[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Fulvio Bernardini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFulvio Bernardini

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento28 de decembro de 1905 Editar o valor en Wikidata
Roma, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte13 de xaneiro de 1984 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Roma, Italia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemitério Flaminio (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista (–1945), adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaItalia Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoCentrocampista Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1923–1926 SS Lazio
1926–1928   Inter de Milán 67(27)
1928–1939   AS Roma 286(47)
1939–1943 M.A.T.E.R.
1944–1944 Maccabi Netanya
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1925–1932   Italia 26(3)
Participou en
1928Xogos Olímpicos de 1928 Editar o valor en Wikidata

Discogs: 4802575 Find a Grave: 202247772 Editar o valor en Wikidata

Fulvio Bernardini, nado en Roma o 28 de decembro de 1905 e finado na mesma cidade o 13 de xaneiro de 1984, foi un futbolista, adestrador e director deportivo italiano. Debutou como futbolista nas filas da Lazio con só 13 anos de idade, xogando inicialmente como porteiro, e pasando logo a ser dianteiro e finalmente centrocampista. Foi capitán do equipo ata 1926, e tras pasar polo Inter de Milán recalou na Roma, club no que xogou durante os seguintes 11 anos, e ao que tamén capitaneou entre 1934 e 1939. Colgou as botas no MATER, onde exerceu varios anos como xogador-adestrador.

Entre 1953 e 1958 adestrou a Fiorentina, á que guiou ata a conquista do seu primeiro título da Serie A, así como á final da Copa de Europa de 1957, onde caeu ante o Real Madrid. Posteriormente dirixiu a Lazio, gañando o primeiro título da historia do club, a Copa Italia de 1958, e o Bologna, co que conquistou un novo campionato de liga, converténdose así no primeiro adestrador italiano en gañar o scudetto con dous equipos diferentes. Pasou tamén polos bancos da Sampdoria e a Roma entre outros, e entre 1974 a 1977 foi adestrador da selección italiana, na que sucedeu a Ferruccio Valcareggi.

Era alcumado polos afeccionados como Fuffo, Professore ou Dottore, pois era licenciado en Ciencias Económicas.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Naceu o 28 de decembro de 1905, pero o seu nacemento foi rexistrado o 1 de xaneiro de 1906.[1] Comezou a xogar ao fútbol nun equipo de barrio, o Exquilia, onde xogaba como porteiro.[2] Tras tentar sen éxito ingresar no Fortitudo, acabou formando parte da Lazio, coa que debutou o 19 de outubro de 1919 cando o adestrador Guido Baccani o aliñou nun partido do Torneo Canalini ante o Audace.[2]

Bernardini (no centro), coa Roma na tempada 1931/32.

Un mes despois, o 23 de novembro de 1919, debutou no Campionato Nacional (grupo lacial), no posto de porteiro, ante o Pro-Roma. Tiña só 13 anos e 327 días.[3] A partir de 1921 cambiou de posición e pasou a ser dianteiro. Existen discrepancias sobre os motivos da súa elección para cambiar de posición. Segundo algunhas fontes, Bernardini tería decidido cambiar o seu papel debido aos catro goles que encaixou nun partido ante o Naples (4-2),[4] mentres que segundo outros, decidiu xogar como dianteiro debido a un duro golpe que sufriu nun encontro ante o Fortitudo, que lle fixo perder o coñecemento, e polas conseguintes presións da súa preocupada familia.[2]

Axiña comezou a destacar no ataque, e disputou máis dun cento de partidos ata 1926, portando na súa última tempada o brazalete de capitán. Na tempada 1922/23 chegou co seu equipo á finalissima, a final do campionato italiano, onde se enfrontou ao Genoa. O equipo lígur, naquel momento o máis forte a nivel nacional, gañou 4-1 na ida e 2-0 na volta, pero os xogadores do Genoa quedaron abraiados pola clase de Bernardini. O capitán do equipo rossoblu e da selección italiana, Renzo De Vecchi, eloxiou o seu xogo e auguroulle un gran futuro.[2]

