Cadela das tetas longas
A cadela das tetas longas ou cadela peregrina é un ser imaxinario, mitolóxico, que agoira a morte de quen se atope con ela.
Descríbese como unha cadela branca con grandes tetas que arrastra polo chan. Hai quen engade que pode alcanzar o tamaño dunha besta, que se pode partir pola metade e que é quen de botar lume e chispas pola boca e polos ollos. Pode ladrar coma un can, bear coma unha ovella, grallar coma un corvo ou mesmo laiarse coma unha chorona nun enterro. Por veces vén acompañada de varios cadelos.
Aparecíase de noite ós que andaban polos camiños apartados e ese encontro significaba a morte desta persoa. No caso de darse este caso cómpre non mirarlle nunca ós ollos, e tamén pode evitar a desgraza o feito de portarse cortesmente, saudando cun Deus te acompañe, invocación ante a que a cadela desaparecerá ou se retirará contestando cun E a ti tamén.
Pode transformarse en corvo e tamén nun nobelo de la. Se se presenta nesta forma e se lle dá un golpe co pé, divídese en tres ou catro novelos, cada un con movemento propio.
Pode relacionarse con outros seres mitolóxicos, como o can branco, lobo branco ou a raposa do aire, aparicións semellantes que tamén se interpretan como agoiros de morte ou desgraza.