[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cegoña branca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cegoña branca

Exemplar adulto


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Ciconiiformes
Familia: Ciconiidae
Xénero: Ciconia
Especie: C. ciconia
Nome binomial
'Ciconia ciconia'
(Linnaeus, 1758)
Distribución e rutas      Cría      Inverno
Distribución e rutas      Cría      Inverno

Distribución e rutas

     Cría

     Inverno
Sinonimia

Ardea ciconia Linnaeus, 1758

A cegoña branca (Ciconia ciconia) e unha ave grande da familia das cegoñas Ciconiidae, que cría nas áreas máis temperadas de Europa, noroeste de África e suroeste de Asia.

Descrición

[editar | editar a fonte]

As cegoñas brancas miden de 80 a 100 cm de lonxitude, teñen unha envergadura alar de ata 220 cm e pesan entre 2,3 e 4,5 kg. Son case completamente brancas, coas plumas das ás negras. O peteiro, longo e forte, e as patas son vermellos nos adultos e negros no caso dos exemplares novos. Camiñan de xeito lento e firme cando están no chan e voan co pescozo estricado. A súa voz e case inaudible, polo que fan ruídos producidos ó facer bater o bico coma unhas castañolas. Este repique serve para saudar á parella cando chega ó niño e para ameazar ós competidores. Utilízano tamén durante o ritual de cortexo.

A especie divídese en dúas subespecies, segundo o "Handbook of the Birds of the World" (HBW):

  • Ciconia ciconia ciconia, que cría en Europa, noroeste de África e a zona máis occidental de Asia. Pasa o inverno en África.
  • Ciconia ciconia asiatica, reprodutora no centro-oeste de Asia; inverna na India.

A cegoña branca oriental (Ciconia boyciana), que ten actualmente rango de especie separada, foi considerada nun tempo unha raza da cegoña branca.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

É estritamente de orixe animal. Son cazadores oportunistas, que comen do que encontran: miñocas, insectos, anfibios, réptiles, ratos, peixes e mesmo preas. O seu método de caza é moi característico: camiñan polos prados ou as zonas húmidas buscando presas que capturan estirando o pescozo moi rapidamente e cazando a vítima co bico. Tamén poden cazar axexando desde un punto de observación fixo. En augas pouco fondas buscan alimento percorrendo a superficie co bico.

Conduta reprodutora

[editar | editar a fonte]
Parella de cegoñas brancas no zoolóxico "Fauna" de Solingen (Alemaña)
Ciconia ciconia

Crían en áreas abertas ou semiabertas, preferindo as que están preto de zonas acuáticas. Fan os niños en árbores, edificios e cantís. No sur de Europa é frecuente que fagan os niños nas espadanas e torres das igrexas. Moitas veces forman pequenas colonias. Reprodúcense en Europa dende a Península Ibérica a Rusia, no norte de África e no oeste de Asia dende Turquía ó Cáucaso.

Adoitan usar o mesmo niño varios anos, de xeito que machos e femias, aínda que forman só parellas estacionais, poden atoparse preto do mesmo niño do ano anterior. A posta componse de entre 3 e 5 ovos, que son brancos cun granulado fino e dúas veces máis grandes que un ovo de galiña.

Conduta migratoria

[editar | editar a fonte]
Distribución xeográfica da cegoña branca

A cegoña branca é unha ave migratoria que se ve obrigada a voar distancias longas entre os seus cuarteis de inverno ó sur do Sáhara e no Indostán e as áreas reprodutoras do norte. Voan a vela aproveitando as correntes térmicas ascendentes quentes. A falta destas correntes en mar aberto fai que deban aproveitar os estreitos para cruzar o mar Mediterráneo. Deste xeito as cegoñas "occidentais" fan a travesía polo estreito de Xibraltar para pasar o inverno no oeste da África subsahariana, mentres que as cegoñas "orientais" atravesan o Bósforo, o val do río Xordán e a península do Sinaí ata o val do Nilo, de onde continúan en dirección ó leste e sur de África, chegando o percorrido ata os 10.000 km. Uns poucos exemplares cruzan o mar por Italia e Tunicia.

