Mario Corso
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 25 de agosto de 1941 Verona, Italia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 20 de xuño de 2020 (78 anos) Milán, Italia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | major cemetery of Milan (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 175 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 75 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista (–1975), adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Italia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Extremo esquerdo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Mario Corso, nado en San Michele Extra, Verona, o 25 de agosto de 1941 e finado en Milán o 20 de xuño de 2020, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como centrocampista.
Considerado como un dos xogadores italianos máis inventivos e imaxinativos da historia,[1][2][3][4] o seu nome está vencellado ao Inter do Milán, no que xogou de 1958 a 1973, antes de fichar polo Genoa, onde rematou a súa carreira en 1975. Disputou 502 partidos coa camiseta nerazzurra, coa que marcou 94 goles e gañou catro campionatos da Serie A, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais.[5] Tamén foi adestrador de varios equipos, entre eles o propio Inter, ao que dirixiu na tempada 1985/86.
Foi 23 veces internacional coa selección italiana, coa que marcou 4 goles. Candidato tres veces ao Balón de Ouro, quedou na sétima posto na edición de 1964.[6]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]Naceu en San Michele Extra, un suburbio de Verona. Comezou a xogar no Azzurra Verona, un club do distrito de San Giovanni in Valle, en Verona, e despois pasou polo Audace San Michele antes de ser descuberto polo Inter, no que ingresou o 20 de xuño de 1958, xunto con Mario Da Pozzo e Claudio Guglielmoni.[5] O prezo total da operación foi de nove millóns de liras e o seu primeiro salario foi de 70 000 liras ao mes.[7] Debutou cos nerazzurri o 29 de xuño de 1958, con 16 anos e 10 meses de idade, nun partido da Copa de Italia ante o Monza, no que entrou como substituto de Claudio Guglielmoni, vencendo por 3-1. O 13 de xullo marcou o seu primeiro gol, na vitoria por 3-0 ante o Como, tamén na Copa de Italia, converténdose no goleador máis novo da historia do Inter. O 23 de novembro do mesmo ano debutou na Serie A, nunha goleada por 5-1 sobre a Sampdoria. Marcou o seu primeiro gol na Serie A, con 17 anos e 97 días, o 30 de novembro de 1958, nun empate 2-2 ante o Bologna.
Nos seguintes anos foi un dos piares e símbolos do Grande Inter, dirixido por Helenio Herrera,[8] xunto a xogadores como Sandro Mazzola, Giacinto Facchetti ou o galego Luis Suárez. Con todo, a súa relación co técnico Helenio Herrera non era boa e este pedía cada ano a venda do xogador, chocando coa negativa do presidente Angelo Moratti.[1][9] Xogou no Inter ata 1971, gañando catro títulos de liga (1963, 1965, 1966 e 1971), dúas Copas de Europa (1964 e 1965) e dúas Copas Intercontinentais, e exercendo como capitán nos últimos anos. O 26 de setembro de 1964 marcou o único gol do partido de desempate da Copa Intercontinental contra o Independiente no Santiago Bernabéu, dándolle ao club milanés a vitoria e o seu primeiro título de campión do mundo.
En 1973, tralo regreso de Herrera ao banco interista, foi finalmente traspasado, sendo o seu destino o Genoa. A súa primeira tempada no club lígur rematou co descenso á Serie B. A comezos do ano seguinte sufriu unha grave lesión, fracturando unha tibia,[10] Non chegou a recuperarse totalmente, fracturándose de novo durante un adestramento e poñendo fin á súa carreira.[11]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Foi 23 veces internacional coa selección italiana entre 1961 e 1971, marcando 4 goles. Coa camiseta azzurra, porén, non puido igualar os resultados obtidos nos seus clubs.[1] Debutou internacionalmente en 1961, nun partido amigable perdido ante Inglaterra por 2-3. O 15 de outubro do mesmo ano marcou os seus primeiros goles ante Israel, nun partido correspondente á clasificación para o Mundial.[2]
Trala chegada ao banco da selección da terna Giovanni Ferrari - Helenio Herrera - Paolo Mazza, foi excluído desta e non foi convocado para o Mundial de 1962 en Chile, indo no seu lugar Gianni Rivera, con 18 anos. O Mundial rematou sen gloria para a selección italiana, eliminada na primeira fase e rodeada da polémica, motivada en gran parte pola exclusión de Corso.
