en grego antigo Ὑπατία), nada en Alexandría (Exipto), contra o ano 355 e finada na mesma cidade contra 415, foi unha muller científica, filósofa neoplatónica e mestra, que contribuíu ao desenvolvemento das matemáticas e a astronomía da época. Foi membro e líder da Escola Neoplatónica de Alexandría.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Alexandría no século IV
[editar | editar a fonte]No século IV Exipto era unha diocese romana (foino até a chegada do islam no século VII).
En 312, o emperador Constantino convertérase ao cristianismo. No ano seguinte promulga o Edicto de Milán polo que se estableceu unha especie de paz relixiosa e a liberdade de culto. En 330, Constantino traslada a capital imperial a Bizancio, que pasou a chamarse Constantinopla.
Nos anos finais do século IV Roma dividiuse en dous territorios: o Imperio Romano de Occidente e o Imperio Romano de Oriente. Exipto incorporouse ao Imperio de Occidente (era unha diocese dependente directamente de Roma), vivindo o ocaso da súa historia antiga. O cristianismo tamén chegara ao territorio, téndose na época grandes disputas entre distintas faccións de cristiáns (algúns autores falan mesmo de pelexas na rúa). A igrexa cristiá defendía a súa independencia fronte ao poder imperial, mentres os emperadores do século IV considerábanse autócratas moi por riba da lei.
En Alexandría predicaba o bispo e patriarca Teófilo (385-412), inimigo de Xoán Crisóstomo, predicador da igrexa de Antioquía (hoxe en Turquía). Hai que ter conta tamén a rivalidade entre Alexandría e Constantinopla, pois afectou moito ás comunidades do resto da cristiandade.
A igrexa exipcia rematou separándose da igrexa de oriente. Naceu entón o alfabeto copto, mestura do exipcio demótico e máis o grego.
Nestas circunstancias de esquecemento do estudo e da importancia da ciencia, que nalgúns momentos foi perseguida, naceu Hipatia.
Unha muller na Ciencia
[editar | editar a fonte]Hipatia naceu en Alexandría a mediados do século IV, algunhas referencias din no 370 e outras no 355. O seu pai, Teón de Alexandría, era un famoso matemático e astrónomo, moi prezado, que parece que traballaba e daba clases na biblioteca, (a que substituíu a lendaria Biblioteca de Alexandría que desaparecera no incendio do 48 a.C. Teón foi un sabio que non gardou os coñecementos para si e os seus discípulos, integrando a súa propia filla (caso insólito no século IV).
Hipatia era unha muller aberta ao saber a quen se lle transmitiu a paixón da investigación, educándose ademais nun ambiente académico culto. Hai historiadores que din que a filla superou o pai, de xeito que escritos atribuídos a Teón sono en realidade de Hipatia.
Aprendeu tamén a historia das diferentes relixións que se coñecían naquel entón, oratoria, o pensamento dos filósofos e os principios do ensino. Seguidora de Plotino, cultivou os estudos lóxicos e as ciencias exactas, levando unha vida ascética. Viaxou a Atenas e a Roma co afán de aprender e ensinar, destacando nos campos das matemáticas e a astronomía,[1] Membro e líder da escola neoplatónica de Alexandría, a casa de Hipatia foi un lugar de ensino onde ían estudantes de todas partes do mundo coñecido, atraídos pola súa fama. Dela dixo Sócrates Escolásico:
"Había unha muller en Alexandría que se chamaba Hipatia, filla do filósofo Teón, que logrou tales alcances en literatura e ciencia, que superou en moito a todos os filósofos do seu tempo. Sucesora da escola de Platón e Plotino, explicaba os principios da filosofía aos seus oíntes, moitos dos cales viñan de lonxe para recibir a súa instrución."Sócrates Escolástico. Historia ecclesiastica, VII, 15 [2]
Un dos seus alumnos foi Sinesio de Cirene —con quen mantivo abundante correspondencia—, bispo de Ptolemaida (en Fenicia), rico e poderoso, que deixou escrita información sobre Hipatia, a súa mestra.[3] Por medio del poden chegar a coñecerse os libros que escribiu para o seu ensino, aínda que non chegaron aos nosos días. Da admiración que sentía Sinesio por Hipatia é mostra o que di dela na súa Carta 16:
"Hipatia é a miña nai, irmá e mestra, benefactora miña en todo, e todo o que para min ten valor en ditos e feitos".Sinesio de Cirene. Carta 16 [4]
Outro alumno foi Hesiquio o Hebreo, quen escribiu obras nas que se describen as actividades de Hipatia e a súa fama, como que os maxistrados ían a ela para consultala sobre asuntos da administración. Nas obras, que se conservan, di tamén que foi unha persoa influente en política.
