Apalpador
Ilustración representando o Apalpador nas montañas dos Ancares, segundo unha intelixencia artificial | |
Nome orixinal | (gl) Apalpador (gl) Pandigueiro |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | O Courel |
Actividade | |
Ocupación | carboeiro |
Sitio web | apalpador.gal |
O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares,[1] aínda que se está a recuperar en toda Galicia.[2] O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro[1] segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".
Recuperación
[editar | editar a fonte]O traballo de recuperación deste personaxe do Nadal galego comezou en 2006, coa publicación[3] no Portal Galego da Língua dun traballo de José André Lôpez Gonçâlez. Un ano despois, a asociación compostelá A Gentalha do Pichel anunciou que comezaría a promover esta figura procurando a súa recuperación e normalización,[4] utilizando como elemento central unha representación deste personaxe realizada polo artista Leandro Lamas. Membros desta agrupación emprenderon traballos de recolla etnográfica nas zonas da montaña oriental galega onde aínda se lembraba a tradición. Froito destes traballos publicaron en 2012 o documental "é há de vir o Apalpador", onde se amosan as diversas testemuñas reunidas arredor da figura mitolóxica.[5]
Desde aquela téñense publicado numerosos libros sobre a materia e o Apalpador está presente actualmente en campañas publicitarias e produtos de merchandising. Como exemplo, no Nadal de 2022 a cooperativa galega Feiraco creou unha edición especial do seu leite semidesnatado que levaba como protagonista a imaxe do Apalpador. O obxectivo desta iniciativa foi colaborar na recuperación dos bosques da Serra do Courel, severamente afectados pola vaga de incendios dese ano.[6]
Nomes
[editar | editar a fonte]No Bierzo galegofalante existía tamén o costume da Apalpadoira,[7] unha tradición que con ese nome ou o da Apalpadora (Pandigueira polas terras de Trives e Apalpabarrigas nos Ancares[8]) está tamén nun proceso de recuperación. O mesmo costume tense rexistrado na Terra de Trives, aínda que aquí recibe o nome de Pandigueiro. Na zona de Monforte de Lemos é coñecido baixo o nome de Apalpabarrigas.
En Écija, en zona de repoboación galega após a conquista cristiá, manteñen tamén unha figura similar chamada Tientapanzas, que foi recuperada polos veciños da localidade e é paseada cada Nadal por esa vila andaluza.
Taboada Chivite recolle[9] só o ritual propiciatorio de apalpar a barriga dos nenos na noitevella, que recibe así o nome de "noite de apalpadoiro".
Segundo algunhas interpretacións históricas e etnográficas,[10] este ritual podería ser reminiscencia e estar relacionado tamén coa práctica de realizar presaxios examinando o ventre das persoas realizada polos arúspices lusitanos, chamada hieroscopia, e narrada por Estrabón[11] hai máis de dous mil anos.
Cantigas populares
[editar | editar a fonte]Existen diversas cantigas populares arredor do personaxe. A seguinte foi recollida en 1994 en Romeor do Courel:[12]
- Vaite logo meu ninín / miña neniña,
- marcha agora pra a camiña,
- que vai vir o Apalpador
- a apalparche a barriguiña.
- Mañá é día de cachela
- que haberá gran nevarada
- e vai vir o Apalpador
- cunha mega de castañas.
- Por aquela cemba
- xa ven relumbrando
- o señor Apalpador
- para darvos o aguinaldo.
|
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Efixie do Apalpador na praza de Teixeiro, 2020.
-
O Apalpador nunha concentración de Queremos Galego, 2012.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Lôpez Gonçâlez, José André, O Apalpador: personagem mítico do natal galego a resgate, revista Vagalume da Asociación Galega Corredor del Henares, 2001, consultable tamén en Portal Galego da Língua (.pdf).
- ↑ O Apalpador revive en Lugo y sale a palpar las barrigas de los pequeños Arquivado 02 de marzo de 2009 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 3/1/09.
- ↑ "O Apalpador: Personagem Mítico do Natal galego a resgate", noticia no Portal Galego da Língua Arquivado 14 de xuño de 2010 en Wayback Machine. Consultado o 8 de febreiro de 2010.
- ↑ "A Gentalha do Pichel recupera o Apalpador, figura mítica do Natal Galego", noticia no Portal Galego da Língua Arquivado 15 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. Consultado o 8 de febreiro de 2010.
- ↑ Gentalha do Pichel (21/12/2012). E há de vir o Apalpador (Youtube).
- ↑ "Leite solidario". Feiraco. 2022-10-20. Consultado o 2023-01-06.
- ↑ "A Apalpadoira tamén existe". Nós Diario. 30 de decembro de 2020.
- ↑ Vázquez Figueiras, Antía (2022). A Apalpadora. Ilustrado por Patri de Pedro. Santiago de Compostela: Ed. da autora. ISBN 978-84-09-45158-6.
- ↑ Taboada Chivite, Xesús, La Navidad gallega y su ritualidad, en Ritos y creencias gallegas, Gráficas Magoyo, Rioja 1, A Coruña, 1982
- ↑ Galíndez, Andregoto (2012-12-25). "Arqueotoponimia: El Apalpador y los arúspices lusitanos". Arqueotoponimia. Consultado o 2022-08-20.
- ↑ Estrabón, Estrabón III 3, 6-7
- ↑ Lôpez Gonçâlez, José André (2008). O Apalpador: personagem mítico do natal galego a resgate (PDF). Portal Galego da Lingua.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Apalpador |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- O Nadal na cultura popular galega
- Tizón de Nadal (Galicia)
- Tió de Nadal (Cataluña e Aragón)
- Olentzero
- A Vella do Monte
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Carta-Modelo para o Apalpador. - A Mesa Pola Normalización Lingüística.
- "E há de vir o Apalpador", documental con testemuñas etnográficas sobre a tradición recollidas en diversas bisbarras galegas (vídeo).
- "Fina e o Apalpador", testemuña en primeira persoa sobre o Apalpador dunha muller do Courel (vídeo).
- "O Apalpador no Courel", testemuña dun home do Courel a falar sobre o Apalpador (vídeo).
- "O apalpador, recordos de Jaime Parada de Outonim", lembranzas dun home do Courel falando do Apalpador (vídeo).
- Reportaxe da TVG
- Canal 'O Apalpador' no Portal Galego da Língua Arquivado 16 de outubro de 2019 en Wayback Machine.