Inter de Milán

[editar | editar a fonte]

No verán de 1926 deixou Roma e trasladouse a Milán, onde fichou polo Inter de Luigi Cevenini.[5] Tiña tamén unha oferta da Juventus, pero elixiu aos nerazzurri, pois tamén lle ofreceron un traballo nun banco e a posibilidade de estudar economía na Universidade Bocconi. Para poder abandonar a Lazio, Bernardini pagou 20.000 liras ao club romano, coa axuda do seu irmán máis vello Vittorio.[5]

Xogou dous anos no Inter, marcando 10 goles no primeiro deles, e 17 no segundo.[5] Foi o propio Bernardini quen descubriu a Giuseppe Meazza.[5] En moitas ocasións, despois dos adestramentos, paraba a ver os partidos dos xuvenís, e foi deste xeito que quedou profundamente impresionado polo talento de Meazza. Insistiulle ao adestrador do primeiro equipo, Árpád Weisz, para que o incluíse no primeiro equipo. Weisz decidiu entón ver a Meazza e quedou convencido de que o seu centrocampista non esaxerara. Así, en 1927 o novo dianteiro de 16 anos foi incorporado ao primeiro equipo. Por isto, Meazza sempre recoñeceu estar en débeda con Bernardini.[5]

Bernardini, adestrador do Bologna, conversa co dinamarqués Harald Nielsen e co alemán Helmut Haller.

En 1928, Fuffo, como era alcumado, foi traspasado á Roma, club que acababa de ser fundado o ano anterior pola fusión de tres equipos romanos. Militou no club durante os seguintes once anos, exercendo nos cinco últimos como capitán, o segundo da historia do club, sucedendo ao seu compañeiro Attilio Ferraris, co que formou durante anos unha carismática parella de centrocampistas.

Estivo preto de gañar o scudetto e venceu en dúas edicións a copa internacional Cappelli. Disputou un total de 286 partidos coa camiseta da Roma, marcando 47 goles.

En 1939 fichou polo MATER de Roma como xogador-adestrador. Militou neste club durante os anos da Segunda guerra mundial, disputando máis dun cento de partidos e guiándoo ata a Serie B. Pechou a súa carreira como futbolista en 1945.

Selección italiana

[editar | editar a fonte]

Debutou na selección italiana o 22 de marzo de 1925, nun partido amigable ante Francia en Turín que acabou con goleada italiana por 7-0.[2] Foi o primeiro xogador romano e centro-meridional en vestir a camisola azul da selección.[2][5] Disputou os Xogos Olímpicos de 1928 en Ámsterdam, participando en tódolos partidos excepto un e marcando un gol na goleada por 7-1 sobre España. Caeu en semifinais ante o Uruguai, e finalmente goleou por 11-3 á selección saudita, gañando así a medalla de bronce.

Con todo, quedou excluído das seleccións italianas que participaron nas vitoriosas Copas do Mundo de 1934 e 1938, xa que o seleccionador Vittorio Pozzo considerouno inadecuado para o proxecto técnico que tiña en mente. A este respecto Bernardini contou na súa autobiografía as palabras coas que o técnico o excluíu da selección: «Mire, Bernardini, vostede xoga actualmente de xeito superior, dun xeito perfecto desde o punto de vista das prestacións individuais. Os demais non poden chegar á concepción que vostede ten do xogo e acaban por atoparse intimidados, debería pedirlle que xogue peor. Sacrificalo a vostede ou sacrificar a todos os demais? Que faría vostede no meu lugar?».[6] Deste modo, a súa cifra de partidos coa camisola azul quedou en 26 partidos.

Como adestrador e director deportivo

[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como técnico no MATER, no que exerceu varios anos como xogador-adestrador. O 27 de xullo de 1944, co nomeamento do avogado Giulio Onesti como Comisario Extraordinario do CONI, Fulvio Bernardini foi nomeado rexente da FIGC, cargo que ocupou xunto co coronel Ventura (secretario) desde o 28 de xullo de 1944 ata o 4 de decembro de 1944, data da súa renuncia irrevogable.

