[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Clemátide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Clemátide é o nome vulgar que reciben as diferentes especies do xénero: Clematis, un xénero que posúe máis de 200[1] especies bravas e máis de 400 cultivares, na familia Ranunculaceae, composto na súa meirande parte por plantas rubideiras e lianas resistentes, con atractivas flores. Algunhas especies son arbustos, e outras herbáceas perennes.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero componse na súa maioría de plantas rubideiras vizosas e leñosas chamadas tecnicamente lianas. Os talos leñosos son bastante febles até acadaren varios anos de idade.[1] As follas adoitan dividirse en folíolos con pecíolo que se retorcen e enroscan arredor das estruturas de apoio para permitiren que a planta gabee.[1] Algunhas das especies son arbustivas, mentres que outras son herbáceas perennes. As de climas temperados son caducifolias, porén, moitas outras de climas máis cálidos son de follas persistentes.

Malia as súas sonadas flores, as verdadeiras flores son acios miúdos sen interese. En realidade as partes vistosas son sépalos que semellan coridos pétalos florais.[1] Cando as flores e sépalos caen deixan esponxosos acios de sementes con cangallos.[1] A época de floración e a localización das flores nas pólas varía: nas clemátides de floración primaveral xorden nos talos do ano anterior, as de floración estival e outoniza aparecen soamente nos extremos dos talos novos, na de floración dupla combínanse as dúas características na respectiva época.[1]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Atópanse distribuídas por todas as rexións temperadas de ambos os dous hemisferios, así como en zonas montañosas e tropicais.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome do xénero provén do grego antigo ˈklɛmətɨs[2] (klématis) "planta que gabea" probabelmente a Vinca.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

En recentes clasificacións recoñécense unhas 297 especies de Clematis. Como era de agardar, porén, os taxonomistas modernos subdividen o xénero.

  • Magnus Johnson divide Clematis en 19 seccións, algunhas con subseccións [1].
  • Christopher Grey-Wilson divide o xénero en 9 subxéneros, varios con seccións e subseccións dentro deles [2].

Varias das subdivisións son claramente consistentes entre diferentes clasificacións, por exemplo todos os subxéneros de Grey-Wilson úsaos Johnson coma seccións.

Subxéneros de Clematis segundo Grey-Wilson:

Clematis, Cheiropsis, Flammula, Archiclematis, Campanella, Atragene, Tubulosae, Pseudanemone, Viorna

Algúns destes foron previamente clasificados coma xéneros separados.

Capítulo con sementes da herba doncela (Clematis vitalba)

Cultivo e usos

[editar | editar a fonte]

Vexetan mellor coas raíces á sombra e a parte aérea a pleno sol. Polo xeral, non aturan os solos acedos (como os de Galiza), prefiren os calcarios e outros substratos básicos.

As clemátides foran chamadas de pementeiras polos pioneiros do Vello Oeste e utilizadas coma substituto da pementa para adubar a comida, xa que a verdadeira pementeira (Piper nigrum) era moi custosa e difícil de conseguir.

Toxicidade

[editar | editar a fonte]

Todo o xénero é esencialmente tóxico, contén aceites esenciais e compostos extremadamente irritantes para a pel e as membranas mucosas. Porén, a diferenza da pementeira ou as especies de Capsicum (pementos), estes compostos provocan o sangrado do tracto dixestivo se se inxire en grandes cantidades. Cando se podan cómpre empregar luvas.
Malia a súa toxicidade, os amerindios usábanas en pequenas cantidades coma tratamento contra as xaquecas e as desordes nerviosas. Tamén se consideraban efectivas contra as infeccións da pel.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Bender, Steve, ed. (2004). Clematis. The Southern Living Garden Book (2nd ed.) (Birmingham, Alabama: Oxmoor House). pp. 250-2. ISBN 0-376-03910-8. 
  2. Sunset Western Garden Book. 1995. pp. 606–7. 
  3. Tilford, Gregory L. (1997). Edible and Medicinal Plants of the West. ISBN 0-87842-359-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Grey-Wilson, Christopher Clematis: The Genus: A Comprehensive Guide for Gardeners, Horticulturists and Botanists (Timber Press, 2000)
  • Johnson, Magnus The Genus Clematis (Magnus Johnson Plantskola AB, 2001)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]