Así mesmo, Hipatia interesouse pola mecánica e a tecnoloxía. Sábese que inventou un aparello para destilar auga, un pinómetro graduado para medir a densidade dos líquidos e un nivelímetro para medir o nivel da auga.
Hipatia era pagá e a súa situación correu perigo nunha cidade cada vez máis cristiá (e cada vez máis fanática e menos tolerante), véndose perseguida como outros neoplatónicos. Algúns convertéronse ao cristianismo, pero Hipatia non, a pesar do medo e os consellos dos seus amigos, como Orestes (prefecto), prefecto romano de Exipto que fora o seu alumno. Hipatia foi considerada polos seus inimigos como unha meiga perigosa.
Morte de Hipatia
[editar | editar a fonte]No 412 o bispo Cirilo de Alexandría foi nomeado patriarca en substitución do seu tío Teófilo, un título de dignidade eclesiástica que só era usado en Alexandría, Constantinopla e Xerusalén. Este título era equivalente en certo modo ao do papa de Roma. Cirilo, que foi nomeado santo séculos máis tarde, non consentía ningunha clase de paganismo nin herexía, loitando toda a súa vida pola ortodoxia da igrexa católica e contra o nestorianismo, os pagáns e os xudeus. Os historiadores cren que Cirilo foi o principal responsable da morte de Hipatia, aínda que non existe documentación que o acredite de maneira directa.
Dise que Cirilo era inimigo seu, teméndoa e admirándoa ao tempo. Pero en consonancia coa época, nin comprendía nin consentía que unha muller se dedicase á ciencia. Creou un ambiente de odio e fanatismo contra ela asignándolle o papel de meiga.
En marzo de 415,[1][5] Hipatia foi asasinada por un grupo de monxes da igrexa de San Cirilo de Xerusalén. Os feitos foron recollidos por un bispo de Exipto do século VII, Xoán de Nikio, xustificando asemade o masacre daquel ano contra os xudeus de Alexandría. Conta como un grupo de cristiáns atolondrados, impetuosos e violentos, seguidores dun lector chamado Pedro foron na súa busca, golpeárona, espírona e arrastrárona pola cidade até o templo Cesáreo, onde a cortaron con buguinas afiadas até a súa morte. Despois, despezárona e queimárona nun lugar chamado Cinaron. Deste xeito estaban a dar morte a algo que consideraban como idolatría e herexía.
Orestes, o prefecto romano amigo e exalumno de Hipatia informou e pediu a Roma unha investigación. Por "falta de testemuñas" atrasouse até que chegou un momento no que o propio Cirilo asegurou que Hipatia estaba viva e que habitaba en Atenas. Orestes tivo que fuxir, abandonando o seu cargo.[6][7]
Non houbo máis actos violentos contra dos filósofos pagáns de Alexandría, cuxa escola floreceu aínda até o século VII (pero abandonando xa o neoplatonismo), sen que a súa actividade se vise interrompida polo peche da Academia de Atenas en tempos de Xustiniano I (529).[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Toohey, Sue (2003): The Important Life & Tragic Death of Hypatia (en inglés)
- ↑ Sócrates Escolástico, Historia ecclesiastica, VII, 15.