En 1949 Bernardini volveu a Roma como adestrador e dirixiu o equipo xuvenil dos giallorossi ata a final do Torneo de Viareggio de 1950, onde perdeu ante a Sampdoria. A súa aventura no club viuse interrompida por unha brusca destitución. Durante a tempada 1950/51 adestrou a Reggina na Serie C, como substituto do cesado Italo Zamberletti, e a continuación dirixiu o Vicenza na Serie B, de 1951 a 1953.

Fiorentina

[editar | editar a fonte]

Posteriormente adestrou durante cinco anos a Fiorentina, á que levou a gañar o primeiro scudetto da súa historia na tempada 1955/56, cun equipo no que destacaban futbolistas como Giuliano Sarti, Ardico Magnini, Sergio Cervato, Giuseppe Chiappella, Guido Gratton, Armando Segato, Julinho ou Giuseppe Virgili. Ao ano seguinte acadou a final da Copa de Europa, despois de eliminar polo camiño o Norrköping, o Grasshopper e o Estrela Vermella de Belgrado. Na final enfrontouse no Santiago Bernabéu ao Real Madrid adestrado por José Villalonga, sendo a vitoria para o equipo español por 2-0, con goles de Di Stéfano e Gento. Ademais, gañou a a única edición da Copa Grasshoppers, que enfrontou a equipos de varios países europeos entre 1952 e 1957.[7]

En 1958 regresou ao seu primeiro club como futbolista, a Lazio, á que adestrou ata 1960. Na súa primeira tempada conquistou a Copa de Italia, o primeiro título oficial da historia do club, despois de derrotar na final á Fiorentina, á que agora adestraba Luigi Ferrero. A final disputouse no Stadio Olimpico e decidiuse grazas a un solitario gol de Maurilio Prini.[8]

Bernardini como adestrador da selección italiana en 1974, durante unha viaxe aos Países Baixos.

Entre 1961 e 1965 dirixiu o Bologna, co que gañou na súa primeira tempada a Copa Mitropa, derrotando na final ao Slovan Nitra checoslovaco. Na campaña 1963/64 proclamouse campión da Serie A, converténdose no primeiro adestrador italiano en gañar o scudetto con dous clubs diferentes. No equipo boloñés campión de liga, destacaban xogadores como Carlo Furlanis, Mirko Pavinato, Paride Tumburus, Francesco Janich, Romano Fogli, Marino Perani, Giacomo Bulgarelli, Helmut Haller ou o máximo goleador do campionato, o dinamarqués Harald Nielsen.

Con todo, o camiño cara á vitoria final non foi doado, pois durante a segunda volta do campionato, cinco xogadores do equipo rossoblù (Fogli, Pascutti, Pavinato, Perani e Tumburus) deron positivo por dopaxe nun teste realizado despois dunha vitoria por 4-1 sobre o Torino. Bernardini foi acusado de administrar as substancias prohibidas aos xogadores sen o coñecemento destes, e foi sancionado por un ano e medio, mentres que ao equipo déuselle por perdido o encontro ante o Torino, ademais de recibir unha penalización dun punto.[9]

O recurso do club, que demostrou non estar relacionado co caso, fixo que se anulase a sanción e se lle devolvesen os puntos, polo que o Bologna puido alcanzar ao Inter de Helenio Herrera no liderado da táboa a tres xornadas para o final. A situación non cambiou e os equipos mantivéronse emparellados ata a última xornada, sendo polo tanto necesario un partido de desempate para resolver o título (por primeira e única vez na historia da Serie A). Catro días antes do partido decisivo, o Bologna perdeu ao presidente Renato Dall'Ara, morto por problemas cardíacos. Pero xa en Roma, o 7 de xuño de 1964, venceu ao Inter por 2-0, gañando así o campionato. Unha das claves da vitoria foi a decisión de Bernardini de despregar ao lateral Capra pola banda, para marcar ao atacante rival Mario Corso, que foi neutralizado con efectividade.[10]