Nos últimos anos algunhas cegoñas deteñen a súa viaxe na Península Ibérica, atraídas pola oferta de alimento que atopan en campos de arroz e vertedeiros de lixo, e renuncian a pasar a África.

Algúns exemplares permanecen nos seus territorios de cría durante o inverno. Na maioría dos casos trátase de animais que tiveron unha relación moi estreita co home o que provocou a alteración da súa conduta migratoria.

Evolución da poboación e ameazas

[editar | editar a fonte]

A poboación europea de cegoñas brancas está a aumentar dende os anos oitenta. Algunhas áreas das que desaparecera foron repoboadas, en parte con axuda humana. O censo internacional de 1994-1995 contabilizou 166.000 parellas, un 23% máis que en 1984. O censo de 2004-2005, coordinado pola Unión Alemá para a Protección da Natureza (NABU) e o Michael-Otto-Institut, deu como resultado un crecemento doutro 39%, que situaría o número de parellas reprodutoras en 230.000, polo que a IUCN clasifica a especie coma "non amenazada".

Polonia é o país coa poboación máis abundante de cegoñas brancas: unhas 52.500 parellas no 2004, a cuarta parte do total mundial.

Mito e folclore

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén As aves na cultura popular galega: a cegoña

A cegoña branca ten unha forte carga simbólica e unha gran presenza no folclore europeo. Está presente en diversas pasaxes da Biblia. No libro de Moisés considérase un dos animais impuros prohibidos na alimentación dos xudeus. No libro dos Salmos menciónase como parte da obra de Deus. No libro Xeremías cítase a súa conduta migratoria.

A lenda que fai ás cegoñas portadoras dos meniños pode ter diversas orixes. Por un lado atribúese ó costume destas aves de facer os niños en áreas habitadas. Outra versión fai proceder o mito non da ave, senón da planta Geranium robertianum coñecida coma "peteiro de cegoña". Unha infusión desta planta tomada diariamente polos pais favorecería os embarazos segundo os menciñeiros [2].

En Lituania e Polonia, países dos que é a ave nacional, considérase que trae a boa sorte ás familias que viven onde fan os seus niños. É o símbolo heráldico da cidade neerlandesa da Haia.

En Turinxia xoga o mesmo rol do coello de Pascua noutras zonas de Centroeuropa.

En Alsacia é un símbolo non oficial. O feito de que sexa un dous poucos sitios onde crían en Francia, e que que noutras áreas a lenda faga que os nenos sexan atopados nos repolos e non traídos pola cegoña, identifica os alsacianos que aínda falan o dialecto alemán con estas aves, que só deixan os meninos onde oen falar alsaciano.

Nomes vulgares noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Weißstork
  • Catalán: Cigonya (blanca)
  • Danés: Hvid stork
  • Español: Cigüeña (blanca)
  • Finés: Kattohaikara
  • Francés: Cigogne blanche
  • Inglés: (White) stork
  • Neerlandés: Ooievaar
  • Polaco: Bocian biały
  • Ruso: Belyi aist (Белый аист)
  • Sueco: Vit stork

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. BirdLife International (2012). "Ciconia ciconia". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Consonte Rudolf Breuß, no seu libro "Krebs, Leukämie und andere scheinbar unheilbare Krankheiten mit natürlichen Mitteln heilbar" (Cancer, leucemia e outras doenzas aparentemente incurables, tratables con medios naturais. Bludenz, Eigenverlag).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Volker Schmidt; Katja Schupp: Mit den Störchen unterwegs. Storch Prinzesschen auf Weltreise, Kosmos, abril 2006, ISBN 3-440-10665-9 (Buch zur ZDF-Dokumentation Die Reise der Störche)
  • Handbook of the Birds of the World (HBW) 1: 460-461. Lynx Edicions.
  • Snow, D. W. & Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic, Concise Edition. Oxford.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]