- ↑ Sinesio de Cirene (1993): Himnos. Tratados. Intr., trad. e notas de F. A. García Romero. Madrid: Editorial Gredos.
- ↑ Sinesio de Cirene (1995): Cartas. Intr., trad. e notas de F. A. García Romero. Madrid: Editorial Gredos.
- ↑ Segundo Sócrates Escolástico (Historia ecclesiastica, VII, 15) a morte de Hipatia "sucedeu no cuarto ano do episcopado de Cirilo, sendo cónsules Honorio por décima vez e Teodosio por sexta, durante o mes de marzo, no tempo dos xexúns". O ano dos consulados é 415, pero o cuarto ano do episcopado de Cirilo foi 416, tendo en conta que, segundo o propio Sócrates Escolástico, o seu predecesor Teófilo faleceu o 17 de outubro de 412. Os historiadores non se poñen de acordo en cal das datas é a correcta.
- ↑ Hipatia de Alejandría. Ed. Siruela
- ↑ Fernández Hernández, Gonzalo (1985). "La muerte de Hipatia". Erytheia: Revista de estudios bizantinos y neogriegos (6): 269–282. ISSN 0213-1986.
- ↑ La escuela filosófica de Alejandría ante la crisis del año 529 Arquivado 21 de agosto de 2010 en Wayback Machine., por Gonzalo Fernández.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hipatia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Sócrates Escolástico, Historia Ecclesiastica, libro VII, capítulos 13 a 15. Ed. online. (en inglés)
- Sinesio de Cirene (1993). Himnos. Tratados. Introducción, tradución e notas de F. A. García Romero. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1627-5.
- – (1995). Cartas. Intr., trad. e notas de F. A. García Romero. Rev.: C. Serrano Aybar. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1682-4.
- A enciclopedia Suda, na voz correspondiente a Hipatia ("Ypsilon", 166).
- Blázquez Martínez, José María (2004). "Sinesio de Cirene, intelectual. La escuela de Hypatia en Alejandría" (PDF). Gerión (en castelán) (22.1). ISSN 0213-0181. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de outubro de 2011.
- Blázquez Martínez, José María (2008). "La violencia religiosa cristiana en la Historia Eclesiástica de Sócrates durante el gobierno de Teodosio II y en la Historia Eclesiástica de Teodoreto de Cirro" (PDF). Gerión (en castelán) (26.1). ISSN 0213-0181. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de novembro de 2009.
- Casado Ruiz de Loizaga, María José (2006). Las damas del laboratorio: mujeres científicas en la historia (PDF). Madrid: Debate. ISBN 978-84-8306-688-1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de agosto de 2010. Consultado o 21 de xullo de 2011.
- Dzielska, María (2004 [5ª edición 2009]). Hipatia de Alejandría. Madrid: Siruela. ISBN 978-84-9841-327-4.
- Fernández, Gonzalo (1985). "La muerte de Hipatia". InterClassica (Erytheia) (6/2).
- Martínez Maza, Clelia (2009). Hipatia: la estremecedora historia de la última gran filósofa de la Antigüedad y la fascinante ciudad de Alejandría. Madrid: La Esfera de los Libros. ISBN 978-84-9734-824-9.
- Posadas, Juan Luis (2002), "Hipatia de Alejandría" in Revista de arqueología, nº 257, páxs. 34-39.
- Rist, J. M. (1965). "Hypatia". Phoenix (19).
- Russell, Dora (Trad. Eduardo Viñuela) (2005). Hipatia. Mujer y conocimiento. Oviedo: Krk. ISBN 978-84-96476-44-8.
- Teruel, Pedro Jesús (2011). Filosofía y ciencia en Hipatia. Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-1939-9.
- Whitfield, Bryan J. (1995). "The Beauty of Reasoning: A Reexamination of Hypatia of Alexandra" (PDF). The Mathematics Educator 6 (1). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de outubro de 2008. Consultado o 21 de xullo de 2011.