Esterno
Para o esterno dos artrópodos, ver Esterno (artrópodos).
Esterno | ||
---|---|---|
Caixa torácica | ||
Vista posterior do esterno humano | ||
Latín | Sternum | |
Gray | tema #27 119 |
O esterno (Sternum) é un óso do tórax, plano, impar, central e simétrico, composto por varias pezas soldadas (estérnebras). Axuda a protexer o corazón e pulmóns.
O esterno humano
[editar | editar a fonte]Divídese en tres porcións: o mango ou manubrio; o corpo formado por sete pezas; e o apéndice xifoide, que ten unha forma moi variable. O mango e o corpo articúlanse nunha sinartrose[1] formando o chamado ángulo de Louis, articulación que pode osificarse nos adultos.
Ten dúas caras, a anterior e posterior; dous bordos laterais; e dous extremos, o superior ou base e o inferior ou vértice.
Atópase na parte media e anterior do tórax e articula superiormente coas clavículas e nos bordos laterais coas costelas chamadas verdadeiras mediante a cartilaxe costal, pero coas falsas faino mediante unha única cartilaxe. As costelas falsas, oitava, novena e décima, únense entre elas formando a arcada costal que, á súa vez, se une á sétima costela e esta, ao bordo lateral do esterno. O tipo de articulación condroesternal permite pequenos movementos. As articulacións denomínanse articulacións costo-esternais ou condro-esternais.
A articulación coas clavículas é de tipo encaixe recíproco imperfecto. Denomínase tecnicamente articulación esternocostocondroclavicular. Entre a clavícula e o esterno sitúase unha cartilaxe de adaptación, máis groso a nivel anterior e posterior ca no centro, que pode estar furado. Intervén tamén o extremo interno da primeira costela.
A articulación está reforzada por:
- Cápsula articular, que contornea as superficies articulares.
- Ligamento superior: formado por fibras profundas e curtas (de clavícula a esterno) e fibras superficiais, que constitúen un ligamento único: ligamento interclavicular, de clavícula a clavícula.
- Ligamento inferior, ou costoclavicular, que vai da clavícula á primeira costela.
- Ligamento anterior.
- Ligamento posterior.
Os movementos da articulación inclúen ascenso, descenso, proxección cara a adiante e cara a atrás. É ademais a articulación interna do ombreiro funcional.
No mesmo bordo superior hai outra zona, a superior, que se relaciona co espazo supraesternal, onde se localizan as veas xugulares anteriores e a súa anastomose.
O bordo inferior é a propia apófise xifoide, de morfoloxía variable.
A cara anterior presta inserción do músculo esternocleidomastoideo no manubrio, do músculo serrato anterior, no corpo e do músculo recto anterior maior do abdome na apófise xifoide.
A cara posterior presta inserción ó músculo esternotiroide e esternocleidohioideo no manubrio, ó músculo triangular do esterno, no corpo; e ó diafragma na apófise xifoide.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Articulación entre dous ósos fixada por un tecido fibroso que non permite o movemento.