Tampouco foi convocado para o Mundial de 1966, por un conflito persoal co adestrador Edmondo Fabbri, e tamén co segundo adestrador, Ferruccio Valcareggi,[12] máis tarde sucesor de Fabbri, que tamén o excluíu da Eurocopa de 1968, gañada por Italia. O 9 de outubro de 1971 xogou o seu último partido coa selección nacional, nun Italia-Suecia (3-0).
En 1967 a FIFA incluíuno nunha selección do Resto do Mundo, nun amigable contra España en homenaxe ao porteiro Ricardo Zamora. Compartiu once titular con xogadores como Gianni Rivera, Mário Coluna ou Eusébio e logrou a vitoria por 3-0.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Despois de retirarse dos terreos de xogo, obtivo o título de adestrador, sendo o seu primeiro equipo o filial do Napoli, co que conseguiu o título do Campionato Primavera 1. Máis tarde dirixiu outros dous equipos do Sur: o Lecce e o Catanzaro. Co equipo do Salento conseguiu a permanencia no campionato da Serie B 1982/83, mentres que no equipo calabrés foi destituído tras só 10 partidos xornadas.
De volta ao Inter, adestrou o equipo xuvenil, ata que en novembro de 1985 o presidente Ernesto Pellegrini confioulle o primeiro equipo para substituír a Ilario Castagner. Debutou o 24 de novembro, cun empate 1-1 ante a Juventus de Trapattoni. O 6 de abril de 1986 gañou o derbi contra o Milan por 1-0, no que foi o primeiro derbi de Silvio Berlusconi ao mando dos milaneses. O Inter acabou o campionato na sexta posición, por diante do Milan, clasificándose para a Copa da UEFA. Non continuou no banco do Inter na seguinte tempada, ocupando o seu lugar Trapattoni.
Na tempada 1987/88 dirixiu o Mantova, ao que levou a gañar o campionato da Serie C2 ese ano a un sexto posto ao ano seguinte na C1. Posteriormente pasou polos bancos do Barletta e o Verona, antes de regresar ao Inter como observador.[7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Enrica. Faleceu o 20 de xuño de 2020 aos 78 anos, tras unha breve hospitalización.[13]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]- Inter de Milán
- Serie A (4): 1962/63, 1964/65, 1965/66, 1970/71
- Copa de Europa (2): 1963/64, 1964/65.
- Copa Intercontinental (2): 1964, 1965.
- Selección italiana sub-19
- Campionato europeo Sub-19 (1): 1958.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]- Napoli Primavera
- Campionato Primavera (1): 1978/79.
- Mantova
- Serie C2 (1): 1987/88.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Monti 2002, p. 660.
- ↑ 2,0 2,1 "I 70 anni dell' insolente Mariolino il sinistro che creò la foglia morta" (en italiano). 23 de agosto de 2011. Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ "Morte Corso, il calcio si unisce nel cordoglio: "Campione eterno, dotato di infinita classe"" (en italiano). 20 de xuño de 2020. Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ "Mario Corso, il ricordo di Marani: "Fantasia pura, uno dei più grandi negli Anni '60"" (en italiano). 20 de xuño de 2020. Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 "Il 20 giugno nel nome delle stelle e della Grande Inter". inter.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2022. Consultado o 23 de novembro de 2022.
- ↑ "Biografia di Mario Corso" (en italiano). Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ 7,0 7,1 "Compleanno Inter per Corso mitico «piede sinistro di Dio»" (en italiano). 25 de agosto de 2001. Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ Tosatti 1996, p. 77.
- ↑ Tosatti 1996, p. 51.
- ↑ Monti 2002, p. 661.
- ↑ "Muore MARIO CORSO … la fine di un mito (1941/2020)" (en italiano). 20 de xuño de 2020. Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ "I "tesori perduti" dalle Nazionali: la storia dei 15 più forti giocatori epurati dai ct" (en italiano). 18 de novembro de 2014. Consultado o 15 de marzo de 2022.
- ↑ Vanni, Franco (20 de xuño de 2020). "È morto Mario Corso, il fenomenale mancino della Grande Inter". Repubblica (en italiano). Consultado o 15 de marzo de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Tosatti, Giorgio (1996). Giorgio Tosatti, ed. 1946-1996: 50 anni che fecero grande il pallone (en italiano). Reader's Digest. ISBN 978-88-7045-191-7.
- Monti, Fabio (2002). "Corso, Mario". Enciclopedia dello sport (en italiano). Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do xogador en national-football-teams.com (en inglés).
- Datos do xogador en Transfermarkt (en inglés).
- Datos do xogador no sitio web do Inter de Milán (en italiano).