Sampdoria

[editar | editar a fonte]

En 1965 Bernardini comezou unha longa carreira en Xénova como adestrador da Sampdoria, á que chegou para acompañar ao técnico Giuseppe Baldini. A súa chegada non foi suficiente para evitar o descenso do equipo esa mesma tempada. Ao ano seguinte, xa como adestrador en solitario, conseguiu devolver o equipo xenovés á máxima categoría, na que se mantivo durante o resto dos seus anos no club.

Deixou a Sampdoria e 1971 e converteuse no director deportivo do Brescia, cargo que desempeñou durante dous anos, descubrindo entre outros a Alessandro Altobelli.

Selección italiana

[editar | editar a fonte]

En 1974 a Federación Italiana encargoulle a dirección da selección nacional, que viña de quedar eliminada na primeira fase do Mundial de 1974 con Ferruccio Valcareggi no banco. Durante o seu tempo como seleccionador, levou a cabo unha importante renovación por mor dun cambio xeracional. Adestrou o combinado nacional ata 1977, cando foi substituído por Enzo Bearzot.

Últimos anos e morte

[editar | editar a fonte]

En 1977 regresou á Sampdoria, desta volta como director deportivo, ata 1979. Morreu en 1984, aos 78 anos de idade, no Hospital Villa San Pietro de Roma debido a unha esclerose lateral amiotrófica diagnosticada tres anos antes.[11] O seu funeral celebrouse na Igrexa de Santa Chiara a Vigna Clara e o seu cadaleito foi soterrado no Cemiterio do Verano.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

O Centro Deportivo Trigoria, a sede oficial da Roma, leva o seu nome. En 2011 obtivo un recoñecemento conmemorativo no Salón da Fama do fútbol italiano.[12]

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Futbolista

[editar | editar a fonte]
MATER
Selección italiana

Adestrador

[editar | editar a fonte]
MATER
Fiorentina
Lazio
Bologna
  1. Filacchione, Marco (2009). La storia della Roma, uomini immagini e numeri dal 1927 (en italiano). Edizioni Eraclea. ISBN 978-8888771304. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Arriva Bernardini". enciclopediadelcalcio.com (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2008. Consultado o 8 de xuño de 2022. 
  3. Maffei, Fabrizio (2002). "BERNARDINI, Fulvio". Enciclopedia dello Sport (en italiano). Consultado o 8 de xuño de 2022. 
  4. Pacileo & Gargano 2006, p. 11.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 "Fulvio Bernardini, un talento coltivato in nerazzurro". Football Club Internazionale Milano (en italiano). 17 de xaneiro de 2017. Consultado o 8 de xuño de 2022. 
  6. Fulvio Bernardini - parte 1 - Storie di Calcio
  7. "Grasshoppers Trophy 1952-57". rsssf.com (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2022. 
  8. "La conquista della prima Coppa Italia". www.sslazio.it (en italiano). Consultado o 2023-11-08. 
  9. Polo tanto os puntos restados ao Bologna foron tres, en base aos criterios de puntuación da época.
  10. Bovolenta, Germano (17 de xullo de 2007). "L' ultimo Bologna il primo spareggio". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 8 de xuño de 2022. 
  11. Vernazza, Sebastiano (11 de setembro de 2004). "Anche Bernardini è morto di Sla". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 8 de xuño de 2022. 
  12. "Hall of fame, 10 new entry: con Vialli e Mancini anche Facchetti e Ronaldo". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 27 de outubro de 2015. Consultado o 8 de xuño de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pacileo, Giuseppe; Gargano, Pietro (2006). 80 anni di passione: la storia del Napoli dal 1926 al 2006, p. 11. (en italiano). Il Mattino.